cabanillas e a natureza-os meses
TRANSCRIPT
1º ESO. I.E.S. FRANCISCO SOREY-CAMBADOS
MENTRAS CAI A NEVE
Tristeiro, mudo, o paisaxe.
Hirta, doente friaxe
no aire reve.
En falerpas, silenzosa,
como folliñas de rosa
cai a neve...
(...)
Todo de branco se viste.
Todo dorme, frío, triste,
sin latexo.
No ceo calmo, tranquilo,
ni-un maino rumor, ni-un brilo,
ni-un refrexo.
Vive na alma o firente
choro íntimo, doente,
do salouco.
E as falerpas, revoando,
como en ondas, van baixando
pouco a pouco!
Ramón Cabanillas VENTO MAREIRO
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -aire: mestura de gases que forman a atmosfera. -falerpas (folerpa, folepa): anacos de neve que caen. -friaxe: sensación que produce un frío moi grande. -frío: temperatura inferior á ordinaria -hirta, doente friaxe: áspera, dura, sensación de frío moi forte, que fire e produce dor. -neve: auga conxelada en pequenos cristais. -reve: rezuma, zumega humidade. PLANTAS: -folliñas de rosa: pétalos de roseira PAISAXE: -mudo: sen son, silenzoso. -todo dorme, sin latexo: quedo, sen actividade. -tristeiro: triste, sen alegría, sen cor...
COMENTARIO
góstame moito, expresa moi ben a sensación que se sente ao mirar a paisaxe nevada e sentir a friaxe no corpo.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
Foto ou debuxo de paisaxe nevada ou caendo a neve.
Miguel Pérez Ramundo
Vista de Lobeira desde O Castrove
...O Castrove xigante,
montaña-nai da terra ben querida
que se alonga soave, verdecida,
até as praias de Atlante,
-ou, meu berce de neno! ou, branco fume
do meu fogar deitado na ribeira!-
está diante de min, cinguido o cume
de brétema esgasada,
ollando a cruz de ferro de Lobeira
e axexando o mar outo da Lanzada.
VEIRAMAR, “Poesías ventureiras”
...
Firentes invernías
tardes de vento e choiva
...
É noite pechada e chove miudiño
Nas lousas de pedra,
ó longo da rúa
escura e deserta
estoupan as pingas
que deitan as tellas...
CHOVE...
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -brétema: néboa, condensación de vapor de auga na atmosfera. -choiva: precipitación de auga líquida. -invernía: inverno prolondado e rigoroso, tempo chuvioso e frio -pingas: pequenas cantidades de auga de form esférica. -vento: aire en movemento, corrente de aire PAISAXE: -A Lanzada: costa situada entre os concellos de O Grove e Sanxenxo, orientada ao mar aberto. -Castrove: monte situado no leste do val do Salnés. -Lobeira: pequeno monte situado entre os concellos de Vilanova e Vilagarcía de Arousa, no que houbo un castelo. -mar outo: ondas de gran tamaño. -montaña: elevación natural do terreo. -praias: despósitos de area na liña de costa. -ribeira (riveira): marxe ou beira do mar ou dun río.
COMENTARIO
O primeiro poema describe o monte Castrove e o que se olla desde o seu cume: Lobeira e A Lanzada. O segundo fai referencia ás tardes e noites de inverno con chuvia e vento. Os dous expresan moi ben dous aspectos do inverno, na paisaxe e nas rúas da vila.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
1º: paisaxe e ceo anubrado con brétema. 2º: pingas de chuvia
Marta e Irea
...No salgueiral os merlos asubían
nun nouturnio doente.
No aleiro do tellado
os caseiros pardales rechouchían
queda, quediñamente...
O CASAL DE CATICOVAS
...
Reza un merlo no souto
frorido de cereixos
relixioso ofertorio
d-uns místicos amores.
Pasa un vento de bicos
que vai buscando beixos,
como enxame de abellas
que vai buscando frores
CAMPANA CHOCA, No Desterro
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -vento: aire en movemento, corrente de aire, neste caso “vento de bicos”, un vento frouxo e suave, que acariña. ANIMAIS: -enxame de abellas: grupo numeroso de abellas, insectos que viven en colonias que constrúen con cera e nas que alimentan ás crías con mel. -merlo: (Turdus merula) paxaro que mide arredor de 25 cm, de plumaxe negra e peteiro amarelo. Aliméntase de froitas e sementes, pequenos animais... -pardal: (Passer domesticus) paxaro de pequeno tamaño coa plumaxe parda con pintas negras e rubias. Aliméntase de froitos, sementes e gomos. -rechouchían: chío continuado dos paxaros. PLANTAS: -frores: órganos reprodutores das plantas, xeralmente de cores vistosas. -frorido: con flores -cereixos: cerdeira (Prunus avium), árbore froiteira que produce unhas drupas esféricas comestibles, moi común nas hortas do Salnés. -salgueiral: bosque da salgueiros. -souto: lugar poboado de árbores, en especial castiñeiros ou carballos.
