friedrich schleiermacher - tradución - silvia duarte...
TRANSCRIPT
Friedrich Schleiermacher
Sobre os diversos métodos de tradución
Versión galega de Silvia Duarte
O feito de que un discurso se traslade dunha lingua para outra preséntasenos
sempre de formas moi diversas: dunha banda, cando a través da lingua as persoas, que
nun principio talvez se encontran distanciadas unha da outra polo diámetro da terra, se
poden poñer en contacto; cando nunha lingua se poden incluí-los produtos doutra morta
xa pasados moitos séculos, de modo que, por outra banda, non podemos ir máis alá do
ámbito dunha lingua para dar coa mesma imaxe, xa que non só son dialectos de distintas
tribos dun pobo e as distintas evolucións da mesma lingua ou dialecto de varios séculos
que xa nun sentido máis estricto conforman varias linguas e que non poucas veces
precisan dunha interpretación completa entre ámbalas dúas; mesmo contemporáneos
separados non polo dialecto, só a partir das diferentes clases sociais, que por medio do
contacto pouco ligado na súa educación se afastan entre si e por veces só poden
entenderse a través dunha mediación semellante. E logo non acontece que a miúdo nos
vemos forzados a traduci-lo discurso doutro que vén sendo ben parecido ó noso, mais
con outro sentido e disposición? Cando nós, de feito, sentimos que as mesmas verbas da
nosa boca terían un sentido ben distinto ou, polo menos, aquí un contido máis forte e alí
un máis feble ca na súa, e que se quixermos expresa-lo mesmo que aquel quería dicir
empregariamos á nosa maneira palabras e expresións ben distintas: semella así que, a
medida que definímo-lo sentimento máis de preto e este torna pensamento, estamos a
traducir. Si, o noso propio discurso témolo que traducir de cando en cando despois dun
tempo de querermos volver de verdade apropiarnos del. Ademais, non só se pon en
práctica esta destreza de transplantar a terreo alleo o que unha lingua produce no eido
das ciencias e das artes discursivas, e como resultado amplia-lo círculo de acción dos
produtos da mente, senón que tamén se pon en práctica no intercambio comercial entre
cada un dos diferentes pobos e nos intercambios diplomáticos de gobernos
independentes entre si, dos cales cada un adoita falarlles ós outros só na súa propia
lingua, cando eles, sen se valeren dunha lingua morta, se manifestan a favor dunha
estricta paridade.
Como é natural, por suposto que non todo o que se encontra neste vasto círculo
queremos incluílo no presente estudo. Esa necesidade de tamén traducir dentro da nosa
propia lingua e dialecto, máis ou menos unha necesidade momentánea do espírito, está
precisamente tamén demasiado limitada no seu efecto ó momento como para precisar
doutra dirección ca aquela do sentimento; e se se tivesen que dar regras sobre isto só
poderían ser aquelas a través de cuxo cumprimento o ser humano acade un estado de
ánimo moral puro para que o sentido tamén permaneza aberto para o menos afín.
Deixamos agora isto a un lado e parámonos primeiro coa tradución dunha lingua
estranxeira para a nosa; poderemos distinguir aquí tamén dous eidos distintos —por
suposto que non dun xeito ben certeiro, tal e como iso, pois, raras veces se dá, senón
que só con límites borrosos, aínda que si cando o punto final se ve suficientemente
claro—. O intérprete, de feito, desempeña o seu traballo no ámbito da vida do comercio;
o verdadeiro tradutor, principalmente, no ámbito da ciencia e da arte. Se esta definición
de palabras se encontra arbitraria, xa que a miúdo se entende máis por interpretación o
oral e por tradución o escrito, entón descúlpaselle-la comodidade pola presente
necesidade, e máis cando de feito ámbalas dúas definicións non se atopan de ningún
modo tan afastadas. Ó campo da arte e da ciencia axéitaselle-la escrita, a través da que
só as súas obras se tornan persistentes; interpreta-los produtos científicos ou artísticos
de boca en boca sería tan inútil como imposible aparenta ser. Nos negocios, pola contra,
a escrita é só un medio mecánico; o tratamento oral é aquí o natural e toda
interpretación escrita, en realidade, non cómpre máis ca tela en conta coma o rexistro
dunha oral.
Moi próximos ó espírito e mais ó estilo vencéllanse a este eido outros dous que,
non obstante, crean unha ponte coa gran diversidade de temas alí relevantes: un cara ó
eido da arte e outro cara ó da ciencia. De feito, todo proceso no que existe interpretación
é, por un lado, unha acción cuxa secuencia queda recollida en dúas linguas diferentes,
aínda que tamén a tradución de escritos de tipo puramente narrativo ou descritivo, a cal,
xa que logo, só traslada a secuencia xa descrita dunha acción cara a outra lingua, pode
aínda de por si conter moito labor de intérprete. Canto menos se manifeste o autor no
orixinal, canto máis actúe unicamente como órgano interpretativo do tema e vaia acorde
ó espazo e ó tempo, tanto máis se presenta a translación coma unha simple
interpretación. Relaciónase así o tradutor de artigos de prensa e de libros de viaxes
comúns en primeiro termo ó intérprete, e pode resultar ridículo se o seu traballo ten
maiores aspiracións e por este quere ser considerado coma un artista. Polo contrario,
canto máis predomine o estilo propio do autor na tradución e canto máis este siga
calquera orde elixida libremente ou determinada por medio da impresión, tanto máis
entra en xogo xa o seu traballo no eido máis elevado do artístico e despois xa tamén o
tradutor ha de incorporar outros esforzos e destrezas ó seu traballo e, noutro sentido,
darse a coñecer como o intérprete á par do seu autor maila lingua deste. Por outro lado,
por regra xeral, todo proceso no que se interpreta é unha definición dun caso particular
segundo normas concretas; a translación realízase só para os participantes, ós cales lles
resultan suficientemente coñecidas estas normas, e cuxas expresións se establecen en
ámbalas dúas linguas, ben segundo a norma ben segundo o uso, e con aclaracións
recíprocas. Acontece, non obstante, algo diferente cos procesos, aínda que a miúdo se
asemellen moito á forma daqueles, a partir dos que que se establecen novas normas.
Canto menos se poidan reconsiderar estas como algo particular entre unha xeneralidade
suficientemente coñecida, tanto máis coñecemento científico e prudencia require o
proceso de escritura e tanto máis coñecemento referencial e lingüístico precisará tamén
o tradutor no seu cometido. Nesta xerarquía dobre, xa que logo, imponse aínda máis o
tradutor sobre o intérprete no ámbito que lle é máis propio, nomeadamente naqueles
produtos intelectuais da arte e da ciencia nos que, por un lado, a habilidade
combinatoria libre característica do autor, o espírito da lingua xunto co sistema
establecido nela das ideas e da suxestión dos estados emocionais, polo outro, veñen
sendo todo. O tema xa de ningún modo domina, senón que se ve dominado pola idea
maila emoción, moitas veces conformado por medio do discurso e existindo só ó tempo
que este.
E logo en que se fundamenta esta diferenza significativa que cadaquén
interioriza no que ás zonas estremeiras se refire, mais que nos límites máis extremos nos
cega con máis intensidade? Na vida dos negocios un teno, a maioría das veces, diante
dos ollos, polo menos no que atinxe ós temas definidos coa maior precisión posible;
tódolos procesos teñen en certa medida un carácter aritmético ou xeométrico, unha cifra
e unha medida que sempre serven de axuda; e mesmo con aqueles conceptos, os cales
segundo a expresión dos vellos que máis ou menos se asimilan e se designan por medio
dunha serie de palabras que na vida corrente van e veñen cun significado vago, pronto
xorde a través da norma e do hábito un uso establecido de palabras concretas; sempre e
cando o orador non force intencionadamente, ou peque de irreflexión, para falsear con
vaguidades ocultas: así, ó coñecedor da materia e da lingua resúltalle perfectamente
comprensible e, en todo caso, prodúcense só diferenzas insignificantes no uso da lingua.
Precisamente así, que unha expresión nunha lingua se corresponda con outra noutra
lingua é algo sobre o que raras veces cabe dúbida e que non se podería suscitar de xeito
directo. Por iso a translación neste eido resulta case que só un traballo mecánico, que
calquera cun coñecemento modesto de ámbalas dúas linguas pode desempeñar e no cal
pouca diferenza vai do mellor ó peor, obviamente, sempre e cando se evite o erróneo.
