oie
TRANSCRIPT
OBRADOIRO DE INICIATIVAS EMPRENDEDORAS
Desde o marco legal, a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de
Educación, sinala entre as competencias básicas que deberán
alcanzar os alumnos e alumnas, a competencia en autonomía e
iniciativa persoal, recollida no Real Decreto 1631/2006, de 29 de
decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas
correspondentes á Educación Secundaria Obrigatoria. Esta
competencia refírese á posibilidade de que o alumnado poida optar
con criterio propio e levar adiante as iniciativas necesarias para
desenvolver a opción elixida e facerse responsable dela, tanto no
ámbito persoal como no social ou laboral. Por outra parte, en Galicia
contamos coa materia optativa Obradoiro de Iniciativas
Emprendedoras, regulado polo Decreto 133/2007.
Emprender refírese á toma de decisións con algún risco, ao
desenvolvemento de actitudes de cooperación e de traballo en
equipo, e nun sentido máis restrinxido, emprender refírese á creación
de empresas.
Hoxe en día, é preciso promover a cultura emprendedora desde as
escolas, xa que constitúe unha gran oportunidade para desenvolver
no alumnado aspectos importantes como a toma de decisións, a
creatividade, o traballo en equipo... ao tempo que os achegamos á
realidade do mundo laboral.
OBXECTIVOS XERAIS
1. Comprender o concepto de empresa.
2. Recoñecer á persoa emprendedora valorando a súa función
como axente xerador de riqueza e motor económico.
3. Apreciar o asociacionismo como fonte de dinamización social, e
como un medio de sumar esforzos e compartir ideais.
4. Identificar as características xerais e persoais que deben posuír
as persoas emprendedoras.
5. Recoñecer as súas propias capacidades e intereses á hora de
tomar decisións sobre estratexias persoais de formación e
inserción laboral.
6. Coñecer estratexias de xeración e maduración de ideas
emprendedoras.
7. Determinar, respectando o medio, os aspectos xerais e os
elementos necesarios para levar a cabo un proxecto
emprendedor.
8. Potenciar o traballo en equipo, a negociación, a resolución de
conflitos e a planificación a través de actividades.
9. Desenvolver no alumnado a iniciativa persoal, a creatividade e
a autoestima.
10. Buscar, seleccionar, e utilizar interpretar a información, de
forma crítica e responsable de acordo co fin perseguido e
comunicala de forma organizada e intelixible aos demais.
11. Empregar as novas tecnoloxías da información e a
comunicación como ferramentas de traballo eficaces.
12. Potenciar o uso de idiomas estranxeiros como medio de
comunicación necesario no mundo globalizado actual.
COMPETENCIAS BÁSICAS
1. Competencia en comunicación lingüística
Coñecer diferentes medios de comunicación.
Adquirir un vocabulario específico.
Potenciar a adquisición de linguas estranxeiras.
2. Competencia matemática
Coñecer as principais regras dos cálculos matemáticos: diferenza
entre ingresos e gastos, orzamentos,…
Coñecer e usar distintos métodos científicos e matemáticos para
facer cálculos.
Desenvolver a capacidade abstracta para a aplicación do método
científico.
3. Competencia no coñecemento e na interación co mundo físico
Desenvolver a idea da sustentabilidade e a reciclaxe.
Utilizar procedementos baseados na observación e experimentación
directa.
Aplicar procedementos para o estudo e descrición do contorno.
Respectar o medio ambiente.
4. Tratamento da información e competencia dixital
Analizar a imaxe como vehículo de mensaxes (publicidade).
Fomentar o uso dos medios tecnolóxicos.
Coñecer e manexar medios tecnolóxicos concretos.
5. Competencia social e cidadá
Adquirir e utilizar as habilidades sociais.
Traballar en equipo cooperando e respectando aos demais.
Respecto polos espazos comúns e uso axeitado dos mesmos.
6. Competencia cultural e artística
Coñecer, diferenciar, valorar e respectar as diferentes
manifestacións culturais.
7. Competencia para aprender a aprender
Aplicar os coñecementos aprendidos en situacións similares ou
diferentes.
Observar co fin de adquirir información suficiente e notable.
Aceptar os propios erros e aprender deles.
8. Autonomía e iniciativa persoal
Favorecer a creatividade e a orixinalidade na busca de solucións,
levando a cabo diferentes enfoques.
Desenvolver estratexias de planificación tendo presente diferentes
posibilidades.
CONTIDOS
Tema 1. O emprendedor e a xeración de ideas emprendedoras.
* A importancia da motivación por emprender: importancia
económica e social do emprendedor.
* As habilidades do emprendedor. Calidades persoais.
Habilidades sociais. Habilidades de dirección.
* Fontes de ideas. Como atopar ideas.