COMENTARIO
O poema gustounos moito. É moi bonito e explica moi ben, con palabras fermosas, a situación da natureza.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
1º poema: Foto dun salgueiral, merlos, pardais nun tellado... 2º poema: Cerdeiras en flor, merlo, enxame de abellas.
Abella en flores de cerdeira
Lidia Martínez, Yasmina Sáchez
Mencer no Salnés, co Castrove ao fondo.
Do ceo borrallento,
na saudosa paz da atardecida,
cai o choiva sin vento,
fío a fío, esvaída
nos erbeiros mimosos,
nos verdecraros, ledos milleirales,
nos solenes pinales vagorosos,
nos fiunchos miudiños dos veirales
de este val do Salnés, vella campía
onde a céltiga raza achou asento,
(...)
Pola mañán a luz e limpa e crara.
O pinal que se alonga na seara
verdelouro á raiolas de levante
abanea fungando unha lelía.
¡Non hai pinga de ágoa que non brile e cante
nin folla que non ría!
O CASAL DE CATICOVAS “Camiños no tempo”
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ágoa: auga -atardecida: tardiña, solpor, últimas horas do día. -choiva: chuvia, precipitación líquida. -ceo borrallento: ceo gris, escuro, con pouca luz. -levante: leste. -raiolas: tempo breve de sol que aparece de cando en vez en días anubrados, raios finos de Sol. PLANTAS: -erbeiros: campos de herbas. -fiúnchos: (Foeniculum vulgare) planta herbácea coñecida tamén como anís que se atopa nas beiras dos camiños. -folla: parte das plantas, xeralmente plana polas que respiran e realizan a nutrición. -milleirales: campos de millo. -pinal/pinales: piñeiral, bosque de piñeiros PAISAXE: -campía: -Val do Salnés: comarca situada no curso baixo do río Umia, á beira da Ría de Arousa. -veirales: beirales, lindeiros de fincas e camiños onde abondan as plantas silvestres.
COMENTARIO
Góstanos porque fala da natureza. Describe moi ben o Val do Salnés nunha mañán de abril, cando chove pouco a poucoe todo está cheo de humidade e luces suaves.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
-Paisaxe do Salnés pola mañan ou pola tardiña. -Follas con pingas de auga. -Piñeirais, herbeiros, milleirais...
Alba, Eva
¡O Sol! ¡O Sol! ¡Qué ledo! ¡Que doirado!
¡Está a rir e a bailar!
Vou espelir as azas de contado
e ireino saudar:
¡Ei! ¡Bo día, meu amo! ¡Seica ardemos...!
¡Di que non... que está ben...!
¡No... pois a cara non llo dá! ¡C-os demos!
¡Ben accesa que a ten!
¡Ai que fresquiña a ágoa do regueiro!!
¡Cómo bule a brilar!
¡Dá ledicia meter n-ela o peteiro
e beber a fartar!
(...)
¡E toda esta alegría e esta fartura...
¡Todo! ¡Todo pra nós!
¡O centeo! ¡A ágoa dóce! ¡O sol locente!
¡Esto si que é vivir!
¡E todo para as labercas tan somente;
pra comer e pra rir!
FALA UNHA LABERCA... (Da Terra Asoballada)
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ágoa: auga -bo día: saúdo, que teñan un bo día! -sol: estrela que proporciona luz e calor á Terra ANIMAIS: -laberca: laverca, (Alauda arvensis). Paxaro da familia das alaudidas que vive nos campos abertos e nas zonas de cereais. De cor castaña con pencas craras e unha pequena crista. Aliméntase de grans, herbas, pequenos animais... PLANTAS: -centeo: (Secale cereale) cereal común nas zonas altas de Galicia. PAISAXE: -regueiro: río de pouco caudal
COMENTARIO
Personifica nunha laverca a ledicia de erguerse pola mañán e gozar dos bens da natureza. É moi divertida, aínda que ten algunhas palabras difíciles.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
-Sol nun campo, coa vexetación -Campo de centeo -Laberca
Campo de centeo
Ana Prado e Ana Vieites
A Pastora na época de Cabanillas.