Cos produtos da arte e da ciencia, non obstante, de teren que ser transplantados dunha
lingua cara a outra, teranse en consideración dúas cuestións, polo que a relación muda
por completo. Se de feito entre dúas linguas a cada palabra dunha lle correspondese
exactamente unha na outra lingua, expresándose en igual medida o mesmo concepto; se
as súas flexións establecesen as mesmas relacións e os seus conectores se confundisen
entre si, de modo que as linguas de feito só fosen diferentes ó oído, entón, tamén no
eido da arte e mais da ciencia todo acto de traducir, en canto que a través deste só se
teña que transmiti-lo coñecemento a partir do contido dun discurso ou dun escrito, sería
xusto tan puramente mecánico coma o da vida comercial, e un podería dicir de calquera
tradución, coa excepción dos efectos que producisen o ton maila entoación, que o lector
estranxeiro se coloca así á par do nativo en relación ó autor maila súa obra. Agora ben,
acontece xustamente ó contrario con tódalas linguas que non se encontran tan próximas,
que case que se poden considerar só como dialectos diferentes, e canto máis se
distancian orixinaria e temporalmente unha da outra tanto máis que a ningunha palabra
dunha lingua lle ha corresponder exactamente outra na outra, que ningún tipo de flexión
dunha ha englobar xustamente a mesma variedade de casos coma na outra. Mentres que
esta irracionalidade, que eu dou en chamar así, atravesa tódolos elementos de dúas
linguas, tamén ten que, por suposto, alcanzar ese ámbito das relacións burguesas.
Resulta, non obstante, obvio que aquí esta exerce ben menos forza así como tampouco
ten influencia ningunha. Tódalas palabras que expresan obxectos e accións sobre os que
se pode tratar, téñense, por así dicir, en consideración, e se a sutileza baleira e cauta de
máis aínda quixese rexeitar unha posible validez desigual das palabras, entón
directamente o propio obxecto ha compensar todo. Acontece algo distinto co que
pertence ó eido da arte e mais da ciencia, e en xeral onde predomina máis o concepto
que co discurso se volve un e non o obxecto, cando cuxo signo talvez arbitrario, aínda
que ben fixado, acompaña só a palabra. Pois que infinitamente difícil e enredado se
torna aquí o asunto! Que coñecemento en concreto e que dominio de ámbalas dúas
linguas presume! E con qué frecuencia cando non se atopa unha expresión equivalente a
partir dun consenso común os máis expertos na materia mailos lingüistas máis eruditos
se poñen en desacordo de xeito significativo ó quereren determinar cal é o que máis se
aproxima. Isto resulta aplicable precisamente tanto ás expresións artísticas vivas das
obras poéticas, coma ó máis reproducido, ó máis inaccesible e ó máis xeral dos
obxectos característicos da ciencia máis elevada.
A segunda, pois, a través da que o verdadeiro traducir se torna nun asunto
completamente distinto ó do simple interpretar vén a ser esta. Sempre que o discurso
non estea ligado a obxectos ou a feitos externos que están á vista, os cales só cómpre
expresar; onde tamén o orador pense máis ou menos de xeito independente e, polo
tanto, tamén se queira expresar: o orador encóntrase nunha relación dobre con respecto
á lingua, e o seu discurso só será comprendido correctamente na medida en que esta
relación sexa percibida correctamente. Por un lado, todo individuo se atopa no poder da
lingua que fala; este xunto con todo o seu pensamento é un produto desta. O individuo
non é quen de pensar con total precisión naquilo que cae fóra dos límites desta; a forma
dos seus conceptos, o modo e mailos límites da súa unión sonlle predeterminados pola
lingua na que naceu e se criou; o entendemento maila fantasía vencéllanse a través dela.
Por outro lado, non obstante, toda persoa cando pola súa parte mentalmente pensa con
liberdade conforma de por si tamén a lingua. E logo se non de que outro modo a partir
destas influencias se habería de conformar e desenvolver a partir do seu estado
primitivo inicial até transformarse por completo en ciencia mais en arte? Neste sentido,
xa que logo, vén sendo o poder intenso do individuo o que crea novas formas co
material maleable da lingua, inicialmente só co fin momentáneo de transmitir unha
conciencia pasaxeira, e as cales en maior ou menor medida permanecen na lingua, que ó
seren aceptadas por outros se seguen a espallar de xeito construtivo. Si, pódese dicir que
só na medida en que un exerce tal efecto sobre a lingua merece ser examinado máis aló
do seu ámbito inmediato de sempre. Todo discurso se extingue necesariamente con
prontitude, o cal unha e outra vez se pode pronunciar dun modo concreto a través de
miles de voces; só pode e é quen de perdurar durante máis tempo aquel que conforma
un novo momento na propia vida da lingua. De aí que todo discurso libre e elevado
queira ser considerado de dúas maneiras, en parte debido ó espírito da lingua de cuxos
elementos este se conforma: por un lado, como ligado e condicionado por ese espírito e
a partir del manifesto na viva produción falada; por outro lado, este quere ser
considerado a partir da disposición do orador como a súa realización, xustamente como
producido e explicable só a partir da súa natureza. Si, todo discurso deste tipo só se
comprende no sentido elevado da palabra, se ámbalas dúas relacións deste en conxunto
se comprenden na súa verdadeira relación dunha fronte a outra de modo que se saiba cal
das dúas predomina en xeral ou en determinadas partes. O discurso tamén se comprende
como un acto do falante só cando se sente simultaneamente onde e como o emocionou a
forza da lingua, cara onde serpeou o bulir fugaz das ideas baixo o seu control, onde e
como se mantivo nas súas formas a fantasía divagante. O discurso tamén se comprende
como produto da lingua e como expresión do espírito desta só cando, por exemplo, se
sente que só así puido pensar e falar un grego, que só así esta lingua puido influír nun
espírito humano, ó tempo que un sente que só así este home puido pensar e fala-lo
grego, só así puido aprehender e moldea-la lingua, só así se revela o seu dominio da
riqueza lingüística, só un sentido activo da medida e do son melodioso, só a súa
habilidade pensante e creativa. Se ben a comprensión neste eido incluso na propia
lingua resulta complexa xa de por si e encerra un afondamento preciso e profundo no
espírito da lingua e na idiosincrasia do escritor: como non haberá ser logo unha arte
elevada cando se trata dos produtos dunha lingua estranxeira e afastada! Aquel, pois,
que de feito se apropiou desa arte do entendemento a través dos esforzos máis
entusiastas pola lingua, a través dun coñecemento preciso de toda a historia do pobo e
mais a través do recordo máis vivo de determinadas obras mailos seus autores, aquel,
pois, mais tamén só aquel, pode tamén entusiasmarse con transmitirlles ós seus
camaradas nacionais e contemporáneos a mesma comprensión das obras mestras da arte
e mais da ciencia. Mais as vacilacións teñen que se amorear cando este se pon a
traballar, cando este quere determinar de xeito máis preciso os seus obxectivos e sopesa
os seus medios. Ten que sentar diante de dúas persoas que se encontran tan distantes a
unha da outra como o seu compatriota ignorante da lingua do escritor e mailo escritor
mesmo e poñelos nunha relación tan directa como o é a dun escritor mailo seu lector
nativo? Ou tamén cando este só quere transmitírlle-la mesma comprensión ós seus
lectores e con igual gozo, do cal este se alegra, e no que de feito as trazas do esforzo
fican plasmadas e o sentimento do alleo permanece mesturado: como vai dar xa
conseguido isto, non digamos aqueloutro, cos seus medios? Os seus lectores para
comprender teñen que, xa que logo, capta-lo espírito da lingua que lle era propia ó
escritor, teñen que ser quen de percibi-lo modo particular de pensar e de sentir deste, e
para conseguir ámbalas dúas cousas non lles pode ofrecer máis cá lingua que lles é
propia, a cal en realidade non coincide con aqueloutra en ningún punto, e ó tempo que el
mesmo percibe o seu escritor ora con máis ou con menos brillantez e ora con máis ou
menos admiración e recoñecemento. Non semella a tradución, vista así, unha empresa
estúpida? De aí que na desesperación por acadar esta meta ou, se se quixer mellor, antes
de que se dese acadado, cumpría facerse unha idea clara disto e inventar outros dous
tipos, non polo verdadeiro sentido artístico e lingüístico, senón pola necesidade
intelectual dunha banda e pola arte intelectual doutra, fornecéndose un coñecemento de
