É tempo de loitar, É tempo de avanzar

24
relatorio É TEMPO DE LOITAR É TEMPO DE AVANZAR

Upload: frente-popular-galega

Post on 22-Mar-2016

236 views

Category:

Documents


10 download

DESCRIPTION

Relatorio aprobado na Conferencia Nacional Política celebrada pola Frente Popular Galega (FPG) o 28 de febreiro de 2010

TRANSCRIPT

Page 1: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

relatorio É TEMPO DE LOITAR

É TEMPO DE AVANZAR

Page 2: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|2|

Page 3: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|3|

1. SITUACIÓN DE CRISE NACIONAL

n Galiza a actual situación de crise na que se atopa o modo de produción capitalista está repercutindo dun xeito específico dada a nosa situación subalterna, de tipo colonial, e, en consecuencia, ven agudizar unha situación xa de seu delicada pois a pesar dos trinta

anos que levamos en réxime de autonomía outorgada esta non pudo evitar a nosa actual situación de indefensión nacional.

Esta nova convulsión do capitalismo internacional ven golpear pois a un país no que aínda se viven os efectos da crise dos 70 e a entrada nos 80 na vella CEE co ronsel de desmantelamento industrial que se levou a cabo en sectores clave da nosa economía e onde se daba a maior concentración obreira do noso país, onde continúa o proceso acelerado de destrución dos nosos sectores primarios por mandato das oligarquías organizadas na Unión Europea co apoio dos distintos gobernos do Estado español, onde o sector servizos vese sobredimensionado... e todo nun contexto de forte acumulación de capital que alicerzou basicamente nunha explotación selvaxe dos nosos recursos naturais e nunha intensísima explotación da man de obra existente.

Estamos, ademais, ante un escenario no que ao noso país se lle amputou de xeito escandaloso a capacidade produtiva ben reducíndoa significativamente ben eliminándoa para apenas dedicarse á prestación de certos servizos, con pouco valor engadido, e acelerando o proceso iniciado de turistificación da nosa economía, o que conleva que nestes últimos vinte anos se está profundizando na nosa dependencia no marco da división internacional do traballo. Mais non só.

Na esfera política, o actual executivo de Núñez Feijoo veu demostrar, sobre calquera outra consideración, un feito de enorme trascendencia: a reversibilidade dos presuntos “consensos fundacionais” da autonomía que algúns nacionalistas de máis ou menos boa fe consideraban inmutábeis e base dun hipotético proceso de autogoberno. O caso do tratamento que está recibindo o noso idioma nacional polo goberno autoanémico é un exemplo ben elocuente. Desde a FPG insistimos: cómpre superar o marco autonómico, é preciso situar na axenda política o debate arredor da necesidade da nosa independencia nacional, debemos situar a contradición obxectiva que se dá nos piares principais da realidade que decote vivimos -e padecemos- no plano do confronto político aberto e de masas. E isto só será posíbel se somos quen de construir un novo bloque histórico das traballadoras e traballadores e das camadas populares que sexa quen de desputar a hexemonía da oligarquía española e as súas correas de transmisión na nosa Terra.

A presión e os ataques do réxime español desde distintas posicións e nas súas máis variadas formas, agora reforzada, tras a presunta paréntese do bipartito, situánnos, se cadra, nun dos intres máis críticos da nosa historia recente. Da nosa capacidade de análise, mais, sobre todo, da nosa capacidade de axir, afastados de calquera tentación oportunista ou esquerdista, dependerá, depende xa, que saiamos desta auténtica crise nacional fortalecidos como pobo e camiñando con decisión cara a primeira República.

E

Page 4: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|4|

2. PERCORRIDO POLÍTICO NOS ÚLTIMOS 4 ANOS

n xuño de 2005 produciuse o recambio no goberno da Comunidade Autónoma Galega (CAG). Atrás quedaba Fraga Iribarne e os seus anos escuros á frente da autonomía e por vez primeira accedía a responsabilidades de goberno unha organización que se

reclamaba da esquerda nacionalista, o BNG, como socio minoritario da sucursal galega do PSOE. Comezaba así a súa curta andaina o chamado goberno bipartido.

Non imos aquí e agora analizar todas e cada unha das múltiples e interesantes leccións que estes catros últimos anos ofreceron, mais si é preciso, cando menos, dar unhas pinceladas que nos permitan situar no que foi para sabermos onde estamos e cara onde presumibelmente poderemos dirixirnos.

É certo que este recambio pola mínima na xestión da CAG creou expectativas nos sectores máis avanzados do noso pobo. Desde a FPG eramos conscientes do escaso percorrido que podería ter o novo executivo mais aínda así manifestamos a nosa alegría pola derrota do que fora ministro fascista e démoslle, sempre, evidentemente, dentro das nosas posibilidades, unha certa marxe de confianza ao bipartito PSOE-BNG frente a outras opcións que se reclaman independentistas e que máis ben se sitúan no campo do esquerdismo estéril e da crítica pola crítica.

O paso inexorábel do tempo e os feitos que a todos retratan demostraban o que xa prevía o noso Partido: o novo goberno era incapaz de enfrontar as mudanzas estruturais que o país precisaba e crecentes sectores populares demandaban. E mentres no Estado español se colocaba na orde do día o debate sobre a súa reestruturación territorial as elites políticas locais importaban o debate comezando, deste xeito, a súa versión rexional no noso país coa apertura do proceso de debate da reforma estatutaria.

Comezo da farsa para a reforma estatutaria

Deste xeito, cun goberno pusilánime á cabeza e a única oposición dunha dereita española aínda hexemónica no país, comezaba a farsa para a reforma do estatuto, que desde o primeiro momento contou coa oposición da FPG, renunciando mesmo a participar neste simulacro de debate social a pesares do convite que se nos fixo chegar. Unha oposición -a nosa- non de principios, que tamén, senón realizada tras a análise da situación concreta: a correlación de forzas tanto a nivel social canto na propia aritmética parlamentar non permitía nin de lonxe chegar ao que propuña o nacionalismo gobernante: o chamado Estatuto de Nación presentado en sociedade nunha convención que celebra o BNG en decembro de 2005. Este documento, elaborado apenas para amarrar ás súas bases máis conscientes e no que se renunciaba á soberanía nacional, sería, porén, o mellor dos horizontes que neses meses se nos vendeu. Desde a nosa responsabilidade para coa Nación e as traballadoras e traballadores consideramos, cremos que acertadamente, que era o momento de traballar arreo para mudar esa correlación de

E

Page 5: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|5|

forzas, non para exportar debates de outras latitudes que de sair adiante en calquera das modalidades que se barallaron apenas significaría remozar a dependencia de Galiza outros trinta anos, contando desta vez mesmo co aval de iure do nacionalismo hexemónico.