Do vran nas tardes longas, coa merenda
nun cestiño de bimbias,
de vagar, paso a paso, baixo a sombra
do roxo parasol de miña tía.,
rubía á fresca, umbriza carballeira
que coroa un outeiro a par da vila,
onde se ergue, feituca como un ovo,
da Virxe da Pastora a branca ermida.
Follas que beilan, ágoas que rexouban,
fiunchos que en recendos se desfían,
sendeiros de antre millos e parrales,
ventiño latexante de cantigas,
valos vellos, silveiras con amorias,
auriolos e merlos que asubían,
edras de ouro nas pedras seculares
de altares en ruiñas,
colunas en derrumbo, arcos ó aire
e maltreitas oxivas
do noso saudoso camposanto
un día eirexa nai: ¡Santa Mariña!
AS TARDES NA PASTORA “Poesías ventureiras”
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ágoas: augas -sombra: zona detrás dun obxecto que non recibe a luz directamente -umbriza: umbría, área que está sempre á sombra. -ventiño: vento suave. -vran: estación do ano que se caracteriza por ter máis horas de luz e temperaturas máis altas. ANIMAIS: -auriolos: (Oriolus oriolus). Ouripenlas. Paxaro do tamaño dun merlo. Os machos son amarelos e as femias verdosas co peito branco. Aliméntanse de froitas e insectos. Fan os niños pendurados dunha galla. -merlos: (Turdus merula) paxaro que mide arredor de 25 cm, de plumaxe negra e peteiro amarelo. Aliméntase de froitas e sementes, pequenos animais... PLANTAS: -amorias: agrupación de froitos da silva. -carballeiras: bosques de carballos. -edras: (Hedera hibernica) planta trepadora de follas palmeadas e perennes. -fiuncho: (Foeniculum vulvare) planta herbácea coñecida tamén como anís que se atopa nas beiras dos camiños. -follas: partes das planats xeralmente planas e verdes. -millos: (Zea mays). Planta gramínea que pode acadar os 5 m de altura, coas follas lanceoladas, grandes e as flores dispostas en espigas unisexuais. -parrales: parras, formación de viñas sobre postes e trabes. -silveiras: (Rubus ulmifolius) agrupación de silvas formando sebes. Planta da familia das rosáceas, coas follas compostas e os froitos en forma esférica agrupados en acios de polidrupas. Os talos teñen espiñas. PAISAXE: -outeiro: pequena elevación, monte. -sendeiros: carreiros, camiños estreitos.
COMENTARIO
O poema describe un costume moi típico en Cambados: pasar as tardes no monte da Pastora. Noutros tempos houbo alí unha boa carballeira que foi cortada. Recentemente pasou a ser propiedade municipal e está plantada de plátanos, piñeiros, olmos e robinias.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
-Monte da Pastora -Campos de millo, parras -Silveiras...
Elena e Vanessa
Sol de vran. O mar de Arousa,
de praia a praia tendido,
canso de loitar, repousa.
Ceo azuado e senlleiro.
Limpou de néboa a Curota
o maino vento mareiro.
Alá na boca da ría,
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía...
A CALZADA DE CAMBADOS “Da Terra Asoballada”
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ceo: espazo que aparece sobre a Terra, limitado, á vista, polo horizonte. -maino vento mareiro: vento suave do oeste, da banda do mar. -néboa: brétema. Condensación de vapor de auga na atmosfera. -sol: estrela principal do noso sistema que proporciona enerxía á Terra. -vran: estación do ano que se caracteriza por ter máis horas de luz e temperaturas máis altas. PAISAXE: -mar de Arousa: mar da ría de Arousa. -praia: acumulación de area ao longo da costa. -boca da ría: espazo entre as puntas que delimitan a ría. -solana da costa: zona da costa exposta ao sol. -Con de Noro: illote rochoso situado na boca da ría de Arousa, a carón de Sálvora. Vese desde Cambados cando está o día craro. -Curota: cume da serra de Barbanza que se divisa desde Cambados ao mirar cara ao noroeste. Para os mariñeiros é un dos indicadores do estado do tempo.
COMENTARIO
Describe un solpor na ría con todos os elementos. Personifica o Sol (déitase canso de loitar) e o Con de Nor que vixía a boca da ría.
ideas para ilustralo: FOTOS DEBUXOS...
-Solpor no mar -Curota -Con de Nor...