obras de linguas estranxeiras nas que de entre aquelas dificultades algunhas se despexan
de xeito forzado e outras se resolven de modo agudo, mais a idea exposta aquí da
tradución abandónase por completo; referímonos á paráfrase e á imitación. A paráfrase
quere domea-la irracionalidade das linguas, mais só de xeito mecánico. Esta pretende
que no caso de que non atope unha palabra na miña lingua que se corresponda á da
lingua orixinal, que intente dar logo co seu valor o mellor posible a través da adición de
definicións máis restrictivas ou máis extensivas. Así é que, en maior ou menor medida,
esta opera entre o tedioso mailo insufrible dun xeito pesado entre unha acumulación de
detalles soltos. Deste modo, quizais esta poida reproduci-lo contido cunha precisión
limitada, mais a impresión que ofrece é a de completo rexeitamento, dado que o
discurso vivo fica irrecuperablemente morto; ademais, calquera intuiría que algo así non
podería saír orixinalmente do ánimo dunha persoa. A paráfrase procede cos elementos
de ámbalas dúas linguas igual ca se fosen símbolos matemáticos que a través da
multiplicación ou da redución se reducen a un mesmo valor e nin o espírito da lingua
transformada nin o da orixinal se poden manifestar neste proceso. Ademais, cando a
paráfrase aínda psicoloxicamente busca indica-las trazas da conexión das ideas, onde
estas son vagas e se queren perder, mediante frases entre parénteses que se adoptan
como apoios, así mesmo nas composicións complexas loita por defende-la posición dun
comentario, e nin moito menos quere ser reducida ó concepto de tradución. A imitación,
pola contra, cede ante a irracionalidade das linguas; admite que un non sería quen de
producir copia ningunha noutra lingua a partir dunha obra de arte do discurso, a cal se
correspondese de modo exacto en cada unha das súas partes coas do orixinal, senón que
entre a disparidade das linguas coa que considerablemente tantas outras diferenzas se
interrelacionan non queda outra máis ca elaborar unha imitación, un todo composto
marcadamente por diferentes partes das do orixinal, que, non obstante, co seu efecto se
achega a ese todo tanto como a disparidade do material o permita. Agora ben, tal
imitación xa non é máis aquela mesma obra, tampouco baixo ningún concepto o espírito
da lingua orixinal se ten que manifestar nin resultar eficaz, ó contrario, precisamente ó
estraño que desta se xerou se lle ha de atribuír algo distinto, senón que máis ben unha
obra deste tipo, tendo en conta a disimilitude da lingua, dos costumes, da cultura, só ten
que na maior medida do posible se-la mesma para os seus lectores, tal e como o
conseguiu o orixinal cos seus lectores; en canto que haxa que salva-la impresión da
monotonía, abandónase a identidade da obra. O imitador, xa que logo, non quere en
absoluto que ámbolos dous, o autor e mailo lector da imitación, entren en contacto
porque non considera posible unha relación directa entre eles, senón que só lle quere
ofrecer a este último unha impresión semellante á que percibiron os falantes da mesma
lingua e contemporáneos do orixinal. A paráfrase emprégase máis no eido científico,
mentres que a imitación no de belas artes; e así como todo o mundo admite que unha
obra de arte a través da paráfrase perde a musicalidade, o esplendor e todo o seu contido
artístico, así é que ninguén tivo aínda a insensatez de querer darlle o contido dunha obra
mestra científica a unha imitación. Non obstante, ámbolos dous métodos non lle
abondan a aquel que convencido do valor dunha obra foránea pretende espalla-lo
mesmo efecto desta entre os falantes da súa mesma lingua e que se guía polo concepto
máis estricto da tradución. De aí que, dada a súa desviación deste concepto, ámbolos
dous non se poidan avaliar aquí dun xeito máis aproximado; só aparecen aquí a modo de
liña divisoria para o ámbito que nos ocupa.
Agora ben, o verdadeiro tradutor que de verdade consegue que se encontren
estas dúas persoas totalmente distanciadas, o autor mailo seu lector, e a este último, non
obstante, sen forzalo a saír do círculo da súa lingua materna querer axudalo do xeito
máis axeitado e completo posible na comprensión e gozo do primeiro: que vías pode
seguir neste caso? Na miña opinión só existen dúas: ou o tradutor deixa tranquilo o
autor o máximo posible e lle achega o lector, ou deixa tranquilo o lector o máximo
posible e lle achega o autor. Ámbalas dúas se diferencian tanto unha da outra que, sen
lugar a dúbida, unha delas se ten que seguir o máis estrictamente posible, mais de
calquera mestura xorde necesariamente un resultado soberanamente pouco fiable, e do
que hai que coidarse é de que tanto o autor coma o lector se perdan por completo. A
diferenza entre ámbolos dous métodos, e que isto resulte nunha relación dun contra
outro, ten que ser plausible de contado. No primeiro caso é precisamente o tradutor quen
a través do seu traballo se esforza por restituírlle ó lector a comprensión da lingua do
orixinal que a este lle falta. A imaxe concreta, o efecto concreto, que el mesmo tal cal
extrae da obra a través do coñecemento da lingua orixe, busca transmitírllelo ós lectores
e, así, atraelos cara á súa posición que en principio a estes lles resulta allea. Mais se a
tradución, por exemplo, quere deixar fala-lo seu autor latino tal e como el como alemán
lles tería falado e escrito ós alemáns, entón a tradución case que non despraza só
precisamente o autor até a posición do tradutor, xa que tampouco a este lle fala alemán,
senón latín, máis ben esta introdúceo directamente no mundo lector xermano e
convérteo no seu igual; e precisamente este vén a se-lo outro caso. A primeira tradución
será perfecta dentro das da súa clase se se pode dicir que se efectivamente o autor
aprendese un alemán tan bo coma o tradutor latín non traduciría a súa obra escrita
orixinalmente en latín dun modo diferente, tal e como o tradutor de feito fixo. A outra,
non obstante, ó non amosar cómo traduciría o propio autor, senón cómo el como alemán
escribiría orixinalmente en alemán, ten outro estándar da perfección ben máis
complexo, como se se puidese afirmar cándo os lectores xermanos en xeral se chegarían
a converter en especialistas e contemporáneos do autor, posto que a obra lles resultaría
completamente a mesma tal e como agora lles resulta a tradución, dado que o autor
pasou a ser un alemán. Estes métodos, evidentemente, poñen na mira a todos aqueles
que se serven da fórmula de que se debe traducir un autor tal e como el mesmo
escribiría en alemán. A partir desta confrontación, aclárase ben de contado qué distinto
pode se-lo proceso detallado a grandes trazos e cómo todo habería virar incomprensible
e contraproducente se no mesmo traballo se quixesen muda-los métodos. Gustaríame,
non obstante, seguir tamén mantendo que ademais destes dous métodos non pode haber
un terceiro que baralle un obxectivo concreto. De feito, non existen máis modos
posibles de proceder. As dúas partes separadas teñen ou que encontrarse nun punto
intermedio, e este ha ser sempre o do tradutor, ou unha haberá de estar á disposición da
outra, e de aí que unha caia no eido da tradución e a outra se introduza, de se-lo noso
caso, os lectores alemáns, na lingua latina, ou, pola contra, se apodere por completo dela
até a transformación. Polo tanto, o que se diga a maiores das traducións segundo a letra
e mailo sentido, das literais e das libres, qué expresións ademais se puideron aceptar e
se tamén existen estes distintos métodos, haberá de remitirse a eses dous. De se teren
que sinalar a partir de aquí erros e virtudes, entón o fiel e o axeitado ou o moi literal e o
moi libre dun método haberá ser distinto ó do outro. De aí que a miña intención, dando
de lado tódolos detalles verbo deste tema con respecto ás cuestións xa tratadas entre os
entendidos en arte, é a de só observa-los trazos xerais deses dous métodos para prepara-
lo razoamento, observar onde as vantaxes e as dificultades características dun
conforman aqueloutro, onde cada un polo seu lado acada na mellor medida do posible o
propósito da tradución e onde están os límites da aplicabilidade de cada un. Dunha
visión xeral como tal, pois, quedan dúas cousas por facer, e para o que este ensaio só
ven sendo unha introdución. Poderíanse elaborar unhas instrucións para cada un dos
dous métodos que se refiren ós diferentes tipos de discurso, e poderíanse comparar,
xulga-los intentos máis destacables que se fixeron segundo ámbalas dúas visións e así
ilustrar aínda máis a cuestión. Iso teño que deixárllelo a outros ou deixalo, cando
menos, para outra ocasión.