Ante a grave situación que se estaba creando a FPG toma a iniciativa, tras uns meses de tregua, e fai pública en xaneiro de 2006 a Batería de Urxencias para a Rexeneración de Galiza (BURGa), no Preámbulo da cal expresabamos: “se hai poucos meses colocabamos no punto de mira da nosa crítica e da nosa acción a figura de Fraga Iribarne e as políticas anti-nacionais e anti-populares do goberno do PP, hoxe ocupou o seu posto un Touriño (...) e unha coaligación de socialdemocratas de negra historia recente (PSOE) e de nacionalistas non independentistas de ideoloxía cada vez menos intelixíbel (BNG)”. Neste importante documento o noso Partido debullou toda unha serie de medidas urxentes que debería levar a cabo o goberniño autonómico para non defraudar as esperanzas postas no “cambio” que eles mesmos venderon. A BURGa, como era de agardar, non tivo calquera efecto substancial na práctica gobernamental mais si nos serviu como unha especie de termómetro co que pudemos medir obxectivamente as grandes políticas que o novo executivo encetaba, segundo a súa proximidade ou afastamento a estes mínimos de urxencia para intentar paliar, dentro mesmo do marco autonómico, as principais tendencias destrutivas da nosa nación.

A Batería complementouse un mes despois co manifesto titulado Por unha política republicana, galega, de esquerda onde aumentaban as nosas reticencias: “non estamos satisfeitos coa marcha das cousas. A desaparición política de Fraga Iribarne e a derrota electoral do Partido Popular hai xa máis de medio ano non está significando o cambio político tanto tempo esperado; o goberno bipartito PSOE-BNG que asumiu a responsabilidade directiva na Xunta de Galicia estanos defraudando”. Neste manifesto analizabamos tamén a situación na que nos atopabamos e aportabamos un feixe de ideas para intentar reconducir a situación. Ninguén quixo escoitar.

Aínda un mes despois, o 26 de marzo, dabamos a coñecer o documento A FPG perante o réxime autonómico e a proposta dun novo Estatuto no que máis polo miúdo analizabamos a cuestión estatutaria e nomeadamente a proposta de Estatuto de Nación realizada polo Bloque.

No Día da Patria dese ano máis de cen persoas asinaban o manifesto Construíndo a nación desde a esquerda. POLO NOSO DEREITO A DECIDIR convocando á mobilización do 25 de Xullo. O noso Partido apoiou desde o primeiro momento a iniciativa cidadá que se producía xusto no intre en que maior ruido realizaba o debate sobre a reforma estatutaria do que en todo momento se escamoteou a cuestión central: o dereito que temos as galegas e galegos a decidir o noso presente e futuro.

O noso V Congreso Nacional

En maio de 2006 celebramos en Vigo o noso V Congreso Nacional no cal se aproba unha resolución trascendental para o noso traballo nestes últimos anos, marcando en grande medida a nosa dinámica política, titulada Resolución sobre a Reconstrución Orgánica da Esquerda Nacionalista. Comezaba así un importante proceso que chegaría até o 2009.

Page 6: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|6|

Desde o Partido entendimos que compría non perder o tempo e así no primeiro Comité Central, realizado un mes despois do Congreso, faise unha análise da situación do país e das organizacións políticas actuantes aprobándose o inicio -ou reinicio nalgúns casos- de contactos con aquelas forzas coas que pudesen existir certos puntos de encontro. Ademais e ante a proximidade das eleccións locais previstas para o ano seguinte acordábase distinguir entre o proceso nacional que pretendiamos encetar das circunstancias concretas en cada concello de cara ás municipais, distinción que co tempo se demostrou acertada.

Agroman as contradicións no nacionalismo gobernante

A comezos de decembro de 2006 un BNG aparentemente exultante, con Anxo Quintana, Vice-Presidente da Xunta, como líder indiscutíbel, celebraría a súa XII Asemblea Nacional entre fortes tensións internas. As contradicións no seo do BNG incrementábanse por momentos e polarizábanse entre unha maioría representada polo binomio quintanismo-UPG e unhas minorías de esquerda que semellaban andar ás apalpadas, pouco cohesionadas e sen unha estratexia definida. Neste contexto unha nova corrente nucleada arredor de Xosé Manuel Beiras denominada Encontro Irmandiño (EI) facía a súa aparición pública desde dentro do BNG. No plano nacional esta corrente pretendía elevar o ángulo de tiro, segundo as súas palabras, xa que só o combate pola nosa autodeterminación como pobo, orientada cara a independencia, poderá chegar a algures.

Esta nova organización non sería a única que aparecería no nacionalismo hexemónico desde a esquerda. En outubro de 2007 ten lugar a Asemblea Constituínte dunha outra corrente interna do BNG, o Movemento pola Base (MpB). Porén xa viña traballando desde moitos meses antes no seo do BNG e mesmo algúns dos seus militantes compartillaban con militantes arredistas espazo na plataforma Causa Galiza. Segundo as súas palabras “naceu como un colectivo de militantes nacionalistas críticos coa deriva do BNG tanto no terreo ideolóxico como organizativo”. Esta nova corrente dicía basearse “na defensa dos intereses da maioría social -a clase traballadora- e que aposte decididamente e sen complexos pola ruptura co actual sistema capitalista e a nosa dependencia nacional, apostando estratexicamente polo socialismo e a consecución dun Estado propio como alternativa”.

Perante esta situación o 17 de decembro de 2006 o Comité Central daba luz verde ao inicio de contactos cos sectores de esquerda do BNG.

As municipais de 2007

Desde mediados de 2005 a FPG viña traballando tamén na preparación das eleccións municipais que estaban marcadas para maio de 2007. Estableceuse un mapa con posibilidades en distintos concellos mais finalmente o Comité Central decídese por centrar os esforzos en Vigo e Cangas do Morrazo. Imos centrar a análise deste Relatorio no caso de Vigo.

En xullo de 2006 facemos público o documento titulado Proposta de bases tácticas cara as eleccións municipais de 2007 onde marcamos os principios xerais e as liñas de traballo a seguir

Page 7: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|7|

perante as municipais. Sempre en base á situación concreta de cada concello a principal liña de traballo dirixíase á creación de candidaturas de unidade popular mais tamén, aínda que nun segundo plano, non se descartaba o apoio –mesmo coa integración de militantes do Partido coma independentes- a outras candidaturas que se axustasen aos principios mínimos esixidos. Tampouco se desbotou a presentación coas siglas propias, caso que finalmente se deu en Vigo.

