capítulo 1: as desventuras dun monifate ceibe de fíos

28
1

Upload: vila-de-denantes

Post on 30-Jan-2016

237 views

Category:

Documents


0 download

DESCRIPTION

As desventuras dun monifate ceibe de fíos. Un actor, abandonado polo seu grupo de teatro, chega a Denantes.

TRANSCRIPT

Page 1: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

1

Page 2: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

Sinopse: Un actor, abandonado polo seu grupo teatral, chega a Denantes.

Este eBook atópase baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - NonComercial - SenObraDerivada.

Lenda: -Localización espacial-, /nNarrador\, Personaxes que interveñen, [Localización temporal]

2

Page 3: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

ÍndiceAs desventuras dun monifate ceibe de fíos.......................................................................................4Ummm, froita!...................................................................................................................................5E ti de quen ves sendo?.....................................................................................................................6Contraataca o risado..........................................................................................................................6Preferencias laborais..........................................................................................................................8E ese aposto mozo?...........................................................................................................................8Á busca de leito.................................................................................................................................8Todo queda na casa..........................................................................................................................10Identidade oculta..............................................................................................................................11Negocios..........................................................................................................................................12Branco mortuorio............................................................................................................................13Opresión pectoral............................................................................................................................15Hora leda.........................................................................................................................................17Procurando acougo espiritual..........................................................................................................18Como de confortable é o meu futuro fogar?....................................................................................20Rodolfo............................................................................................................................................21O canto das gaivotas........................................................................................................................22Últimos preparativos.......................................................................................................................23Farándula.........................................................................................................................................25Comentarios cinéfilos......................................................................................................................25Triunfo.............................................................................................................................................26Denantes, adeus, para sempre adeus!..............................................................................................26

3

Page 4: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

As desventuras dun monifate ceibe de fíos

-Fraga-, /nActor\, Actor, [Hoxe]

—Non digo que o fagas mal, mais poderías pronunciar os uves coa boca...

—Abaixo!

—Pero...

—Abaixo! Xa me tes chea, que te aturen os raposos da fraga.

—Non me podedes facer isto. Mirade como vou, non sei onde estamos, como ides actuar sen

min?

—Xa nos amañaremos, “vfai” tranquilo.

A ignominia é dolorosa abondo para que non caia no pánico por atoparme abandonado en

ningures. Ata a cidade aínda queda un bo treito en coche, como para pensar en percorrer ese camiño

a pé. Vou esperar un anaco a ver se pasa alguén que me poida achegar. Seguro que os rapaces xa se

están a arrepentir do impulso, o seu complexo de inferioridade e o irascible do seu carácter a miúdo

teñen estas consecuencias; pero no fondo saben que non lles asiste a razón.

Perdín a conta do que levo a esperar aquí xa. Tan bo era ese atallo que colleu Ramón, que non

o ha de coñecer ninguén. Non me podo arriscar a seguir agardando ao pé do camiño, se me colle a

noite vou estar en verdadeiros problemas. Algunha agrupación de casas ten que caer preto, podo ir

por aló ou mesmo por acó; non se fale máis, collo este camiño que me queda máis a man.

Unha árbore no medio da cidade está ben, pero tantas xuntas satúranme o olfacto. Estaba

comezando a pensar que esta era unha fraga virxe, pero non, parece que nesa gran rocha hai unha

inscrición: “Está a piques de se internar en Denantes, trabucouse na encrucillada”. Seica imos polo

bo camiño aínda que esta verea semelle angosta en exceso para ser a entrada a algures, ademais a

maleza penetra salvaxe nela, non semella que transite xente con certa periodicidade. Quen sabe

cantos tipos de bestas estarán á espreita na beira do camiño.

4

Page 5: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

Ummm, froita!

-Fraga-, /nActor\, Actor, Maro, [Hoxe]

Á fin unha ánima. Por un carreiro que se incorpora á senda que estou a seguir, baixa un vello

cunha cesta. Voume acercar a lle preguntar se este é o camiño correcto para ir dar ao pobo.

—Desculpe, señor.

—Que raio pasa? —xirouse— Hordiá! Un forasteiro!

—Si, poderíame dicir se vou ben por aquí para chegar á vila?

—Vas, oh, vas; vas ben de carallo! A que vila tes pensado ir?

—Segundo unha rocha de alí arriba, a Denantes.

—Pois si que es tan parvo como pareses... Si, seghe por aquí... seghe, seghe... —indicándome

coa man que fose todo recto.

—Moi agradecido. Impórtalle que lle faga outra pregunta? —dixen tentando á sorte.

—Que cona vai mal no teu maxín pra pensar que non me importou a primeira? —contestou

alporizado.

—Eeeh... ben, de calquera maneira, que é iso que leva na cesta? —a curiosidade foi máis

forte có medo que me producía aquel ancián, descoñecía que eran aquelas bólas albas que levaba na

canastra.

—Isto? Isto é risado, unha froita d'eiquí. Proba, rapás, cómese como se fose unha masá —o

antipático vello debuxando un bondadoso sorriso.

—De verdade que me dá un? O certo é que teño algo de fame.

—Pois claro, fillo, ten, seghuro que non te viras noutra —replicou mentres mantiña ese ceno

amable.

—Non, nin sabía da súa existencia.

—Pois veña, dálle unha boa dentada. Na vida probaches bocado tal —achegándome un froito.

Trabei e mastiguei con ímpeto naquel exótico manxar, crocante e fresquiño. Ten un sabor

peculiar, un tanto forte, a miña lingua... o xantar estáse a pór a mal co meu estómago... buuuu...

buuuu.... buuuuuaaahhh!

—Foder! Aínda que vas vestido coma un maricallo, hai que recoñeser que tes collois. Manda

cona, botarlle semellante trabada a un risado fresco... había moitos anos que non vía cousa tal! He,

5

Page 6: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

he!

Estiven axeonllado ata que terminei de botar o leite materno. Vai ter razón a pena, tirei para o

lado equivocado na encrucillada. Como todo o mundo aquí sexa tan hospitalario coma o vello do

demo que a saber por onde andará xa... Pero no meu estado, non penso poñerme a desandar costa

arriba, baixo ata a vila e que sexa o que Deus queira.

E ti de quen ves sendo?

-Fraga-, /nActor\, Actor, Faxildo, [Hoxe]

Por detrás dun piñeiro apareceu un home calvo e rexo andando de crequenas. Ao me ver,

xirou a cabeza amosando un ceno curioso, achegouse onda min e, sen mediar palabra, foime polas

costas e comezou a cheirar con ímpeto o meu traseiro.

—Desculpe... Desculpe... DESCULPE!!! Pódese saber que raio anda a facer?!

—De que outra maneira podería saber de quen ves sendo?

—... —Non atinei a articular palabra.

—Seica andas moi lonx' do teu foghar, nin es d'eiquí, nin tes parentes en Denantes.

—Contra! E eu que pensaba que andaba limpo e perfumado abondo...

