unha posible contradición

11
1 Unha posible contradición. Apuntamentos para pensar a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano DELMIRO ROCHA Tratar de pensar a etiqueta Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano 1 é un reto tan interesante como imposible para un traballo dunhas poucas liñas como este. As razóns son múltiples. Enunciarei simplemente dúas: 1- Os substantivos que compoñen a etiqueta son altamente profundos e profusos se nos atemos á súa dilatada historia. "Tecnoloxía", "Desenvolvemento" e "Humano" son conceptos as definicións dos cales non están para nada claras e as controversias que suscitan, en lugar de diluírse, incrementan cada día. 2- Por se non fose suficiente o escorregadizo das temáticas a tratar, a isto habería que sumarlle a tendencia da linguaxe —entendida no restrinxido sentido de vehículo da razón cara o exterior— á xeneralidade, certa universalidade que compromete todo dicir, e ao relaxamento no uso dos conceptos. Dado que o campo de análise que demanda a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano é certamente inabarcable, pois as implicacións de cada unha das partes que compoñen semellante enunciado incide en múltiples ámbitos de coñecemento (científico, tecnolóxico, histórico, antropolóxico, filosófico, político, ético, epistemolóxico, lingüístico, moral, etc.), o propósito aquí será tentar centrar unha temática específica e enunciar o que podería parecer unha contradición interna á TpDH que desgraciadamente, de habela, tería difícil solución e ameazaría con mitigar amplamente os seus obxectivos, cando non anulalos por completo. 1- Breve análise do texto Conceptos sobre Tecnología para el Desarrollo Humano (ESF) A motivación central da TpDH é o recoñecemento da necesidade da orientación do progreso tecnolóxico á promoción do desenvolvemento humano. É o resultado de combinar a tecnoloxía como feito cultural, co concepto do 1 A partir desde momento TpDH.

Upload: enxeneria-sen-fronteiras-galicia

Post on 24-May-2015

797 views

Category:

Technology


7 download

DESCRIPTION

Artículo escrito por Delmiro Rocha, de Proxecto Derriba http://proxectoderriba.org/ como parte de una colaboración con Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, apoyada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia, para reflexionar desde diversas disciplinas sobre el concepto de Tecnología para el Desarrollo Humano

TRANSCRIPT

Page 1: Unha posible contradición

1

Unha posible contradición.

Apuntamentos para pensar a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano

DELMIRO ROCHA

Tratar de pensar a etiqueta Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano1 é un

reto tan interesante como imposible para un traballo dunhas poucas liñas como este. As

razóns son múltiples. Enunciarei simplemente dúas:

1- Os substantivos que compoñen a etiqueta son altamente profundos e profusos

se nos atemos á súa dilatada historia. "Tecnoloxía", "Desenvolvemento" e "Humano"

son conceptos as definicións dos cales non están para nada claras e as controversias que

suscitan, en lugar de diluírse, incrementan cada día.

2- Por se non fose suficiente o escorregadizo das temáticas a tratar, a isto habería

que sumarlle a tendencia da linguaxe —entendida no restrinxido sentido de vehículo da

razón cara o exterior— á xeneralidade, certa universalidade que compromete todo dicir,

e ao relaxamento no uso dos conceptos.

Dado que o campo de análise que demanda a Tecnoloxía para o

Desenvolvemento Humano é certamente inabarcable, pois as implicacións de cada unha

das partes que compoñen semellante enunciado incide en múltiples ámbitos de

coñecemento (científico, tecnolóxico, histórico, antropolóxico, filosófico, político,

ético, epistemolóxico, lingüístico, moral, etc.), o propósito aquí será tentar centrar unha

temática específica e enunciar o que podería parecer unha contradición interna á TpDH

que desgraciadamente, de habela, tería difícil solución e ameazaría con mitigar

amplamente os seus obxectivos, cando non anulalos por completo.