Nesta cidade ía tomando forma a liña de unidade popular propugnada polo noso Partido tras varias xuntanzas entre distintas organizacións de esquerda. O proxecto CIES estaba en marcha. Porén, todo o avanzado en meses de traballo veuse abaixo a última hora cando a Executiva Comarcal de EU-IU comunicou o 5 de decembro de 2006 o seu afastamento do proxecto. Entre os motivos de fondo para esta ruptura se encontraba a decisión do seu Consello Político Nacional sometido a fortes presións desde Madrid por ir coaligados na principal cidade de Galiza coa esquerda arredista representada pola FPG.

Constitúense novas plataformas sociais

Mentres tanto e ante a posibilidade da que falamos antes dunha reforma estatutaria constitúese a plataforma autodeterminista Causa Galiza nun plenario celebrado en xuño de 2007. Desde meses antes participaron na súa xestación militantes do noso Partido non sendo unha tarefa fácil pois había profundas feridas aínda sen curar entre distintos sectores denominados independentistas.

Causa Galiza nace para facerlle fronte ao debate da reforma estatutaria, desde unha óptica autodeterminista e o máis unitaria posíbel, e nomeadamente á previsíbel campaña electoral e o conseguinte referendo da reforma. Tiña xa que logo ao nacer uns obxectivos moi concretos e unha data de caducidade que se estabelecía aproximadamente a tres anos vista.

A nova plataforma nacía, ademais, cunha eiva case irresolúbel no seu propio seo pois coincide o seu lanzamento público co definitivo esmorecemento do debate sobre a reforma estatutaria, a súa auténtica razón de ser. Aínda así acreditouse na posibilidade de retomar o debate na seguinte lexislatura polo que o novo ente continuou a súa existencia chegando até os nosos días sen, en todo este tempo, conseguir despegar de xeito definitivo e mesmo mantendo un perfil político baixo mínimos. As propias contradicións internas entre os distintos sectores que moi cedo se polarizaron entre unha maioría construtiva, da que facían parte camaradas nosos, e unha minoría que só pretendía o bloqueo da nova iniciativa, basicamente representada por militantes de Primeira Linha, contribuiron en grande parte a este baixo perfil da nova iniciativa autodeterminista.

O papel a xogar por esta plataforma debe ser obxecto de exhaustivo seguimento polos órganos de dirección, así como o alcance do seu percorrido político futuro.

Finais de 2007 traería máis novidades xa que arredor de outubro dese ano constituiríase un importante movemento popular denominado Rede Galiza Non Se Vende que en grande medida viría marcar a axenda política do ano seguinte sobre todo tras a manifestación nacional multitudinaria que convocaría para febreiro de 2008.

Page 8: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|8|

Sobre a chamada “reconstrución da esquerda nacionalista”

A dous anos vista da súa aceptación nunha Conferencia Nacional do Partido, a tese da reformulación da esquerda nacionalista non pode ser considerada máis que un estrepitoso fracaso. Analicemos as causas:

- Ausencia dunha folla de ruta que describise claramente os obxectivos, as estratexias e os prazos das conversas.

- Ausencia dun control sobre os interlocutores do Partido nas mesmas. Aínda é hoxe o día no que agardamos coñecer o contido das negociacións.

- As propias dificultades dun proceso negociador entre un partido comunista e independentista afeito a vivir fóra do poder e a facción altermundista dun partido reformista e autonomista comodamente instalado nas institucións concedidas á nosa Nación polo capital español.

En conclusión, a chamada “reconstrución da esquerda nacionalista” retratou, unha vez máis, a nosa debilidade política ao mostrármonos incapaces de establecer un mínimo control e vixilancia do proceso negociador e dos axentes tanto directos como indirectos que nel interveñen.

2009, ano electoral

No ano 2009 a FPG afrontaría en pouco tempo dous procesos electorais: un o autonómico ao que acudimos co noso proxecto propio e outro as europeas formando parte da canditura multinacional Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos.

Ás eleccións autonómicas acudimos cun Programa Electoral relativamente ambicioso, afastado do ideoloxismo abstracto e centrado en cuestións concretas, cunha campaña en positivo, todo o contrario da outra oferta electoral arredista que se presentou, no que afirmábamos votar á FPG é facer avanzar a alternativa, que xa se está forxando, que crea na autoorganización do pobo, no protagonismo do movemento social e na hexemonía das traballadoras e traballadores deste país e, insistiamos, para quen quixera entender, quen vote FPG non estará votando unhas siglas máis, estará alicerzando con decisión a futura alternativa nacional e popular. Os resultados foron os previsíbeis, manténdose a FPG nas súas posicións, e gañando o PP frente ao binomio PSOE-BNG. Remataba así o goberno bipartido.

En pouco tempo afrontamos un novo proceso electoral, o europeo, con militantes nosos dentro dunha candidatura multinacional que integraba militantes independentistas de distintas zonas da península ibérica así como correntes da esquerda española respectuosas co noso dereito de autodeterminación, nunha novidosa conxugación electoral, a denominada Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos que faría a súa presentación o 15 de abril.

Axiña a nova iniciativa foi posta no punto de mira polo ministerio do interior e os medios de comunicación españois. Finalmente o 16 de maio foi ilegalizada polo Tribunal Supremo. Centrándonos só noso país, este feito de inmensa gravidade antidemocrática suporá a maior vaga de solidariedade desde había moitos anos e implicará o artellamento dun proceso que máis

Page 9: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|9|

alá do estritamente solidario implicará o envolvemento, cando posteriormente sexa relegalizada polo Constitucional, de distintos sectores e individualidades na campaña electoral, que en Galiza xa non sería da FPG exclusivamente senón dunha multitude boa e xenerosa que arrimou o ombro e fixo propia a candidatura internacionalista. A experiencia, na súa globalidade, podemos calificala como positiva e seguramente será unha das bases de futuros procesos que deberemos dar.

Page 10: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|10|

3. CARA UNHA NOVA GALIZA

estes case trinta anos nos que leva en vigor a Comunidade Autónoma Galega (que non abrangue, ademais, a totalidade do territorio galego) é un feito obxectivo que o movemento de liberación nacional non foi quen de situarse nunha fase superior

da loita así como podemos facilmente constatar que Galiza é a nación sen Estado do noso entorno –e coas lóxicas diferenzas de cada unha- con máis retraso no seu proceso de emancipación. Aínda máis, como xa repasamos brevemente, mesmo as bases materiais da nación están sendo sometidas a unha presión demoledora polo capitalismo colonial. Estamos xa que logo ante unha brutal presión de tres facianas dialecticamente entrelazadas á que cómpre responder, tendo en conta a actual realidade, desde tres vías evidentemente tamén entrelazadas.