—O home moderno e a súa ansia por ocultar a súa naturesa. Así vai o mundo!

Marchou correndo detrás dunha denociña que cruzaba a fraga naquel momento, perdéndose

na espesura do bosque.

Contraataca o risado

-Fraga-, /nActor\, Actor, Xuli, [Hoxe]

Comezo a me sentir estraño. A polpa da tóxica froita que cría erradicada do organismo, sinto

agora como bule pola miñas veas. A sensación de mareo abandonoume o estómago para se instalar

no maxín. Todo está a acadar un aire irreal, as cores gañan en contraste, os sons da natureza parecen

proceder dunha paraxe distante e as árbores desta parte da fraga semellan adoptar un impropio

6

Page 7: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

comportamento humano: configuracións antropomorfas que escenifican as máis macabras situacións.

As pólas dun espécime anobélanse contra “o pescozo” do veciño, que mesmo parece ter un xesto de

agonía por ser estrangulado; outra árbore, cunha “faciana” de xenreira, terma dun obxecto afiado (en

realidade é a follaxe que só está presente no extremo da galla) mentres á súa beira hai un exemplar

cunha ferida aberta da que emana recina; outros semellan desmembrados; aqueles...

Un episodio de pánico percórreme o espiñazo, darei saído algunha vez deste monte? Dende

as pólas, brazos e dedos deses entes arbóreos, os paxaros parecen estar a chamar por min, tentando

me seducir para que quede compartindo con eles esta clorofílica gaiola. Móvome por pura inercia,

apenas sinto xa os pés... que demo está a pasar? Como é posible? A onde vin dar?

De costas, axexando tras un piñeiro, hai un rapaz de raza negra. Esfrago con forza nos ollos

esperando que as visións abandonen o meu caletre. Despois de retirar as mans, non son capaz de

definir os contornos de inmediato, vanse debuxando devagar. A imaxe por fin se amosa con total

nitidez: segue aí!

Achégome con tento, dentro das limitacións da miña actual situación. Acaba de se decatar da

miña presenza. Ergo os brazos coas palmas estendidas, facéndolle saber que non son unha presenza

hostil.

—OLA! ENTENDER MIN?

—Unga-lunga? —foi a súa resposta con cara de estrañeza.

—FALAR MEU IDIOMA? —preguntei golpeando o peito coa palma da man ao pronunciar o

“meu”.

Axítase un gamallo ao fondo e o rapaz —vale, a miña alucinación— bota a correr nesa

dirección, ten unha zancada potente ao tempo que elegante. Sempre temín morrer dunha maneira

estúpida, pero finar envelenado pola inxestión dun froito subministrado por unha persoa maior,

debeulle acontecer con anterioridade só a Brancaneves.

7

Page 8: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

Preferencias laborais

-Veiga-, Abilio, Xusto, [Hoxe]

—Oes, Xusto, ti que prefires? Sachar nas patacas ou nos croques?

—E ti, Abilio, que che dean unha patada nos collois ou no narís?

E ese aposto mozo?

-Fiestra-, /nSibila\, Actor, Sibila, [Hoxe]

Quen é ese que vén por aí? Trae un andar dificultoso, apenas se ten en pé. Agora que xa está

máis preto, vese que non é da vila. Abofé que aparenta un home atractivo, alto, novo, ben parecido,

cun ar doutro tempo, de galán barroco. Leva unha gorgueira, chaqueta corta de seda por riba dunha

camisola frouxa de mangas acoiteladas e unha sorte de saia masculina cunhas polainas. Incluso ese

aspecto desvalido que ten neste intre, outórgalle o seu aquel. Nunca sopesara a opción de que

puidese ser un forasteiro, mais visto con certa perspectiva, pode ter incluso as súas vantaxes.

Definitivamente é un bo candidato.

Á busca de leito

-Paporroibo-, /nActor\, Actor, Belisario, Iago, Olga, [Hoxe]

—Ola, boa tarde. Pódeme servir un vaso de auga?, por favor —o bulicioso bar quedou en

completo silencio á miña chegada.

—Vaia! Isto non se ve tódolos días, unha visita! Non trae boa cara. Tome.

—Graciñas. Si, atópome un tanto mareado —apoiándome nun tallo para non rematar no piso.

—Ben lle se nota —dixo o taberneiro, un home repoludo de abundante peluxe e escaso

cabelo.

O sabor residual do risado adherido ao padal fixo que aquel non fose un grolo de sabor

agradable, mais si reparador.

8

Page 9: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Ninghén o vai preghuntar? Veña, xa o fagho eu: por que vas vestido desa maneira? —dixo

un home que estaba na barra, rachando cun amplo silencio no que volvín acadar un estado próximo

ao humano.

Tanto tempo a vagar pola fraga e non se me ocorreu pensar en que dicir ao chegar á vila.

Dende logo que a verdade non é unha opción, en que situación me deixaría ante estes pailáns? Pensa

algo, e axiña!

—Non lles podo comentar máis para non estragalo, por favor non me pregunten, pero son

actor, e a miña chegada a Denantes é parte dun exercicio artístico —pero que grande son, á hora de

improvisar tampouco teño igual.

—Xa que non nos quere falar dese exersisio, cóntenos por que cheghou neste estado? —o

propietario d'O Paporroibo cambiando de tema acorde aos meus desexos.

—Vin a pé polo monte (xa saben, non pregunten), atopando no meu camiño un vello que me

deu a comer unha froita, risado seica a chaman vostedes...

—Pero risado fresco?, acabado de recoller da riseira? —interrompeume un home novo que

tamén estaba diante dun viño na barra.

—Moito me temo, si. E despois...

—Xa, non é presiso que dighas máis, ben che se ve na fasiana que estás a piques de gholsar

só de lembralo. Abofé que todos os que estamos eiquí sabemos o que susede cando un proba o risado

fresco —aforrándome o taberneiro o mal trago.

—Pois non puido ser outro có cabrón de Maro —dixo o home novo cun leve sorriso instalado

no rostro—. Cóbrame o que che debo, Bili, que o deber chámame.

—Son dous ghatos e tres micos, Iagho. Que che se perderá na funeraria destas horas...

—Os mortos son moi seus, sempre hai algho que faser. Veña, xente, deica! —Iago marchou

despois de pagar cunha estraña moeda.

—Fixeime en que non lle pagou con cans. Non sabía que utilizaban outra moeda, teñen por

aquí un banco para trocar algo de cartos para lle pagar?

—Nesta vila ós ladrois mandámolos ó caldeiro, non lles poñemos locais pra que rouben

comodamente. Pero non se preocupe, pode paghar con cans. E díghame, canto ten pensado quedar

por eiquí? —preguntoume Belisario, poñéndome sen sabelo nun compromiso. Despois de

inventarme o do exercicio, non podo dicir que marcho decontado, terei que pasar cando menos o día

de mañá tamén aquí, por pouco que me entusiasme a idea.