Aquel método que se esforza en ofrecerlle ó lector por medio da tradución a
impresión que como alemán obtería a partir da lectura da obra na lingua orixinal,
primeiro ten que, por suposto, determinar qué comprensión, por así dicir, esta quere
copiar da lingua orixe, porque hai algo que non debe copiar e algo que non é quen de
copiar. Trátase esta dunha comprensión de parvuliños que aínda con dificultade e case
que de modo vergoñento se atrapalla cos detalles e por iso non progresa cara a unha
visión global do todo, cara a unha captación viva do contexto. Mentres a clase culta dun
pobo, en xeral, non teña experiencia ningunha dunha inmersión profunda nunha lingua
estranxeira, así, aqueles que por medio do seu bo xenio chegaron máis lonxe queren
permanecer sen realizar traducións deste tipo, pois se quixeren toma-la súa propia
comprensión como modelo, aínda se lles entendería menos e menos transmitirían, mais
no caso de que a tradución destes representase a comprensión común, entón a obra tosca
non podería ser recitada con sentimento dende o escenario a tempo. Nunha época así, xa
que logo, incluso as imitacións poden espertar ou incrementa-lo interese polo
estranxeiro e as paráfrases preparar unha comprensión xeral para así abrírlle-lo camiño a
vindeiras traducións1. Mais existe outra comprensión, a cal ningún tradutor é quen de
imitar. Pensemos, pois, nesas persoas marabillosas, así como a natureza de cando en
cando se encarga de enxendrar, para amosar, por así dicir, que en determinados casos
tamén poden destruí-los límites do populismo, persoas que senten certa afinidade
peculiar por unha existencia estraña, que viven e pensan nunha lingua estranxeira e nos
produtos desta dun xeito moi íntimo, e que mentres se ocupan de cheo dun mundo
1 Esta, en xeral, aínda era a situación dos alemáns daquela época á que Goethe (A. m. Leben III. S. 111.) se refire ó falar de traducións en prosa tamén de obras líricas, e que tiñan que ser máis ou menos paráfrases por seren máis útiles para a formación da xuventude, e até ese punto concordo con el totalmente; pois daquela só se podía facer comprende-la inventiva da arte poética estranxeira pola súa métrica e polo seu valor musical, mais aínda non podía haber recoñecemento ningún. Mais o que non podo crer é que tamén agora o Homero de Voss e o Shakespeare de Schlegel só teñan que servir para o entretemento dos eruditos e, moito menos, que aínda agora tamén unha tradución prosaica de Homero teña que ser útil para o verdadeiro gusto e para a formación en letras, senón que para os nenos tería que valer unha adaptación coma a de Becker, e para os adultos, novos e vellos, unha tradución métrica, como de feito tal vez aínda non teñamos; entre estas dúas xa non sabería agora pór nada máis de utilidade.
estranxeiro deixan tornar alleo o mundo e maila lingua de seu; ou tamén esas persoas,
que, por así dicir, están decididas a presenta-la riqueza da lingua na súa completa
extensión, ó igual cá de calquera outra lingua que poidan alcanzar, e a poñelas por
completo á par e que ó vestilas acaian coma un guante: atópanse nun punto onde o valor
da tradución é nulo, pois na aprehensión da obra estranxeira tampouco se dá a menor
influencia da lingua materna e a súa comprensión de ningún modo se fai na lingua
materna, senón que se domestican por completo de modo consciente directamente na
propia lingua orixinal; tampouco senten ningunha inconmensurabilidade entre o seu
pensamento e a lingua na que len, de modo que tampouco ningunha tradución pode
acadar ou representa-la súa comprensión. E como se adoitaba dicir cando se quería
traducir para eles: a auga hai que vertela no mar e non no viño, así estes dende a súa
superioridade tamén adoitan, e non sen razón, sorrir con pena ante os intentos que neste
eido se fan, pois se de feito ó público para quen se traduce lle dese igual non se
requiriría este esforzo. A tradución refírese, polo tanto, a unha condición que se atopa
entremedio destes dous, e o tradutor, pois, ten que marcarse como meta ofrecerlle ó
lector unha imaxe e un gozo tal e como o que lle ofrece a lectura da obra en lingua
orixinal á persoa culta, a quen nós no mellor sentido da palabra damos en chamar a
entusiasta e coñecedora, a quen a lingua estranxeira lle resulta familiar mais non deixa
de resultarlle estraña, a cal xa non ten que volver pensar cada elemento na lingua
materna coma os estudantes, senón que é quen de comprende-lo todo, e que tamén alí
onde máis goza de xeito ininterrompido da beleza dunha obra sempre é consciente de
onde se diferencia a lingua da súa materna. Aínda así, despois de establecermos estes
puntos, o círculo de acción maila definición deste xeito de traducir aínda che nos queda
cambaleando ben. Unicamente observamos que ó igual que o gusto pola tradución pode
xurdir cando unha determinada habilidade para traballar con linguas estranxeiras está
estendida entre as clases cultas dun pobo, de igual maneira irá tamén medrando a arte e
o listón colocándose cada vez máis alto canta máis afección e coñecemento de obras
estranxeiras se espalle e se saliente entre a xente que se formou e afixo o oído, sen
tampouco facer dos consumidores lingüísticos o seu propio negocio; mais ó mesmo
tempo tampouco podemos negar que cantos máis lectores receptores haxa para tales
traducións, tanto maiores viran as dificultades da empresa, sobre todo cando se
observan os produtos característicos da arte e da ciencia dun pobo, que en verdade son
os temas máis importantes para o tradutor. De feito, como a lingua é un ente histórico
non existe tampouco un verdadeiro significado para ela sen significado para a súa
historia. As linguas non se inventan, e tamén calquera traballo puramente arbitrario
sobre estas e con estas é necio, mais as linguas si que se van descubrindo ós poucos, e a
ciencia e maila arte son as forzas polas que este descubrimento se fomenta e se
completa. Toda mente destacada, na que unha parte das visións do pobo se forma
idiosincrasicamente segundo unha destas dúas formas, traballa e maniféstase por este
motivo na lingua, e as súas obras, xa que logo, teñen que conter tamén unha parte da súa
historia. Isto ocasiónalle a quen traduce obras científicas grandes dificultades,
insalvables con frecuencia, pois quen armado de coñecementos suficientes le unha obra
destacada deste tipo na lingua orixinal non terá doado fuxir do influxo desa mesma na
lingua. Este percibe qué palabras, qué asociacións se lle aparecen aí aínda co primeiro
fulgor da novidade; ve cómo estas a través da necesidade especial deste pensamento e a
través do seu poder denotativo se coan na lingua, e esta observación determina moi
significativamente a impresión que recibe. Reside, pois, na tarefa da tradución
reproducirlle precisamente tamén isto ó lector, se non pérdese a miúdo unha parte moi
importante do que lle vai destinado. E logo como se consegue isto? Pois, en concreto,
cantas veces a unha palabra nova do orixinal non lle acae xusto mellor unha vella e de
uso na nosa lingua, de modo que o tradutor, aínda cando quixer amosa-la lingua da
obra, debería evitar colocar no sitio un contido estraño e, polo tanto, tamén debería
evitalo no ámbito da imitación! Cantas veces aínda podendo reproduci-lo novo polo
novo acontece que a estrutura maila raíz da palabra que máis se lle asemella non
reproduce o sentido do xeito máis fiel, e até mesmo pode suscitar outras reminiscencias
cando non estraga directamente o contexto! Terá que conformarse con dar recuperado o
descoidado noutras pasaxes onde o autor usou palabras de uso común e, polo tanto,
acadar en conxunto aquilo que en cada caso concreto non é quen de acadar. Mais a
partir da escolla léxica dun mestre nun contexto amplo, a partir do seu uso de palabras e
raíces léxicas da familia, percíbense escritos que en gran medida se remiten os uns ós
outros: cómo se ha sentir afortunado quen traduce cando o sistema de conceptos e
signos é totalmente diferente na súa lingua ós da lingua orixe e cando as raíces léxicas
no canto de se superpoñeren de xeito paralelo máis ben se atravesan nas direccións máis
estrañas. De aí que non sexa posible que o uso lingüístico do tradutor coincida
precisamente en todo momento co do autor. Neste punto, xa que logo, terá que
acontentarse con acadar en casos concretos o que non é quen de acadar en conxunto.
Este estableceralle como condición ós seus lectores que en relación a un texto, a
diferenza dos lectores nativos, non pensen precisamente de xeito tan estricto nos
demais, senón que cadaquén analice máis para si, polo que aínda o teñen que gabar se a
miúdo en determinados textos tamén sabe preservar de determinadas partes destes certa
uniformidade no tocante ás cuestións máis importantes: que unha palabra non reciba
unha morea de acepcións totalmente diferentes ou que na tradución impere unha
variedade pintoresca cando na lingua orixe se observa un vínculo fixo da expresión.