Desde a FPG consideramos que non son tempos para o derrotismo e o repregamento, pola contra é a nosa responsabilidade militante facer un novo esforzo para intentar poñer as bases dunha nova Galiza a medio prazo, onde a correlación de forzas en todos os planos sexa favorábel e aposte decididamente por constituírmonos nun Estado independente de democracia avanzada rumbo ao socialismo, único escenario que permitiría a nosa supervivencia colectiva. Neste senso a década que comeza vai ser determinante no noso futuro como Pobo, e de todas e todos nós, xunto con moitas outras vontades, dependerá que rectifiquemos as actuais tendencias que nos pretenden liquidar como Nación.

Neste novo esforzo que as e os militantes da FPG imos desenvolver a curto e medio prazo deberemos poñer todo o noso empeño na loita por constituir un novo bloque histórico, unha alianza nacional, democrática e popular, que nos permita desenvolver a necesaria acumulación de forzas de xeito sostido co que a medio prazo podamos situarnos nun chanzo superior no proceso de liberación nacional. Desde a FPG non queremos porén perder a perspectiva da realidade e neste senso acreditamos que hoxe, no actual intre histórico, a loita pola construción do novo bloque histórico pasa por tres procesos diferentes, autónomos, mais dialecticamente interdependentes: 1) afondar no nosa imbricación no movemento obreiro e popular, 2) avanzar na estratexia de construción nacional e 3) crear a alternativa política galega de esquerdas.

Para tecer esta alianza nacional, democrática e popular cómpre entendelo non dun xeito mecanicista senón dialecticamente, é dicir, como un proceso que dadas as actuais circunstancias será certamente complexo, posibelmente prolongado e sempre afastado do unilateralismo. Podemos dicir facendo autocrítica que até agora a FPG veu desenvolvendo de xeito deslabazado, sen sistematización e baixo outras premisas distintas fasquías deste proceso. Agora é o momento de recompoñer as distintas experiencias para darlle a coherencia precisa que non leve a equívocos nin no seo das nosas fileiras nin fóra destas.

Esta nova alianza ou bloque histórico non se pode pechar nunhas siglas nin en procesos de dirección única. Será un movemento englobador, multilateral, que funcione a distintos niveis e mesmo posibelmente con distintos axentes implicados en cada nivel.

N

Page 11: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|11|

En resumo. Debemos levar a unha fase superior á loita de liberación nacional e social mediante a política de construción dun novo bloque histórico que permita unha mudanza na correlación de forzas, desputando a hexemonía social e o poder político ao bloque dominante. Esta política cómpre entendela de xeito dialéctico coma un proceso complexo en permanente (re)construción, prolongado e multilateral, que non se pode pechar en ecuacións matemáticas e moito menos nunhas siglas finais. Máis aínda, desde a FPG afirmamos que é preciso, nesta terra, e posíbel, neste tempo, iniciar esta nova política desde os tres camiños que expomos a continuación.

3.1 Loitando sempre co movemento obreiro e popular

a) Cara a Xornada Nacional de Loita

O pasado Día da Patria lanzamos a palabra de orde Cara a Xornada Nacional de Loita e a curto prazo deberemos reimpulsar o noso traballo tanto político como militante no seo dos movementos populares, principalmente no seo do movemento obreiro organizado, a prol dunha mobilización nacional, popular e combativa que responda na rúa á ofensiva global lanzada pola burguesía e o imperialismo español.

Así mesmo desde a FPG consideramos que a maior ou menor proximidade desta palabra de orde das distintas organizacións políticas actuantes no país amosa ás claras a disposición de combate ou pola contra de entrega nesta encrucillada histórica que a nosa Nación está a atravesar. A Xornada de Loita en calquera caso tan só é un movemento táctico -pero imprescindíbel- se queremos, máis alá de electoralismos e grandes palabras, de verdade iniciar un novo ciclo que desemboque nunha mudanza radical da correlación de forzas. A pesar da soidade seguiremos reclamando publicamente e traballando silandeiramente para que o noso Pobo demostre o seu potencial combativo nunha Xornada Nacional de Loita.

b) Co sindicalismo nacional de clase

Este é un punto crucial non só para o noso Partido canto para o desenvolvemento mesmo do proceso de liberación polo que será tratado nunha Conferencia Nacional específica dentro do proceso amplo de debate que estamos levando a cabo. Nesta Conferencia entre outras cuestións de importancia volveremos analizar, e actualizar no que sexa preciso, cal debe ser o papel dos e das militantes do noso Partido no seo do sindicalismo nacional de clase na actual etapa histórica para actuar en consecuencia.

Mentres tanto, e sen facer deixadez en ningunha das funcións que os cadros do noso Partido teñen no seo das organizacións sindicais, a nivel nacional o Partido ven defendendo (desde que o 31 de marzo de 2009 o Comité Central aprobara a resolución Contra o capital, Folga Xeral) dentro dos sindicatos a palabra de orde de Folga Xeral Nacional engarzada coa Xornada Nacional de Loita da que xa falamos. A día de hoxe a defensa da Folga Xeral como tarefa inmediata da clase obreira galega ante a ofensiva da grande burguesía delimita as posicións revolucionarias das reformistas.

Page 12: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|12|

c) A loita feminista

A FPG asume como propias as loitas do movemento feminista nacional e de clase, apostando polo obxectivo irrenunciábel de desenvolvemento de políticas de igualdade reais e abordando con seriedade e rigorosidade a problemática feminina.

Loitamos pola superación do dominio existente na nosa sociedade do home sobre a muller e loitamos pola igualdade de sexos no eido político, social e económico; é dicir pola erradicación do patriarcado.

Debemos comezar pola propia organización do Partido traballando na creación dunha Secretaría da Muller que se encargue de facer chegar a problemática específica das mulleres ao conxunto da organización e que por exemplo datas como o 8 de marzo ou o 25 de novembro non pasen de puntillas pola traballo diario da FPG. A loita feminista debe elevarse ao primeiro plano e non quedar relegada aos programas electorais.

d) Na defensa da Terra

Tras o regreso da dereita española á xestión da CAG notouse un parón considerábel na dinámica mobilizadora en defensa da Terra, feito que desde a FPG consideramos sumamente negativo e que cómpre reconducir de xeito urxente. Deixamos para o Congreso facer unha análise polo miúdo deste importante sector da loita popular e consideramos que a FPG se debe implicar de forma activa na loita da defensa da terra.

e) A loita xuvenil. ADIANTE como referente do Partido

Afortunadamente Galiza conta con ADIANTE, unha organización xuvenil que desde parámetros comunistas e independentistas está desenvolvendo, e a pesar dos moitos atrancos, un labor autónomo de defensa dos intereses da mocidade traballadora galega.

