Download - Bacon-08-09-t2
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
1
Textos propostos polo Grupo de Traballo para a preparación das PAAU
F. BACON —Texto 2 BACON; The New Organon, Aforismos [Libro Primeiro]
I. O home, servo e intérprete da Natureza, pode facer e entender tanto como lle permita a
observación empírica ou teórica do curso da natureza. Máis aló, non sabe nin pode nada.
II. Nin a man nin o entendemento por si sos teñen demasiada potencia. O traballo faise mediante
axudas e instrumentos, necesarios tanto para a man como para a intelixencia. E así como os
aparellos manuais dan movemento ou o guían, así os instrumentos da razón proporcionanlle
suxestións ou cautelas ó entendemento.
III. O coñecemento é a medida de todo poder humano, pois non se pode producir efecto ningún se
non se coñece a causa. A natureza, para ser dominada debe ser obedecida, e o que na contemplación
é a causa, na práctica é a regra.
IV. Para producir traballo, todo o que o home poder facer é xuntar ou separar corpos naturais, o
resto faino a propia natureza traballando dende dentro.
(…)
VIII. Ademais, os descubrimentos feitos ata o de agora son máis debidos ó azar e á experiencia do
que á ciencia, pois as ciencias das que dispoñemos son meros sistemas para organizar e presentar
cousas xa inventadas e non métodos para o descubrimento de novas invencións ou para sinalar
orientacións para novas industrias.
(…)
XI. Do mesmo xeito que as ciencias das que dispoñemos non nos serven para atopar novas
industrias, tampouco a lóxica actual nos vale para atopar novas ciencias.
XII. A lóxica actual serve máis para perpetuar e estabilizar os erros orixinados polos prexuízos
herdados que para axudar na procura da verdade. Por iso fai máis mal ca ben.
(…)
XIX. Só hai e só pode haber dúas vías para buscar e atopar a verdade. Unha primeira que,
remontándose dende a experiencia e os feitos, formula directamente os principios máis xerais e que,
considerándoos firmemente establecidos e incuestionables, procede a xulgar e a tratar de descubrir
as leis intermedias. Esta é a vía actualmente de moda. A outra vía deduce principios a partir dos
feitos da experiencia e ascende gradualmente e sen descontinuidades ata alcanzar ó cabo os axiomas
máis xerais. Este é o camiño correcto, pero nunca se percorreu.
XX. A intelixencia deixada ó seu libre albedrío toma o mesmo camiño (léase, o primeiro) que segue
cando se trata de asuntos lóxicos. Porque a razón ansía elevarse rapidamente ás posicións máis
abstractas e descansar, aínda que só realizase un mínimo esforzo experimental. E a lóxica, coa
solemnidade e o brillo das súas argumentacións, non fai senón incrementar este defecto.
(...)
XXII. As dúas vías anteriores comezan nos sentidos e terminan nas abstraccións máis elevadas,
pero a diferenza entre elas é infinita. Unha unicamente bota de pasada unha rápida ollada ós feitos
empíricos, a outra afonda neles debidamente e de xeito sistemático.
A primeira comeza establecendo algunhas xeneralidades abstractas e inútiles, a segunda ascende
gradualmente cara á formulación de leis intermedias e máis propias da natureza.
(…)
XXVI. Para diferenciar, chámolle Anticipacións da Natureza (no sentido de precipitadas ou
prematuras) ás conclusións da razón humana tal e como se aplican normalmente en asuntos de
ciencia natural. Á forma de razón que se extrae dos feitos mediante un proceso xusto e metódico
denomínoa Interpretación da Natureza.
(…)
XXXI. É ocioso esperar calquera avance significativo na ciencia a partir de enxertos novos nos
vellos coñecementos. Debemos comezar de novo dende os fundamentos mesmos senón queremos
xirar sempre no mesmo círculo con progresos desprezables.
(…)
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
2
XXXVI. Só nos queda un método para facer chegar o noso método: debemos conseguir que os
homes vaian ós feitos mesmos, ás súas series e á súa organización, e que acepten familiarizarse con
eles abandonando por un intre os seus conceptos.