* Xeración e maduración das ideas para un proxecto
emprendedor. A valoración da idea xerada.
Tema 2. Planificar para emprender.
* A necesidade e a conveniencia de planificar. Importancia e
utilidade dos plans.
* Elaboración do plan emprendedor.
* A concreción da idea.
* A presentación das persoas promotoras do proxecto.
* A forma xurídica elixida.
* Características do produto ofrecido.
* A quen vai dirixido.
* A difusión do proxecto.
* Como se vai desenvolver.
* Os recursos humanos necesarios.
* O financiamento necesario.
* A previsión dos resultados.
Tema 3. A posta en marcha: a execución do proxecto.
* Formas xurídicas de empresa. As empresas de economía social:
as cooperativas. As asociacións.
* Os trámites de constitución e as obrigas ante as diferentes
administracións: mercantís, fiscais, sociais...
* As relacións co mundo laboral: selección de persoal, carta de
presentación, currículo, entrevista de traballo.
* As axudas aos proxectos emprendedores.
* A memoria do proxecto.
* Conclusión do proxecto emprendedor: control do proxecto,
avaliación e propostas de mellora.
MATERIAIS E RECURSOS
Este curso usarase un libro de texto……………………………………. da
editorial……………. como guía flexible da materia.
Ademais, dado o enfoque práctico da materia, utilizaremos a cotío
tamén como material didáctico ou curricular noticias de periódicos e
revistas, especializadas ou non, ou recompilados en Internet polo
alumnado, segundo as dispoñibilidades do centro, relacionados co
mundo emprendedor. Polo tanto, será fundamental a participación do
alumnado no desenvolvemento das clases.
METODOLOXÍA
A metodoloxía que seguiremos basearase na aprendizaxe significativa
do noso alumnado. Teremos en conta que na aula conflúen un grupo
de alumnos e alumnas con motivacións e intereses distintos polo que
será unha metodoloxía tamén individualizada.
Tendo en conta o carácter práctico, as clases basearanse nas
explicacións do profesor dos contidos anteriormente sinalados,
respondendo ás dúbidas que en todo momento expoñan os alumnos.
Para iso, partiremos dos coñecementos previos dos alumnos para que
conecten estes cos novos contidos que vaian adquirir, faremos isto a
través dunha serie de preguntas (rebumbio de ideas) que sirvan para
poñer de manifesto estes coñecementos previos.. Neste punto ten
moita importancia a avaliación inicial. É importante que vaian
recoñecendo a utilidade do aprendido. O profesor será o guía para
que o alumno siga estratexias de aprendizaxe autónoma e sexa quen
de aprender a aprender.
Intentaremos favorecer a interdisciplinariedade, pois é importante
que o alumno aprenda a relacionar entre si os coñecementos que
adquire nesta materia e os aplique a outros campos. Ademais, a
través do traballo en equipo, atenderemos á diversidade tendo en
conta os distintos ritmos de aprendizaxe e os distintos intereses e
motivacións.
As clases serán participativas por parte do alumnado e prácticas.
Nalgunhas actividades dividiremos a clase en grupos e esta
distribución posibilitará moitas actitudes positivas como a integración
dentro do grupo de alumnos con problemas, respecto polas opinións
dos demais, toma de decisións conxuntas, colaboración, reparto de
roles...
O alumnado terá que ir elaborando por si mesmo uns apuntes cos
contidos máis importantes.
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
O grupo é unha entidade que trataremos flexiblemente na medida en que
todos somos distintos pero todos formamos parte dun grupo social. Pero
ademais, o grupo está formado por individualidades con necesidades
particulares que poden precisar respostas específicas en determinados
momentos.
Este curso non hai ningún alumno que presente, a priori, dificultades físicas
nin psíquicas para superar esta materia. En todo caso, poida que apareza
algún alumno con problemas de conduta que pode chegar a presentar
atraso escolar. Nestes casos adaptamos a tarefa escolar ás súas
características persoais, dividindo as tarefas en subtarefas sinxelas e curtas,
proporcionándolles descansos periódicos e dándolles apoio e reforzo cando
pasen dunha tarefa a outra, coa finalidade de ir prolongando o tempo de
atención a unha actividade. Como normas xerais na aula facemos que o
alumnado con problemas estea sentado en fronte da mesa do profesor para
poder prestarlle máis atención; ademais procuramos que na súa mesa só
estea o material imprescindible para realizar a tarefa escolar e, sempre que
sexa posible, facemos un traballo cooperativo entre o alumnado como
estratexia preventiva das condutas conflitivas.
TEMPORALIZACIÓN
Os contidos correspondentes a toda a materia agrúpanse nas
seguintes unidades de traballo:
Unidade 1.- Introdución: o obxectivo e xustificación desta materia.
Unidade 2.- As habilidades do emprendedor. Calidades persoais.
