1º ciclo unidad profesor-2014

20

Upload: martamariaalicia

Post on 09-Jul-2015

124 views

Category:

Documents


9 download

TRANSCRIPT

Page 1: 1º ciclo unidad profesor-2014
Page 2: 1º ciclo unidad profesor-2014

2

índice

Obxectivos 3Competencias básicas 3Contidos curriculares 4Contidos 4Actividade de comezo - LECTURA 5Carta dos Arroases aos nenos e nenas 10O mundo da pesca 12Actividade 1 - proposta por Sardiña 12Actividade 2 - proposta por Xurelo 13Coñecemento das especies 14Actividade 3 – proposta por Rodaballo 14Actividade 4 – proposta por Troita 15Nutrición 16Actividade 5 – proposta por Mexillón 16Actividade 6 – proposta por Pescada 17Actividade 7 – proposta por Lirio 18Cuestionario para a clase 19

Edita:XUNTA DE GALICIARevisión lingüística: Ramiro ComboDepósito legal: C 1525-2010

Page 3: 1º ciclo unidad profesor-2014

3

Esta unidade didáctica está deseñada para ser utilizada tras a visita ao centro escolar do programa.

Os principais aspectos do currículo educativo que o profesor ou profesora pode abordar desde estes cadernos son:

Obxectivos

Os obxectivos de partida desta campaña céntranse en lles transmitir aos escolares de Educación Primaria a importancia do peixe e o marisco na dieta, en relación coas súas achegas nutritivas, e fomentar o seu consumo. Ademais, afondarán no coñecemento das especies e o papel das persoas consumidoras á hora de preservar os recursos do mar e na posta en valor das profesións do mar.

Competencias básicas

* Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico. Contidos relacionados co mundo da pesca, o transporte e a preparación dos produtos do mar.

* Competencia en comunicación lingüística. Comprensión lectora e expresión escrita.

* Tratamento da información e competencia dixital. A través de descargas e enquisas de avaliación online.

* Competencia social e cidadá. O consumo de peixe como fonte de saúde, e como recurso económico e social.

* Competencia cultural e artística. O alumnado desenvolverá a súa creatividade e habilidades artísticas na representación Os Arroases.

* Autonomía e iniciativa persoal. Novos coñecementos sobre o valor do consumo do peixe e do marisco que lles permitirán tomar decisións en relación co seu consumo.

Page 4: 1º ciclo unidad profesor-2014

4

Contidos curriculares

Aínda que os contidos da unidade didáctica se poden tratar desde un punto de vista das diferentes áreas de coñecemento, recollemos a continuación aqueles relacionados coa área de coñecemento do medio natural, social e cultural por ser a área de maior implicación e máis directamente relacionada.

Contidos

* Identificación e descrición de alimentos diarios necesarios. Análise de usos e costumes na alimentación diaria.

* Valoración de aspectos que inflúen nunha vida saudable, a alimentación variada e equilibrada.

* Identificación de animais e plantas do seu contorno. * Descubrimento e observación das manifestacións e do patrimonio cultural galego como mostra de diversidade e riqueza.

* Recoñecemento de diferentes profesións evitando estereotipos sexistas.

Page 5: 1º ciclo unidad profesor-2014

5

Actividade de comezo - LECTURA

A reunión era moi importante. Luís, o patrón de pesca, estaba moi preocupado.

-“A algúns nenos e nenas non lles gusta comer peixe” –explicou. -“Imposible!” –berraron os sete pequenos superheroes á vez.

Estaban no barco de Luís, un cerqueiro de 20 metros capaz de ir e vir por entre as ondas máis temibles na súa diaria busca e captura de peixe. Aquela era a misión máis difícil que lles encargaran nunca aos Arroases.

Ningún deles pensara, ata ese momento, que houbese persoas ás que non lles gustase o peixe. Por que?

Para saber por que, cómpre explicar quen son Os Arroases.

