unidade didáctica 6
TRANSCRIPT
UNIDADE DIDÁCTICA 6: OS RECURSOS EN
EDUCACIÓN INFANTIL
ÍNDICE
1. A organización do espazo
1.1. Os espazos na escola infantil
1.2. Os espazos na educación non formal
2. Os recursos materiais
2.1. Clasificación dos materiais
2.2. Selección e adquisición dos materiais
2.3. Disposición, uso e conservación dos materiais
3. A organización do tempo
3.1. O calendario
3.2. O horario
4. Os recursos persoais
4.1. O persoal da escola infantil e outras institucións
4.2. O agrupamento dos nenos/as
A ORGANIZACIÓN DO ESPAZO
1. A ORGANIZACIÓN DO ESPAZO Os espazos educativos conforman o ambiente físico de aprendizaxe e, polo tanto, deben
organizarse de forma intencionada para favorecer esa aprendizaxe, atendendo as
distintas necesidades infantís (físicas, emocionais, intelectuais e sociais). A organización
do espazo dá resposta á pregunta “onde ensinar?”.
Algúns autores diferencian dous elementos no ambiente físico de aprendizaxe:
Instalacións arquitectónicas: dependen en gran medida da administración, empresarios/as e
arquitectos/as. Deben reunir unha serie de condicións: tamaño axeitado (nin moi pequeno nin
moi grande), ubicación nun lugar apropiado (afastado de actividades
contaminantes), luminosidade e ventilación suficientes, calefacción central, illamento
acústico, seguridade (ausencia de escaleiras ou desniveis perigosos, pavimento
antiesvarante, protección de arestas, cristais reforzados...), accesibilidade, etc.
Organización do ambiente: é responsabilidade do equipo educativo. Algúns criterios a ter
en conta son os seguintes: SEGURIDADE (espazos libres de riscos que promovan hábitos de
saúde e hixiene), ESTÉTICA (espazos atractivos que ofrezan unha sensación tranquila e
pracenteira), FUNCIONALIDADE (espazos flexibles, adaptables, capaces de atender as
necesidades de todos/as) e CANTIDADE (espazos suficientemente amplos para permitir a
mobilidade e a disposición de distintas zonas de actividade).
1.1. OS ESPAZOS NA ESCOLA INFANTIL*
Os requisitos mínimos das escolas infantís 0-3 na Comunidade Autónoma de Galicia veñen
establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de
menores e os centros de atención á infancia. De acordo con este decreto, as escolas
infantís deben:
Estar ubicadas en locais situados en planta baixa, de uso exclusivo, salvo naqueles edificios concibidos
unicamente para este fin (no caso de edificios que teñen como única finalidade a de escola infantil, as
unidades correspondentes a nenos/as de 0-1 ou 0-2 situaranse sempre en planta baixa, sendo tamén
preferente esta situación para as unidades correspondentes a nenos/as de 1-2 anos).
Contar cun mínimo de 3 unidades (agás nos casos en que a demanda non xustifique a existencia dun
centro completo).
Reunir os seguintes requisitos materiais: unha sala por cada unidade (as salas destinadas a menores de 2
anos disporán de áreas diferenciadas para o descanso e a hixiene), un espazo axeitado para a preparación
de alimentos, unha sala de usos múltiples (poderá ser usada como comedor), un patio exterior de xogos de
uso exclusivo do centro (excepcionalmente poderase autorizar como patio unha zona de uso comunitario ou
un patio interior cuberto con iluminación e ventilación natural), un aseo con 2 lavabos e 2 inodoros por cada
sala destinada a nenos/as de 2-3 anos (visible e accesible desde ela) e un despacho de administración e/ou
secretaría. Ademais, como o resto de centros de atención á infancia, deberán dispor dun aseo para o
persoal (cun lavabo, un inodoro e unha ducha) e dunha recepción para o control na entrega e devolución
dos nenos/as.
1.1. OS ESPAZOS NA ESCOLA INFANTIL (cont.)
Podemos clasificar os espazos da escola infantil en dous grandes tipos:
a) Os espazos comúns. Son utilizados por toda a escola e non exclusivamente por un
grupo de nenos/as. En Educación Infantil estes espazos deben ser aproveitados cunha
finalidade educativa, pasando do concepto “espazo-aula” ao concepto “espazo-
escola”.
b) As aulas. Constitúen o espazo de referencia para un grupo de nenos/as. Na
organización do espazo da aula teranse en conta os criterios xa mencionados:
SEGURIDADE: os nenos/as poderán explorar o contorno da aula sen perigo.