Habilidades sociais e de dirección.
Unidade 3.- A idea. Fontes de ideas.
Unidade 4.- A valoración da idea: o plan emprendedor ou plan de
negocio.
Unidade 5.- O plan de produción e os custos.
Unidade 6.- O plan comercial: produto, prezo, comunicación e
distribución.
Unidade 7.- Os recursos necesarios: materiais e recursos humanos.
Unidade 8.- Estudio económico- financeiro: a viabilidade do
proxecto.
Unidade 9.- A posta en marcha:
A forma xurídica da empresa (especial atención ás empresas
de economía social)
Trámites para iniciar a actividade.
Unidade 10.- Control do plan e propostas de mellora.
Tendo en conta as datas previstas de avaliacións trimestrais
aprobadas no claustro de inicio do curso 2008/2009, estas unidades
impartiranse tendo en conta a seguinte temporalización:
1ª avaliación: Unidades 1 a 4.
2ª avaliación: Unidades 5 a 7.
3ª avaliación: Unidades 8 a 10.
AVALIACIÓN
A avaliación será continua, entendendo por tal que se efectuará ao
longo de todo o proceso de ensino-aprendizaxe. Realizarase unha
avaliación inicial para ter en conta os coñecementos previos do
alumno, un seguimento do proceso de aprendizaxe e, por último,
unha avaliación final.
TRATAMENTO DE PENDENTES
Serán avaliados a través de traballo trimestrais, a xeito de un por
trimestre, que o alumnado debe entregar no prazo indicado, e debe
gardar unhas normas mínimas de corrección, limpeza, e adecuación ó
tema proposto. Con eles pode superar a materia. De non ser así,
deberá presentarse ao exame extraordinario de maio.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
O alumnado terá que ser capaz de:
Recoñecer a importancia do espírito emprendedor e valorar a
súa achega á comunidade como xeradora de riqueza.
Describir as características básicas do emprendedor,
diferenciando as calidades persoais, as habilidades sociais e as
habilidades directivas.
Descubrir e identificar as capacidades e potencialidades propias
e as características do contorno socio-laboral, para establecer
obxectivos persoais e profesionais de futuro.
Precisar diversos procedementos para a xeración de ideas
emprendedoras, así como distintos métodos para seleccionalas
e facelas madurar.
Identificar a importancia da planificación dos proxectos
emprendedores, coñecer os elementos fundamentais que a
integran e desenvolver proxectos e iniciativas persoais e
profesionais..
Coñecer os trazos básicos das principais formas xurídicas de
empresa e valorar especialmente os tipos de empresas de
economía social. Os alumnos e alumnas deben demostrar que
recoñecen a importancia da forma xurídica dunha empresa e da
súa elección, en que se diferencian unhas doutras incidindo
especialmente no relativo ás diferenzas en materia de
responsabilidade e de obrigas contraídas. Incidirase nas causas
da especial valoración das empresas de economía social.
Describir os principais trámites de constitución e cubrir algúns
dos documentos relacionados, facendo especial fincapé nos
dereitos e obrigas laborais e fiscais. Verifícase que os alumnos e
as alumnas coñecen os procedementos e documentos básicos
de constitución e xestión dunha empresa ou asociación,
incidindo na súa familiarización cos impresos e documentos
relacionados co mundo laboral e fiscal (carta de presentación,
currículo, instancia, nómina...).
Valorar a importancia dos procesos de avaliación e das
reflexións finais tras a execución dos proxectos, tomando
conciencia da necesidade de control que todo proxecto implica.
Utilizar as novas tecnoloxías da información e da comunicación
como ferramentas de uso habitual e transmitir mensaxes
escritas ou orais básicas nunha lingua estranxeira.
INSTRUMENTOS DE AVALIACIÓN
Como xa sinalamos, os contidos correspondentes á materia de
Obradoiro de iniciativas emprendedoras repartiranse ó longo das tres
avaliacións trimestrais.
Ó finalizar cada trimestre realizarase unha proba escrita que acadará
tódolos contidos impartidos durante ese trimestre. Tamén, poderán
realizarse outras probas periódicas (controis por escrito, traballos
individuais ou en grupo, debates, problemas e cuestións expostas
polo profesor) que terán tamén carácter obrigatorio para tódolos
alumnos. Por suposto, tamén se terá en conta o interese amosado
pola materia e actividades realizadas, así como aspectos básicos
como puntualidade e asistencia e orde e claridade nos apuntes
confeccionados polos alumnos .
CRITERIOS DE CUALIFICACIÓN
Cada alumno será cualificado ó finalizar cada trimestre
atendendo ós criterios e instrumentos antes sinalados cunha nota
numérica de 0 a 10. Considérase aprobada ou superada a materia se
obtén unha cualificación de 5 ou superior.