9

Page 10: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Non o teño todo decidido, se cadra marcho mañá á tardiña. Que opcións hai para saír de

aquí? Creo que subir a pé de volta non me seduce —case sen me decatar, O Paporroibo volve ser o

lugar ao que entrei, xa non sinto os ollos de toda a sala pegados á caluga.

—Moi ben comunicados non estamos, pra que neghalo. A mellor opsión é colle-lo vapor que

o leva ata a sidade, o próximo é en dous días, á mañansiña —vou ter que pasar unha xornada enteira

neste lugar máis o que queda de tarde. Se nunhas horas aquí xa estou así... que Deus me asista!

—Así o farei. Hai algunha pousada por aquí para pasar estas dúas noites?

—He, he, he! Si, claro! Está xustiño onda o consesionario de coches... Vostede sabe cantos

visitantes ten Denantes cada ano? —dixo o home colorado pola risa, igual có resto de seareiros que

estaban sentados á barra.

—Arriscareime... Apenas ningún?

—Esato! Quen ía querer poñer un hostal aquí? Nós tiñamos unha habitasión pr'estes casos,

pero hai tanto tempo que non lle dabamos uso, que a enchemos de trastes.

—Cun lugar para durmir éme suficiente. Con poder chegar á cama, non importa que haxa

cousas polo medio.

—Olgha, aténdeme eiquí, que vou retirarlle as trapalladas ó moso pra que poida quedar un

par de noites no cuarto de arriba.

—Non me sexas chafallas, adesenta aquilo un pouco, e limpa o po; non lle vaia dar mal con

tanta merda que hai alí acumulada —a súa dona, con man firme.

—De verdade que non fai falla, con pouco confórmome. Non lles quero causar molestias.

Todo queda na casa

-Igrexa-, /nDon Brais\, Don Brais, Cosme, [Hoxe]

—Ave María purirma.

—Sen pecado concibida. Dime... fillo.

—Volvino faser.

—O que?

—Que vai ser? Ela búscame, ponse toda melosa, e inda que trato de me resistir, sonlle

demasiado débil.

10

Page 11: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Mmmm...

—E ademais como se fosemos animais, collina por...

—Os detalles non son precisos, Cosme.

—Este fornisio non só ofende a Deus, cada ves que penso en meu irmán e no sobriño... Como

podo ser tan cabrón? Se cadra o mellor é que marche lonx' de Denantes, que colla as miñas cousas

unha noite pra non reghresar xamais.

—Pero, fillo, como se che pasa sequera polo maxín facer cousa tal? Tanto teu irmán coma seu

fillo téñenche moito aprecio, non soportarían perderte.

—Está a defender o adulterio?

—Adulterio é unha palabra moi fea. Vós sodes irmáns, e por tanto tedes o deber de

compartilo todo. Se vos queredes e vos respectades, aínda que pase isto de cando en vez, que

dalgunha maneira pode axudar a manter unido a ese matrimonio; para Deus estará ben.

—De verdade o cre?

—Pois claro. Non tes ningunha outra cousa que confesar?

Identidade oculta

-Paporroibo-, /nActor\, Actor, Elixio, [Hoxe]

—Sei quen é —dixo un home que se acababa de achegar á barra, onde estou a lle botar un

grolo arredado dos demais.

—Asistiu a algunha das miñas representacións? —expuxen unha hipótese.

—Pode deixar a tapadeira comigho, sei que vén de moi lonx' —articulou en voz baixa, con

complicidade, para botar a continuación unha ollada derredor con desconfianza.

—Xa, non son de aquí, pero tampouco é que viva a tantísimos quilómetros.

—Comprendo que queira aghocha-la realidade a todos estes aldeáns que non serían quen de

aseptala, pero non teña medo comigho. Sei que vén de lonx', pero de lonx' de verdade, non catro

pobos máis aló, senón varios séculos alén.

—Entón segundo vostede, eu... —dixen para a continuación morderme o beizo inferior.

—É un viaxeiro no tempo. Teño que ghabarlle o personax' improvisado, case me conseghe

despistar. Pero esa roupa... está demasiado ben feita pra ser un disfrase pr'unha obra de teatro, ben se

ve nos tesidos e no acabado —se soubese o proceso de fabricación destes trapos... dende logo que bo

11

Page 12: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

ollo non ten este demente.

Dar con alguén con desordes psíquicos en Denantes, baseándome na miña curta experiencia,

parece algo do máis habitual, e intentar razoar, non semella que vaia ser produtivo. Deámoslle renda

solta ao meu talento interpretativo.

—Está ben, colleume —dixen baixando o ton de voz—. Podo contar coa súa discreción? —

ao escoitar estas palabras, iluminóuselle a faciana.

—Dende logho que si —respondeu con importancia—. É un deles?

—Mmm...

—Xa sabe a quen me refiro.

—Non, non exactamente.

—Non me digha máis, tamén o controlan.

—Algo así —a quen se estará a referir?

—Conte, como é iso de viaxar no tempo, doe?

—Non lle vou negar que un pouco si, un descomponse para volver compoñerse no pasado ou

no futuro, é un proceso se cadra máis molesto ca doloroso —por exemplo.

—De onde vén aghora?

—Esa é unha resposta que non lle podo responder, pola súa propia seguridade —asinte coa

cabeza.

—Díghame polo menos que fai eiquí?

—Non deixa de ser un accidente común nas viaxes no tempo, un non sempre remata onde

pretende.

—U-la máquina do tempo? Tena aghochada no monte?

—Ao principio dos... —como se chamaba ese deus grego?— da... crono... navegación, ao

principio da crononavegación é certo que se usaban grandes máquinas, mais agora, o trebello colle

nun peto. Coidado, alguén se achega! Disimule, cónteme algo sobre galiñas ou algún deses temas

dos que falan por aquí.

Negocios

-Igrexa- /nLandelino\, Landelino, [Hoxe]

12

Page 13: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Tróuxoa.

—Por aquí ha de andar...

—Canto?

—O habitual, nin máis nin menos.

—Pero como de adulterada está?

—O xusto.

—Só me podes ofreser isto?

—Polo momento; pero tranquilo, ben non a remates, terei nova mercansía.

—Aquí tes os cartos.

—Tanto ghusto —persignase mentres fai a xenuflexión cara o altar—. Volverémonos ver

pronto.

Branco mortuorio

-Paporroibo-, /nActor\, Actor, Abisinio, Belisario, Lito, Senén, Galilea, Xuli, [Hoxe]

—Cacho cariña me traes, non che sentou ben o ar fresco, ou?

—Ponme unha, Belisario, non ides crer o que acabo de ver aí fóra. Coido que debo de estar

aínda intoxicado polo risado, porque xa antes na fraga vira cousas estrañas, pero o de agora...

—Pero non vomitaras o risado? —preguntoume Abisinio, un dos vellos habituais d'O

Paporroibo.

—Home, non había quen tragase aquilo, pero supoño que algo chegou ó estómago e logo ó

sangue, porque estas visións...