Page 6: 1º ciclo unidad profesor-2014

6

Xurelo

Contén niacina (vitamina B3), que favorece o noso bo humor: MÁIS DIVERSIÓN!

Péscase lonxe da costa no inverno e preto dela no verán.

Non deixes de probar a lasaña de xurelo! ÑAM ÑAM!

Rodaballo

Contén potasio, moi importante para enviar o impulso aos nosos músculos: MÁIS AXILIDADE!

Péscase en augas pouco profundas. Vive camuflado nos fondos areosos.

Que bo está o rodaballo en paella ou filloas recheas! ÑAM ÑAM!

Troita

Contén retinol (vitamina A), fundamental para a vista: MELLOR VISIÓN!

A troita de mar, tamén chamada reo, péscase nas bocas das nosas rías.

Á prancha, en croquetas ou en pastel, está saborosísima!

Page 7: 1º ciclo unidad profesor-2014

7

Sardiña

Contén cobalamina (vitamina B12), que favorece o metabolismo e o mantemento do sistema nervioso: MÁIS FORZA!

Péscase botando as redes sobre os grandes bancos que forma preto da superficie.

A sardiña está moi rica en hamburguesa! ÑAM ÑAM!

Mexillón

Contén iodo, moi importante para o noso desenvolvemento físico e mental: MÁIS INTELIXENCIA!

Recóllese nas rochas e cultívase en bateas nas rías.

Se aínda non probaches a fideuá de mexillóns non sabes o que perdes!

Lirio

Contén un tranquilizante natural que axuda a manter a boa saúde do noso sistema nervioso: MÁIS TRANQUILIDADE!

Péscase ás veces a moita profundidade, onde vive en grandes bancos.

A pizza de lirio é deliciosa!

Pescada

Contén tiamina (vitamina B1), que é moi importante para producirmos enerxía: MÁIS ENERXÍA!

Péscase no inverno en augas frías e profundas, e no verán preto da costa.

Se a preparas en albóndegas, ao forno ou en barriñas, vas chupar os dedos!

Page 8: 1º ciclo unidad profesor-2014

8

-Non podo crer que non lles guste! Pero se o peixe está riquísimo! –exclamou Sardiña.

-É estupendo para medrar! Non hai máis que vernos! –contestoulle Rodaballo.

-Iso está claro. Pero é verdade que a algúns nenos e nenas lles custa un pouco descubrir o seu bo sabor. É como montar en bicicleta; ata que aprendes paréceche moi difícil e, logo, non a soltas –reflexionou Lirio.

Page 9: 1º ciclo unidad profesor-2014

9

Coma sempre, foi a Mexillón a quen se lle ocorreu unha idea para resolver o problema do seu amigo, Luís o patrón.

-Xa sei o que imos facer –dixo. Temos que ir aos colexios a axudarlles a que lles guste o peixe.

-Iso sería divertidísimo, pero non esquezan que tamén nós temos clase! –recordoulle Xurelo.

-Non o esquezo. Por iso irán Luís e a nosa amiga a cociñeira Mariña. E levarán unha mensaxe nosa.

-Escríboa eu!, apuntouse rapidamente Troita.

-Vou buscar papel!

Pescada sempre era a máis rápida. Subiu ao seu monopatín e nun intre xa estaba de volta. Esta é a mensaxe que escribiron Os Arroases:

Page 10: 1º ciclo unidad profesor-2014

10

Rapazas e rapaces:

Probablemente xa nos coñezades. Se non, ídesnos coñecer moi ben, porque vos imos dar a roncha durante un bo anaco.

A vosa profesora ou profesor xa vos contaría quen somos, e canto nos gusta comer peixe, e como, grazas a iso, temos uns superpoderes moi especiais.

A nosa misión de hoxe é unha das máis importantes de cantas emprendemos.

Imos convencervos de que comades máis peixe.