A finais de 2008 o noso Comité Central e a Dirección Nacional de ADIANTE asinaron o denominado Convenio Bilateral de Libre Vinculación entre a FPG e ADIANTE que adxuntamos a este Relatorio e que ratificamos nesta Conferencia Nacional, comprometéndonos a poñer en vigor o articulado do Convenio no que ao noso Partido respecta e que aínda non estiver.

f) A batalla polo idioma

Cómpre artellar unha auténtica armazón popular en loita polo idioma que hoxe aínda non existe aos niveis mínimos esixíbeis. Mentres intentamos artellar este grande escudo a FPG aportará o seu esforzo militante en todas as iniciativas en defensa do idioma nacional.

Este punto pola súa importancia estratéxica será tratado na Conferencia Nacional sectorial sobre o mundo da cultura e a construción nacional nun apartado específico.

Page 13: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|13|

g) Por unha cultura viva e popular

Fronte a cultura como mercadoría ao servizo da uniformización deberemos seguir pulando por unha cultura que fomente valores desalienantes, unha cultura vizosa, galega e conectada co mundo, viva e participativa, que non quede encerrada nun mausoleo.

Asemade, somos conscientes do enorme potencial que o campo da cultura ten no proceso de construción nacional polo que lle dedicaremos unha Conferencia Nacional monográfica como xa temos programado.

h) Sempre internacionalistas

A FPG destacouse sempre desde a súa fundación pola solidariedade internacionalista que amosou e amosa con outros pobos en loita: Euskal Herria, Cuba, Irlanda, Nicaragua, Sáhara, Portugal, Países Cataláns, Bretaña, Venezuela... son exemplos de pobos irmáns aos que a FPG dun ou outro xeito fixo chegar a nosa solidariedade.

Deberemos nesta nova etapa reforzar o traballo internacionalista de dúas maneiras. Por unha banda debemos estabilizar no seo do Comité Central a Secretaría de Relacións Internacionais e que comece o seu traballo seguindo as resolucións que no seu día se aprobaron, e por outra temos que impulsar novas ferramentas plurais de solidariedade internacionalista.

i) Defensa das liberdades sexuais

Debemos lembrar as múltiples discriminacións cotiás que as persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais sofren, polo único feito de selo, na rúa, no traballo, na familia, na escola, lembrando que as persoas LGTB son tamén, tamén somos, bolseiros, precarios, teleoperadoras, que sobreviven por debaixo do mileurismo, estudantes dun sistema público que se está a desmantelar e converter en antigalego, paradas sen subsidio, inmigrantes sen dereitos.

A militancia da FPG debe participar daquelas reivindicacións que permitan rematar coas discriminacións das persoas LGTB. Debemos seguir o camiño comezado en marzo do 2009 cando o Partido é a primeira organización política en facer un chamamento para acudir á concentración popular en repulsa da homofobia en Vigo.

3.2 Avanzar na estratexia de construción nacional

Na nova etapa que na FPG imos abrir tras o proceso de debate vai ocupar un espazo central das nosas tarefas políticas avanzar na estratexia de construción nacional como peza estratéxica imprescindíbel na loita pola independencia e o socialismo. Non podemos agardar á chegada do día X da proclamación da independencia. Esta témola que ir construindo desde xa. Para isto é preciso:

Page 14: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|14|

a) Traballar con todas as individualidades e sectores patrióticos e progresistas interesados en aportar en mancomún no proceso de emancipación nacional.

b) Soster no tempo un proceso de mínimos que poña as bases da futura República permitindo unha interacción fluida entre todas as organizacións e individualidades, blindado ás dinámicas e intereses particulares –e lexítimos- de cada axente implicado.

Para que esta estratexia se poda levar a cabo cómpre definila de xeito multilateral entre todos os axentes interesados, marcando os mínimos, salvagardándoa de calquera conxuntura ou continxencia adversa e respectando a autonomía das distintas organizacións actuantes -políticas, sociais, xuvenís, medioambientais, etc.- dentro dun escenario de cooperación leal.

En Galiza, pese a todo, contamos con certa base sobre a que alicerzar a nosa loita revolucionaria por unha República independente das traballadoras e traballadores. En primeiro lugar nunca está de máis lembrarmos que a nosa loita de liberación non comezou hai unha década, nin hai vinte anos, nin tan sequera nos anos 60 do pasado século. A nosa é xa unha loita bicentenaria que nos aporta un caudal de ensinanzas aínda non ben dixeridas e certas bases que perduran até os nosos días.

As primeiras e os primeiros patriotas galegos foron quen iniciaron o proceso dinámico da nosa construción nacional, botando, unhas veces inconsciente e outras conscientemente, os alicerces do que sería a República Galega do futuro.

Neste senso, e en primeiro lugar, temos os símbolos nacionais: o Himno, a Bandeira e o Escudo. Máis ou menos manipulados polo poder español en forma de autonomía. Así cómpre lembrar as veces que se intentou castrar o Himno Nacional interpretando apenas a primeira parte. Canto á Bandeira da Patria, denominada estreleira, só é a bandeira da esquerda patriótica, pois a estrela vermella de cinco puntas segue sendo a visualización diáfana das nosas arelas de liberdade. E o Escudo Nacional, para os que, con Castelao, cremos que non pode subsistir dispois da guerra o escudo tradicional de Galiza co seu emblema eucarístico: por iso adoptamos o emblema que o propio compañeiro Daniel deseñara para a nova Galiza, o Escudo da Serea co lema Denantes mortos que escravos. Desde a FPG deberemos esforzarnos por espallar e popularizar o máximo posíbel os nosos símbolos nacionais, facendo asemade un traballo de pedagoxía política para explicar o significado de cada un.

Mais eses primeiros patriotas tamén iniciaron en paralelo un proceso de institucionalización de Galiza como nación. Por desgraza só unha das múltiples iniciativas que levaron a cabo chegou até os nosos días: a Academia Galega, cuxo primeiro Presidente foi Manuel Murguía. A historia da Academia é un espello das propias vicisitudes que atravesou a nosa nación, atravesando etapas de parálise, de semiclandestinidade, de ocupación por colaboracionistas, mesmo tivo que facer fronte a ataques desde o propio campo nacional por aqueles que fixeron da súa ollada curtopracista e da súa política sectaria unha presunta virtude. Porén e desde hai uns anos estamos asistindo á súa rexeneración e á súa reubicación como unha auténtica institución nacional, mesmo no senso xeográfico xa que ten colaboradores no que se denomina a Galiza Irredenta, da que non é allea a esquerda arredista representada polo noso Partido. Aínda así cremos que ten por diante moito camiño por percorrer en defensa do idioma nacional e se ben non é un organismo para a loita na rúa si cómpre afondar no seu redeseño como xa avanzabamos no noso Programa Electoral das Autónomicas de 2009.