—Cando eramos novos, unha das tolerías que fasiamos era ver quen papaba a maior

cantidade de risado fresco. Claro que nunca cheghamos a traghar nin un anaco que non saíse axiña

coa sena do día anterior. Porén, ninghún de nós tivo nunca visiois.

—Non me parés' tan estraño que tivese alghún episodio alusinatorio polo risado que papou na

fragha, tede en conta os efectos do risado ó coserse na pota. Unha trabada en cru ten que ter tal

consentrasión desa substansia, que non sería raro que unha persoa pouco, nada neste caso, habituada

a el, se vise afectada ata ese punto. Da mesma maneira que os efectos dun viño nalghén que nunca

bebeu, son moito máis fortes que noutro acostumado, cheghando a se emborrachar cunha pequena

cantidade —entrou na conversa unha muller alta, fraca pero atractiva, de verbo fácil e con moita

13

Page 14: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

seguridade nas súas palabras.

—Se o dis ti, Ghalilea, créoo —Belisario confiou na palabra da muller—. E logho, que foi o

que viches aí fóra?

—Supoño que xa non ten moito sentido, pero en fin, de primeiras pensei que se trataba dun

home. Era unha figura enxoita, vestía uns zapatos lustrosos, un chaleco a cadros e un fungo do que

escapaban unhas longas gadellas, o curioso é que aínda que tiña mans de persoa, a cara era a dun

esqueleto. As pasadas que ás veces nos xog... —unhas vellas sentadas nun dos fondos comezaron a

se persignar cun ceno de profundo espanto, quedando O Paporroibo sumido nun estrondoso silencio.

—Mi madriña! Era o Mandado, Deus nos asista! —dixo Lito para botarse a continuación con

desolación sobre a barra, apoiando a man na fronte.

—O que?

—O Mandado da Crebandoughada —continuou incorporándose de novo—. É o servinte dun

monstro que vive no monte, no máis profundo dunha escura cova. De cando en ves, o Mandado, que

é tal e como o describes: leva sapatos de charón, un chaleco a cadros, sobresaíndo dos petos deste

unha cadea dourada e uns fíos, ademais das crenchas cubertas polo fungho e a cara de esquelete a

pesar das mans de persoa; baixa á vila, levándose a alghén con el. Unha ves alí, estando a persoa

sedada, a Crebandoughada ábrelle o bandullo e comesa a comer nel. Cando remata, o Mandado cose

a ferida cun fío máxico que non deixa sicatrises, volvendo a persoa (sen se lembrar de nada) á súa

vida habitual, aínda que morrerá en poucos días —un calafrío percorreume o espiñazo.

—Vaia... e que é o que lle come o monstro? Como é posible que a persoa siga vivindo? —

intereseime.

—Cómelle as tripas —dixo Senén.

—Serás animal! Se comese as tripas como ía seghir vivindo ninghén, cómeche un ril —

corrixiu Abisinio.

—Cun só ril funsionando, pódese faser vida normal —Galilea botando por terra o dito por

Abisinio.

—Nin o un, nin o outro; enghole case toda a ánima —prosegue Lito.

—Home claro, porque a ánima esta aí, xusto á dereita da visícula; non che digho! —Abisinio

de novo.

—De calquera maneira, sempre que se viu ó Mandado, ós poucos días, finou alghén. Non ten

por que ser a persoa que o viu, porque un nunca sabe cando é levado polo Mandado, esa parte non a

poden a lembrar; pero sempre hai alghén que a espicha. Así que polo que nos contas, sabemos que

14

Page 15: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

alghún de nós ha de morrer, pero se cadra non vas ser ti, botaches fóra pouco tempo —menos mal,

pode soar un pouco egoísta e miserable, porque se non son eu, será outra persoa, pero supón un

alivio. Nunca crera en monstros, e unha tarde en Denantes abonda para facer medrar a dúbida en

min.

—Non sexades túsaros. Estamos xa no século XX e seghides con estas lilainas. Os monstros,

os espíritos ou os deuses, non existen, tanta trapallada é o Mandado coma a Crebandoughada, Xesús

Cristo coma a Santa Compaña. Por suposto que o actor viu iso na fragha, el mesmo nos confesou

antes estar baixo a acsión do risado sen cosiñar, de ter sufrido alusinasiois...

—Claro, e que casualidade que xusto un home que vén de fóra, que endexamais estivo aquí,

describa con presisión ó Mandado, admite que non hai explicasión pra isto, tes que aseptar as

evidensias. Hai cousas que escapan ó control da siensia —interrompeuna Lito.

—Pero que dis? Escoitaríavos a alghún de vós a historia cando estivo eiquí, aínda que non

fose de maneria consiente —neguei coa cabeza—, e o seu maxín baixo os efectos alusinóxenos do

risado e suxestionado pola historia, transformou a un transeúnte calquera no Mandado. Dinos, que

outras visiois tiveches na fragha antes de cheghar?

—Pois... —vanse rir de min, pero prefiro a explicación científica e racional, a que un monstro

me puidese ter aberto en canal—, ía eu pola fraga e vin un cativo detrás dun piñeiro; o raro, e por iso

sei que foi unha alucinación, é que o rapaz era negro.

—Máis ou menos da cor de meu fillo? —replicou Galilea sinalando unha mesa onde estaba

sentado o rillote que vira na fraga. Levántome e achégome a el.

—Pero se cando te atopei na fraga e che preguntei se falabas o meu idioma, saíches correndo

despois de dicir unhas palabras en lingua africana.

—Ti viñéchesme berrando coma un tolo usando infinitivos: “ENTENDER MIN. FALAR

MEU IDIOMA?” que esperabas que che respondese? “Si, ou cando menos unha variedade dialectal

con conxughasión verbal”, deixándote coma un pailán? Pois dixen unhas verbas sen significado,

similares á idea que habías de ter dalghunha linghua africana. Ves, fíxeno pra que non se che

prendesen as fasulas como aghora as tes.

Opresión pectoral

/nActor\, Actor, [Hoxe]

15

Page 16: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

Esta é unha das sensacións máis angustiosas que un pode ter. Acordar no medio da noite,

inmóbil, sen poder respirar, co peito oprimido, como se tivese alguén derriba. Os músculos non

responden á miña demanda, non podo evitar pensar que este é o final, aínda que xa pasase por isto en

máis ocasións. Grito, mais a voz non atopa saída. Como se cada unha pesase centos de quilos,

destino todas as miñas forzas a tentar abrir as pálpebras. Cos ollos xa útiles, percibo unha luz

tremelucente, moi tenue, se cadra pola distancia; ha de entrar pola miña fiestra, iluminando

lixeiramente o teito da habi... pero que demo?! Esta non é a habitación onde me deitei. A onde foron

os trastes? O teito semella tallado durante séculos polo paso da auga. Onde me atopo?