Por que? Entre outras cousas porque o noso amigo Luís, patrón de pesca, nos contou que a algunhas nenas e nenos non lles gusta demasiado o peixe. E iso é o mesmo que dicir que non lles gusta gozar de novos e riquísimos sabores, que non lles gusta medrar sans e fortes, que non lles gusta ter mellor vista, axilidade, intelixencia, forza, tranquilidade, enerxía e diversión.

Carta dos Arroases aos nenos e nenas

Page 11: 1º ciclo unidad profesor-2014

11

O peixe dános todo iso!

Resulta que ademais o peixe, e tamén o marisco, dan traballo a unha enorme cantidade de persoas que cada día se esforzan no mar e nas rías para traeren de alí todo tipo de especies moi importantes para a alimentación de maiores e pequenos. Se non comemos peixe, non só imos en contra da nosa propia saúde, senón que, ademais, os deixamos sen traballo!

Para comprender por que, cada un de nós preparámosvos unha actividade.

A ver que tal resultan! Esperamos que moi ben. Xa nos contaredes.

Vémonos na nosa páxina web:

www.osabordaaventuraestanomar.com

Page 12: 1º ciclo unidad profesor-2014

12

O mundo da pesca

Actividade 1 - proposta por sardiña

Debate na clase

Tras a lectura da carta dos Arroases, formúlanselles ás clases as seguintes preguntas. A medida que as van respondendo, anímase un debate ao redor das diferentes respostas.

* Gústavos o peixe? A cantos si? A cantos non?

* Credes que o patrón de pesca ten motivos para estar preocupado?

* Por que?

* Que levanten a man os que coman peixe máis de catro veces á semana.

* Os que non a levantaron, por que non comen tanto peixe? É porque non lles gusta? É porque non llelo poñen na casa?

* En canto aos que si o comen máis de catro veces á semana, cal é o peixe que máis lles gusta? Por que?

Page 13: 1º ciclo unidad profesor-2014

13

Actividade 2 - proposta por Xurelo

Xogo: Redes de pesca

A pesca con artes de cerco utilízase para especies que viven mar dentro e en grandes bancos como a sardiña e o xurelo. Esta actividade está dirixida a que a clase comprenda como funciona:

* Enriba da mesa pon un montón de fabas ou garavanzos. Xúntaos. Serán o banco de sardiñas.

* Enrola unha corda delgada nun lapis pequeno. Serán a rede e o barco.

* Sitúa o lapis preto do banco de peixes e empeza a desenrolalo devagar, procurando que a corda vaia rodeando o banco de peixes.

* Movendo o lapis en círculo, consigue que a corda rodee por completo o banco e se acabe pechando.

* Se tiras amodo dun extremo da corda, verás como o banco está atrapado nun “cerco” cada vez máis pequeno.

* Acabas de facer unha gran captura de sardiñas

* Que vantaxes pode ter este sistema de pesca?

Page 14: 1º ciclo unidad profesor-2014

14

Coñecemento das especies

Actividade 3 – proposta por Rodaballo

A clase está baixo o mar!

Os nenos debuxan en folios as sete especies de peixes obxecto deste programa (pódense descargar as ilustracións de cada unha delas, como modelo, da páxina web), pondo ao lado o seu nome. Logo vanas pendurando das paredes da clase.

Algunhas delas viven en grandes grupos, chamados “bancos”:

* Sardiña * Xurelo * Lirio

Hai que debuxar moitas delas, e moi xuntas.

Explícaselles que algunhas delas viven moi lonxe e que, para as pescar, cómpre navegar ás veces durante varios días.

Unha vez rematada esta actividade, explícaselles o grande que é o mar e as moitas outras criaturas que viven nel. Cales delas coñece a clase? Viven seguras no mar, ou non? Por que? Debemos protexer máis o mar? Como o poderiamos facer?

Page 15: 1º ciclo unidad profesor-2014

15

Actividade 4 – proposta por troita

Vaiamos por partes...