ESTÉTICA: coidarase a decoración (cores suaves, elementos naturais...) e buscarase a
semellanza co fogar, tratando de que o espazo da aula sexa sentido como propio (dándolle
estabilidade, personalizándoo, expoñendo as producións das crianzas...).
FUNCIONALIDADE: a organización do espazo será flexible para permitir a súa
transformación en función das necesidades das crianzas; o mobiliario e os materiais
adaptaranse ás idades dos cativos/as; favorecerase a autonomía (creando zonas de
actividade recoñecibles, eliminando barreiras...); promoverase a aprendizaxe por
experiencia directa (permitindo o contacto cos obxectos, a experimentación...).
CANTIDADE: a aula non debe estar chea de mobles, senón que lles proporcionará ás
crianzas posibilidades de movemento.
(Continúa nas diapositivas seguintes)
a) OS ESPAZOS COMÚNSESPAZOS INDICACIÓNS
Vestíbulo Debe ser acolledor e cálido, que invite a entrar. É o espazo idóneo para facilitar a comunicación
coas familias (colocar paneis coa información máis relevante, pór cadeiras ou bancos para manter
conversas cos pais/nais...).
Corredores Soen empregarse como ampliación do espazo da aula, expoñendo os traballos infantís,
colocando algúns recantos de xogo, instalando elementos sensoriais ou de movemento...
Cociña O seu uso está diminuíndo debido aos servizos de catering, malia que a participación das crianzas
no proceso de transformación dos alimentos é unha valiosa fonte de aprendizaxe (por exemplo,
mediante a realización de obradoiros de cociña).
Comedor Algunhas escolas dispoñen dun espazo específico de comedor (xeralmente ocupado por quendas);
outras utilizan a sala de usos múltiples ou as propias aulas. En todo caso, cómpre utilizar un
mobiliario adecuado e cómodo e unha decoración que reproduza un ambiente familiar tranquilo
e agradable, así como evitar a masificación.
Aseos Ademais do aseo para o persoal, a aula de 2-3 anos debe incorporar un aseo para os nenos/as
con inodoros e lavabos adaptados á súa idade e útiles de aseo persoal á súa disposición para
promover a autonomía nos hábitos de hixiene e o control de esfínteres.
Sala de
usos
múltiples
O mobiliario e a súa disposición deben permitir acondicionar o espazo para favorecer a
diversidade de usos: obradoiros de psicomotricidade (bancos, barras...), representacións teatrais
(tarima...), emprego de medios audiovisuais (pantalla enrolable, proxector...), reunións (mesas
facilmente acantoables...), comedor (mesas e cadeiras adaptadas...), etc.
Espazos
para
adultos
Debe haber espazos para a función directiva e administrativa (un ou máis despachos), para o
uso do equipo educativo (sala de profesores onde reunirse, consultar material, descansar...) e
para o intercambio cos pais/nais (estancia independente ou non).
Patio/
Xardín
Debe ser seguro (ben delimitado, soportais para protexerse do sol e a chuvia, chan para amortecer
caídas...) e ofrecer múltiples experiencias motrices (zona onde correr, estruturas para gabear,
arrandearse...), sensoriais (areeiro, pías de auga...) e de fantasía (casiñas, cabanas...), así como
incorporar un xardín/horta para a observación dos fenómenos naturais, se é posible.
b) AS AULAS
As aulas deben estar estruturadas en distintas zonas para promover o desenvolvemento integral
dos nenos/as, favorecer a diversidade de opcións e a elección e contribuír á construción mental
do espazo por parte das crianzas (malia que esta distribución por zonas debe ser flexible para
posibilitar o seu uso polivalente segundo as necesidades de cada momento).*
AULAS ZONAS
0-1 Unha posible proposta de zonas é a seguinte: zona de actividade ou
xogo (superficie cálida e fácil de limpar, cestos con obxectos, estímulos
sensoriais), zona de descanso (berces), zona de hixiene (cambiador,
contedores para a roupa e os cueiros sucios, andeis coas pertenzas de
cada neno/a) e zona da comida (aparellos e utensilios para preparar
biberóns e papas, tronas).