Un esquelético ser asómase de súpeto sen deixar de me oprimir o peito co seu peso,

enfrontando a súa faciana á miña, da súa noxenta e viscosa boca emana un nauseabundo fedor.

Espréitame coa súa mirada sen ollos, esculcando no máis fondo do meu ser; pecho os meus como se

fose un cativo, convencéndome de que o que non podo ver, non está aí. Ábremos decontado coas

súas carnosas mans, finas e ao tempo firmes. Instala un sinistro sorriso no seu rostro e saca unha

ennegrecida lingua que gotea un espeso líquido escuro, pasándoa cun rápido movemento pola infecta

dentadura. Trato de pedir auxilio, pero unha vez máis o ouleo afógase no meu interior. Unha das súas

mans sóltame o ollo, saíndo do meu campo de visión para regresar decontado asindo unha

enferruxada agulla enfiada. Atravésaa sen dificultade na pálpebra coséndoma á cara xusto embaixo

da cella, podo escoitar con completo detalle cada puntada, como perfora a pel adherindo pequenas

partículas de ferruxe no ínfimo burato, como corre o fío mentres acada unha tenue cor sanguinolenta,

unha, outra, e outra vez máis, con precisión de cirurxián, non, mellor aínda, de costureira. Remata á

fin a esmerada labor, fora doloroso e arrepiante, si, pero agora a indeterminación é case peor, temo

pasar por cada un dos máis terribles sufrimentos imaxinables, que será o seguinte?

Baixa de enriba de min aínda que os meus pulmóns seguen contraídos. Mantense erguido á

miña beira, á vista. Turra da cadea dourada que lle sae do chaleco sacando un reloxo, abre a tapa cun

rápido xesto do polgar achegándose logo o trebello á altura da queixada, inclínase para que poida

velos a ambos polo miúdo, o seu ceno sádico escolta ao aparato de medir o tempo. É ben grande

aínda que se trata dun modelo de peto, vestido dun dourado refulxente, leva gravados grandes

números romanos escritos nunha caligrafía preciosista, porén, está desprovido de agullas.

Un queixume, tan indescritible como estarrecedor, emana do máis fondo da cova, o pranto vai

16

Page 17: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

aumentando devagar a súa intensidade, sinal inequívoco de que esa besta, a Crebandougada —que

outra cousa podería ser?—, achégase. Unha informe silueta proxéctase na parede, da sombra

emerxen as súas enormes garras estalicándose na miña dirección, as unllas penetran no meu abdome

esgazándoo de punta a punta. Sigo sen controlar nada máis que os ollos, báixoos tanto como podo,

pero é inútil, non vexo alén do nariz. Noto como se me estivese a baleirar, o banquete está

acompañado por toda sorte de guturais sons. De maneira case irreal, o pavor está a ter efectos

analxésicos, apenas sinto dor física, será que en verdade é a miña ánima o que está a devorar?

Hora leda

-Paporroibo-, /nActor\, Actor, Belisario, Olga, Plinio, Landelino, [Hoxe]

—... e meteulla polo cu —o Paporroibo enteiro está sumido nunha orxía de sorrisos—. He,

he, he!

—Bos dias. Aínda te non recuperaches? Perdoa que cho digha, pero seghes a ter un aspeto

horrible —saudoume Belisario.

—Si, non pasei boa noite.

—Claro, a cama é demasiado dura —dixo Olga.

—Non, a cama está ben, Olga, de verdade, non tivo nada que ver. Vou sentar aquí un rato

mentres esperto de todo.

—... e díxolle: mellor ca ti, papahostias! —outro coro de gargalladas.

—Estádesvos a escarallar, pero a min estes chistes parécenme malísimos —díxenlle a Plinio,

que estaba sentado ao meu lado.

—É que o son, máis malos ca carne do prepusio dun ghato, pero xa verás como nun rato che

pareserán mellores.

—Olga, que andas a cociñar na lareira, o recendo chega ata aquí —intereseime.

—Estou a coser... —fixo unha pausa a metade de frase, como se se lembrase de algo— o-o

recheo prás empanadas.

—Ola —achegouse un home—, son Landelino Umbón. Vostede é o actor, verdade?

—Sonlle.

—Sería moita indiscresión preghuntarlle por que tipo de teatro fai?

—Non, sobre todo fago teatro clásico, xa sabe: Molière, Marlow, Calderón, Shakespeare...

—Chéspir, eh? —cacho pronuncia ten o paifoco, seguro que non escoitara ese apelido na vida

17

Page 18: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

— O caso é que esta noite estreamos un novo filme en sesión lareta, Hamlet, e quen mellor que

alghén versado na obra de Chéspir, coma vostede, pra le-los rótulos? Ghustaríalle? —hai un cine nun

lugar coma este?, non pode ser.

—Sesión lareta, que é iso?

—A lareta é a sesión prós analfabetos da vila —tomou a palabra Plinio— ou pra aqueles que

non vén un carallo, lense os intertítulos en voz alta pra que poidan seghi-la película.

—Entón, que?, contamos con vostede?

—Pode ser divertido.

—Olgha, en canto estea lista, mándanos uns anacos de empanada pra selebralo —dixo

Umbón.

—... non, pero ghustaríame velas —O Paporroibo enteiro escangallábase.

—Non, pero ghustaríame velas —repetín o final do chiste que acababan de contar—. He, he,

he! Que bo! —este si que estivera simpático.

Procurando acougo espiritual

-Rúa-, /nActor\, Actor, Lois, Siña Telesfora, Anatolia, Ribo, Marías, [Hoxe]

—Grazas por me guiar, Lois. Estas horas en Denantes foron convulsas para min, preciso un

pouco de acougo espiritual, ir á igrexa, reflexionar e incluso poñerme a ben con Deus.

—Enténdote, a mente tamén presisa dun reconstituínte de cando en ves.

Espero que os nubarróns que bloquean o sol neste momento, non sexan premonitorios. O día

está a avanzar con placidez, confío en que continúe así, con Lois ao meu lado, síntome máis seguro

ante as sorpresas que nos agarden no camiño.

—Mira quen vén aí, Siña Telesfora, a típica vella pesada que leva toda a vida a disir as

mesmas cousas —alertoume sobre unha muller maior coa que nos imos cruzar en breve, era baixiña,

avanzaba coas dificultades propias da idade, vestindo o clásico uniforme lutuoso: unha saia longa ata

os pés, unha blusa austera e un pano na cabeza, por descontado, todos eles pardos; e unhas zocas

tradicionais.

—Ola, Iagho, que barbaridade!, hai que ver como medraches, así xa está ben, eh?, que

despois non entras polas portas. Estás feito un home. Ademais aghora con eses quiliños que

colliches, estás máis ghuapo, pero aféitateme, home. Este é o famoso visitante, o que entúa nas

18

Page 19: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

óperas de teatro, non? —asentín portando un sorriso de compromiso— Vese bo rapás e iso ten moito

mérito. Eu marcho xa que vou darlle de comer ós ghatos. Teime coidado co sol, que parés' que non

porque está así o día como atoldado, pero si que fai mal. Ata mañá se Deus quixer —a muller seguiu

o seu camiño.

