unidade 4

9
Unidade 4 A Metafísica e os seus problemas 1. NOCIÓN DE METAFÍSICA: ORIXE, NOCIÓN E PRINCIPAIS CORRENTES 2. OS PROBLEMAS DA METAFÍSICA 2.1 O problema teolóxico 2.2 O problema ontolóxico 2.3 O problema cosmolóxico 2.4 O problema antropolóxico 2.5 O problema da substancia e a causalidade 2.6 O problema do sentido da existencia 3. A CRÍTICA DA METAFÍSICA 3.1 A crítica da metafísica de Hume 3.2 A crítica da metafísica de Kant 3.3 A crítica da metafísica de Nietzsche 3.4 A crítica da metafísica do neopositivismo

Upload: nieveslopez

Post on 13-Jun-2015

713 views

Category:

Education


8 download

TRANSCRIPT

Unidade 4

A Metafísica e os seus problemas

1. NOCIÓN DE METAFÍSICA: ORIXE, NOCIÓN E PRINCIPAIS CORRENTES 2. OS PROBLEMAS DA METAFÍSICA 2.1 O problema teolóxico 2.2 O problema ontolóxico 2.3 O problema cosmolóxico 2.4 O problema antropolóxico 2.5 O problema da substancia e a causalidade 2.6 O problema do sentido da existencia 3. A CRÍTICA DA METAFÍSICA 3.1 A crítica da metafísica de Hume 3.2 A crítica da metafísica de Kant 3.3 A crítica da metafísica de Nietzsche 3.4 A crítica da metafísica do neopositivismo

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 1

1. Noción de Metafísica: orixe, noción e principias correntes

O concepto “Metafísica” provén dos vocablos gregos “méta”, preposición que pode ser traducida como ‘máis alá ou alén’, e “physiká” que significa ciencia que estudia a natureza, pois provén de “Physis”, natureza para os gregos. Así o termo “meta-física”, atendendo á súa orixe filolóxica, pode ser traducida como “o que está máis alá da natureza”.

Foi Andrónico de Rodas o primeiro que acuñou este termo. Encargado da clasificación das obras de Aristóteles, denominou a aquelas que viñan despois das obras físicas como a “Metafísica”, nome co que pasou a ser coñecida esta obra, malia non aparecer esta denominación no orixinal.

A Metafísica pasou a denominar a aquel ámbito da investigación que se ocupa das realidades metaempíricas ou suprasensibles, realidades que exceden o ámbito dos sentidos.

Xa dixemos que o termo “Metafísica” non aparecía na obra de Aristóteles. Outros termos eran utilizados na obra deste filósofo, e hoxe pasan por ser sinónimos da Metafísica.

É o caso de Ontoloxía. A Metafísica, pola súa natureza non contrastable trata do ser en canto ser, presente en tódolos seres concretos. Así, Ontoloxía provén de “ón”, participio do verbo ser, e que pode ser traducido como ‘ente’, e “lógos” que significa ‘tratado’, ‘investigación’. Así, Ontoloxía é o “saber do ser en canto ser”.

É o caso tamén de “Filosofía Primeira”. Esta ocúpase das causas últimas ou remotas das cousas, en contraposición ás ciencias que se ocuparían das causas próximas ou inmediatas. Tamén a Teoloxía ou indagación sobre Deus, identificado como Motor Inmóbil no peripatético, foi outra denominación que aparecía neste autor.

Podemos concluír que a Metafísica é un saber racional que versa sobre a totalidade do real, a súa esencia e primeiras causas, e sobre cuestións que están máis aló do saber científico. Acerca da esencia da realidade, as dúas principais posturas dadas ao longo da historia do pensamento filosófico son:

• Materialismo sostén que só son reais as entidades materiais, que a materia constitúe a esencia da realidade, e que o espiritual é só unha manifestación da materia. O materialismo non nega a existencia de entidades inmateriais, só que poidan existir á marxe da materia. Para o materialismo, o espiritual só se explica desde o material.

• Espiritualismo ou Idealismo Metafísico sostén, polo contrario, que o autenticamente real é o espiritual ou ideal, que o espírito constitúe a esencia da realidade, e que tódolas entidades materiais non son máis que manifestacións dunha realidade espiritual, superior e independente da materia.