Carla Serén e Sara Marño
...Recenden as mazáns sobor da mesa
e na brancura do mantel de liño
as xarras de cristal mostran, ridentes,
os nosos viños sagros, recendentes
a erbaboa, a reseda e a tomiño;
¡o esvaído verde do Loureiro,
os acesos rubís do agre Caíño,
o sangre roxo e mouro do Espadeiro
dóce e levián como unha canturía,
e os rebrilos doirados do Albariño,
saltarín e algareiro,
que borracho de luz e de alegría
todo o ouro do sol ten prisioneiro!
“O CASAL DE CATICOVAS” CAMIÑOS NO TEMPO
Para ceibarme de morrer, chuchada
d-un amor que me éncheu de penas fondas,
no mar costeiro e bravo da Lanzada
tomei â media noite, as nove ondas.
(...)
Limpa estou de feitizo e de meigallo.
Quedei rexa e varil como un carballo,
san como un buxo, dura como un seixo.
(...)
VIAXE PERDIDO “Da Terra Asoballada”
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -media noite: ás 00 horas ou ás 12. -ondas: movementos xiratorios da auga do mar que producen ondulacións na superficie. -sol: estrela principal do noso sistema que proporciona enerxía á Terra. PLANTAS: -mazáns: froitas da maceira (Prunus domestica). -liño: (Linum usitatissimum) planta herbácea da familia das lináceas. O seu talo emprégase para facer tecidos (neste caso o mantel) e a súa semente (liñaza) para extraer fariña e aceite (aceite de liñaza). En Galicia foi moi cultivada noutros tempos e serviu de base a unha importante industria téxtil. -erbaboa: Menta verde (Mentha spicata), herba perenne nativa de Europa, empregada en gastronomía e perfumería polo seu arume intenso e fresco. As follas son moi aromáticas. -reseda: (Reseda sp.) planta herbácea anual coas follas basais en mouta e talos rastreiros. As flores son pequenas e os froitos en cápsulas con moitas sementes. Atópase nos beirais e matogueiras. -tomiño: tomelo (Tymus caespititius). Planta perenne, leñosa, rastreira, toda ela moi aromática. Atópase en zonas de monte. -carballo: (Quercus robur): árbore de copa globosa que pode acadar os 50 m de altura e os 1.000 anos de idade. As follas son simples, alternas, ovais e lobuladas, de 10-12 cm de lonxitude e 8 cm de anchura. Os froitos son as landras. -buxo (Buxus sempervirens): arbusto ou árbore que pode acadar os 5 m de altura, coa copa baixa e densa, con follas persistentes, simples, opostas, de forma elíptica ou ovada, É habitual atopalo formando sebes artísticas. -VIÑOS: variedades autóctonas apreciadas pola súa calidade que se poden atopar no Salnés: Loureiro, Caíño, Espadeiro, Albariño. PAISAXE: -mar: masa de auga salgada que cobre unha grande parte da superficie terrestre. OUTRAS: -seixo: cuarzo, mineral da familia dos silicatos que adoita formar parte da pedra de gran.
COMENTARIO
O primeiro poema fai unha descrpción moi atinada das variedades de viño do Salnés, algunhas que case non se usan na actualidade. O segundo fai referencia á lenda das nove ondas como rito que se practicaba para a fertilidade na praia da Lanzada.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS, DEBUXOS...
-Distintos tipos de viños -Mesa con mazáns e xerras de viño. -Praia da Lanzada: ondas, ermida, torre...
Sonia Porto, Lorena Soto
Salnés antergo e saudoso, terra sagra e petrucial
farta de séculos, chea de amor e dolor de nai.
Unha ermida cada castro, cada valgada un pinal,
cada camiño un cruceiro, cada recuncho un fogar.
Erbeiros e milleirales e viñas na terra chá;
o sol ó cair nas ágoas deixou o ceo a sangrar.
O Umia, canso, deitouse nas xunqueiras de Sisán;
o pai Castrove, na estrema, pon os ollos alén mar.
...
Terra de Salnés. Outono. A caída do serán.
Os carros na corredoira, chirra que te chirrarás.