—Que che disía eu, toda a vida ighual. Que che dighan con catorse anos que estás feito un

home e o moito que estás a medrar, aínda; pero con vinte e catro... Ademais de confundirme co meu

irmán Iagho, outro clásico.

—Non te pases, que non é para tanto.

—Claro, ti como non a vas volver ver na vida... pero eu se mañá me atopo con ela, mañá que

volve disir o mesmo.

—Por certo, si que voan as novas...

—Por te coñeser, dis? —fixen un xesto con cellas e mans remarcando a evidencia— Se

chegha a ouvidos de Pía, todo aquel que vaia á mañansiña ó mercado, estará máis ca informado.

—Vas vir ó cine esta noite?

—Claro, alí estarei, moita sorte! É un luxo ter un actor profesional pra le-los rótulos —resulta

agradable que de cando en vez a un lle recoñezan os seus méritos.

Sen maior incidencia, avanzamos camiño da igrexa. Axiña cruzarémonos cunha nova persoa,

outra anciá, esta alta e macilenta. Camiña coa mirada perdida, potenciando o seu aspecto de tola coa

maneira agreste de levar o cabelo.

—E este? —dixo a muller de maneira cortante.

—É un actor que está de visita, Anatolia.

—Boh!, que máis dará seghir o marcado por un dramaturgho ou por un demiúrgho —

proseguiu a súa marcha con desgana mentres nos achegabamos á praia.

—Aquí vén este...

—Non trae algo na boca? —cara a nós viña un can cun obxecto alongado sobresaíndo a

ambos lados do fociño, sen parar de lle dar ao rabo.

—Pois claro, tráenos un pau pra que llo tiremos ó mar. Veña, trae aquí, Ribo —unha vez que

Lois colleu o pau, a ansia posuíu ao animal, dá pequenos botes achegándose ao mar sen deixar de

fitar a Lois. Lánzallo tan lonxe como pode e dá media volta mentres o cuadrúpede penetra no océano

a toda velocidade.

—Fai isto acotío?

19

Page 20: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Acotío? Non fai outra cousa. Pasa o día enteiro na praia ou no río, menos cando está a

comer, durmir ou foder; non hai máis que verlle os pelos, soldados pra sempre os uns ós outros. Por

iso mesmo se lle puxo o nome de Ribeirán, é ver pasar por aquí a alghén e achegharse pra que lle

tiren o pau, o seu coa augha é unha obsesión. Vamos, antes de que volva.

—Coñeces ao párroco?, que tal é?

—Si, é un Egruever, o meu tío avó. Como persoa maior é bastante tradisional, pero ten bo

fondo. Meu primo Maeloc, que leva unha capela por aí arriba, é xa máis moderno na súa consepsión

do evanxeo. Mira, aí as están, sentadas no mesmo banco dende hai trinta anos, o tempo converteunas

en xemelghas, que digho xemelghas, son a mesma persoa desdobrada.

—Bos días, estabamos a comentar que aínda que estea o día encapotado, non ten trasas de

que vaia chover.

—Si, non parés' —respondeu Lois sen sequera detérmonos, avanzamos un chisco, deixando

atrás ás dúas vellas—. Estas dúas, que por compartir, ata comparten nome, María, quedaron viúvas

décadas atrás. Dende entón pasan día tras día nese banco. Tanto tempo levan xuntas, que como can e

dono, acabaron por se pareser. Eu xa apenas as distingho, losen ighual e falan idéntico, ademais son

persoas monotemáticas, pásanse a vida en insulsas conversas referentes ó tempo que vai. Éme difísil

maxinar seres máis aburridos.

—Polo menos téñense a unha á outra...

—Xa cheghamos, podes sentarte e botar o tempo que queiras, eu vou avisar a tío Brais á

sancristía pra que se acheghe a te confesar. Xa non volvo, que quedei con Maeloc. Deica, vémonos.

—Adeus e grazas.

Como de confortable é o meu futuro fogar?

-Cemiterio-, /nAldara\, Actor, Aldara, [Hoxe]

Un lugar onde na porta reza: “Gloria eterna aos que nos deixaron a vida, a terra, a fala e a

empanada”, non pode ser tan malo. Máis cedo que tarde rematarei aquí. Se cadra seméllame tétrico

porque nunca o observei coa mirada axeitada, démoslle unha oportunidade cos ollos limpos.

Non noto nada especial desta beira do limiar. É un sitio fermoso, a herba é verde intenso; a

paisaxe, pródiga en árbores; as flores, que abarcan a totalidade do espectro, alegran un lugar inmerso

20

Page 21: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

nunha fonda tranquilidade. Fresco, polas sombras dos cipreses, en verán, e morno en inverno. En

cada inscrición de cada lápida adivíñase un grande aprecio, é un lugar construído dende o amor e o

respecto, sentimentos que se cadra son máis fortes cá morte mesma.

A quen pretendo enganar, aquí non hai nada máis aló da putrefacción. Este contorno ubérrimo

é propicio para a proliferación de bacterias, insectos e calquera outro tipo de bechos. Nesta sepulcral

serenidade, unha pode escoitar todo aquilo que acostuma presentarse latente aos nosos sentidos. Son

quen de percibir o renxer da luída madeira aí embaixo, perante o paso do tempo, e o continuo,

inexorable, mastigar dos vermes na carne en descomposición... AH! NON QUERO! Non quero

rematar aquí, servindo de pútrido alimento para ninguén!

—Axúdeme! —diante de min hai un home coa cara ensanguentada bloqueándome a saída.

Leva roupas de séculos atrás, debe de ser un dos que aquí xacen, non me quere deixar marchar,

pretende que quede aquí con eles. Pero non é o meu lugar, e moito menos o meu tempo, aínda estou

viva e teño que facer o que sexa por saír de aquí. Outra maneira non hai máis que pola porta, veña,

Aldara, pecha os ollos e corre contra el como se estiveses —estás— a fuxir da morte.

Rodolfo

-Igrexa-, /nDon Brais\, Don Brais, Helga, [Hoxe]

—Ave purisma María.

—Concibida sen pecado. Dime, filla.

—Verá, isto... é complicado pra min. Amo a meu marido, claro, e estamos a tentar te-lo fillo,

pero o outro día, estando a faser iso... de maneira cristiá, claro, nada de pusturas raras; procuraba

poñerlle tino na consepsión, inda que durante unha fracsión de seghundo, veume á mente Valentino.

—O actor ese? —pedín aclaración.

—Rodolfo, si. E verá...

—Non teñas medo, filla, continúa —tentando relaxar o ambiente.

—Pois que cada ves que pechaba os ollos, volvía a súa imaxe, perdendo pouco a pouco a

roupa, ata que terminou por substituír a meu esposo e... —foi incapaz de conter por máis tempo o

pranto— pasou algho que endexamais susedera...