1-2 Aínda que con certas variacións, mantéñense as zonas destinadas ao
descanso, a hixiene e a comida. Ademais pódense incorporar dúas
zonas diferenciadas: a zona tranquila ou da alfombra (alfombra e coxíns)
e a zona de movemento ou de xogo libre (estruturas de movemento tipo
ramplas e túneles, xoguetes variados).
2-3 Incorpóranse os recantos propiamente ditos: recanto da alfombra, recanto
das construcións, recanto do xogo simbólico... Debe haber tamén unha
zona de descanso e un aseo para os nenos/as.
1.2. OS ESPAZOS NA EDUCACIÓN NON FORMAL
Os espazos na educación non formal tamén deben planificarse consonte os
criterios de SEGURIDADE, ESTÉTICA, FUNCIONALIDADE e CANTIDADE.
Os requisitos mínimos das ludotecas na Comunidade Autónoma de Galicia
veñen establecidos no Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que se
regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen
os seus requisitos.*
OS RECURSOS MATERIAIS
2. OS RECURSOS MATERIAIS
As características dos obxectos que están a disposición dos nenos/as e a súa
colocación e uso condicionan o modelo educativo que se leva a cabo nun
centro e, polo tanto, deben ser planificados coidadosamente. A planificación dos
recursos materiais responde á pregunta “con que ensinar?”.
Os recursos materiais comprenden tanto o mobiliario como o material didáctico:
Algúns dos elementos básicos do mobiliario en Educación Infantil son os
seguintes: alfombra, espello, colchonetas, estantes, armarios, mesas, cadeiras,
cestos e contedores...
O material didáctico está formado polo conxunto de obxectos que favorecen o
proceso de ensino-aprendizaxe. A diferenza doutras etapas educativas, todos os
obxectos cos que o neno/a se relaciona adquiren o carácter de material didáctico,
xa que favorecen o desenvolvemento infantil independentemente de que se trate de
recursos fabricados cunha finalidade educativa ou non.
2.1. CLASIFICACIÓN DOS MATERIAIS
Hai unha gran variedade de criterios de clasificación dos materiais:
Segundo a súa estrutura interna: materiais estruturados (estrutura e finalidade ben
definidas: crebacabezas, construcións...) e non estruturados (estrutura e finalidade pouco
definidas: teas, tubos de cartón...).
Segundo as características da materia: materiais continuos (non poden dividirse en
unidades: auga, area...) e discontinuos (poden dividirse en unidades: pinzas, botóns...).
Segundo as áreas de desenvolvemento: materiais para o desenvolvemento sensorial
(móbiles, axóuxeres...), para o desenvolvemento motor (ramplas, túneles...), para o
desenvolvemento da expresión oral (contos, CD’s...), para o desenvolvemento do pensamento
lóxico-matemático (bloques lóxicos, balanzas e pesos...), etc.
Segundo as áreas curriculares: materiais para a área de coñecemento de si mesmo e a
autonomía persoal (espellos, peites...), para a área de coñecemento do contorno
(cunchas, láminas de animais...) e para a área de linguaxes: comunicación e representación
(marionetas, instrumentos musicais...).
Segundo a idade das crianzas: materiais para bebés (obxectos de goma, alfombras de
actividades...), para nenos de 1-2 anos (andadores, encaixables grandes...), para nenos de 2-
3 anos (triciclos, crebacabezas sinxelos...), etc.*
Segundo o seu desgaste: materiais funxibles (gástanse co uso: papel, ceras...) e non
funxibles ou inventariables (non se gastan co uso: reprodutor de CD’s, libros...).*
2.2. SELECCIÓN E ADQUISICIÓN DOS MATERIAIS A selección dos materiais debe obedecer aos seguintes criterios:
SEGURIDADE: materiais atraumáticos, atóxicos e lavables; mobiliario lixeiro.
ESTÉTICA: materiais atractivos para os nenos/as; mobiliario cálido.
FUNCIONALIDADE: materiais de manexo sinxelo, adaptados á idade dos nenos/as, polivalentes
(que permitan usos diversos), suxestivos (que favorezan a acción e a imaxinación en vez de
substituílas), resistentes e duradeiros ou fáciles de reparar; mobiliario facilmente amoreable.