Debúxase no encerado un peixe como o seguinte:

A continuación, con axuda da clase, vanse escribindo os nomes das diferentes partes no seu lugar correspondente, ao tempo que se explica para que serve cada unha desas partes:

* Aleta dorsal e anal: axúdanlle a gardar o equilibrio * Aleta caudal: con ela impúlsase para nadar * Aletas pelvianas: para a estabilidade * Aletas pectorais: responsables das manobras de xiro * Boca con dentes, para alimentarse * Opérculo: protexe as branquias polas que respira * Liña lateral: é unha especie de oído que capta as vibracións da auga

Fosas nasais

Ollo

opérculo

Aleta dorsal espiñosa aleta dorsal suave

aleta caudal

fin de liña

liña lateral

aleta anal

respiradoiroescamas

aletas pelvianas

aletas pectorais

boca

Page 16: 1º ciclo unidad profesor-2014

16

Nutrición

Actividade 5 – proposta por Mexillón

Como medramos?

As nenas e nenos debúxanse a si mesmos cando eran bebés e tal e como son agora.

A continuación debuxan nun lado os alimentos que lle axudaron a medrar e noutro os que só os fan engordar.

Coméntase cales elixiron para cada caso. Por que uns alimentos son máis nutritivos que outros? E, se é así, por que ás veces abusamos demasiado dos que non nos alimentan?

Explícaselles que o peixe é un dos alimentos máis nutritivos e ricos, e que se debe tomar como mínimo 4 veces á semana para medraren ben fortes.

Page 17: 1º ciclo unidad profesor-2014

17

Actividade 6 – proposta por Pescada

Campaña de publicidade na casa

Hai que comer máis peixe! Pero non só iso. Ademais, hailles que axudar aos Arroases a convencer a todo o mundo.

Divídese a clase en grupos. Cada un deles debe pensar unha campaña de publicidade en forma de cartel para convencer as súas familias e amigos, así como o resto do centro escolar, dos moitos beneficios de comer peixe.

En cada cartel debe haber, polo menos:

* Unha frase - lema que anime ao consumo de peixe * Un debuxo alusivo * Unha lista de tres razóns polas que convén comer peixe * Os nomes dos autores da campaña

Logo, estes carteis pódense fotocopiar para que cada participante leve un para a súa casa e o pegue na porta do frigorífico, por exemplo.

Page 18: 1º ciclo unidad profesor-2014

18

Receitas con peixe

Os nenos e nenas da clase teñen o encargo de lles preguntar ás súas familias por unha receita doada na que o peixe ocupe un lugar destacado como ingrediente.

En cada receita deben apuntar:

* Utensilios necesarios * Ingredientes * Cantidades * Instrucións de elaboración

Logo, reúnense todas as receitas, gárdanse nunha bolsa e cada nena ou neno vai sacando unha, que levan á súa casa para que, se lles apetece, as cociñen e coman en familia.

Actividade 7 – proposta por Lirio

Page 19: 1º ciclo unidad profesor-2014

19

Cuestionario para a clase

O profesor ou profesora poderá reunir o alumnado e responder individualmente ou en grupo este breve cuestionario, que servirá para reforzar os conceptos fundamentais, sobre todo de actitudes dos nenos e nenas.

Agora xa sabes algo máis sobre o importante que é unha alimentación sa e que inclúa o peixe, peixe de Galicia.

Por se nos queda algunha dúbida, responde...

* Cres agora, máis que antes, que o peixe é fundamental na túa dieta?

* Estás disposto a modificar os teus hábitos alimentarios para obter os beneficios que o peixe che achega?

* Saberías dicir tres especies de peixes de mar de Galicia básicos na túa alimentación?

* Que beneficios pode ter para ti comer máis peixe?

* Aprendiches algo novo sobre o peixe na dieta que lles poidas contar aos teus pais ou irmáns?

Page 20: 1º ciclo unidad profesor-2014

20