Estas dificultades amósanse sobre todo no eido da ciencia; existen outras, e non
menores, no eido da poesía e da prosa elaborada nos que precisamente o elemento
musical da lingua, que se manifesta no ritmo e na mudanza de ton, posúe un significado
excepcional e máis elevado. Todo o mundo percibe que o espírito máis sutil, a maxia
máis elevada da arte se perde nos seus produtos máis perfectos cando isto pasa
desapercibido ou se destrúe. O que ademais, neste sentido, ó lector agudo lle chama a
atención do orixinal por peculiar, por intencionado, por operativo para o ton e maila
disposición do ánimo, por decisivo para o acompañamento mímico ou musical do
discurso: iso tamén o noso tradutor o ten que trasladar. Mais cantas veces, si, xa é case
un milagre se un non ten que dicir sempre, a fidelidade rítmica maila melódica e a
dialéctica maila gramatical se atopan confrontadas nunha loita irreconciliable! Que
difícil que entre o vacilar aquí e acolá non se teña que sacrificar algo que a miúdo
resulte precisamente o incorrecto! Que difícil mesmo que o tradutor imparcialmente do
que aquí tivo que privarlle a aquel, cando a ocasión o permita tamén llo compense de
verdade e que non acabe metido, aínda que for inconscientemente, nunha parcialidade
insistente cando pola súa inclinación atenda a un elemento artístico antes có outro!
Posto que a este nas obras de arte lle gustan máis as cuestións éticas mailo seu
tratamento, haberá notar menos onde é que non actúa ben en canto á métrica e máis á
musicalidade da forma, e no canto de pensar na compensación conformarase cunha
tradución destas cada vez máis simplificada e, por así dicir, parafrástica que cadre ben.
Dado o caso, non obstante, de que quen traduza sexa músico ou metrista, entón haberá
relega-lo elemento lóxico cara ó final para ocuparse de cheo só do musical, e mentres
este cada vez se involucre máis a fondo nesta parcialidade, tanto máis tempo que haberá
traballar a desgusto, e se en xeral se compara a súa tradución co orixinal atoparemos que
aquel, sen percibilo, se achega cada vez máis a aquela torpeza propia do escolar, quen
indo ó detalle perde a visión do todo. Dado que se por amor á similitude material do ton
e do ritmo que nunha lingua resulta simple e natural se reproduce noutra por medio de
expresións complicadas e torpes, en xeral, cumprirá optar por un efecto totalmente
distinto.
Amósanse aínda outras dificultades cando quen traduce olla para a súa relación
coa lingua na que escribe e para a relación da súa tradución coas súas outras obras. De
exceptuarmos aqueles mestres prodixiosos para os que varias linguas son iguais ou, en
todo caso, unha adquirida a partir da lingua materna de xeito natural, para os que, como
dixemos, en absoluto se pode traducir; o resto de persoas, aínda que lean con
familiaridade nunha lingua estranxeira, manteñen sempre a sensación do alleo. E logo
como ha de face-lo tradutor para precisamente reproducirlles ós seus lectores, ós que
lles ofrece a tradución na súa lingua materna, esta sensación que teñen por estranxeira?
Dirase, con certeza, que a solución a este enigma xa hai tempo que se atopou e que
talvez nós o teñamos resolvido tremendamente mellor, pois a tradución canto máis
exactamente siga as expresións do orixinal tanto máis allea lle resultará ó lector. Abofé
que é así, e en xeral resulta ben doado esbozar un sorriso con este método. Só se non se
quere que esta alegría vire necia, se non se quere botar nun mesmo saco o máis virtuoso
xunto co máis pueril e co peor, cómpre engadir, pois, que un requirimento indispensable
deste método de tradución é unha aproximación á lingua que non só non é común,
senón que deixa intuír que non medrou totalmente libre, que máis ben se inclinou cara a
unha similitude estraña; e un ten que recoñecer facer isto con arte e con xeito, sen ir nin
en detrimento propio nin da lingua: esta é, posiblemente, a maior dificultade que ten que
supera-lo noso tradutor. A empresa amósase como o estado máis marabilloso da
degradación, no que non se pode colocar a un escritor malo. A quen non lle gustaría que
a súa lingua materna se manifestase onde queira que for no seu esplendor máis enxebre
e que fose apta para calquera xénero? A quen non lle gustaría mellor enxendrar fillos
que representasen puramente a liñaxe paterna antes ca híbridos? A quen lle ha gustar
amosarse con movementos menos lixeiros e agraciados dos que é capaz e, de cando en
cando, polo menos aparentar abrupto e ríxido para resultarlle ó lector tan ofensivo como
sexa preciso para que este non perda a referencia da cuestión? A quen lle ha gustar
deixarse caer para quedar de torpe mentres se esforza por permanecer tan próximo á
lingua estranxeira como a súa propia llo permite e que, ó igual que os pais que ós seus
meniños lles ceden o salto ó trampolín, sexa criticado porque a súa lingua materna, no
canto de practicala con axilidade na arte ximnástica de seu, se afaga a contorsións
estranxeiras e antinaturais! Finalmente, a quen lle gusta que os expertos e os mestres
máis grandes se rían con enorme compaixón, porque estes non haberían entende-lo seu
alemán forzado e atrapallado de non teren de lado o seu grego e mailo seu latín! Estas
son as abnegacións que todo tradutor necesariamente ten que adoptar, estes os perigos
ós que se expón cando no esforzo por manter alleo o ton da lingua non presta atención á
liña máis sensible e que de ningún modo é quen de evadir de todo, porque cadaquén tira
desta liña dunha maneira algo distinta. E se agora aínda pensa na influencia inevitable
do costume, pódelle entra-lo medo de que tamén nos seus produtos tradutolóxicos libres
e orixinais se coe algo menos pertinente e rudo e de que lle entorpeza un chisco o
sentido delicado para o benestar da lingua propia. E se este non pensa na gran horda de
imitadores e na indolencia e mediocridade que domina entre o público literato, entón ha
ter que horrorizarse con canto elemento descoidado e contrario á norma, con canta
auténtica torpeza e rudeza e con canto estrago lingüístico do que talvez se lle faga
responsable; pois case que só os mellores mailos peores non se haberán esforzar por
tirar un proveito equivocado dos seus esforzos. Esas críticas de que tal xeito de traducir
ten que ser necesariamente prexudicial para a pureza da lingua mailo seu
desenvolvemento imperturbable de dentro cara a fóra téñense oído a miúdo. Se
quixermos agora tamén deixalas de lado coa falsa promesa de que tamén fronte a estas
desvantaxes ha haber vantaxes e que, así como todo o bo se mestura co malo, existe
precisamente a maña pola que obter do primeiro tanto como for posible e do outro o
mínimo posible: isto é o que se extrae deste labor complexo polo que, sexa como for, un
ten que reproduci-lo alleo na lingua materna. En primeiro lugar, que este método de
tradución non pode darse igual de ben en tódalas linguas, senón que só naquelas que
non estean suxeitas a un vínculo moi estreito dunha expresión clásica; fóra diso, todo
resulta criticable. Tales linguas vinculadas poden a través disto busca-la ampliación do
seu dominio e que sexan faladas por estranxeiros que precisan máis ca da súa lingua
materna; de aí que se compenetrarán á perfección. Estes queren apropiarse de obras
estranxeiras a través de imitacións ou quizais traducións do outro tipo: este tipo, non
obstante, teñen que deixárllelo ás linguas máis libres, nas que as desviacións e as
innovacións se poden esperar con máis paciencia e de modo que a partir da súa
acumulación baixo determinadas condicións poida xurdir un determinado carácter.