CANTIDADE: materiais variados e suficientes en número, pero sen sobrecargar o espazo;
mobiliario básico que deixe espazo para o movemento.
Non todo o material debe ser comprado, senón que hai distintas posibilidades de
adquisición do material:
Material adquirido en tendas especializadas (convén analizar a relación calidade-prezo e
comprobar as posibilidades educativas que ofrece sen deixarse levar pola publicidade ou por
modas).
Material procedente do contorno ou achegado polas familias (materiais naturais, de
refugallo...).
Material elaborado polos educadores/as e os nenos/as.
2.3. DISPOSICIÓN, USO E CONSERVACIÓN DOS MATERIAIS A disposición dos materiais debe axustarse aos seguintes criterios:
ACCESIBILIDADE E VISIBILIDADE: os materiais deben estar á altura e alcance dos nenos/as, agás
os perigosos e fráxiles; para facelos visibles, poden gardarse en caixas sen tapa ou en contedores
transparentes ou cunha ventá para que se vexa o interior.
CLASIFICACIÓN E ETIQUETAXE: o material debe presentarse ordenado, agrupado segundo a súa
utilidade e etiquetado con símbolos ou debuxos, facilitando o seu recoñecemento.
DISTRIBUCIÓN DESCENTRALIZADA: o material debe colocarse en distintos puntos, de acordo
coas distintas zonas de actividade, permitindo o seu uso autónomo por parte das crianzas.
Algunhas orientacións para favorecer o uso correcto e conservación dos materiais
son:*
Non sacar todo o material á vez.
Establecer conxuntamente coas crianzas as normas de uso do material.
Evitar desigualdades por razón de xénero no uso do material.
Revisar o material a miúdo e retirar o deteriorado.
Prever un tempo para a distribución e recollida dos materiais.
Facer aos nenos/as corresponsables no coidado e recollida dos materiais.
A ORGANIZACIÓN DO TEMPO
3. A ORGANIZACIÓN DO TEMPO A organización do tempo na etapa infantil cobra unha especial relevancia: conseguir un
clima sosegado, sen présas, que permita ás crianzas vivir con intensidade cada
momento e gozar del é un obxectivo irrenunciable. A organización do tempo responde á
pregunta “cando ensinar?”.
No eido educativo, o tempo ten distintas acepcións:
Tempo físico: é a dimensión cronolóxica do tempo, o tempo real no que transcorren os
acontecementos. Eríxese nun contido educativo de primeira orde, xa que a aprendizaxe de
conceptos como “antes”, despois”, “onte”, “hoxe”, “mañá”, etc., é imprescindible para que os
nenos/as comprendan o mundo e se sitúen nel.
Tempo psicolóxico: é a dimensión vivencial do tempo, o tempo persoal que cada neno/a
necesita para os seus procesos de maduración e aprendizaxe. Trátase do ritmo vital que
precisa cada neno/a e que o educador/a debe aprender a respectar.
Organización do tempo: é a dimensión organizativa do tempo, a distribución do tempo ao
longo do curso, de cada xornada e de cada actividade de acordo con criterios educativos. Así
concibido, o tempo convértese nun recurso didáctico que o educador/a debe planificar, tendo
en conta dous factores: o calendario e o horario.
3.1. O CALENDARIO É o período de tempo no que se vai desenvolver a intervención educativa (por exemplo,
un curso escolar no caso dunha escola infantil ou 15 días no caso dun campamento).
Imos centrarnos no calendario escolar:
De acordo co Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de
menores e os centros de atención á infancia, as escolas infantís 0-3 da Comunidade
Autónoma de Galicia abrirán 12 meses ao ano, salvo causa xustificada.*
O calendario escolar dos centros públicos vén determinado pola Administración correspondente e
soe abarcar desde principios de setembro ata o 31 de agosto. Con carácter xeral, as escolas
infantís da Rede “A Galiña Azul” pechan o mes de agosto, podendo habilitar un determinado nº de
escolas de garda ou establecer un sistema rotativo entre aquelas escolas radicadas na mesma
zona no caso de haber unha demanda suficiente de prazas (polo menos, unha unidade internivelar
de 15 nenos/as de 0-3 anos).*
No calendario escolar deben fixarse polo menos os seguintes momentos: comezo do curso,
período de adaptación (non terá unha duración fixa), reunións de pais/nais, días festivos e
non lectivos, festas e celebracións, saídas, final de curso.