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 2

2. Os problemas da metafísica

Podemos sintetizar os principais problemas que foron abordados pola Metafísica nos seguintes: o problema teolóxico, o ontolóxico, o cosmolóxico, o antropolóxico, o da substancia e a causalidade e o problema do sentido da existencia. 2.1 O problema teolóxico

O problema teolóxico fundamental consiste en poder determinar mediante argumentacións racionais se Deus existe e cal é a natureza divina. Respecto da existencia de Deus, os principais argumentos metafísicos foron: o ontolóxico, o cosmolóxico e o teleolóxico.

• O argumento ontolóxico deriva a existencia da idea de Deus como suma perfección, de aí que fose considerado unha demostración a priori da existencia de Deus. Foi formulado polo filósofo medieval escolástico Anselmo de Canterbury no século XI. Se Deus é suma perfección non pode carecer de nada, xa que senón non sería perfecto, así que ten que te-la existencia, pois do contrario non sería perfectísimo, logo Deus existe. Segundo este argumento, dicir “Deus non existe” é unha contradición lóxica.

Tanto o argumento cosmolóxico coma o teleolóxico, foron formulados por Tomé de Aquino, filósofo escolástico do s. XIII. Máis concretamente estes dous tipos de argumentacións inclúense dentro das denominadas “cinco vías” para demostrar a existencia de Deus que o aquinate propón. Todas son demostracións a posteriori, parten da experiencia, apóianse no principio de causalidade (todo efecto é producido por una causa), négase o recurso ad infinitum a unha cadea infinita de causas (é dicir, ten que existir una primeira causa), ata chegar a Deus.

• O argumento cosmolóxico demostra a existencia de Deus a partir de feitos do mundo físico. Esta proba baséase no principio de causalidade, segundo o cal todo o que existe ten unha causa da súa existencia. E como non é posible remontarse nunha cadea infinita de seres intermedios que dan e reciben a existencia, porque existe un último na serie, é necesario concluír que existe un primeiro ser necesario, Deus, que é a primeira causa incausada de todo o que existe na natureza.

• O argumento teleolóxico (de télos, “fin”), partindo do feito de que existe orde no universo, conclúe a existencia dun ser intelixentísimo, Deus, que o goberna.

Posturas antiteolóxicas: A partir do século XIX empezan a xurdir filósofos que cuestionan as probas da demostración da existencia de Deus e a súa existencia. Feuerbach, membro da esquerda hegeliana, sinalou que non é Deus quen nos fixo a súa imaxe e semellanza, senón que fomos nós os que creamos a Deus a nosa imaxe e semellanza (Deus é un produto cultural máis, proxección das calidades humanas). Freud denunciou a imaxe paternalista de Deus que subxace en toda relixión e que expresa o carácter inmaduro da personalidade relixiosa. Marx sinalou que “a relixión é o opio do pobo”, é dicir, un discurso ideolóxico máis que detentan as clases explotadoras sobre as explotadas para evitar que se rebelen contra elas prometendo compensacións nunha vida futura. Nietzsche proclamou a morte de Deus, é dicir, o

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 3

aniquilamento da crenza nun mundo supraempírico e nos valores transcendentais que foron inculcados polas clases sacerdotais nos espíritos dos febles, xunto cos sentimentos de culpa e resentimento. 2.2 O problema ontolóxico A ontoloxía é aquela investigación que estuda o Ser. Un dos primeiros temas de reflexión da metafísica, e a dicir de moitos o fundamental, é o do ser. Este concepto é o máis universal e, polo mesmo, o máis difícil de definir e o máis problemático. A palabra “ser” ten gramaticalmente tres sentidos distintos: pode usarse como substantivo, e neste caso é sinónimo de ente; pode usarse como verbo intransitivo, e neste caso significa existir; e pode usarse como verbo copulativo, e neste caso utilízase para atribuír calidades aos entes e expresa-la súa esencia. En canto que toda a pluralidade e diversidade de entes son, o ser expresa o común a todos eles. Parménides de Elea, filósofo presocrático do s. VI-V a.C., foi o primeiro filósofo que reflexiona de modo explícito sobre o ser, que para el é o arkhé, o fundamento de toda a realidade, posto que todas as cousas son algo. O ser é eterno (non pode diluírse na nada), un (pois é o común a todas as cousas), indivisible (pois non ten partes, é un), inmutable (pois o ser non pode pasar a ser non-ser) e limitado (pois o ser non o é todo, xa que non é non-ser). Ao coñecemento do ser chámalle Parménides vía da verdade, e é a que emprenden os filósofos ou sabios a través do coñecemento racional, mentres que o vulgo segue a vía da opinión, a que descoñece o ser e guíase polos sentidos. Aristóteles fixo da ontoloxía unha base relevante da súa filosofía, e Heidegger no s.XX, considerou que a historia da metafísica é a historia do esquecemento da pregunta polo ser que, pensa, hai que volver a suscitar desde as bases do sentido do ser e do sentido da existencia humana.