VENDIMA EN SALNÉS “Poesías Ventureiras”
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ágoas: augas -caída do serán: a caída da tarde, as últimas horas do día, antes de se ir o sol. -ceo: estrela principal do noso sistema que proporciona enerxía á Terra. -outono: estación do ano que se caracteriza pola diminución de horas de luz, a baixada das temperaturas e a caída das follas. -sol: estrela principal do noso sistema que proporciona enerxía á Terra. PLANTAS: -erbeiros: campos de herbas. -milleirales: campos de millo. -viñas: terreos plantados de vides. -xunqueiras: terreos cubertos de xuncos, no esteiro do río. PAISAXE: -alén mar: máis alá do mar, en lugares lonxanos. -camiño: espazo de terreo para transitar. -Castrove: monte situado ao leste do val do Salnés. -corredoira: camiño estreito, para carros ou pés. -recuncho: recanto, curruncho, lugar agochado. -Salnés: comarca situada no curso baixo do río Umia, na ría de Arousa. -Sisán: parroquia do concello de Ribadumia, situada na beira esquerda do esteiro do Umia. -terra cha: terreo achairado, con poucas elevacións. -Terra de Salnés: comarca do Salnés. -Umia: río que forma o val do Salnés e desemboca na ría de Arousa, entre Cambados e Ribadumia. -valgada: parte baixa dun val. OUTRAS: -castro: aldea ou recinto fortificado da antigüidade. Tamén se chaman así aos montes onde houbo castros.
COMENTARIO
Describe o Salnés no outono, en tempo de vendima, pola caída da tarde, nos tempos en que as uvas se carrexaban nos carros. Expresa moi ben a diversidade de elementos da paisaxe, tanto naturais como humanos.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
Paisaxe do Salnés Solpor no Salnés Vendima Río Umia...
Zaira Vázquez
Sol d-outono no mar calmo fungue o lume;
alá, lonxe, chirra un carro no camiño;
canta a ágoa no rodicio do muíño;
e arrecende dos fiunchos o cheirume.
Por enriba dos tellados rube o fume;
esbardallan as labercas antre o liño;
roxa lúa, con fasulas de meniño,
aparesce da montaña sobre o cume.
Zoa a mística campana. Nos lameiros
unha flauta, a dos sapos agoireiros,
anda o trasno gargallando nos pinares.
Van e veñen luces roxas polo monte.
As rapazas van con medo cara a fonte.
Bravo, céltigo aturuxo fende os ares.
“Tarde baixa”, NO DESTERRO
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ágoa: auga -mar calmo: mar tranquilo, sen ondas. -outono: estación do ano que se caracteriza pola diminución de horas de luz, a baixada das temperaturas e a caída das follas. -sol: estrela principal do noso sistema que proporciona enerxía á Terra. ANIMAIS: -laberca: laverca, (Alauda arvensis). Paxaro da familia das alaudidas que vive nos campos abertos e nas zonas de cereais. De cor castaña con pencas craras e unha pequen crista. Aliméntase de grans, herbas, pequenos animais... -sapos: (Bufo bufo), anfibio de vida terrestre que adoita vivir en zonas húmidas. Aliméntase de pequenos invertebrados. Emite un son característico. PLANTAS: -fiunchos: (Foeniculum vulgare) planta herbácea coñecida tamén como anís que se atopa nas beiras dos camiños. -liño: (Linum usitatissimum) planta herbácea da familia das lináceas. En Galicia foi moi cultivada noutros tempos e serviu de base a unha importante industria e artesanía téxtil. -pinares: piñeirais, plantacións de piñeiros. PAISAXE: -camiño: espazo de terreo para transitar. -cume: parte alta das montañas. -fonte: manancial de auga ou construción para dar saída á auga. -lameiros: terreos con moita humidade ou lama. -lúa: satélite da terra que se observa especialmente pola noite. -montaña: elevación do terreo. OUTRAS: -trasno: nome co que se coñecen certos espíritos nocturnos imaxinarios que se supón que aparecen nas casas facendo ruídos e amolandos ás persoas (facendo trasnadas).
COMENTARIO
O poema describe unha tarde de outono empregando elementos característicos da zona (plantas, animais) e da época (muíño, carro...).
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
-Muíño -Carro -Prado con sapos -lúa nas montañas...
Andrea, Mariña
Son os días de outono.
Son os días
en que caien desfeitas, sin arume,
as derradeiras rosas.
...
O chan escuro; brétemas nos vales.
De curuto en curuto, a tombos, rodan
as apromadas nubes da tromenta,
...
Ou tristeza
dos arbres sin paxaros nin follaxe!
...
...Ou impiedá do vento polo outono!