Ademais, segue estando suficientemente claro que traducir deste modo non ten valor
ningún se nunha lingua se actúa illadamente e ó chou, xa que, obviamente, así en
absoluto se acada a meta de que un espírito alleo invada o lector, senón que de ter que
recibir este un castigo, que sexa unicamente un distanciado da lingua orixe polo que a
obra llo agradeza, e dalgún modo ténselle que compensar que non a entenda, polo que
este non ten que recibir só a sensación totalmente vaga de que iso que le soe de todo
idiomático, senón que lle ten que soar a outra cousa concreta, mais iso só é posible se
este é quen de establecer comparacións en conxunto. Se ten lido algo polo que saiba que
algo se traduce a partir doutra lingua moderna ou dunha antiga, e está traducido neste
sentido, entón ha desenvolver un sentido do oído para distingui-lo arcaico do moderno,
aínda que moito antes xa ten que ter lido se debe distinguir entre a orixe helénica da
latina ou a italiana da española, e, de todos xeitos, tampouco este vén a se-lo obxectivo
primordial, senón que o lector da tradución se haberá equiparar ó mellor lector da obra
na lingua orixinal cando á par do espírito da lingua tamén sexa quen de intuí-lo espírito
particular do autor da obra e, gradualmente, ilo aprehendendo dun xeito determinado
para o que, por suposto, o talento da intuición individual é o único órgano, mais
precisamente para isto resulta indispensable aínda unha cantidade máis grande de
comparacións. Estas non están dispoñibles cando nunha lingua só de cando en cando se
traducen obras de autores de determinados xéneros. Por esta vía, os lectores máis cultos
poden acadar a través da tradución só un coñecemento extremadamente incompleto do
alleo, e que estes poidan chegar a formarse un xuízo de verdade, sexa con respecto á
tradución ou ó orixinal, é algo no que en absoluto cabe pensar. De aí que, de feito, este
tipo de tradución esixa un procedemento a grande escala, unha transplantación de
tódalas literaturas nunha lingua, e ten xa que logo só sentido e valor nun pobo que ten a
inclinación decidida de apropiarse do alleo. Os traballos particulares deste tipo teñen só
un valor como precursores dun desexo xeral que se desenvolve e se forma neste
proceso. No caso de estes non se dinamizaren, terán logo tamén no espírito da lingua e
da época algo en contra; amosaranse, xa que logo, só como intentos falidos e tamén
terán pouco ou ningún éxito para si. Non obstante, cando a cousa se nos vai das mans
non é doado agardar que un traballo deste tipo, independentemente do espléndido que
sexa, gañe o aplauso xeral. Con tantas consideracións por cal coller e tantas dificultades
por superar, cómpre desenvolver varias ideas ó respecto: qué partes da cuestión resaltar
e cales, pola contra, subordinar. Así se forman, até certo punto, diferentes escolas
supeditadas ós mestres e diferentes grupos no público como seguidores destes; e aínda
que estea de fondo o mesmo método, onde queira que sexa, poden existir diferentes
traducións paralelas da mesma obra, aprehendidas dende diversos puntos de vista, das
que precisamente non se podería dicir que unha sexa totalmente completa ou que quede
curta, senón que só algunhas partes están máis logradas nunha e outras noutras, e só
poñéndoas todas en común e interrelacionándoas, cómo unha se achega deste ou
destoutro xeito á lingua orixinal ou a mellora, adquire un valor particular, e acabarán
por esgota-la cuestión por completo; aínda que cada unha delas non deixa de ter máis ca
un valor relativo e subxectivo.
Estas son as dificultades que xogan á contra deste método de tradución e as
imperfeccións que fundamentalmente se lle atribúen. Dito isto, non obstante, tense que
recoñece-lo labor en si e non se lle pode nega-lo seu mérito. Este baséase en dúas
premisas: que a comprensión de obras estranxeiras sexa unha condición o máis coñecida
e desexable posible e que a lingua propia permita unha certa flexibilidade. Cando estas
condicións se dan, entón tal tradución maniféstase de xeito natural, intervén no
completo desenvolvemento do intelecto, e como recibe certo valor tamén existe un gozo
asegurado.
Que acontece agora co método confrontado que non lle require ó lector ningún
traballo nin esforzo, que lle transporta o autor estranxeiro como por arte de maxia ó seu
presente inmediato e que quere presenta-la obra tal e como sería se o propio autor a
escribise orixinalmente na lingua do lector? Este requirimento non poucas veces se ten
expresado como aquel que se esperaría dun verdadeiro tradutor e como moito máis
elevado e completo en comparación con aqueloutro. Tamén se teñen feito intentos en
particular, ou talvez obras de arte, que se propuxeron esta meta de xeito suficientemente
claro. Permitídenos ver se co aquí exposto, e se por acaso non fose bo, se este
procedemento até o momento indiscutiblemente máis raro virase máis frecuente e aquel
cuestionable e, en moitos aspectos insuficiente, se suprimise.
Até aquí observamos de contado que a lingua de quen traduce non ten que
teme-lo máis mínimo con este método. A súa primeira regra, con motivo da relación
pola que o seu traballo corresponde a unha lingua estranxeira, ten que ser a de non
permitir nada de calquera escrito orixinal do mesmo xénero que tampouco se permita na
lingua orixinal. Si, este ten a obriga, coma calquera, de polo menos coida-la atención
pola pureza maila perfección da lingua, esforzarse pola mesma fluidez e naturalidade
estilística que ó seu autor na lingua orixinal lle confire a sona. Tamén é certo que se
quixermos facerlles plástico ós nosos compatriotas o que un escritor ten sido para a súa
lingua, non poderiamos establecer unha fórmula mellor cá de presentárllelo «falando»
como nos imaxinamos que el falaría na nosa, sobre todo cando o grao de elaboración no
que este encontra a súa lingua precisamente garda unha semellanza co da nosa.
Podemos imaxinarnos, en certo modo, cómo falaría Tácito se fose un alemán, isto é,
entendido dun xeito máis preciso: cómo falaría un alemán para que a nosa lingua fose o
que para Tácito era a súa; e ben por aquel que o imaxine de xeito tan vivo que realmente
o poida facer falar! Mais se isto puider darse, polo que este lle permitise dici-las
mesmas cousas que o Tácito romano pronunciara na lingua latina, é outra cuestión e non
doada de afirmar. Pois outra cousa ben distinta é a influencia que unha persoa exerce
sobre a súa lingua, o que verdadeiramente entende e que por así dicir reproduce, e outra
ben distinta é querer saber como terían virado as súas ideas maila expresión destas se
estiver afeita a pensar e a expresarse con naturalidade noutra lingua! Quen estiver
convencido de que as ideas esenciais e íntimas maila expresión veñen sendo o mesmo, e
de que neste convencemento descanse por completo a arte de toda comprensión do
discurso, e xa que logo tamén de toda tradución, pode querer separar unha persoa da súa
lingua materna e considerar que esta persoa, ou tamén só unha liña de pensamento
desta, podería ser unha e a mesma en dúas linguas? Ou se esta tamén, pois, en certo
modo é distinta, pode presumi-lo discurso até desartellalo até o máis íntimo, corta-la
parte da lingua nel e a partir, por así dicir, dun novo proceso químico similar facer
vencella-lo máis íntimo desta ó espírito e á forza doutra lingua? Pois, evidentemente,
para resolver esta cuestión cumpriría diferenciar por completo todo o que na obra escrita
dunha persoa se transporta desa mesma persoa, incluso tamén calquera influencia
remota que houbese desta, que dende a súa nenez falou ou escoitou na súa lingua
materna, e ben, por así dicir, da maneira de pensar concibida idiosincrásica e núa
orientada a un determinado tema, todo aquilo que tería influído dende o comezo da súa
vida ou dende o seu primeiro contacto coa lingua estranxeira, que tería falado e
escoitado nesta até acada-la destreza de pensar e escribir orixinalmente nela? Mais isto
non será posible até que se dean combinado produtos orgánicos a través dun proceso
químico artificial. Si, pódese dicir que o obxectivo de traducir así tal e como o propio
autor escribiría orixinalmente na lingua da tradución non é só inalcanzable, senón que é
de por si nulo e baleiro, pois quen recoñece o poder construtivo da lingua, cómo esta
conforma unha unidade coa idiosincrasia do pobo, ten que tamén admitir que aquel máis
destacado, sobre todo o seu coñecemento e tamén a posibilidade de expresalo, se
reproduce coa lingua e a través desta, e que polo tanto a ninguén lle vai apegada a súa
lingua só mecánica e superficialmente, por así dicir, con correas; e ó igual que de xeito
doado se resolve un par e se presenta outro, polo que calquera pode formular no
pensamento outra lingua segundo lle praza, que, de feito, todo o mundo produce
orixinalmente só na súa lingua materna e, xa que logo, non pode lanza-la pregunta de
como escribiría a súa obra noutra lingua. Non obstante, citarase, por suposto, un de cada
dous casos que apareza con suficiente frecuencia. En primeiro lugar, houbo claramente
non só contadas excepcións, pois así acontece aínda, senón que tamén unha habilidade
xeneralizada para escribir noutras linguas coma na materna, e si, filosofar e poetizar. E
logo por que non se pode, para obtermos un criterio máis fiable, conferirlle esta
habilidade mental a calquera autor que se queira traducir? Diso non se trata, porque esta
habilidade ten a explicación de que só se dá naqueles casos onde non podería dicirse nin
completa nin minimamente o mesmo sobre o mesmo na lingua materna. De
retrocedermos no tempo, cando as linguas románicas comezaron a formarse, quen pode
dicir con que lingua nacera o home daquela época? E quen ha querer negarlles a aqueles
que acadan unha aspiración científica que o latín fose máis lingua materna có vulgar?
Isto aínda vai máis aló no que atinxe a determinadas necesidades e funcións mentais.
Mentres a lingua materna non estea conformada para estas, fica aqueloutra a lingua
materna parcial a partir da cal esas liñas de pensamento lle son reveladas ó que se
tornará nun pobo. Grotius e Leibnitz non eran quen de filosofar en alemán e holandés,
polo menos de non seren homes completamente distintos. E si, cando a raíz xa está seca
e o pé do tronco vello está arrincado por completo, cómpre que aquel mesmo, que ó
tempo que non é nin un retórico nin un ser revolucionario, se conecte arbitrariamente a
unha lingua de múltiples maneiras ou de modo preciso por medio de fundamentos
subordinados. Ó noso gran rei chegáranlle tódalas ideas máis refinadas e elevadas a
través dunha lingua estranxeira e adoptáraas para este ámbito do xeito máis cordial.