1- Breve análise do texto Conceptos sobre Tecnología para el Desarrollo

Humano (ESF)

A motivación central da TpDH é o recoñecemento da necesidade da orientación do progreso tecnolóxico á promoción do desenvolvemento humano. É o resultado de combinar a tecnoloxía como feito cultural, co concepto do

1 A partir desde momento TpDH.

Page 2: Unha posible contradición

2

desenvolvemento humano, é dicir o "proceso de ampliación das opcións da poboación".2

Segundo o texto, a motivación parte da identificación dunha necesidade, isto é,

algo que non pode ser doutro xeito, onde o "poder ser" refírese a un campo ético-moral

e non ontolóxico-posible pois o obxectivo ou motivación central consiste na orientación

do progreso tecnolóxico á promoción do desenvolvemento humano. Enténdese que a

TpDH pretenden cambiar o rumbo ou orientación cara outras augas menos nocivas. O

recoñecemento, entón, sinala certa mala "praxe". Por este motivo imos entender aquí o

uso do termo orientación como unha "reorientación", unha volta ou viraxe cara a

algunha parte. Ese lugar ou destino será o resultado de combinar a tecnoloxía como

feito cultural co concepto do desenvolvemento humano. A definición da tecnoloxía

como feito cultural, é dicir, como parte integrante e definitoria do ser humano posúe

unha longa historia no pensamento occidental e remóntanos, como mínimo, á cultura

clásica. Mais antes de dar ese grande salto no tempo cabe precisar que o texto citado

define inmediatamente o desenvolvemento humano como o proceso de ampliación das

opcións da poboación, definición extraída do Programa das Nacións Unidas para o

Desenvolvemento. Ante institucións deste calado —Nacións Unidas— habería que

extremar a cautela e realizar unha análise preliminar da súa historia, constitución e

obxectivos; análise que posuiría necesariamente un carácter infinito. ¿De qué opcións

falamos?, ¿Que significa exactamente ampliación? No marco dun modelo político-

económico neoliberal as opcións e a fabricación dos desexos da poboación están

claramente definidos e baséanse nun engano democrático que pretende presentalos

como accesibles a todo o demos.

Non obstante, Enxeñería Sen Fronteiras posúe vontade crítica e pretende afinar

as súas posicións.

Enxeñería Sen Fronteiras entende que, por principios éticos, a técnica debe estar ao servizo do ser humano, e que para conseguir isto, é necesario enfocar a súa xestión desde unha perspectiva de xeración de coñecemento. Cuestiona, polo tanto, a relevancia das tecnoloxías clasificadas intrinsecamente como apropiadas, así como os programas de desenvolvemento tecnolóxico que

2 Extracto do texto Conceptos sobre Tecnología para el Desarrollo Humano que ESF Galicia ten

como guía de traballo e reflexión. Pódese consultar no seguinte enlace: http://www.slideshare.net/esfgalicia/concepto-de-tecnologa-para-el-desarrollo-humano. A Tradución é nosa.

Page 3: Unha posible contradición

3

non incorporan a visión e a participación do usuario final desde a súa propia definición.3

A viraxe fundamental parece pivotar sobre o ético. O ético sería entón

tanto un principio como un obxectivo, principio e fin,

causa e propósito da viraxe. A primeira consecuencia de colocar o ético como base sería

que a técnica debe estar o servizo do ser humano. O debe estar anuncia o campo ético

—terreo do "deber ser"— e establece unha necesaria redirección da técnica.

Por precaución dicimos "o ético" para sinalar simplemente un campo

determinado e tentar deixalo o máis aberto posible. O texto abstense de determinar con

exactitude qué ética é esa que serve aquí como principio. Basto problema que haberá

que abordar pois toda evitación neste campo se transforma nunha aceptación tácita dun

modelo determinado, moitas veces inconsciente e, por conseguinte, non cuestionado.

Éticas hai moitas e non todas son compatibles. Córrese o risco así de traballar

inevitablemente cun modelo ético capitalista que, por soterrado e aparentemente

ausente, camiña sen ambaxes até nas accións daqueles que pretenden combatelo.

O cambio de rumbo que enuncia o texto parece estar tinguido de boas intencións

mais cólase na súa formulación a retórica da dominación. A técnica debe estar ao

servizo do ser humano, isto é, ao seu servizo, baixo as súas ordes. Empezan a

manifestarse os flocos dunha posible contradición: dun lado enténdese o

desenvolvemento técnico como un feito cultural, unha característica ou calidade

humana constitutiva, algo que lle pertence; doutro lado, subordínase ese mesmo

desenvolvemento ao dominio do ser humano.