O período de adaptación debe planificarse coidadosamente para paliar na medida do posible a
ansiedade dos tres axentes implicados: nenos/as, pais/nais e educadores/as. Algunhas medidas
que se poden tomar son: entrada escalonada dos nenos/as en distintos horarios ou días, presenza
das familias durante un tempo, aumento progresivo do tempo de estancia no centro, relaxación nas
actividades para favorecer o benestar emocional e o coñecemento das persoas e os espazos,
tolerancia aos obxectos de transición... Este proceso repítese pero con menor intensidade cos
nenos/as escolarizados en anos anteriores e despois dos períodos vacacionais.
3.2. O HORARIO
Refírese á organización do tempo dentro de cada xornada.
Imos centrarnos no horario escolar:
De acordo co Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de
menores e os centros de atención á infancia, as escolas infantís 0-3 da
Comunidade Autónoma de Galicia abrirán durante un mínimo de oito horas
diarias, en xornada partida ou continuada, cinco días á semana de luns a venres.
Non obstante, respectando estes mínimos, cada centro poderá determinar os seus
horarios de apertura e peche ao público en función da demanda existente e da
necesaria conciliación da vida persoal, familiar e laboral.*
A organización da xornada escolar abarca dous aspectos complementarios:
a) O horario dos nenos/as.
b) O horario dos educadores/as.
a) O HORARIOS DOS NENOS/AS Consonte o Decreto 329/2005, evitarase que o neno/a prolongue a súa estancia na escola
infantil máis de 8 horas diarias, agás en circunstancias excepcionais (no caso de que
permaneza no centro 10 horas diarias ininterrompidas ou máis, fálase de servizo de horario
amplo).*
O horario efectivo de permanencia no centro dos nenos/as é moi variable: hai nenos/as escolarizados a
xornada completa (continua ou partida), escolarizados a media xornada (de mañá ou de tarde), que chegan
máis cedo e almorzan na escola (horario ampliado de mañá), que permanecen na escola máis alá da hora da
merenda (horario ampliado de tarde)... Con carácter xeral, disponse dunha marxe horaria flexible en canto a
entradas e saídas, pero fixando uns límites para non entorpecer o funcionamento normal da escola.*
O horario dos nenos/as planificarase atendendo a dous criterios:
ESTABILIDADE: cómpre ofrecer ás crianzas un marco temporal estable, regular, con puntos fixos de apoio
(rutinas) que lles dean seguridade e lles permitan interiorizar secuencias temporais e anticiparse ás
situacións.
FLEXIBILIDADE: a diferenza doutras etapas educativas, o factor determinante na confección do horario non
é a consecución dos obxectivos de aprendizaxe senón a adecuación ao ritmo vital de cada neno/a e ás súas
necesidades; non convén impoñer un horario ríxido de actividades senón seguir un horario orientativo que
deixe marxe para responder aos intereses das crianzas e a imprevistos.
Unha posible proposta de horario consiste en distribuír o tempo da xornada escolar arredor de
distintos momentos/tempos: momento da acollida, momento do xogo libre, momento das
actividades programadas, momento do recreo, momento do aseo, momento da comida,
momento da sesta, momento da saída.*
b) O HORARIOS DOS EDUCADORES/AS
O horario de traballo dun educador ou educadora dura como máximo
40 horas semanais (Estatuto dos Traballadores) e debe cubrir tres
áreas distintas:
Atención directa aos nenos/as (aprox. 35 horas semanais).
Atención ás familias (aprox. 2 horas semanais).
Traballo persoal, de equipo e de formación continua (aprox. 3 horas
semanais, coa posibilidade de acumular as horas de formación e consumilas
realizando cursos, seminarios, etc.).
OS RECURSOS PERSOAIS
4. OS RECURSOS PERSOAIS
Os recursos persoais fan referencia ao conxunto de persoas que
participan na intervención educativa.
Desde unha perspectiva restrinxida, a planificación dos recursos persoais
responde á pregunta “quen ensina?” e supón determinar e organizar o
conxunto de profesionais necesarios para desenvolver o proceso de ensino-
aprendizaxe (recursos humanos).