Aquilo que el daba en filosofar ou poetizar en francés non era quen de filosofalo ou
poetizalo en alemán. Temos que lamentar que a grande inclinación por Inglaterra que
dominaba unha parte da familia non puidese toma-la determinación de adapta-lo inglés
da súa infancia, cuxo último século dourado florecía daquela, ó do alemán, que se lle
achega moito máis. Non obstante, podemos esperar que se tiver gozado dunha
educación estrictamente erudita, habería ter filosofado e poetizado antes en latín ca en
francés. Mentres que tamén isto está suxeito a condicións particulares, non en calquera
lingua estranxeira, senón que só nunha concreta, cadaquén produce, e unicamente iso, o
que non sería quen de producir na súa lingua materna: xa que logo, non se proba un
método de tradución que dea en amosar cómo iso que aquel realmente escribiu na súa
lingua materna o escribiría noutra. Non obstante, o segundo caso, dunha lectura ou
escritura orixinalmente nunha lingua estranxeira, semella máis conveniente para este
método. E logo quen lles ha negar ás xentes de aquí e de acolá que o que os seus beizos
xentilmente producen o pensaron igualmente na mesma lingua e nin tan sequera o
traduciron primeiro para si a partir do alemán pobre? E a dicir pola sona que teñen de
poder expresar igual de ben estas delicadezas e sutilezas en moitas linguas, de seguro
que tamén pensan coa mesma facilidade en todas, e cadaquén haberá saber diferenciar
tamén xustamente do outro cómo iso que precisamente acaba de dicir en francés o
habería dicir en italiano. Non obstante, por suposto que estes discursos non son do eido
de onde as ideas emerxen con forza das raíces máis profundas dunha lingua estraña,
senón que son coma a herba do esforzo, a cal un home artificial sen terra ningunha fai
medrar do pano branco. Estes discursos non son nin a sagrada solemnidade da lingua
nin o bonito xogo comedido desta, senón que, nos tempos que corren, conforme os
pobos se confunden dun xeito apenas coñecido, existe, pois, en todas partes comercio, o
que se traduce en conversas comerciais, ben sexan políticas, literarias ou sociais, e
realmente non pertencen ó eido da tradución, senón que neste caso digamos que
unicamente ó da interpretación. Agora ben, se cousas deste tipo, como de cando en
cando se dan, se examinan nun todo máis grande e se converten en texto, entón un texto
como tal, que xoga na vida sinxela e de graza a desvela-la identidade sen profundidade
ningunha ou a preservar unha característica do pobo, pode ser traducido segundo esta
norma, mais tamén só esta, porque só precisamente esta puido ser concibida
orixinalmente noutra lingua. E pode que talvez esta norma non se estenda máis aló ca
das portas e antesalas de obras máis profundas e magníficas, que con frecuencia tamén
se elaboran por completo no ámbito da vida social sinxela. De feito, canto máis
singulares as ideas dunha obra e canto máis se vincule a súa relación á idiosincrasia dun
pobo, e ademais quizais tamén ó carácter dun tempo xa pasado, tanto máis perde
precisamente a norma o seu significado. Nalgúns aspectos, pois, isto resulta tan certo
que só a través da comprensión de varias linguas se cultiva a persoa, un cidadán do
mundo, polo que temos que admitir que así como nós non considerámo-lo
cosmopolitismo como algo que haxa que proscribir, o cal en momentos importantes
oprime o patriotismo, existe tamén de igual modo en relación ás linguas un amor
semellante, que non conforma o verdadeiro nin o xenuíno, que para o uso activo e máis
elevado de calquera lingua, independentemente de que sexa antiga ou moderna, quere
poñerse á par do nacional. Ó igual que a un país ou que a unha lingua ou a outra, a
persoa ten que decidi-la súa pertenza, se non esta haberase balancear sen parar de mala
maneira no medio. É correcto que aínda agora entre nós oficialmente se escriba en latín
para manter viva a memoria de que esta ten sido a lingua materna científica e sagrada
dos nosos devanceiros; é beneficioso que tamén de igual modo aconteza no eido
científico do conxunto europeo a prol dun tráfico máis sinxelo, mais neste caso só terá
éxito na medida en que para tal interpretación o tema sexa todo e a opinión propia maila
correlación algo menos. Igual acontece co caso do romance: quen oficialmente e por
obriga escribe en tal lingua, ha de ser consciente de que as súas ideas nun primeiro
estadio son en alemán e de que xa dende unha fase moi temperá cando aínda se está a
xesta-lo embrión xa comeza a traducilas; e quen así se sacrifique por mor dunha ciencia,
encontrarase tamén lixeiramente eximido e sen tradución oculta alí onde se sinta
totalmente co control da cuestión. Existe, por suposto, unha afección aberta a escribir en
latín ou romance, e se realmente con esta se persegue producir nunha lingua estranxeira
igual de ben coma na propia e igual de orixinal declararíaa sen máis unha arte sacrílega
e máxica, coma o ir e vir co que a persoa non só se burla da lei da natureza, senón co
que tamén pensa en confundir ós outros. Mais non é así, pois a afección mala non é
máis ca un bo xogo mímico co que como moito se pode pasar esplendidamente o tempo
na antesala da ciencia e da arte. A produción na lingua estranxeira non é natural, senón
que as reminiscencias a un determinado escritor ou tamén ó estilo dunha época
determinada, que por así dicir representa a unha persoa común, se evocan no espírito
case coma unha imaxe viva do exterior e a imitación desta dirixe e determina a
produción; de aí que por esta vía poucas veces xurda algo que de se elimina-la precisión
mímica teña valor de verdade; e un pódese alegrar tan inxenuamente da aprezada obra
de arte cando percibe decontino con suficiente definición a persoa que se representa.
Mais se alguén contra natura e costume virase formalmente un desertor da lingua
materna e se entregase a outra, entón non é, por así dicir, desprezo afectado nin
atribuído sen máis se este asegura que agora xa non é quen de se mover naquela, senón
que non é máis ca unha xustificación de que el mesmo é culpable de que a súa natureza
resulte verdadeiramente en toda regra un milagre da natureza; e unha tranquilidade para
os demais de que polo menos non se desdobre coma un fantasma. Mais témonos parado
demasiado co exótico e centrado en falar da escritura nas linguas estranxeiras no canto
de na tradución a partir de linguas estranxeiras. A cuestión é a seguinte: cando non é
posible escribir orixinalmente nunha lingua estranxeira algo da tradución, en canto que
esta é arte, digna, e ó mesmo tempo necesaria, ou cando menos unha excepción rara e
marabillosa, entón un tampouco pode establece-la norma para a tradución; esta tería que
imaxinar cómo o propio autor precisamente escribiría isto na lingua do tradutor, pois
non é que haxa unha chea de exemplos de escritores bilingües dos que se poida extraer
unha analoxía que quen traduce poida seguir, senón que tódalas obras, segundo o
exposto arriba, que non teñan que ver coa conversa máis doada nin co estilo de traballo
déixanse case exclusivamente á súa imaxinación. Si, qué se ha querer obxectar cando un
tradutor lle di ó lector: «aquí che traio o libro tal e como o home o escribiría se escribise
en alemán», e o lector lle responde: «estou tan ligado a ti coma se me trouxeses unha
foto do home e cómo sería se súa nai o tivese doutro pai». Porque se das obras que
pertencen nun sentido máis elevado á ciencia e á arte o verdadeiro espírito do autor é a
nai, a súa lingua paterna, entón, é o pai. Tanto unha pequena peza de arte coma outra
precisan de ideas secretas que ninguén ten, e só como xogo se pode xusto gozar tan
ecuanimemente de unha coma da outra.