O primeiro que habería que preguntarse é se isto é posible. Non desexable ou

conveniente senón estritamente posible. Paso do ético ao ontolóxico. A técnica pode, a

un tempo, ser parte constitutiva do ser humano e subordinado a este? A subordinación

non suporá unha reformulación do concepto “ser humano”? Se tal dominio é posible

implicaría que a técnica pode sufrir un proceso de saída cara fóra, de obxectivación que,

posto que forma parte integrante daquilo que debe abandonar, se lería como unha saída

de si. É posible que isto sexa o que aconteceu ao longo de, cando menos, os dous

últimos séculos de desenvolvemento técnico en detrimento dun modelo específico de

desenvolvemento humano.

3 Ibíd.

Page 4: Unha posible contradición

4

O texto que nos ocupa determina de qué forma se pode alcanzar esta

subordinación: para conseguir isto é necesario enfocar a súa xestión desde unha

perspectiva de xeración de coñecemento. A viraxe é entón ético-cognoscitiva e

incorpora a participación do usuario.

Despois da explicación e crítica da tecnoloxía apropiada e dun breve

desenvolvemento histórico da concepción de desenvolvemento e tecnoloxía a partir dos

anos 40, o texto reitera a importancia da xeración de coñecemento e da implicación dos

suxeitos neste.

Desde unha perspectiva de desenvolvemento humano, non só as actuacións asociadas á provisión das infraestruturas básicas físicas e produtivas toman un sentido especial, senón tamén as ligadas ao aumento de capacidades organizativas e intelectuais, especialmente as tecnoloxías da comunicación e da información. Ademais o que habitualmente se entende por difusión e transferencia de tecnoloxía debe ser, en realidade, un acompañamento na xestión da propia tecnoloxía e coñecemento tecnolóxico, buscando a coxeración en pro do desenvolvemento endóxeno dos participantes involucrados. Nas actuacións de desenvolvemento é necesario superar o enfoque de "aprender" e pasar ao de "xerar coñecemento adaptado ao contexto cambiante", de forma que os participantes aumenten en capacidades reais de transformación.4

Os termos que marcan a dominación e que intentan camuflar a idea de

superioridade cultural, así como certos signos de piedade e boa conciencia, preséntanse

suavizados en conceptos como acompañamento ou coxeración. De calquera xeito

semella enxergarse xa un pequeno cambio ou intención de xiro cara a un uso da

tecnoloxía que non incida simplemente no material senón que abranga a dimensión

humana na súa totalidade a través do desenvolvemento cognoscitivo.

Aquí semella que nos detivemos. Este é, entón, o lugar desde o cal se debe

relanzar a idea de viraxe. O problema que debemos abordar é a articulación entre ética,

coñecemento, desenvolvemento humano e instrumentalización técnica.

2- A téchneloxía: desexo imposible.

Estritamente non é posible traducir o termo grego "téchne" polo moderno

"técnica". Cando menos non é posible traducilo sen parapetalo dunha análise moi

extensa que nos obrigaría a transitar pola historia cultural de occidente que conduce da

Grecia clásica á actualidade. Esta análise revelaría as fabulosas transformacións do

4 Ibíd.

Page 5: Unha posible contradición

5

concepto e explicaría, no fondo, que a devandita tradución implica contradicións a nivel

ontolóxico, deontolóxico e social. Por suposto non se pretende facer aquí semellante

análise, non obstante, como existen indicios de que a estratexia implícita da TpDH pode

combinar elementos tanto da téchne grega como da técnica moderna, faremos unhas

mínimas referencias para esclarecer en qué sentido enunciamos a posibilidade dunha

contradición.

É certo que a técnica en xeral forma parte constitutiva do ser humano en canto

supón o seu medio de relacionarse co mundo. A transformación do mundo a través da

técnica é a adaptación do ser humano ao mundo. A invención, uso e desenvolvemento

de elementos técnicos atópanse en todas as comunidades humanas. Así, polo menos,

define a antropoloxía filosófica a xeneralidade do concepto "técnica" en canto parte

integrante das sociedades humanas. Neste senso a técnica pertence á natureza humana.