(…)
XXXVIII. Os ídolos e falsas nocións que actualmente dominan a intelixencia humana e que teñen
arraigado firmemente nela, non só sitian (lit. cercan) as mentes dos homes ata o punto de que a
verdade a duras penas pode entrar nela, senón que, mesmo despois de que esta entrase nas mentes,
aparecerán de novo poñendo problemas cando queira instaurarse nelas a ciencia, a menos que os
homes, avisados de antemán, se fortifiquen tanto como poidan contra os seus ataques.
XXXIX. Hai catro tipos de Ídolos que acosan a nosa mente. Para diferencialos asigneilles nomes,
chamándolle á primeira clase Ídolos da Tribo; á segunda Ídolos da Caverna; á terceira, Ídolos do
Foro e á cuarta Ídolos do Teatro.
XL. A formación das ideas e das leis mediante a verdadeira indución é a mellor forma de librarse
dos ídolos. Non obstante, identificalos é de grande utilidade, posto que a doutrina dos Ídolos xoga o
mesmo papel na interpretación da natureza que a refutación dos sofismas na lóxica convencional.
XLI. Os Ídolos da Tribo teñen os seus fundamentos na propia natureza humana, nas tribos e razas
de homes. É unha afirmación falsa que os sentidos do home sexan a medida das cousas. Polo
contrario, todas as percepcións dos sentidos e da razón adáptanse á medida do individuo, non á da
natureza. E o entendemento humano é como un falso espello que, recibindo raios irregularmente,
distorsiona e descolora a natureza das cousas coa súa propia contribución.
XLII. Os ídolos da Caverna son os ídolos de cada individuo. Pois todo o mundo ten (ademais dos
erros comúns de toda a natureza humana) unha cova ou refuxio de seu que refracta e descolora a luz
da natureza, formada xa sexa pola súa propia e peculiar natureza, pola súa educación e conversación
con outros; polas súas lecturas, pola autoridade ou estima que lles outorga a aqueles ós que admira;
polas diferentes impresións que se producen nunha mente inqueda e predisposta respecto a outra
indiferente e asentada, ou por outras razóns semellantes. Así pois, o espírito humano, tal e como
está disposto en cada un dos homes, é de feito unha cousa variable e chea de turbacións, case coma
rexida polo azar. De aí que xa fora observado por Heráclito que os homes buscan a sabedoría nos
seus pequenos mundos persoais, non no grande e común mundo universal.
XLIII. Hai tamén Ídolos formados polas relacións e asociacións humanas, ós que eu chamo Ídolos
do Foro, debido a que é aí onde teñen lugar o comercio e o consorcio dos homes. Pois os homes
relaciónanse mediante o discurso, e as palabras impóñense normalmente de acordo coas acepcións
que pode comprender o vulgo. E, deste xeito, a elección errónea e inadecuada das palabras
imposibilita completamente a correcta comprensión. E isto non o arranxan nin sequera as
definicións ou as explicacións das que se provén os homes estudados para defenderse. As palabras
violentan e dominan o entendemento e arrástrano á confusión, conducindo os homes a innumerables
controversias baleiras e imaxinacións ociosas.
XLIV. Por últimos, hai Ídolos introducidos nas mentes humanas por dogmas filosóficos e perversos
métodos de demostración. A estes chámolles Ídolos do Teatro, pois no meu xuízo todos os sistemas
que recibín non son senón pezas teatrais nas que se representan mundos fantásticos escenificados de
xeito irreal. Non me refiro unicamente ós sistemas que agora están de moda ou ás antigas seitas de
filosofía, senón tamén a outras moitas do mesmo tipo que poderán inventarse e propoñerse en
adiante do mesmo xeito artificial, demostrando que erros moi diferentes entre si teñen causas moi
semellantes. Tampouco me refiro unicamente a sistemas completos de pensamento, senón tamén a
moitos principios e axiomas da ciencia que se teñen aceptado por tradición, credulidade e
neglixencia.
Pero debo falar destes tipos de Ídolos máis exacta e pormenorizadamente, posto que a intelixencia
debe ser convenientemente advertida.
FRANCIS BACON; Novo método ou Manifestacións sobre interpretación da natureza,
1620, Aforismos [Libro Primeiro]. Tradución de Luis M. Varela Cabo (USC) e
Teresa Miñambres (IES Eduardo Pondal, Santiago de Compostela)