as fragas do dor

Post on 31-Mar-2016

249 Views

Category:

Documents

4 Downloads

Preview:

Click to see full reader

DESCRIPTION

FRAGAS DO SOR

TRANSCRIPT

É o río Sor e os seus afluentes, lugar moi recorrido nas miñas saídas. Entre outras cousas, porque é un dos últimos reductos de monte autóctono do noso concello. Unha fraga aínda ben conservada acompaña o Sor durante 49 kilómetros, dende os territorios de campeo do máis famoso bandoleiro galego, Mamede Casanova (O Toribio) ata a ría do Barqueiro, sen dúbida unha das máis fermosas de Galicia, donde por sorte, e só de momento, a apisonadora urbanística non estragou a costa (a crisis urbanística chegou cando máis se estaba especulando nesta zona).O Sor non atravesa grandes núcleos de poboación, aspecto determinante para a pureza das súas augas, gran parte delas recollidas dos frescos regatos da serra da Faladoira.Por desgraza e incriblemente as fragas do Sor non contan con figura de protección mediombiental algunha.Aínda que o río non contén presas hidroeléctricas, si ten outros perigos ecolóxicos, en especial, como non a abafante presenza de eucaliptos que teiman en afogar carballos, ameneiros, avelaeiras, etc, sempre coa axuda da acacia negra (Acacia melanoxylon) que segue a expandirse con certa autoridade. A pesar de todo, as fragas do Sor seguen resistindo á tolemia do home, e gardan nos seus recunchos unha riqueza faunística, botánica e cultural dun valor intanxible, por moito que nos empeñemos as xentes en pensar que todo ten un prezo e que todo é negociable.

Nesta sección adicada as fragas do Sor irei poñendo as cousas que van aparecendo a carón deste rio ou dos seus pequenos afluentes que de seguro serán de interese para todo amante da natureza.Nesta época as fragas andan inundadas polos xacintos bravos (Hyacinthoides non-scripta) que adornan as beiras cun azul-violáceo que destaca sobre as verdes estampas dos musgos e follas.

Tamén anda a sair unha das especies, para min a máis elegante de cantas se atopan neste entorno aínda que xa se sabe que para gustos...Esta especie é o (Polygonatum odoratum) en galego chamado soldaconsolda, pola crenza de que o seu rizoma era quen de soldar os osos rotos, o certo que pola zona non fun quen de atoparlle nome propio do lugar, e este é o nome que recolle Xosé Ramón García no seu libro (Guía das prantas de Galicia). Se alguén da zona lle soubese outro nome sería xenial.

Tamén se atopan nalgúns puntos os solos inzados de Melampyrum pratense, pranta hemiparásita que chucha a saiba bruta doutros vexetais para logo elaborala ela mesma nas súas follas, que menos se algo había de facer.

Outra que está a florecer con forza é Anemone nemorosa.

Xa por estas épocas está rematando a campaña de narcisos deste ano, dos que abunda no Sor a especie N. triandrus. subsp.triandros endémico da metade norte da península Ibérica.

Están as arandeiras (Vacciniun myrtillos) en plena floración, estes teñen unha especial presenza nas partes máis altas do Sor, donde acadan densidades importantes, e de seguro que son un apetecible recurso para a fauna da zona.

Tamén está moi presente a Rana ibérica, endemismo do Noroeste Ibérico e gran amante destes hábitats, unha das xoias dos anfibios galegos.

Se non me trabuco na identificación apareceu tamén a rá vermella (Rana temporaria) que polo menos eu, non a teño atopado moito por estes lares. De tamaño maior e fuciño máis romo que a anterior, apareceu nun arribazo algo afastado do río.

Andan os sapos comúns (Bufo bufo) a facer das súas, como se pode mirar neste íntimo (ou non tanto) amplexus axilar no que se encontraba a parella fai unha semana.

Pero si de algún anfibio podemos estar especialmente orgullosos en Galicia, este é sen dúbida a nosa rabilarga (Chioglossa lusitanica), xoia do patrimonio natural galego. É o único representante vivo do seu xénero que resisteu os cambios climáticos que precederon o cuaternario e as glaciacións deste periodo, no que pereceron especies como Chioglossa meini coñecida tan só polos escasos fósiles atopados.A saramaganta como tamén se lle chama é unha reliquia única no mundo, e que necesita unhas condicións ambientais moi específicas, con alta humidade, augas sen contaminación, moi osixenadas e ácedas. Atopa na follarasca das fragas un lugar axeitado donde pode vivir a certa distancia dos regatos ó manterse unha alta humidade baixo desta, a aparición de eucaliptos nunha zona a priori axeitada para a especie provoca que os exemplares teñan que ficar preto dos cursos de auga para poder manter esa humidade esencial para a súa supervivencia. É polo tanto especie moi sensible a alteración do seu hábitat que resisteu cambios climáticos e glaciacións e que sería moi triste perdela agora pola ineptitude do ser humán.Poño baixo estas liñas unhas fotos dun fermoso exemplar atopado baixo a follarasca dos carballos do río Sor fai un par de días.

Sen moito máis que engadir despídome polo momento, unha aperta e gracias por me ler.

top related