textos descritivos
Post on 03-Apr-2016
259 Views
Preview:
DESCRIPTION
TRANSCRIPT
Chamábanlle a ‘marquesiña’ e os seus
peíños endexamais se calzaron
Vai á fonte, depelica patacas e chámanlle a
Marquesiña.
Non foi á escola por non ter chambra que
pór, e chámanlle a Marquesiña.
Non probou máis lambetadas que unha
pedra de azucre, e chámanlle a
Marquesiña.
A súa nai é tan probe que traballa de
xornaleira na casa do marqués.
¡E aínda lle chaman a Marquesiña!
Cousas, A. D. Rodríguez Castelao
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo
sáelle para fóra;.na calva ten unha que outra serda;
ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do
xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto
derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un
pouco para baixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no verán
súao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas,
coma as que deitan os chourizos cando están no
fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de
D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, que tiña que
ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada
había atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo
é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por
dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma
zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo de
ourego e pemento.
O porco de pé, V. Risco
Cando Ilustrísima chegara á diocese, era don
Xenaro mordomo do seminario. No transcurso
dunha audiencia privada, pedira ser escoitado
en confesión polo prelado. As bágoas
derramadas, as loitas e batallas interiores,
xigantescas como o seu corpo, conmoveron
moi fondo a piedade do bispo, que alí mesmo
lle pediu que se convertera no seu fámulo.
Fora un erro. Durante anos non lle creara a
penas dificultades, pero ultimamente
convertérase nun colaborador incómodo. Os
seus escasos dotes de tipo intelectual e unha
fidelidade escrupulosa a unha conciencia
atormentada polo temor, facían del unha presa
ideal para os que conducían entre bastidores a
oposición á política diocesana de Ilustrísima.
Ilustrísima, Carlos Casares
Que fea, fea non era a miña irmá, nin moito menos, senón aquil
modo atoutiñado, algo túzaro, ás veces até carallou, que lle
descompuña o ser do conxunto, que non sei a quen saía, porque
tanto o papai como a mamai era celmosos, ordenados e de bo
ser.
Tiña o cabelo dun louro escuro, indo para rizo, máis non crecho
de todo, que as louras moi crechas semellan ovellas, senón máis
ben reducio, en bandas folgadas, cun brillo de mel, máis claro
aínda de noite;
con que non fose moita a escuridade víaselle un relumbro
por enriba da fronte aínda que non se lle distinguisen as faccións
do rostro, talmente como botando dos cabelos un xeito de luz ou
brillo de metal.
Máis alta que a mamai, con pernas cheas pero lanzais, sen ósos
grandes nos xeonllos como era chata de moitas raparigas de A. e
mais nas mulleres feitas, que era como se levasen embaixo da
pel unha carauta de ósos grandes (…) que era moi boa, non
sendo a lingua que furaba as paredes
Xente ao lonxe, E. Blanco-Amor
Alguén dixo que a súa mirada é desdeñosa.
Indiferente sorrí ás xeracións que pasan
e xulga, sen amosalo,
e sen que poidamos sospeitar que ao mellor leva
peso de mortes na conciencia súa.
O home, un non sei que de luxurioso,
unha fina crueldade, un esculcarte
deica o fondo do sangue e dos xardíns
do pensamento, e do soño. Búrlase
dos séculos e dos anxos, e de todo
o que non dura, porque el é eterno.
Retrato “Cabeza de home” de Antonello de Messina de Herba de
aquí e acolá, Álvaro Cunqueiro
(…)O herdeiro, con todo de gastar a vida cabalgando por
chairas e camiños, sempre foi de ruín retrato.
Esbrancuxado, faciana sen sombras, ollos raposeiros,
maneiras curtas diante dos iguais, mandonas e crueis cos
paisanos. Os seus grandes amigos - ou, mellor,
compañeiros - eran Fuco de Penoutás e o sobriño do
abade, rapazotes maiores ca el e mantidos coas regalías
do pazo. Non se fartaban de comer e beber e lucían moita
fachenda a conta allea. Levaban o herdeiro ás mozas e ás
xoguetas dos pobos da ribeira, onde ás veces se
demoraba a compaña por semanas enteiras, ata que
esmoían os cartos. Nin comprendía o sufrimento de Misia
Xacinta. Que non quedaba no herdeiro, pois xa
sospeitaba que os pequenos lle ían saír tortos. O
segundo, don Farruco, inda que cativo de corpo figuraba
gracioso e de linda cariña: só lle pracía estar deitado
preto das criadas no lavadeiro e na cociña facendo todo o
mal que podía e disimulando cun riso agarimoso... Don
Caetano, cada ano máis pallaso, foi esquencendo a
administración do patrimonio(…)
Os camiños da vida, R. Otero Pedrayo
O dos Doncos era
nomeado Pazo da Seara. Un
dos mellores daquelas
xurisdicións. O corpo da casa,
ergueito en fina cantería,
obra limpa dos barrocos do
dezasete, só se franqueaba
ós camiños pola grande
fachada composta da capela
barroca lindamente tallada
en pilastras, bandas de
roseiras e linteis retortos e a
muralla ameada do patio, na
que se abría o portal, e cara ó
nacente, por unha chea de
fiestras enreixadas, coma de
mosteiro, dispostas en dúas
fiadas, as de enriba bicadas
polas longas pólas do souto
da outra banda do camiño,
sombrizo e temeroso da
noite. No patio medraban
buxos marelos pola vellez e
deitaba a fonte. Polo sur e
poñente, o pazo, plantado
coma un señor, dominaba a
larganza das mellores terras
do seu patrimonio.