Por outra banda, a invención de instrumentos técnicos para a transformación do medio

entendida como modo de supervivencia e adaptación a este é un produto humano, é

dicir, algo artificial. A definición que divide o natural —o que é dado na natureza— do

artificial —o que produce o ser humano— é unha distinción aristotélica que chega case

intacta até os nosos días. Pola contra, o que non permanece intacto no tempo é a

concepción do mundo nin a idea do técnico.

Para os gregos o cosmos forma unha unidade de sentido que non permite a

disgregación en partes autónomas. Idea orgánica do mundo onde cada cousa forma parte

dunha totalidade viva e soamente así obtén o seu sentido, o seu movemento e o seu

lugar propios. É nesta concepción onde hai que enmarcar a palabra téchne. Certamente,

a técnica articula a relación do ser humano co mundo mais para o mundo dos grego a

téchne non se limitaba a un mero "facer". Ademais, e fundamentalmente, era un "saber

facer". Ditos "facer" e "saber facer" implican, por unha banda, a creación no sentido de

póiesis —palabra que chega até hoxe cunha dificultade de tradución análoga á que aquí

nos ocupa e representa a orixe etimolóxica do que hoxe chamamos "poesía"—, é dicir,

non se limita ao traballo manual ou mecánico que fabrica obxectos senón que o seu

sentido primordial radica nunha concepción artística da creación, de facer chegar algo,

de trae algunha cousa diante de nós; por outra banda, e estreitamente ligado con este

sentido artístico de póiesis, para a cultura grega a téchne vincúlase de forma esencial

coa epistéme, é dicir, co saber e o coñecemento. O simple acto de manufacturar un

obxecto non é por si mesma unha téchne se ela non vai acompañada polo coñecemento

Page 6: Unha posible contradición

6

das causas. Desta forma o gremio dos artesáns, na medida en que aqueles se limiten a

reproducir obxectos útiles para a mellora da vida ordinaria, permanece afastado do

sentido primordial da téchne. Para Aristóteles a téchne comparte os trazos de

universalidade, transmisión, precisión e explicación que definen en boa medida a

ciencia clásica. É neste senso como o filósofo de Estagira privilexia o arquitecto (saber

por que) en detrimento do construtor (saber como). O primeiro sería aquel que trae a

cousa ao mundo cognoscitivo, crea e produce a cousa propia, o segundo limítase a

reproducir sen coñecemento das causas primeiras. O saber facer que

contemporaneamente atribuímos a un técnico non se correspondería co saber ou

epistéme da téchne.

Hai que engadir un terceiro elemento que determina por completo este

sumarísimo achegamento ao concepto grego de téchne, a saber, a politeia (cidade,

estado, república). Todo se circunscribe na cidade e tanto a parte produtiva como a

cognoscitiva da téchne non forman parte simplemente da realización constitutiva do ser

humano senón que están subordinadas ao obxectivo fundamental da politeia que non é

outro que vivir ben; non abonda con vivir ou sobrevivir senón que a cidade debe

alcanzar o bo vivir, isto é, vivir segundo e seguindo a idea de ben. Este valor supremo,

que para Platón goberna a pirámide das ideas, debe ser o fin da politeia, é dicir, non un

fin persoal ou individual senón un fin social, común, que para a Grecia clásica se

correspondería só co total dos así chamados "cidadáns". A téchne está dirixida a través

do coñecemento á realización do ser humano en conxunto segundo a idea de ben. Isto

quere dicir que só hai téchne propiamente cando un "saber como e un saber por que"

proporciona o ben común, a todos, polo tanto non a un nin a uns poucos.