ACTIVIDADES DE RECUPERACIÓN E REFORZO
Os alumnos que non aproben unha avaliación ou trimestre terán que
realizar as probas de recuperación ou reforzo que o profesor
estableza (exame escrito, traballo, etc.).
Os alumnos que non aproben a materia no mes de xuño, posto que
non acadaron os obxectivos mínimos establecidos, terán que superar
no mes de setembro unha proba escrita que versará sobre todos os
contidos impartidos ó longo do curso e/ou traballo.
Cando o suspenso do alumno se debe a non realizar unha actividade
ou traballo establecido como obrigatorio será necesario para poder
superar a materia a súa realización ou presentación segundo as
indicacións do profesor no mes de xuño ou setembro segundo o caso.
Tanto no caso de alumnos con dificultades especiais no aprendizaxe
como alumnos que non acaden os obxectivos mínimos e teñan que
realizar probas de recuperación se poñerá á súa disposición máis
material de traballo (esquemas conceptuais, máis exercicios ou
cuestións, resolución de exames, etc.)
TEMAS TRANSVERSAIS
Educación para a igualdade sexual, para a paz, do consumidor, moral
e cívica, para a saúde, ambiental... serán temas que se terán en
conta á hora de dar as clases. Ademais nas actividades en grupo
traballaremos a cooperación, a igualdade sexual, a integración de
minorías, a educación para a convivencia... e con elas aprenderán a
dialogar, cooperar, valorar a obra allea e a poñer en común distintos
puntos de vista.
Educación para o consumo: a través da análise de publicidade e
dos métodos que utilizan para convencer.
Igualdade sexual: valorando a igualdade de oportunidades no
mundo laboral, equiparación de soldo... e rexeitando condutas como
o acoso sexual.
Educación moral e cívica: a través da convivencia e a
cooperación nos distintos grupos e a coidado do centro e o contorno.
Educación para a paz: a través da concienciación dos valores e
motivación que achegan as ONG e empresas solidarias; tamén
observando o custo que supoñen, tanto social como económico, os
conflitos.
Educación para a saúde: coa potenciación dos hábitos
saudables tanto a nivel persoal como empresarial, facendo fincapé en
como os malos hábitos repercuten na saúde das persoas e da
sociedade.
Educación ambiental: a través de exercicios nos que observen
os efectos contaminantes de certas empresas e potenciando a
reciclaxe, sobre todo de papel, desde o propio centro educativo.
CONTIDOS MÍNIMOS
En todo caso o alumno para ter superada a materia terá que:
Citar e explicar brevemente as funcións básicas do director-
emprendedor, así como as capacidades coas que debe contar.
Asociar os conceptos de idea, necesidade e oportunidade de
negocio.
Coñecer e explicar brevemente as distintas partes ou cuestións
que compoñen todo plan de negocio ou plan emprendedor.
Explicar en que consiste a función de produción dunha
empresa.
Coñecer os conceptos de custos de produción, custos fixos e
variables, custo medio e marxinal, así como resolver problemas
relacionados co seu cálculo.
Saber o concepto de marketing-mix e recoñecer os seus catro
compoñentes.
Identificar atributos e compoñentes do produto e as distintas
fases do ciclo de vida do produto.
Distinguir diferentes políticas ou estratexias á hora de fixar o
prezo dun produto.
Coñecer os diferentes instrumentos de comunicación da
empresa (publicidade, promoción, relacións públicas e forza de
ventas).
Saber en que consiste a política de distribución dunha empresa.
Valorar a importancia dos recursos humanos dunha empresa,
selección, contratación e formación e promoción.
Identificar as modalidades básicas de contratos de traballo,
dereitos e obrigas dos traballadores.
Coñecer os conceptos de beneficios e rendibilidade, así como
resolver problemas relacionados co seu cálculo.
Coñecer as principais formas xurídicas de empresa e as súas
características máis diferenciadoras.
Saber identificar os trámites máis comúns para poder iniciar a
actividade.
Amosar interese e actitude positiva e participativa no desenrolo
das clases.
AVALIACIÓN DA PROGRAMACIÓN
A avaliación desta programación farase nas reunións do
departamento. Nelas verase a marcha do curso e a consecución dos
obxectivos propostos (avaliación inicial). A medida que se vaian
detectando desaxustes, valoraranse as causas que os motivan,
posibilitando deste xeito realizar unha programación didáctica o máis
realista posible. Ademais antes de cada avaliación procederase a
analizar con máis detalle cada un dos aspectos da mesma (avaliación
continua). As conclusións que ás se vaian chegando, recolleranse nas
sucesivas actas de reunión de departamento e detallaranse ademais
na memoria de final de curso (avaliación final).
Pontecesures, 4 de outubro de 2009