CELEBRACIÓN DO VII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2015
Despois dunha intensa semana dedicada aos preparativos para a “VII Rastro Solidario e Operación Quilo
2015” chegou o tan ansiado venres (non só por esta xornada tan especial, senón tamén porque sempre coincide co
comezo das vacacións de Semana Santa). Os rapaces e rapazas de 4º da ESO, auténticos veteranos (levan
presenciando ano tras ano, desde que teñen uso de memoria, a celebración desta actividade que xa é todo un
referente no noso centro educativo) foron os encargados de atender os diferentes mostradores de compra-venda,
mentres que un grupiño de pais e nais centrábanse na tarefa de trocar alimentos por vales e ir organizando os
paquetes de alimentos en caixas.
Non tardaron de chegar á primeira hora da mañá o grupiño de nenos e nenas de educación infantil, que
viviron este acontecemento con moitísima ilusión e alegría. Viñeron cargados de bolsas de arroz, pasta, galletas,
etc. e volveron tamén cargados con moitos xoguetes… E así, curso por curso, desde os máis pequenos ata os
maiores que cursan a ESO, foron pasando todos os grupos acompañados cos seus profesores. As imaxes que
acompañan esta crónica amosan o dinamismo e satisfacción de todos/as os asistentes: rapaces/as, profesores/as,
familias, cociñeiras, bedel, administrativa, etc… Sen esquecernos das visitas: Ramón Molina (coordinador da Rede
de Centros Escolares Solidarios do Plan Proxecta, Xunta de Galicia), María Caride (técnico da ONG Solidariedade
Internacional Galicia), Mª José Tejeras (técnico da ONG Ayuda en Acción), e un grupo de alumnas de Comunicación
Audiovisual que viñeron gravar e documentar o evento.
Quixemos completar esta xornada tan especial coa realización de actividades paralelas: en sesión de mañá
o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participou dun divertido e didáctico obradoiro ofertado por Xuventude e
Voluntariado (Xunta de Galicia), mentres que na biblioteca escolar o alumnado de 4º de primaria realizada a
gravación dun especial radiofónico coa axuda de Lucía Abarrategui e Sergio Pascual (Radio Itinerante Creativa).
Despois do xantar o noso compañeiro Álex de 3º da ESO agasallou aos rapaces/zas de 5º, 6º primaria e ESO cun
espectáculo de DJ na aula de Usos Múltiples, e posteriormente o grupo de alumnos/as pertencentes á Rede
Solidaria da Mocidade Entreculturas reuníronse con Sandra Rodríguez, técnico desta ONG, para programar as
actividades que se desenvolverán neste último trimestre.
E por si fora pouco todo o que esta xornada nos aporta como centro, aínda hai que engadirlle a montaña
de alimentos que proximamente levaremos á Cociña Económica de Ferrol, así como os 232’30 euros que se
recadaron na caixa de doazóns, que tamén irán destinados a esta institución ferrolana.