Por suposto, o que virá co paso dos séculos non se parecerá demasiado. Sirvan

como anticipo as palabras de Adorno e Horkheimer:

Aínda que alleo á matemática, Bacon captou ben o modo de pensar da ciencia que veu tras el. A unión feliz que ten en mente entre o entendemento humano e a natureza das cousas é patriarcal: o intelecto que vence á superstición debe dominar sobre a natureza desencantada. Saber, que é poder, non coñece límites, nin na escravización das criaturas nin na condescendencia para cos señores do mundo. Do mesmo xeito que se acha a disposición dos obxectivos da economía burguesa, na fábrica e no campo de batalla, así está tamén a disposición dos emprendedores, sen distinción de orixe. Os reis non dispoñen da técnica máis directamente que os comerciantes: ela é tan democrática como o sistema económico co que se desenvolve. A técnica é a esencia de tal saber. Este non aspira a conceptos e imaxes, tampouco á felicidade do coñecemento, senón

Page 7: Unha posible contradición

7

ao método, á explotación do traballo dos outros, ao capital. As múltiples cousas que segundo Bacon aínda reserva son, á súa vez, só instrumentos: a radio, como imprenta sublimada; o avión de caza, como artillaría máis eficaz; o telemando, como o compás máis seguro. O que os homes queren aprender da natureza é servirse dela para dominala por completo, a ela e aos homes. Ningunha outra cousa conta. Sen consideración para consigo mesma, a Ilustración consumiu até o último resto da súa propia autoconciencia. Só o pensamento que se fai violencia a si mesmo é o suficientemente duro para quebrar os mitos. Fronte ao triunfo actual do sentido dos feitos, mesmo o credo nominalista de Bacon resultaría sospeitoso de metafísica e caería baixo o veredicto de vaidade que el mesmo ditou sobre a escolástica. Poder e coñecemento son sinónimos.5

A modernidade provocará unha rotura definitiva —xerada xa a través do

Medievo— na unión harmónica entre ciencia, moralidade e arte que gobernaba a cultura

clásica. A ciencia independízase. Esta separación posibilitará a especialización e o

asombroso desenvolvemento do que hoxe chamamos medios técnicos. A diferenza

fundamental que queremos resaltar aquí é que o saber da téchne, que conectaba en

equilibrio todas as esferas da vida humana coa unidade do cosmos, coa natureza,

transfórmase nunha concepción de dominio técnico da natureza co obxectivo de

satisfacer a vontade dun ser humano cada vez menos apegado a ela. O desenvolvemento

científico-técnico será tamén un desenvolvemento humano no senso en que a visión do

mundo se transformará cara a unha concepción que perderá a mirada "relixiosa" a un

mundo animado no seu conxunto para desenvolver unha idea de subordinación na cal o

planeta está cheo de elementos inanimados a disposición do ser humano. A

transformación e o aproveitamento do planeta a través de saber científico-técnico

moderno serán a nova racionalidade e interpretación do mundo. Esta relación de

dominación non só someterá a parte inanimada do planeta senón que se estenderá a

todos os seres vivos, incluído o ser humano. A idea de ben que antes se fundamentaba

nunha harmonía de conxunto agora susténtase sobre o aumento progresivo da

dominación do mundo porque así auméntase, paralelamente, a consecución de benestar.

Nace, pois, a idea moderna de progreso. O nivel de benestar dunha sociedade comeza a

medirse progresivamente polo nivel tecnolóxico que ela posúe. A idea de politeia como

fin común cuantifícase agora a escala planetaria e instala unha brecha crecente: o

aumento de benestar dunha sociedade implica a diminución do nivel de vida noutra. Se

isto o incrustamos no modelo capitalista de enriquecemento crecente atopámonos cunha

5 Max Horkheimer y Theodor W. Adorno: Dialéctica de la Ilustración. Fragmentos filosóficos.

Madrid, Editorial Trotta, 1994 (3ª ed. 1998). O subliñado é noso. A tradución é nosa.

Page 8: Unha posible contradición

8

instrumentalización da ciencia e da técnica que pronto se converterá nunha

instrumentalización xeneralizada da vida a través da ciencia aplicada. Parece que os

límites da bioesfera foron os únicos capaces de poñer entre aspas este modelo que

Heidegger define como instrumental e antropolóxico.