Comezaban no xardín, na
horta e no pomar e corrían
en mainas baixadas de
nabeiras, bacelos, lameiros e
montóns de arboredos,
cinguidos en xunto pola
grande parede de forras
coroadas por capías e
cabaletes. Ó agarimo delas
envellecían retortas oliveiras.
Por riba do pomar
descubríase o cume do
tellado e a cheminea do
outro pazo, máis pequeno
que o dos Dondos de pouca
terra arredor, veciño ao lugar
da Pedreira, que lle daba o
nome.
Os señores da terra (cap.I) de
Os camiños da vida, R. Otero
Pedrayo
A ESPADA ESCALIBOR Caerleón, a cibdade das pedras milenarias Ergueitas polos deuses vencidos das pregarias, a do ferro batido por varudos guerreiros ás proféticas voces de osiánicos trobeiros, a cibdade dos nobres, raciais prestixios, onde as místicas forzas dunha esperanza e dun soño apiñando unha raza son asento dun trono, afundida na sombra salaia latexante ao arrolo do Uska fervente e resoante, mentres voa, caíndo, a neve silenciosa en folerpas miúdas como follas de rosa(…) Na noite estrelecida, Ramón Cabanillas FAR BLUES
Naquela cidade onde unha rapaza escribía un diario secreto na noite mentres o soño desvalido semellaba finxir silencios compartidos nesa vella cidade do norte o primeiro poema de amor flutuaba coma un blues nostálxico na noite. Só quería saber por qué as cordas permanecen vibrando coma labios e qué queda do diario secreto na noite desvalida. Querería saber daquel río esvaído do soño tal unha despedida sen retorno, do silencio curvado nunha praza deserta e antiga. ¿Onde vai o primeiro poema de amor
a materia sonora dun blues fuxidío a inocencia primeira? Códice Calixtino, Luz Pozo
Garza
(…) O castelo onde nacín
era infinitamente horríbel,
cheo de corredores
escuros e con altos teitos
onde a ollada non a
chama outra cousa máis
que sombras e arañeiras.
As pedras dos agretados
muros estaban sempre
odiosamente húmidas e
por toda a parte
percibíase un cheiro
maldito, como de pillas de
cadáveres de xeracións
mortas. Xamais
había luz (...), fóra tamén
non brillaba o sol, xa que
eses arboredos
espantosos erguíanse por
riba da torre máis alta.
Unha torre soa, negra,
sobardando a ramaxe que
saía ao ceo aberto e
ignoto, pero case ruinosa,
á que só se podía
ascender por un muro
íngreme, pouco menos
que imposíbel de gabear.
O estraño ,H. P. Lovecraft
Na Galicia aínda hai lúa
porque aínda non hai
negros
-eu xa os vin en New
Orleans violándoa en
camisa
no intre que na fogueira
do jazz os antropófagos
a carne do silencio cocían
coa súa risa-.
Na Galicia aínda os merlos
baixan beber aos ollos
porque os klaxon non
deixan en knock-out as
esquinas
máis xa en París as casas
de seguros de
viaxes
non pagan prima de
pasaxe ás andoriñas.
A ría ao sol é rosa. Nela
liban as gaitas
o mel das súas cántigas i a
sede do roncón,
mais Deus ten contratado
pra o xuízo derradeiro
unha banda de arcanxos
con baixo e saxofón.
Galicia é inxenua, aínda,
como un real de sardiñas
porque as olas en Moaña
non ouviron de Frei,
mais ti e eu xa fumamos o
Luce Strike do Sena
i hai que darlle a Esculapio
un chapeu de cow-boy.
Versos a tres cás o neto,
Euxenio Montes
(…) Olla as “mantis”-dixo o profesor-fíxate nesta que está soia na caixa, en posición de
descanso: o tórax discretamente ergueito e as características patas de adiante, en
posición de orar. Os provenzais chámanlle “prégo-Deu”…, prega a Deus…, mesmo
parece que está rezando…Mira: inofensiva, tímida, a longura das patas, do corpo…: Un
frade ascético! Pero quen tal diga, nada viu. (…)
Percival e outras historias, X. L. Méndez Ferrín
Mantis religiosa
Trátase dun insecto de tamaño medio (aprox. 4-6 cm. ) con tórax longo e finas antenas.
Posúe dous grandes ollos compostos e tres ollos sinxelos entre eles. A cabeza pode
xirar ata 180º. As patas de diante, que mantén recollidas perante a cabeza, están
providas de espiñas para apreixar as presas.
Son animais solitarios, agás na época de reprodución, cando o macho e a femia se
buscar para o apareamento. Se houber máis dun macho na proximidade dunha femia,
estes pelexan e só un se reproduce. As femias son meirandes ca os machos. Rara vez,
durante ou despois do apareamento a femia devora o macho.
Pode ser de cor verde ou parda con diversos matices. A cor do adulto determínaa o
medio no que habita durante a última muda.
Wikipedia
top related