21

Page 22: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Que foi? —inquirín con solemnidade.

—Pois que... e ben sei que non é o obxectivo do acto reprodutivo, e nunca tal pretendera,

pero é que... sentín unha... unha... creo que tiven un orghasmo —dixo a volume apenas perceptible

mentres baixaba a cabeza.

—... —Non me deu tempo a dicir nada.

—Aínda se fose co meu marido, e non pensando nese outro home, podería ter resistido ese

anormal comportamento do meu corpo. Sentiríame susia, si, pero é que aghora sinto repulsa de min

mesma, do meu corpo, estou averghoñada por ter traisoado a meu maridiño, por ter ofendido a Deus.

—Vexo que estás arrepentida, e que procurarás...

—Claro, xamais volverá pasar, xúrollo —interrompeume.

—Ben, pois habendo propósito de emenda, e vendo que comprendes a gravidade dos teus

actos, eu absólvote no nome...

—É máis —fíxoo outra vez—, non penso volver ver unha película na que aparesa un home

medianamente atractivo.

O canto das gaivotas

-Paporroibo-, /nActor\, Actor, Belisario, Don Primitivo, Iago, Olga, Senén, Abisinio, Binucho,

Níscaro, [Hoxe]

—Pero que demo che aconteseu? —preguntoume Olga nada máis entrar pola porta— Don

Primitivo, acúdalle aquí!

—A ver, déixame botarlle unha ollada, fillo —retiroume a gorgueira que termaba para conter

a hemorraxia—. Non é gran cousa aínda que si aparatosa por todo este sangue. Toupeira, dáme unha

botella de licor de herbas da casa, e Olga, non tes por aí agulla e fíos? —vaia, home, o que faltaba.

—Aquí ten, Don Primitivo.

—Toma rapaz, pégalle un bo grolo —pero que raio!, isto é fortísimo.

Esteriliza os utensilios coa propia caña, que tamén utiliza para desinfectar a ferida, hai que

ver como proe! Aperta ben cos dedos a físgoa da fronte e comeza a suturar. A rememoración do

episodio noitébrego faise ineludible, volvo sentir con extrema sensibilidade as puntadas, sendo

incapaz de conter o frémito que ergue cada cabelo do meu corpo.

22

Page 23: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Tres abondan, non che debería quedar apenas marca —dixo mentres me poñía unha venda

na fronte, suxeitada cun par de voltas ao redor da cabeza e un nó preto.

—E logho, que foi desta ves? Calamidade! —preguntou Belisario.

—Algo raro... para variar. Saín da igrexa e cando estaba no patio algo caeu dende o ceo

batendo con violencia contra a miña fronte. Desorientado e co sangue a escorregar con profusión

pola cara, cheguei á porta do cemiterio. Alí había unha moza de aspecto cadavérico que tralo

sobresalto inicial, pechou os ollos para cotenar comigo a toda velocidade —a man acode a cubrir o

costado con só lembrar o incidente.

—Así que Aldariña tirou contigho? —dixo Iago cun amplo sorriso—, é pouquiña cousa,

miúda, esbrancuxada, parés' que se vai romper ó mínimo gholpe, pero cando está aterrada...

—Sei que foi o que lle deu na cabesa —interveu Binucho.

—Que vas saber ti? Xogha, anda, xogha —Níscaro instouno a que seguise coa partida.

—Foi un mexillón —si claro, os míticos mexillóns voadores de Denantes—, as ghavotas

cóllenos nas rochas e pra abrilos soben unhas dusias de metros, ñññññi!, e sóltanos pra que se

esmaghen contra o lastrado do patio da ighrexa e así poderen comer neles. Tivéche-la mala sorte de

pasares por alí nese intre.

—Ññññi?, pero que carallo é ññññi?! —replicou Senén.

—O son que fan as ghavotas.

—Ti non viches unha ghavota na puta vida —entrou Abisinio tamén na conversa.

—Unha? Vinas a sentos cando andaba ó mar.

—Pois non se nota, as ghavotas fan: aaaaaaauaaa! —replicou Abisinio.

—Pero que van faser así, de sempre fan: Ññññiaaa! —expuxo a súa onomatopea Senén.

—Xoghai dun carallo dunha ves, a quen cona lle importa como faghan as ghavotas— Níscaro

estaba empezando a se desesperar—. Binucho, a puta que te pariu! Tiñas ese tres e antes xoghaches

copas?!

Últimos preparativos

-Muíño-, /nActor\, Actor, Landelino, Ádega, Osián, Leuco, [Hoxe]

—O proxeccionista ha de rematar co brazo desfeito xa que non teñen luz no pobo. É vostede?

—inquirín.

23

Page 24: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Que o sinema estea adesionado a un muíño, non é por casualidade. Non se trata dun

sistema ótimo mais si bastante efetivo, o muiño de augha é o que fai traballar ó prosetor.

—Enxeñoso!, e funciona ben?

—O maior problema era reprodusir a velosidade de prosesión con fidelidade, pra que os

filmes fosen ó ritmo axeitado. Nin todos os días o río trae a mesma forsa, nin todos os filmes teñen o

mesmo número de fotoghramas por seghundo, así que hai que axustalo en consecuensia. Pra iso,

Heitor deseñounos un sistema de piñois co que podemos estableser en cada momento a velosidade

axeitada. É un prosedemento a base de proba e erro, ata que os movementos dos atores non son

naturais, non deixamos de axustar. Só temos iso en conta, incluso no caso de que nas bobinas veña

marcada a velosidade de prosesión. Meu fillo Osián acadou unha asombrosa habilidade no seu

manexo, é capás de axustalo rapidísimo. Falando del... —un mozo entra pola porta.

—Xa vou tendo ganiñas de ver isto en marcha.

—Claro, decontado. Fillo, descárghame o filme da mula —saíu sen mediar palabra escaleiras

abaixo—. Aquí ten os testos, van numerados conforme ós rótulos, ten que levar un pouco de tino pra

non perderse.

—Procurareino, é a miña primeira vez. Mágoa que non saiba ale... Aaaah! —ao me xirar,

atopei un inesperado réptil nun estante.

—He, he! Non repararas neles, non si? Ó estarmos á beira do río, xa se sabe, andamos cheos

de mosquitos. Espallar uns cantos laghartos pola sala, atalla case por completo o problema —o

corazón aínda me vai a mil.

—Boas, cabaleiros —entrou un home refinado.

—Pero ves sen nada?! —reprochoulle Landelino.

—Si, o resto non podían vir, pero xa lles comentei como ía o conto. Ó final desidín que a

ambientasión hox' sexa a base de corda, non habemos ter problema en axustar en directo unha

pequena base que xa ensaiamos —Landelino estaba estupefacto—. Veña, eu déixoos xa, que de

pouca axuda sería por aquí —vaia, quen ía pensar que estes paspáns o tiñan tan ben montado.