Todo o mundo coñece os dous enunciados que contestan á nosa pregunta. O un di: a técnica é un medio para uns fins. O outro di: a técnica é un facer do home. As dúas definicións da técnica coperténcense. Porque poñer fins, crear e usar medios para eles é un facer do home. Ao que é a técnica pertence fabricar e usar útiles, aparatos e máquinas; pertence isto mesmo que se elaborou e se usou, pertencen as necesidades e os fins aos que serven. O todo destes dispositivos é a técnica, ela mesma é unha instalación, dito en latín: un instrumentum. A representación corrente da técnica, segundo a cal ela é un medio e un facer do home, pode chamarse, polo tanto, a definición instrumental e antropolóxica de técnica.6

Heidegger dicía que a actitude instrumental da ciencia tecnolóxica era unha

violencia ao ser. A pesar das distancias entre téchne e técnica, o filósofo alemán

determina en pleno século XX que é preciso unha volta á cultura clásica para buscar o

sentido oculto do ser, a verdade velada ao coñecemento que permitiu o reinado do

nihilismo pois, para o filósofo alemán, o verdadeiro perigo non está na técnica en si

mesma senón na posibilidade de quedar atrapados no seu desenvolvemento puramente

instrumental.

O que ameaza ao home non vén en primeiro lugar dos efectos posiblemente mortais das máquinas e os aparatos da técnica. A auténtica ameaza abordou xa o home na súa esencia. O domino da estrutura de emprazamento ameaza coa posibilidade de que ao home lle poida ser negado entrar nun facer saír o oculto máis orixinario, e de que deste modo lle sexa negado experienciar a exhortación dunha verdade máis inicial. Así pois, onde domina a estrutura de emprazamento, está, no seu sentido supremo, o perigo.7

3- Cara unha tradución posible

Aproximemos agora as dúas citas que nos guiaron ao inicio do texto:

A motivación central da TpDH é o recoñecemento da necesidade da orientación do progreso tecnolóxico á promoción do desenvolvemento humano.

6 Heidegger, Martin: “La pregunta por la técnica” en HEIDEGGER, M., Conferencias y

artículos, Ediciones del Serbal, Barcelona, 1994. A tradución é nosa. 7 Ibíd.

Page 9: Unha posible contradición

9

É o resultado de combinar a tecnoloxía como feito cultural, co concepto do desenvolvemento humano, é dicir o "proceso de ampliación das opcións da poboación" [...] Enxeñería Sen Fronteiras entende que, por principios éticos, a técnica debe estar ao servizo do ser humano, e que para conseguir isto, é necesario enfocar a súa xestión desde unha perspectiva de xeración de coñecemento. Cuestiona, polo tanto, a relevancia das tecnoloxías clasificadas intrinsecamente como apropiadas, así como os programas de desenvolvemento tecnolóxico que non incorporan a visión e a participación do usuario final desde a súa propia definición.8

Habería que definir con paciencia e extrema cautela as nocións de "progreso",

"desenvolvemento humano", "feito cultural", "opcións da poboación", "principios

éticos", "ao servizo", "coñecemento", "incorporación e participación do usuario", etc.

pois elas estruturan unha posición teórica que, polo menos desde Marx, porta unha

determinada ideoloxía. Se estes conceptos se fundamentan na filosofía do Programa das

Nacións Unidas para o Desenvolvemento entón a súa definición enmarcarase nunha

visión da tecno-ciencia instrumental e antropolóxica que non escapa de, e polo tanto non

responde a, os problemas estruturais que xera o modo de vida político-económico

capitalista. Aquí non habería contradición pero tampouco habería solución. A

cooperación reduciríase a unha axuda piadosa e caritativa co único obxectivo de paliar

minimamente os inmensos e crecentes danos colaterais que tal esquema produce

conscientemente, así como tamén paliaría, nun mesmo xesto, as turbacións da boa

conciencia. O máximo obxectivo a cumprir deste esquema compasivo pasaría por

alcanzar o 0,7% e o principal problema que o ameaza é a absoluta dependencia do nivel

económico do “filántropo” que se enriquece a través da xeración de pobreza. Neste

senso, posiblemente a cooperación máis eficaz non sería axudar aos pobres a saír da súa

miseria senón convencer os ricos para que deixen de fomentala.