Chega o refacho e o carballo envolve;
tronza e esgasa as ponlas; as folliñas
que se queixan mimosas arincando,
xoga con elas un istante; lévaas
ó longo do camiño; contra un valo
váinas xuntando, pouco a pouco en feixes;
destrénzase de pronto en remuíños,
ergue o montón, encarrexado brúa
e, baténdoas con rabia tola, guíndaas
nas rodeiras dos carros, antre a lama,
nas cunetas de fondos enlixados
ou nas revoltas ágoas dunha aberta...
...
Como as follas no outono! Como as follas
que do vento o bruante remuíño
guinda nas ágoas podres dunha aberta
ou enterra na lama dun camiño!
A traxedia das follas, VENTO MAREIRO
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -agoas: augas -apromadas nubes: nubes grises, escuras. -brétemas: néboas, condensación do vapor de auga na atmosfera. -bruante remuíño: ruído continuado producido polo vento ao dar voltas. -outono: estación do ano que se caracteriza pola diminución de horas de luz, a baixada das temperaturas e a caída das follas. -refacho: golpe de vento. -remuíño: movemento rápido do aire en espiral. -tromenta: tormenta. Tempestade violenta, treboada forte, mal tempo con vento e chuvia. -vento: aire en movemento. ANIMAIS: -paxaros: aves de pequeno tamaño PLANTAS: -arbres: árbores. Plantas cun toro principal leñoso que se ramifica a certa altura. -carballo: (Quercus robur): árbore de copa globosa que pode acadar os 50 m de altura coas follas simples, alternas, ovais e lobuladas. -follaxe: conxunto das follas dunha planta. -folliñas: follas pequenas, diminutivo agarimoso. -ponlas: ramificacións dos talos das plantas. -rosas: flores da roseira. PAISAXE: -aberta: canle artificial para conducir a auga. -camiño: espazo de terreo para transitar. -chan escuro: terra, solo, escuro. -cunetas: gabia. Rego algo fondo á beira de camiños e estradas para que corra a auga. -curuto: cume das montañas. -lama: terra enchoupada de auga. -rodeiras dos carros: regos deixados polo paso dos carros. -vales: depresión entre montañas.
COMENTARIO
Describe con moito detalle a caída das follas no outono facendo moitas referencias ao tempo: “bruante remuíño”, “tromenta”, “apromadas nubes”...
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
Follas de carballo, árbores sen paxaros, lama, rodeiras de carros, follas voando, nubes de tormenta...
Laura, Yessica
Agoa homilde, ágoa irmán,
ágoa chea de gracia, de dozura e beleza
Agoa maina, ágoa san,
que eres toda limpeza,
craridade e saúde
e fartura de pan,
que eres toda virtude
contra o aire de sapo, o ferrón do alacrán,
a pezoña da cobra e a dentada do can!
(...)
Nas adoas do orballo de locente feitizo,
nos pelouros saltóns do pedrizo,
nos cristás da xiada,
no milagre da choiva,
na folerpa da neve, bordada
como encaixe de noiva,
na folerpa da neve, tecida
como velo de freira,
barbullada nas fontes da vida,
lanzal mensaxeira
das outras rexións,
a ágoa homilde, mainiña, rideira,
chega sempre mandada de Dios!
“Agoiña milagreira”, NO DESTERRO
VOCABULARIO RELACIONADO COA NATUREZA
TEMPO: -ágoa: agua -barbullada: ruído que forman as augas correntes. -choiva: precipitación de auga líquida. -folerpa de neve: anaco de neve que cae do ceo. -fontes: mananciais de auga. -orballo: pequenas pingas de auga que se depositan pola noite sobre as superficies. -pedrizo: pedrisco, pingas de auga conxeladas. -xiada: xeada, vapor de auga que se conxela nas noites frías e se deposita sobre as superficies. ANIMAIS: -alacrán: artrópodo de oito patas con quelíceros e un aguillón con veleno (ferrón) no extremo da cola. -can: mamífero carnívoro que vive co ser humano. -cobra: réptil sen patas. -dentada: mordedura. -pezoña: veleno das serpes. -sapo: (Bufo bufo), anfibio de vida terrestre que adoita vivir en zonas húmidas. Aliméntase de pequenos invertebrados. Emite un son característico. PLANTAS: -pan: en xeral fai referencia aos cereais, en especial ao centeo.
COMENTARIO
Describe moi ben as diferentes manifestación da auga na natureza e fálanos da súa importancia.
IDEAS PARA ILUSTRALO: FOTOS DEBUXOS...
-Auga -xeada -orballo -fontes -chuvia -neve -auga de San Xoán -nubes...
Auga de San Xoán
Xandre, Cristian