Page 15: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|15|

Neste proceso de construción nacional non podemos esquecer a súa activación pola base desde distintos sectores, de xeito dinámico e con atitude cooperativa.

Actualmente, por exemplo, contamos no noso país cunha aceptábel rede de centros sociais, que desde distintas ópticas, veñen traballando desde os barrios e lugares e cada un á súa maneira na construción nacional de Galiza. Cómpre impulsar este movemento, abríndoo a máis pobo, rescátandoo das tendencias máis conservadoras e estáticas que levan á endogamia e ao sectarismo, respectando e potenciando en calquera caso a súa natural pluralidade e poñéndoos ao servizo do pobo traballador galego. En todo caso, afondaremos na análise deste o outros fenómenos actuais durante o proceso de debate para poder chegar a conclusións máis centradas.

Convén finalmente realizar un último apuntamento a este esbozo sen o cal ficaría coxo: o lugar central que deberá ocupar o noso idioma neste proceso. O galego foi, é e seguirá sendo a clave de bóveda de todo o proceso de emancipación nacional. Porén, a reflexión sobre o idioma na construción nacional deberá ser tema específico dun relatorio para a Conferencia sectorial sobre cultura que temos programada.

3.3 Da reconstrución orgánica da esquerda nacionalista á alternativa galega de esquerdas

Da chamada Reconstrución

Xa falamos máis arriba algo sobre o proceso que levou o Partido a prol da Reconstrución Orgánica da Esquerda Nacionalista aprobada como resolución no noso V Congreso.

En primeiro lugar cómpre situar os límites temporais deste proceso que comezou co V Congreso Nacional e remata simbolicamente tras as eleccións autonómicas de 2009, aínda que o noso Comité Central prorrogouno, non sen contradicións, oficialmente até esta Conferencia Nacional. De feito nun novo esforzo por non derrubar o pouco avanzado o Comité Central do 22 de marzo de 2009 aprobou a Resolución por unha reformulación política e da esquerda nacionalista ou no noso manifesto do 25 de Xullo dese ano afirmábamos “esta situación de auténtica emerxencia nacional fai que desde a FPG (...)fagamos un chamamento en dupla dirección: por un lado a tod@s @s patriotas, revolucionari@s e demócratas auténtic@s a seguir afondando na estratexia que nós denominamos Reconstrución Orgánica da Esquerda Nacionalista co fin de dotar ao noso pobo da ferramenta sociopolítica de masas precisa para afrontar este tempo histórico e levalo rumbo á República Galega e ao socialismo”.

Cómpre agora analizar as luces e as sombras e definir o novo marco de actuación da FPG. Entre os acertos deste proceso podemos sinalar, sen lugar a dúbidas, a capacidade de intervención relativa do noso Partido que permitíu atraer ao debate a sectores até ese momento en grande medida impermeábeis ao noso axir político. Así mesmo cómpre resaltar os pequenos avances que se deron, mesmo coa creación dun embrión de estrutura a tres bandas –EI, MpB e FPG- que canalizase o proceso ou o inicio da ampliación dos debates a certas persoas concretas.

Page 16: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|16|

Entre os erros propios debemos sinalar en lugar destacado certas formas de liberalismo en que caimos na nosa actuación: non ser quen de estruturar un equipo de traballo coherente e compacto, permitir certas atitudes individualistas que a medio prazo se demostraron prexudiciais, non avanzar na caracterización do proceso permitindo lecturas abertas algunhas abertamente enfrontadas, etc.

En todo caso é importante sinalar que o proceso non pasou da fase exploratoria e cando consideramos desde a FPG que se debía abrir a segunda fase xa con compromisos materiais é cando sobre todo polas outras partes se deixa esborrallar a pequena arquitectura creada.

Alternativa pola unidade da esquerda independentista

Hoxe as circunstancias son outras. Con todo segue sendo vital para o desenvolvemento da loita de liberación nacional e social contarmos cunha ferramenta política de masas que traballe tamén nas institucións para superar o actual marco xurídico-político. Se queremos abrir un novo ciclo político é prioritario ter a suficiente capacidade de intervención que acompañe e apuntale o proceso de cambio.

a) Contexto político actual e perspectivas a catro anos

A derrota electoral do bipartito (PSOE e BNG) constituiu unha nova frustración, aínda que agardada, para moitos galegos que confiaban nos posíbeis avances sociais e de rexeneración da nosa terra, expectativas truncadas xa desde o seu inicio pola posta en práctica por este goberno dunha política neoliberal e sucursalista, moi na liña de Madrid.

O inesperado éxito do PP desde posicións ultraconservadoras e foribundamente antigalegas, enxergadas nos laboratorios neofranquistas de Madrid, deu lugar á instauración na Xunta de Galicia dun poder reaccionario e españolista envestido da lexitimidade social que outorga o sistema democrático electoral burgués, o que os asentou na soberbia e no fanatismo antigalego.

Dentro do parlamento non existe unha auténtica oposición que defenda a nosa nación e á clase traballadora e demais sectores populares, máxime despois de ser deslexitimados non sen razón polas urnas. E fóra do parlamentiño non existen forzas da suficiente entidade politica e respaldo popular que dean conformado por si soas unha oposición con capacidade política e de mobilización que consiga sumar elementos para modificar a correlación de forzas en Galiza, acadando representación institucional que dea continuidade á loita de clases e demais loitas populares.

b) Da necesidade da unidade

No actual contexto a necesidade de sumar forzas desde a esquerda independentista é algo que o noso partido xa puxo en evidencia hai tempo. Estamos a falar de sumar forzas desde unha

Page 17: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|17|

perspectiva política que dea lugar a unha organización plural, representativa de intereses populares, e motor de mobilización da nosa conciencia nacional e social.