—Aí tes —o fillo entregoulle unha lata circular ao pai, mentres termaba dunhas cantas máis.

O home axustou o rolo no proxector e conectouno a un mecanismo que saía do chan.

—Parés' que co de onte debería traballar ben, ti que dis?

—Probaremos, vou conectalo abaixo.

—Ádegha, por fin cheghas, xa me tiñas preocupado. Terás o cartel?

—Non, este rolo que traio na man é... dá ighual! Mira.

24

Page 25: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

A moza amosa unha pintura lúgubre. Unha figura feminina deitada no chan, exánime, coa

roupa aberta, deixando un seo ao descuberto polo que escorrega un regueiro de brillante sangue

vermello. Brota dende unha fenda que ten no peito, contrastando co resto do debuxo, pintado en

branco e negro. Non acabo de ver a relación coa obra de Shakespeare. En letras angulosas, estaba

escrito Hamlet na parte superior, xusto debaixo, e máis pequeno, poñía: “con Asta Nielsen”.

—Un peito ó ar e sanghe, mira que che ghusta... Anda, cólghao da porta, non imos ter esta

discusión outra ves.

—Este tipo de manifestacións sons comúns na arte —apuntei en descargo da rapaza.

—Xa, xa, ben cho sei —asentiu—, pero un chisco de variedade...

—Vai, papá! —emerxeu unha voz dende o piso de abaixo.

—Dálle! —Umbón fixo uns derradeiros axustes no aparato, apagou a maioría das lámpadas e

a fita comezou a bulir. Comecei a seguir entón o escrito.

—UNHA MULLER?! —fun incapaz de reprimir o grito ao ler que a adaptación

cinematográfica partía da premisa de que Hamlet en realidade era unha muller. Hipótese dun

profesor norteamericano, un tal Dinning, tendo que ocultar o seu sexo para poder ser sucesora

(sucesor) do moribundo rei. Típica “modernidade” deste invento do diaño, nin aos clásicos

respectan...

Farándula

-Veiga-, Abilio, Xusto, [Hoxe]

—Xusto, ti nunca pensaches en ser actor?

—Ator? Finxir cada noite, poñerme roupa estraña, amosar unha cara pró exterior e outra na

intimidade? Pra iso teríame feito muller.

Comentarios cinéfilos

-Paporroibo-, /nActor\, Actor, Breixo, Lois, Plinio, [Hoxe]

25

Page 26: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Eu sempre sospeitei que ti eras unha muller, se cadra es o caso contrario á do filme —

espetoulle Lois a Breixo.

—Unha muller? Non ves a barba ou que?

—A miña avoa, que en pas descanse, tiña unha barba moito máis viril ca esa pelux' de rata

que che sae a ti.

—Eu déixovos que estou esgotado, vou para a cama —interrompín con sinceridade a disputa

pueril.

—Vén botar a última, home, que imos comenta-lo filme, ademais ti fixéchelo caralludamente

—afagoume Plinio.

—Non, de verdade que estou a caer co sono —dixen mentres me despedía amosándolle o

envés da man e pechando todos os dedos (agás o polgar) sobre a palma un par de veces.

Sorprendérame a velada, no canto da proxección atolada que esperaba (coma as anteriores ás

que asistira), con xente a falar, nenos chorando e correndo pola sala, papando comida de toda clase...

os asistentes só abriron a boca nos cambios de rolo. Tiveron un comportamento litúrxico, van ao

cinema como quen vai a misa, abraiante! Xa me gustaría a min que todas as miñas funcións teatrais

foxen tan respectuosas.

Triunfo

-Casa dos Egruever- /nMenandro\, Menandro, Sinforiano, [Hoxe]

—Mi padre, traio boas novas. A última saída do Mandado foi un éxito.

Denantes, adeus, para sempre adeus!

-Paporroibo-, -Rúa-, /nActor\, Actor, Faxildo, Olga, Elixio, [Hoxe]

—QUIIIIII-QUIIIIRIIIIIII-QUIIIIIIIIIIIII!

—Faxildo, como te colla, vouche meter a forcada polo cu!

—Puto enfermo do carallo!

—Silvina, tráeme a escopeta, que con este polo imos ter sena pra toda a semana!

26

Page 27: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—QUIIIIII-QUIIIIRIIIIIII-QUIIIIIIIIIIIII!

Achégome á fiestra e vexo o cheiracús subido no tellado do veciño, imitando o canto dun

galo... de oitenta quilos mentres a xente das proximidades lle profire toda sorte de insultos e

ameazas. Eu que pensaba que ao marchar co romper do día, non ía vivir hoxe sucesos estraños...

Olga está xa co almorzo preparado. Azóutame un efémero sentimento de nostalxia, razón de

máis para que saia de aquí o máis rápido posible.

—Bos días, como durmiu hox'?

—A verdade é que obviando o incidente do “galo”, mellor cá noite anterior, dende logo; sen

pesadelos e do tirón. Vou tomar só leite, non teño ghana de comer nada —ghana?, ghana?, isto é peor

do que pensaba, como non marche decontado...

—Tome, pero isto non é almorso pr'un home —correspondina cun leve sorriso.

—Ben, Olga, eu marcho xa. Deica, Chano! —o fillo acababa de baixar cos ollos aínda cheos

de lagañas— Teño asuntos que atender, non quero perder o barco de hox' —e agora dixen hox',

merda, merda, merda!—. Despídame de Belisario, e grazas por todo.

—Seghuro que non quere que lle mande nada pró camiño?, quedan uns anacos de empanada

d'onte —niso estaba a pensar eu, en botarlle risado ao corpo.

—Non, de verdade, moitas grazas.

O día é luminoso, reflectindo as miñas gozosas perspectivas de fuxida, e a rúa está aínda

baleira a pesar de Faxildo. Perfecto, pronto estarei lonxe, a salvo.

—Pssss, señor! Psss, señor! —alguén está a chamar por min, xa dicía eu que non todo podía

ser tan bonito— Pódoo acompañar ó vapor? —Elixio, o que me faltaba.

—Non cómpre que vexan que intimei máis do imprescindible con ninguén, xa sabes que

poden andar á espreita. Compréndelo? —se me podo aforrar aturar a calquera denantés, farei o

posible porque así sexa.

—Por completo —dixo ás abaixadas—, se alghún día nesesita un compañeiro prá

crononaveghasión, aquí me ten.

27

Page 28: Capítulo 1: As desventuras dun monifate ceibe de fíos

—Non esquecerei a túa discreción, Elixio, grazas por todo —alí o deixei, todo cheo de razón.

Xa vexo o barco ao fondo, encantadoramente escanastrado, o mar resplandece derredor ao

contacto das douradas raiolas do amencer, ningunha gaivota, nin vellos, nin esqueletos á vista...

Mmm!, de onde sairá ese doce arrecendo?, por aquí non vexo nin un só pexegueiro.

Non deixes de visitar Denantes.com e dar a túa opinión.

28