Desde unha perspectiva máis ampla, a planificación dos recursos persoais
inclúe tamén decisións metodolóxicas relativas á organización das relacións
entre as persoas implicadas no proceso de ensino-aprendizaxe, como por
exemplo as decisións sobre o tipo de agrupamento dos nenos/as que
resulta máis adecuado para desenvolver unha determinada acción
educativa.
4.1. O PERSOAL DA ESCOLA INFANTIL E OUTRAS INSTITUCIÓNS
a) O persoal da escola infantil:
As ratios e requisitos de persoal das escolas infantís 0-3 na Comunidade Autónoma de
Galicia veñen establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan
os centros de menores e os centros de atención á infancia:*
Ratios: 1/8 en unidades para 0-1 anos, 1/13 en unidades para 1-2 anos, 1/20 en unidades para 2-
3 anos. No caso de non existir demanda suficiente para formar grupos da mesma idade: 1/10 en
grupos de 0-2 anos, 1/15 en grupos de 0-3 anos.
Requisitos do persoal de atención directa aos nenos/as: licenciado/a en pedagoxía ou
psicopedagoxía, mestre/a especialista en Educación Infantil ou equivalente, técnico superior en
Educación Infantil ou equivalente. O nº destes profesionais será igual ao nº de unidades en
funcionamento máis un. A dirección pedagóxica recaerá nalgún dos membros do persoal coa
titulación de licenciado/a ou mestre/a. Ademais, deberá haber polo menos unha persoa de apoio á
atención e coidado dos nenos/as (en posesión dalgunha das titulacións anteriores ou
daqueloutras recoñecidas como apropiadas polo órgano competente).
En xeral, o persoal da escola infantil está composto por:*
Director/a.
Persoal docente, persoal educativo ou persoal de atención directa aos nenos/as.
Persoal non docente ou persoal de administración e servizos (PAS): persoal de servizos xerais
(PSX; limpeza, portaría, lavandaría...), persoal de servizos específicos (cociña), persoal
administrativo (auxiliar administrativo).
4.1. O PERSOAL DA ESCOLA INFANTIL E OUTRAS INSTITUCIÓNS (cont.)
b) O persoal doutras institucións:
As ratios e requisitos de persoal das ludotecas na Comunidade Autónoma de
Galicia veñen establecidos no Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que
se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen
os seus requisitos.*
Tanto no ámbito da escola infantil como nos proxectos de educación non formal,
algúns criterios a ter en conta á hora de organizar o traballo dos educadores/as
son os seguintes:
ESTABILIDADE COS NENOS/AS: procurarase a permanencia dos mesmos
educadores/as con cada grupo de crianzas, evitando a rotación, para favorecer a
creación dun vínculo emocional estable e seguro.
TRABALLO EN GRUPOS PEQUENOS: canto menor sexa o grupo, maior será a
calidade da educación (relación máis estreita, aumento das posibilidades de
observación, atención individualizada....).
TRABALLO COORDINADO: os educadores/as planificarán o seu traballo co resto
do equipo educativo e en colaboración coas familias e con outros profesionais.
4.2. O AGRUPAMENTO DOS NENOS/AS
Con carácter xeral, na escola infantil os nenos/as organízanse en grupos estables
en función da súa idade (grupos homoxéneos: 0-1, 1-2, 2-3). Non obstante, a
educación non formal e as escolas unitarias permiten a organización de grupos
heteroxéneos nos que nenos/as de diferentes idades conviven e aprenden uns
doutros.
Independentemente dos grupos de referencia aos que se adscriban as
crianzas, tanto na educación formal como na non formal, a flexibilidade é
indispensable para organizar os nenos/as en distintos tipos de agrupamentos en
función da situación de aprendizaxe:*
Actividades individuais: hábitos de autonomía, grafomotricidade...
Traballo en pequenos grupos: recantos, obradoiros...
Traballo no grupo aula ou en grupos medianos: asemblea, cancións...
Traballo en gran grupo: saídas, festivais...
MAIS HAI OUTRO RECURSO QUE CONDICIONA OS DEMAIS...
http://www.youtube.com/watch?v=keIPjaNF0dU