Existen multiples organizacións de masas tamén denominadas movementos sociais que están a realizar un papel innegábel de concienciación e mobilización ás que esta nova organización alternativa debería dar o seu apoio e aportar as súas ideas de transformación. Tamén o sindicalismo galego de clase da CIG e da CUT contribúen coas súas mobilizacións a pór en cuestión o actual estado de cousas e serán unha referencia inmellorábel para que esta nova organización alternativa guíe os seus pasos seguindo o programa de acción do movemento obreiro en cada momento.

c) Da conformación da alternativa

A unidade da esquerda independentista só será viabel se se constroi ao tempo que se propón unha alternativa política para o pobo galego; non é posibel forxar unidades no abstracto se non se parte dun programa mínimo e unha alternativa política que ofrecer ao noso pobo neste momento. A FPG debe pois chamar á unidade das forzas da esquerda independentista e daquelas persoas que se adiran individualmente para xuntos construir unha organización política alternativa que sexa oposición real ás políticas reaccionarias, neoliberais e antigalegas despregadas desde a Comunidade Autónoma e desde o Estado español.

d) Programa mínimo a debater entre os aderentes

1º.- Dereito de Autodeterminación. República Galega. Non máis autonomía, non a un novo estatuto de sometemento.

2º.- Medidas socialistas que freen a actual ofensiva:

- Nacionalización do sector financeiro e enerxético en Galiza.

- Eliminación do despedimento libre e obrigatoriedade da contratación indefinida.

- Xornada de 35 horas semanais.

- Novo Marco Galego de Relacións Laborais.

3º.- Idioma Galego idioma oficial de Galiza. Cara unha sociedade monolingüe en galego. Implantación total e defensa patriótica da norma oficial.

4º.- Ordenación do territorio de acordo coa nosa realidade nacional.

5º.- Defensa da terra e do medio natural. Industrialización racional e sustentábel.

6º.- Autoorganización social. Forzas políticas e organizacións de masas propias.

7º.- Internacionalismo e solidariedade coas loitas de liberación nacional e pola construción do socialismo en todo o planeta.

Page 18: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|18|

8º.- Reforma Agraria.

9º.- Ensino público, gratuito e de calidade. Eliminación do financiamento de centros privados e relixiosos. Apoio á Universidade e á investigación. Normalización da Cultura Galega.

10º.- Protección social, sanitaria e servizos públicos para toda a poboación que garantan a todos os galegos e galegas por igual unha vida digna na nosa terra.

e) Todos somos necesarios

O partido comunista FPG impulsará un proceso de debate plural e sen condicións previas no seo da esquerda independentista de cara a implementación dunha plataforma política de organizacións que en base ao programa de mínimos por nós presentado sexa quen de elaborar unha alternativa política para o pobo traballador galego.

O primeiro paso será o de consensuar o programa mínimo e unha coordenadora de organizacións que sente as bases do debate e dos instrumentos de cara á convocatoria dun congreso nacional da esquerda independentista para a constitución da organización alternativa que será plural, de masas, socialista e independentista.

O segundo paso será o da creación da organización alternativa que non suprimirá as organizacións e partidos actuais que poderán convivir no seu seo sen inxerencias. A adhesión á organización será individual e a elección dos seus órganos directivos será directa, unha persoa un voto.

As organizacións que hoxe consideramos que poderían acoller positivamente a nosa proposta poderían ser: Movemento pola Base, Colectivo de Marín e outros. Só deberíamos descartar de partida a Primeira Linha, grupos baseados no persoalismo, por suposto ningunha das integradas no BNG.

f) O papel do noso partido a FPG

O noso partido non se diluirá na nova organización senón que continuará a loitar polo seu programa máximo comunista ao tempo que impulsa e apoia decididamente a nova alternativa. Reafirmámonos pois na necesidade da nosa continuidade como partido, a FPG deberá traballar por ser aínda máis o referente da clase obreira galega e unha ferramenta eficaz no proceso revolucionario galego.

O noso papel debe ser o de impulsor e dinamizador con coerencia e tamén con honestidade, sen impoñer ningún tipo de interese partidista. Porén, temos a obriga de intervir no debate coas nosas ideas, buscando a síntese e o entendemento máis amplo e plural. Convencendo, persuadindo e unindo esforzos.

Page 19: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|19|

Cara as municipais de 2011

Este proceso de construción da organización política plural que a Galiza do século XXI precisa para a súa completa emancipación non debe contemplarse só desde un ángulo. É importante abrir vías novas que permitan acumular forzas desde distintos ámbitos e con distintas orixes cara o obxectivo final.

Na FPG nunca dubidamos que unha das pezas fundamentais en calquera proceso político era o seu artellamento desde e pola base. En canto non sexamos quen de xuntar masa crítica abondo nos lugares, freguesías, barrios e, en definitiva, nos concellos actualmente vixentes, obtendo certo poder institucional nas súas cámaras municipais, o movemento nacional-popular continuará nunha situación cando menos feble.

En calquera caso, e a día de hoxe, non ollamos na política municipal unha situación substancialmente diferente -tanto cualitativa canto cuantitativamente- á de hai catro anos polo que a táctica elaborada para as eleccións locais de 2007 continúa en vigor agás naqueles matices que agora enumeramos e á actuación flexíbel que o Comité Central deberá adoptar de aquí ao 2011.

De cara ás municipais de 2011 é importante sinalar, en primeiro lugar, que calquera posíbel movemento que se dea a priori é independente do proceso de construción da organización política nacional. Son dúas dinámicas distintas aínda que nalgún momento podan interactuar. Así fixemos nas anteriores municipais e seguimos crendo que é, dada a actual conxuntura, a mellor das opcións. Este principio debe ficar, xa que logo, ben claro para que os amigos do confusionismo que tanto abundan non pretendan chegado o momento embarullalo todo: a construción da organización política nacional e as eleccións municipais de 2011 son, en principio, dúas dinámicas independentes.

A FPG sendo fiel ao seu programa aposta, apostamos, pola elaboración de candidaturas locais de unidade popular que sirvan aos intereses das traballadoras e traballadores do lugar, que fomenten a democracia participativa, que enfrenten os intereses das oligarquías locais, que constrúan a nación tamén desde os concellos...

As organizacións de base do Partido terán autonomía para participar na creación destas candidaturas onde se considere procedente e sempre acompañadas por un seguimento exhaustivo por parte do Comité Central.

En todo caso e alén do que as organizacións de base e o Comité Central dispoñan establecemos unha serie de principios irrenunciábeis para que desde este intre ninguén se leve a engano:

- Calquera candidatura popular na que participemos deberá ser o máis abranguente posíbel. En base a un programa de mínimos a candidatura deberá estar aberta a todos aqueles sectores e compañeiros ou compañeiras individuais que con lealtade asuman ese programa.

- En cada concello elaborarase a candidatura propia en base á súa realidade e cos axentes disponíbeis en cada caso. Nunca as candidaturas locais de unidade popular poden ser forzadas desde cúpulas alleas á dinámica popular do concello en cuestión.

Page 20: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|20|

- As candidaturas deberán ser a expresión electoral-institucional das dinámicas de loita popular de cada concello.