2.3 O problema cosmolóxico A metafísica ten reflexionado tamén sobre certas cuestións referentes ao universo, formulando coas mesmas numerosos problemas que van alén das comprobacións científicas. Algunhas destas cuestións son: é o universo espacialmente finito ou é infinito? Tivo o universo un principio no tempo ou é eterno? A existencia do universo permite afirma-la existencia dunha primeira causa non material da que depende? Pode a materia dividirse ata o infinito ou hai un punto no que se ten que dete-la división? Tódolos acontecementos do universo están rixidamente determinados ou existe a indeterminación? Hai finalidade ou azar na natureza? Ao longo da historia, os metafísicos teñen defendido e argumentado solucións distintas respecto destas cuestións.

2.4 O problema antropolóxico Outro tipo de problemas metafísicos refírense a qué tipo de ente é o ser humano e qué lugar ocupa entre o conxunto de entes da realidade. Outra das cuestións polas que se interesa a metafísica acerca do ser humano é a de saber se, ademais dun corpo material e mortal, posúe unha alma espiritual e inmortal.

O concepto de alma (psyché) tiña para os gregos dous significados básicos: como principio de vida (a alma sería o que anima ao corpo) e como

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 4

principio de coñecemento racional. A estes significados asóciaselle tamén a idea relixiosa de inmortalidade e constitúe a realidade distintiva e específica dos seres humanos fronte ao resto dos animais.

Platón recolleu o concepto de alma inmortal dos pitagóricos e dos cultos órficos relixiosos non oficiais. Para o ateniense só podemos coñecer a auténtica realidade, o Mundo das Ideas, a través da alma, debendo desprendernos da mala influenza que exerce o corpo sobre ela que nos apega ao Mundo Sensible. Defende pois, un dualismo antropolóxico entre alma e corpo, sendo este último, como para os pitagóricos, un cárcere para a alma.

Aristóteles entendeu a alma como principio de vida e movemento dos seres, morrendo esta cando desaparecía o corpo. Así existían, dentro dos seres animados, tres tipos de almas:

• A alma vexetativa é a propia das plantas e exerce as funcións de nutrición e reprodución.

• A alma sensitiva, propia dos animais, ademais das funcións anteriores, exerce a percepción sensible, o desexo, o movemento local, a memoria e a imaxinación.

• A alma racional, exclusiva dos homes varóns e libres, ademais das funcións anteriores, é o único ser que pode exercer funcións intelectivas. Así, Aristóteles define ao home como “animal racional”.

Descartes defendeu un dualismo antropolóxico radical, é dicir, o ser humano estaría composto por dúas substancias independentes, a res cogitans ou “cousa pensante”, a alma, e a res extensa ou “cousa extensa”, o corpo. As dificultades que tivo para dar conta da necesaria conexión que existe entre o pensamento, produto da actividade da alma e as accións corporais, farían que situase a alma dentro do corpo, na glándula pineal. Mais un aspecto positivo da concepción deste autor é que a alma preséntase como conciencia, como causa e principio básico para as accións libres e responsables, algo importante para a ética e o Dereito. 2.5 O problema da substancia e a causalidade

• A substancia A palabra substancia é de orixe latina, vén de sub-stare e significa ‘estar

debaixo’, ‘ser soporte’. Traduce a palabra grega hipóstasis. Así, substancia é aquilo que fai que algo sexa o que é e non outra cousa, é dicir, aquilo que identifica a algo como tal e o diferenza dos demais.

Aristóteles contrapuxo a substancia e os accidentes. Substancia é o que permanece constante e inalterado a pesar dos cambios que poida padecer ese obxecto. Os accidentes son aquelas características dos obxectos que non son fundamentais para a súa configuración (perder o pelo, crecer, caer un dente).