En cambio, a contradición anúnciase se o espírito crítico de Enxeñería Sen

Fronteiras —como parece lerse entre liñas— pretende na medida das súas posibilidades

reorientar a actitude ética cara a un concepto téchnelóxico inaplicable hoxe en día. Dito

doutro xeito, se a pretensión ética se basea nun modelo clásico que se pretende levar a

cabo a través dun modelo contemporáneo, ambos os dous absolutamente incompatibles.

Non obstante, a imposibilidade de facto deste espírito non significa que estea fóra de

lugar ou que haxa que desdeñala de principio. Máis ben, tal imposibilidade implicaría

que o traballo por facer resta aínda máis inmenso e máis necesario que nunca. Aínda

8 Conceptos de Tecnología para el Desarrollo Humano, texto citado.

Page 10: Unha posible contradición

10

que o neoloxismo "téchneloxía" —que aquí nos permitimos, non sen certo rubor—

anuncie unha contradición temporal, un oxímoro ideolóxico e até unha falta de sentido

histórico, sen embargo pode indicar un camiño a seguir —como o fan as estrelas

celestes que durante moito tempo guiaron a navegación— e nada importa e nada cambia

o van feito de que ese destino sexa inalcanzable. Máis ben, se ese camiño fose posible,

se hoxe estivese aberto e fose transitable, se houbese un sendeiro marcado polo cal

continuar, iso significaría que xa forma parte da lóxica que se pretende subverter e, por

conseguinte, transitalo non subvertería nada en absoluto. Non se trata, entón, dunha

viraxe, dunha volta ou dun retorno a un tempo pasado que non soamente é imposible

senón que tampouco sería desexable pois así como as excelencias do mundo clásico

seguen iluminando hoxe as máis diversas vereas do pensamento tamén a súa barbarie e

as súas miserias continúan sendo hoxe un excelso motivo de obxección. Tampouco se

trata, pola mesma, de ser condescendentes e aceptar unha realidade que o século que

acaba de rematar sinatura co triste legado de ser o que máis aumentou as brechas

sociais, as guerras, os masacres e os xenocidios, é dicir, o empobrecemento xeral da

vida.

A contradición, a imposibilidade, a aporía (palabra que en grego significa "non

saída, non lugar") obriga, isto é, produce e provoca, a invención dun novo lugar. Este

lugar será, antes que nada, un lugar para o lugar, unha ocasión para o novo, para o

descoñecido, en suma, unha posibilidade para o imposible. Mais nada do que lle poida

acontecer á cooperación ou nada do que poida acontecer con ela será alleo a ela. As

inxerencias exteriores serán fundamentais para a súa reorientación, para a súa viraxe ou

volta, para que o retorno sobre si produza a forza necesaria para obter un impulso cara

adiante. Este movemento, tan natural como técnico, non debe simplemente mellorar as

condicións de vida de sociedades necesitadas senón, e en primeiro lugar, debe mellorar

a concepción mesma da cooperación, facer tremer as súas raíces e sacudir as súas

enormes e estratificadas ramaxes. Só na medida en que a cooperación se tome a si

mesma como obxecto —como sociedade empobrecida e necesitada que solicita axuda

inminente— poderá abrirse algunha posibilidade para o impulso. Entón, dito impulso

será exercido, inicialmente, polos actores mesmos da cooperación, por aqueles espíritos

críticos que sen dúbida a habitan e a asedian desde dentro, polas vontades non

conformistas que no seu honorable activismo se fan eco da frase do poeta Hörlerlin:

"onde está o perigo, medra tamén o que salva".

Page 11: Unha posible contradición

11

Bibliografía citada:

- Conceptos de Tecnología para el Desarrollo Humano, en

http://www.slideshare.net/esfgalicia/concepto-de-tecnologa-para-el-desarrollo-humano

- Heidegger, Martin: “La pregunta por la técnica” en HEIDEGGER, M.,

Conferencias y artículos, Ediciones del Serbal, Barcelona, 1994.

- Max Horkheimer y Theodor W. Adorno: Dialéctica de la Ilustración.

Fragmentos filosóficos. Madrid, Editorial Trotta, 1994 (3ª ed. 1998)