- Sobra dicir que as candidaturas deben ter un peso específico no proceso de construción nacional e a longo prazo deberán estar ao servizo do proceso de institucionalización de Galiza como nación independente. Así mesmo, as candidaturas populares que apoie o noso Partido deben facer do galego o seu único idioma empregando, como é loxico, as súas Normas Ortográficas e Morfolóxicas.

Page 21: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|21|

4. FORTALECER A FPG DO SÉCULO XXI

o pasado e desde certas posicións moi concretas se analizaba en certa maneira e nunca de xeito explícito a necesidade de adelgazar o Partido. Os feitos mesmos viñeron poñer no seu sitio ese tipo de teorizacións demostrando que os obxectivos que nos

temos marcado a curto e medio prazo non se acadaban precisamente cunha organización anoréxica.

É, pois, o noso deber comprender a importancia que ten fortalecer a nova FPG e en consecuencia deberemos ao longo deste ano tomar todas aquelas medidas orientadas principalmente a reforzar a organización interna e a natureza de clase do Partido, a avanzar na súa renovación e a ampliar a súa base militante.

No tempo que transcurriu desde o V Congreso algo se avanzou na nosa propia organización interna, con todo os medios postos para o seu correcto funcionamento non foron suficientes. É urxente mudar radicalmente esta situación para o cal deberemos tomar unha serie de medidas.

A conxunción de centralismo e democracia supón potenciar a disciplina e a limitación consciente da liberdade de opinión política (obviamente, no exterior da esfera do Partido e nos asuntos ao que este atinxe) coa finalidade da máxima eficacia, tanto organizativa como práctica.

No método do centralismo democrático as discusións e decisións flúen da base ao Comité Central e á recíproca.

Os elementos a ter en conta son principalmente:

- Carácter electivo e revogábel de todos os órganos da dirección. Presentación periódica de contas polos órganos da dirección ante os electores.

- Liberdade absoluta de crítica DENTRO do Partido. Ao respecto das relacións externas privadas, calquera filtración de conversas, discusións ou decisións no seo dos órganos do Partido (a asemblea comarcal, por exemplo) será considerada como agresión grave contra o funcionamento e a propia existencia da FPG. Polo tanto, será causa de expulsión, previo expediente que contemple o recurso do infractor.

- Subordinación da minoría á maioría.

- Vinculación total das decisións dos órganos superiores verbo dos órganos inferiores.

- Democracia interna, unidade de acción, e dirección colectiva.

Alén do dito deberemos implementar as medidas que a continuación se detallan:

- Reforzo dos órganos de dirección. De xeito provisorio, até a celebración do VI Congreso, temos que proseguir coa ampliación dos organismos de dirección, principalmente do Comité Central, mediante a cooptación de aqueles ou aquelas militantes que se consideren necesarios para o bo funcionamento dos organismos.

N

Page 22: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|22|

- Dinamización das organizacións de base. Unha das tarefas máis complexas é a dinamización das organizacións de base. Deberemos facer un seguemento da súa situación e darlle apoio puntual desde os órganos de dirección nacional sempre co obxectivo de que gañen en autonomía e operatividade. Deberemos así mesmo continuar coa súa reorientación en base a centralas na intervención no seo do movemento obreiro e popular das súas zonas de actuación.

- Participación do e da militante. Sen os individuos que o conforman o Partido ficaría en nada. Cómpre facer entender a importancia vital que ten a participación de cada militante nas tarefas que colectivamente nos marquemos. Todas e todos somos corresponsábeis do proxecto político que representa a FPG e todas e todos deberemos asumir a nosa particular cuota de traballo no seo da FPG, cada un/ha na medida das súas posibilidades.

- Estabilización das finanzas. É certo que neste tempo algo avanzamos na estabilización das finanzas do Partido e na regularización das cuotas. Porén, deberemos continuar por unha banda insistindo na necesidade de que cada militante regularice as cuotas e por outra en buscar medios alternativos de financiamento. Non é este un apartado secundario da nosa organización interna. Se queremos superar a actual situación deberemos ensanchar a nosa base financeira.

A renovación é unha tarefa pendente que deberemos afrontar sen maiores dilacións.

Debemos seguir abrindo o Partido á mocidade. Só mediante unha acertada política de recrutamento, especialmente entre a mocidade traballadora, poderemos pór as bases dunha renovación controlada que garanta o futuro do noso proxecto político.

Cómpre desde xa proceder á creación dunha nova imaxe corporativa e liña gráfica do Partido, como así foi aprobado en diversas resolucións. Non menos importante é implementar dunha vez por todas un criterio unificado para o uso do noso idioma nos textos partidarios que permita visualizar o novo ciclo da FPG e que remate cunha certa diverxencia no uso de aquelas expresións nos que a norma permite dúas opcións. Neste senso a FPG oficializa nesta Conferencia Nacional o que xa é un feito maioritario na redacción dos nosos documentos desde o V Congreso: o uso exclusivo do que podemos denominar banda alta das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego.

Unha outra tarefa á que deberemos prestar especial atención é á formación militante. Neste tempo detectouse en certos militantes unha desidia e mesmo certo rexeitamento da formación político-ideolóxica. Deberemos combater esta desviación que tanto dano pode facer no seo do colectivo partidario e para iso será necesario:

- Crear unha biblioteca marxista no noso idioma a disposición de calquera interesada/o na web nacional.

- Establecer a nivel nacional un itinerario formativo básico, tanto político-ideolóxico como técnico, para o conxunto da militancia.

Estas e outras posíbeis actuacións non son contraditorias coa necesaria lectura e estudo individual por parte das/os militantes, tarefa que debe ser permanentemente promovida polas organizacións do Partido.

Page 23: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|23|

Debemos asumir como tarefa do conxunto da FPG o ampliar os locais do Partido. Como mínimo en breve deberiamos contar cun local en Compostela que faga as veces de Local Nacional e a medio prazo outro na comarca de Vigo.

Por último, deberemos prestar especial atención á nosa política de comunicación, xa que non estamos aproveitando todas as potencialidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen a día de hoxe:

- Cómpre redeseñar a web nacional, tanto en presentación coma en contidos, así como debemos continuar co labor de creación de blogues territoriais.

- Temos de revitalizar o novo Espiral, unha ferramenta imprescindíbel de loita ideolóxica e mesmo para chegarmos a novos sectores. Neste sentido debemos estabilizar un Consello de Redacción con grande autonomía que se encargue de tirar do prelo a revista teórica do Partido, en base ás liñas xerais que marque en cada momento o Comité Central.

Page 24: É TEMPO DE LOITAR, É TEMPO DE AVANZAR

|24|