As substancias para o peripatética están compostas de materia (aquilo do que está composto unha substancia, a madeira nunca cadeira, por exemplo) e a forma (a esencia das cousas, aquilo que fai que sexa unha cadeira e non unha mesa).

Pola suá parte Descartes define a substancia como “aquela cousa que existe de tal maneira que non necesita doutra para existir”. Existirían para Descartes tres substancias: a res cogitans (ou cousa pensante, o eu identificado coa alma), a res infinita (ou cousa infinita, Deus) e a res extensa (ou a cousa extensa, o mundo e o corpo para o ser humano). Só Deus (res infinita) é substancia ao pé da letra. Tamén o son a alma (res cogitans) e o

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 5

corpo (res extensa), xa que son independentes, unha vez que reciben o seu ser de Deus. As dificultades que tivo Descartes para conciliar a relación que existía entre as tres substancias fixo que xurdiran alternativas desde as propias filas do racionalismo. Así, para Spinoza só existe unha única substancia: Deus sive Natura (Deus ou a Natureza).

• O principio de causalidade O principio de causalidade fai referencia á necesidade de que todo efecto

sexa producido por unha causa e, xa que logo, que toda causa produza un ou varios efectos.

O primeiro que se preocupou pola causalidade foi Aristóteles para quen o sabio tiña que dar conta das causas que provocaban o movemento da natureza. A substancia é dinámica. Para explicar o cambio, Aristóteles utiliza a teoría das catro causas:

• Causa material: aquilo do que está feito algo (a madeira). • Causa formal: dálle a esencia á materia (a mesa) • Causa eficiente: o responsable do movemento (o carpinteiro). • Causa final: o fin para o que está feito o obxecto (apoiarse, soportar

cousas).

2.6 O problema do sentido da vida Os metafísicos tamén indagaron sobre o sentido da vida, tanto individual

como colectiva. Os cristiáns non dubidan en afirmar que Deus é o sentido da vida. Mais negar a Deus desemboca no nihilismo na ausencia total de sentido.

Nietzsche fixo unha crítica demoledora da cultura occidental. A morte de Deus leva consigo a desaparición dos valores tradicionais de Occidente, pero tamén orixina un novo tipo de ser humano: o superhome. O superhome é un novo tipo de humanidade, o home que mira ao mundo sen prexuízos, coa mirada inocente dun neno e significa apego á terra, afirmación da vida e dos valores terreais.

Para o filósofo español Ortega y Gasset vivir é abrirse ao mundo e aos demais, non só a través da razón, tamén no querer e sentir. Somos como náufragos no mundo, sabemos que existimos e a nosa preocupación é facer algo para non deixar de existir (“eu son eu e a miña circunstancia; se non a salvo a ela, non me salvo a min”). Todo ser humano é fillo do seu tempo e elabora o seu proxecto de vida nas circunstancias persoais e históricas que lle tocou vivir. Cada un ten unha vocación que debe descubrir. Pode ter moitos proxectos, pero só un é o acertado. Hai dous camiños que nos apartan del: non facer nada ou estar tan ocupados nos quefaceres cotiáns que non deixemos tempo para afrontar o que debemos facer. A vida é signo de acertar.

3. A crítica da metafísica

3.1 A crítica da metafísica de David Hume

O principio de Hume que afirmaba que todas as ideas proveñen, mediata ou inmediatamente, das impresións, fai da validez da ciencia un problema e suporá un rexeitamento da metafísica.

Hume leva a cabo unha crítica das tres realidades nucleares da metafísica tradicional, ás que xa Descartes conceptuara como substancia pensante (eu), substancia extensa (mundo dos corpos) e substancia infinita (Deus).

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 6

• Crítica da idea de substancia Locke constatara a dificultade de coñecer a substancia. Para Hume, a

substancia, como calquera outra idea, ten que derivar da súa correspondente impresión e, dado que este non é o caso, debemos concluír que tal idea carece de fundamento real extramental, porque non podemos ter impresión ningunha da substancia, entendida como realidade en si, distinta das nosas percepcións. Afirma: “A idea de substancia, como a de modo, non é senón unha colección de ideas simples unidas pola imaxinación, que posúen un nome que se lles asigna, polo que somos capaces de recordar, a nós mesmos e a outros, esas coleccións”.

• A crítica da idea de “eu” Tanto en Descartes como en Locke, a idea de “eu” aparece en nós por unha

evidencia intuitiva: un eu que pensa, quere, ama e que, por tanto, existe. Para Hume, a mente non é senón “unha colección de distintas percepcións, unidas entre si por certas relacións, coa falsa suposición de que están dotadas dunha perfecta simplicidade e identidade”. Entende que a existencia dunha substancia espiritual, en particular a existencia do “eu”, en tanto realidade dotada de subsistencia continuada e autoconscente, non aparece en nós como tal idea, porque non se deriva de ningunha impresión.

O eu” ou a “persoa” non son unha impresión. Representan aquilo ao que se refiren por suposición, as nosas diferentes impresións e ideas. En realidade, non temos ningunha impresión constante e invariable: dores e praceres, anhelos e alegrías, paixóns e sensacións se alternan de maneira continuada e nunca existen todas á vez. Por tanto, a idea de “eu” non se pode derivar de ningunha destas impresións e tampouco de ningunha outra. En consecuencia, o referente de tal idea non existe.

• A crítica da idea de mundo exterior Hume considera que se pretende que a afirmación dese mundo externo ao

suxeito estea baseado na inferencia causal, que parte das nosas ideas e nos conduce a unha realidade exterior causante das mesmas. Esta pretensión resulta infundada, porque a inferencia é ilexítima, dado que damos un salto improcedente desde as nosas percepcións ata unha suposta realidade, que está máis alá delas e da que non temos impresión. Isto non supón a negación do mundo externo, dado que o seu non coñecemento queda suplido pola crenza no mesmo.

• A crítica da idea de Deus O noso autor parte da idea que temos de Deus como unha substancia infinita

con todas as súas perfeccións (omnipotencia, omnisciencia...). Aplica o criterio que se vén reiterando, acorde co seu radical empirismo. A idea que temos de Deus ou da perfección infinita non se corresponde con ningunha impresión que a lexitime. Polo tanto, infírese que non existe ningún tipo de coñecemento de Deus, nin teolóxico, nin metafísico. Non obstante, recoñece que a relixión e a crenza na existencia de Deus son naturais e necesarias entre as persoas. En consecuencia, a actitude de Hume pode denominarse como agnóstica, pero non como teísta ou atea.

• A crítica ao principio de causalidade Para Hume o principio de causalidade (que todo efecto é producido por unha

causa) é outro concepto metafísico produto da nosa imaxinación. Segundo Hume, cando percibimos na realidade varias veces dous feitos consecutivos, tendemos a crer que o primeiro é a causa do segundo. Sen embargo, só percibímo-los dous feitos e non a súa conexión causal, de modo que, dado un efecto, xamais chegaremos a saber con absoluta seguridade cál é a súa causa, e, dada unha

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 7

causa, qué efectos producirá. Polo tanto, conclúe Hume, tampouco podemos coñecer mediante unha proba racional que Deus existe como a primeira causa do mundo, como facía Tomé de Aquino. 3.2 A crítica da metafísica de Kant

A crítica de Immanuel Kant á metafísica tradicional é herdada de Hume,

pois segundo el mesmo indica “Hume espértalle do soño dogmático” e unha consecuencia da crítica á que someteu ás facultades humanas de coñecemento. Se pretendemos descubrir se é posible o coñecemento metafísico, di Kant, antes haberá que saber cómo coñecemos e qué condicións debe cumpri-lo coñecemento en xeral.

Para Kant, o coñecemento refírese sempre a fenómenos (as cousas para nós) e non a noúmenos (as cousas en si mesmas); estes só os podemos pensar, pero non coñecer.Distingue tres facultades de coñecemento: a sensibilidade, o entendemento e a razón. O coñecemento concíbeo como unha síntese entre as intuicións da sensibilidade e os conceptos do entendemento. A nivel destas dúas facultades xorde o coñecemento (como no caso das matemáticas e a física), pero non a nivel da razón, que é a facultade na que se basea a metafísica.

Para Kant, a razón non é unha facultade de coñecemento, senón de organización e suprema unificación de tódolos coñecementos. Os contidos da razón son tres ideas, as cales constitúen os temas fundamentais da metafísica tradicional: a idea de mundo (unificación de tódolos fenómenos físicos), a idea da alma (unificación de tódolos fenómenos psíquicos) e a idea de Deus (unificación de toda a realidade). As ideas da razón non se refiren a nada real; son só principios regulativos e expresan o afán que ten o ser humano de coñecelo todo, aínda que sexa imposible.

Crer que a estas tres ideas lles corresponde algo real é produto dun espellismo e ilusión, en el incorreu toda a metafísica tradicional. Kant proponse desenmascarar esta ilusión. Así, critica tódolos argumentos metafísicos que proban a existencia da alma, pon de manifesto as contradicións en que incorreu a cosmoloxía tradicional, e critica tódolos argumentos sobre a existencia de Deus.

• Do argumento ontolóxico di que a existencia non engade prefección a un ser, polo que se pode pensar a Deus como ser perfectísimo, e non saber se existe ou non existe.

• Do argumento cosmolóxico critica o abuso que fai do principio de causalidade, o cal só é válido no ámbito da experiencia sensible (as categorías ou formas a priori do entendemento, como o principio de causalidade, só se poden aplicar a fenómenos, non a nóumenos), e o que identifique a Deus co primeiro ser necesario.

• Do argumento teleolóxico di que non conclúe a existencia dun Deus creador e omnisciente, senón só dun ordenador moi sabio.

De tódolos xeitos, aínda que declare a imposibilidade dun coñecemento metafísico acerca da existencia de Deus e da liberdade e inmortalidade da alma, Kant admitirá como unha esixencia moral que Deus existe e que a alma é libre e inmortal. Deus e alma serían así realidades nouménicas, que podemos pensar, pero non coñecer.

Unidade 4. A Metafísica e os seus problemas

Filosofía e Cidadanía I.E.S. San Tomé de Freixeiro (Vigo) 8

3.3 A crítica da metafísica de Nietzsche

Nietzsche oponse ao dualismo ontolóxico, fiel reflexo do dualismo

platónico: - Este mundo, sensible e imperfecto - O outro mundo, suprasensible e perfecto, fundamento daquel.

Segundo tal concepción, a realidade queda escindida en dous eidos: unha realidade suprasensible, estática e imperecedoira, fronte a unha realidade cambiante, sensible, perecedoira... que é o produto residual, "desprezable" da anterior. Fronte a este esquema ontolóxico reaccionará Nietzsche esgrimindo tres obxeccións:

1. A infravaloración da realidade sensible débese a súa mutabilidade, mentres que a razón humana opera con categorías inmutables (conceptos); pero o feito de que a razón funcione con tales categorías non demostra a "imperfección" nin a "dependencia" do mundo sensible, senón só a inadecuación da razón para coñecelo... E se a razón non fora a facultade axeitada para coñecer o mundo? É posible acceder de forma non racional ao coñecemento do mundo? É a razón a nosa única posibilidade cognoscitiva?

2. O mundo suprasensible non é máis que unha ilusión, unha ficción, unha fantasía construída como negación do mundo sensible, única realidade para nós.

3. Recorrer a un mundo suprasensible o interpreta, pois, como unha reacción anti-vital, como unha negación da vida, (vida que está marcada polo sufrimento tanto como pola alegría), como unha vinganza contra a natureza, propia de espíritos ruíns que odian a vida, un produto do resentimento contra a vida. Incapaces de aceptar un destino tráxico, os homes se rebelan contra esa vida que lles aboca ao sufrimento e a negan, converténdoa nun mero residuo doutra realidade, perfecta esta, onde afogan o seu resentimento.

3.4 A crítica da metafísica do neopositivismo do Círculo de Viena

Durante o século XX, a corrente neopositivista tamén ten negado a

posibilidade dun coñecemento metafísico de realidades transcendentes. Os neopositivistas só admiten, seguindo a Hume, dous tipos de enunciados científicos: os formais e os empíricos. Calquera enunciado que non sexa nin formal nin empírico, como é o caso dos enunciados metafísicos, carece de contido ou significado, non podendo ser nin verdadeiro nin falso. Para os neopositivistas, tódolos enunciados metafísico son pseudoenunciados (parecen enunciados ben construídos porque teñen suxeito, verbo e predicados, pero ao non remitir a ningún obxecto sensible perden a necesaria referencia coa realidade).