Até qué punto se limita a utilidade deste método, que no eido da tradución
resulta case nulo, é algo que se confirma moito mellor cando un ve con qué dificultades
insalvables en qué ramas particulares da ciencia e da arte se desenvolve. Se un ten que
dicir que xa só no uso da vida diaria hai poucas palabras nunha lingua ás que lles
equivalería totalmente unha en calquera outra, de modo que puidese ser empregada en
tódolos casos onde aquela se emprega e que tamén na mesma colocación causase
sempre o mesmo efecto, xa que logo, isto resulta aínda máis aplicable a tódolos
conceptos canto máis se lles confira un matiz filosófico e, sobre todo, da verdadeira
filosofía. Aquí máis ca en ningún outro lado, malia as diferentes visións simultáneas e
que se seguen unhas ás outras, toda lingua contén de por si un sistema de conceptos a
través do que precisamente entran en contacto na mesma lingua, se unen, se
complementan, son un todo, do que cada unidade non se corresponde co sistema de
ningunha outra lingua, apenas con Deus maila existencia, quitando o nome mailo verbo
orixinais, pois tamén o xeral simple de todo aínda caendo fóra do eido da idiosincrasia
resulta iluminado e coloreado por esta. Neste sistema da lingua a sabedoría de cadaquén
ten que aflorar. Todos crean a partir do existente, todos axudan a que saia á luz non o
existente, senón o exemplar. Só así permanece viva a sabedoría do individuo e pode
realmente domina-la súa existencia, a cal conforma por completo nesta lingua. Polo
tanto se quixer o tradutor dun autor de filosofía non decidirse a dobrega-la tradución o
máximo posible segundo a lingua orixinal para intuílo o máximo posible dentro deste
sistema conceptual desenvolvido e, ó contrario, quixer deixar fala-lo seu autor como se
este formase as ideas mailo discurso orixinalmente noutra lingua: qué lle ha quedar,
dada a falta de similitude dos elementos entrámbalas dúas linguas, ca ou parafrasear —
co que non acada o seu obxectivo, dado que unha paráfrase non parecerá nin poderá
nunca parecer algo producido orixinalmente na mesma lingua— ou ter que remodelar
toda a sabedoría e a ciencia do seu autor no sistema conceptual da outra lingua, de modo
que cada unha das unidades se transformen, polo que non cómpre perder de vista que se
puidesen establecer límites como o da arbitrariedade máis salvaxe. Si, hai que dicir que
quen dedica a mínima atención por esforzos e avances filosóficos non se pode embarcar
nun xogo tan libre. Platón pode xustificar se vou do autor de filosofía ó de comedias.
Este xénero, no que á lingua atinxe, é extremadamente próximo ó ámbito da conversa
común. Toda a representación vive nos costumes da época e do pobo, que unha vez
máis de xeito excelente se reflicten con viveza na lingua. A claridade e a naturalidade
dentro da graza son a súa primeira virtude, e precisamente por iso neste punto as
dificultades da tradución segundo o método acabado de observar son tan inmensas, xa
que calquera achegamento a unha lingua estranxeira lle produce danos a esas virtudes
do discurso. Mais se agora a tradución quixer mesmo facer falar a un compositor teatral
coma se compuxese orixinalmente na súa lingua, entón esta non lle ha poder achegar
gran cousa en absoluto, porque non é nativo dese pobo e, xa que logo, non ten indicio
ningún da lingua. O tradutor aquí, polo tanto, ten que ou ben cortar por completo e así
destruí-la enerxía e a forma do todo ou ben colocar outra cousa no sitio. Nesta área,
pois, rexe ás claras a fórmula completamente aceptada da simple imitación ou dunha
mestura aínda máis repugnante, rechamante e confusa da tradución e da imitación, que
lanza o lector coma unha bóla entre o seu mundo mailo alleo, entre a inventiva e mailo
xenio do autor e mailo tradutor, que lanza sen compaixón de acó para aló aquilo do que
non pode obter ningún pracer puro, mais polo que nun último caso de seguro que leva
mareo e fatiga de abondo. O tradutor que, pola contra, segue o outro método non require
ningún deses cambios arbitrarios, porque sempre ten que ter presente o seu lector e que
o autor viviu noutro mundo e escribiu noutra lingua. A el só se lle indica, dentro, por
suposto, da arte complexa, supli-lo coñecemento deste mundo descoñecido do xeito
máis conciso e apropiado e deixar refulxir en todo momento a maior claridade e
naturalidade do orixinal. Estes dous exemplos tomados do termo máis extremo da
ciencia e mais da arte amosan claramente o pouco que cun método se pode acada-lo
verdadeiro obxectivo de toda tradución de procura-lo goce máis xenuíno posible de
obras estranxeiras para transmitirlle plenamente o espírito dunha lingua estranxeira á
obra traducida. Ademais acontece tamén que tódalas linguas dispoñen de cadanseu
ritmo para a prosa, de igual modo que para a poesía, e que, se puidermos introducir
ficción, o autor tamén podería escribir na lingua do tradutor e entón tería que serlle
permitido internarse no ritmo desa lingua, polo que a súa obra aínda se desvirtuará máis
e o coñecemento da súa idiosincrasia, que ofrece a tradución, aínda se limitará moito
máis.
De feito, tamén esta ficción, que de por si toca a teoría da tradución que agora
estamos a tratar, vai moito máis aló do obxecto desta empresa. A actividade da
tradución dende a primeira perspectiva é unha cuestión de necesidade para un pobo, do
que só unha pequena parte se pode facer cun coñecemento suficiente de linguas
estranxeiras, aínda que si ten un gran sentido do gusto polas obras estranxeiras. Se esta
parte puider incorporarse a aqueloutra, entón traducir sería inútil e dificilmente alguén
asumiría ese esforzo desagradecido. Non así acontece con este último tipo: este non ten
nada que ver coa necesidade, máis ben é obra do vicio e da arrogancia. As linguas
estranxeiras poderían estar tan espalladas como se quixese e que aquel que for capaz
tivese pleno acceso a tódalas obras máis prestixiosas; e quedaría aínda unha empresa
peculiar que só reuniría arredor seu a máis espectadores entusiasmados se alguén nos
prometese presentarnos unha obra de Cicerón ou Platón tal e como estes homes
escribirían agora directamente en alemán. E se alguén nos levar tan lonxe, non a facer
isto só na lingua materna, senón que aínda noutra estranxeira, entón ese sería para nós,
pois, evidentemente o mestre máis grande na arte difícil e case imposible de libera-los
espíritos dunhas linguas noutras. Agora ben, vemos que isto, considerándoo
estrictamente, non sería tradución ningunha e o obxectivo probablemente tampouco
sería o gozo máis exacto da obra en si, senón que cada vez se tornaría máis nunha
imitación, e gozar de verdade unha obra ou peza de arte dese tipo só podería facelo
aquel que xa coñecese de primeira man o autor de antes. E o verdadeiro obxectivo non
podería ser outro que o de analizar a detalle a mesma relación de moitas expresións e
colocacións en diferentes linguas para unha disposición determinada e examinar por
completo a lingua co espírito particular dun mestre estranxeiro, mais separando e
liberando este por completo da súa lingua. Como este só vén a ser un xogo de enxeño e
graza, e como toca unha ficción case imposible de acadar, enténdese, pois, cómo é que
este tipo de tradución só se practica en intentos por economizar, os cales tamén amosan
con suficiente claridade que en xeral non se pode proceder así. Tamén se di que só
certos mestres destacados que se poden atrever co milagreiro poden traballar seguindo
este método; e con razón só aqueles que cumpriron cos seus verdadeiros deberes ante o
mundo e por iso con máis probabilidade se poden entregar a un xogo provocativo e algo
perigoso. Mais enténdese con máis facilidade que os mestres que se senten na posición
de intentar algo así ollen para a empresa daqueloutros tradutores con bastante
compaixón, pois son da idea de que en realidade só eles practican a arte fermosa e libre;
ademais, aqueles seméllanlles estar moito máis preto da figura do intérprete, mentres
que eles satisfan a necesidade así como tamén outra algo máis elevada. E
lamentablemente parécelles que empregan nunha empresa subestimada e desagradecida
moita máis arte e esforzo do razoable, de aí que tamén estean moi dispostos co consello
de que antes ca traducións dese tipo, mellor poder valerse na medida do posible da
paráfrase, como tamén fan os intérpretes en casos complicados e discutibles.
E logo como? Temos que compartir este punto de vista e seguir este consello?
Os pobos antigos teñen traducido obviamente pouco neste sentido máis auténtico e
tamén a maioría dos pobos máis modernos, desalentados polas dificultades da
verdadeira tradución, danse por satisfeitos coa imitación e coa paráfrase. Quen querería
manter que xamais se traduciu nada nin das linguas clásicas nin das xermánicas ó
francés! Aínda que a nó-los alemáns nos guste tanto prestarlle oído a este consello,
seguir non o habiamos seguir. Unha necesidade íntima na que se expresa de xeito
suficientemente claro a profesión característica do noso pobo tennos levado a traducir
en masa; non podemos recuar, cómpre que sigamos. Como talvez do múltiple
transplantar de plantas alleas o noso propio solo ten virado máis rico e fructífero e o
noso clima máis agradable e máis suave, así sentimos tamén que a nosa lingua, porque a
movemos do letargo nórdico mesmo por menos, só a través do múltiple contacto co
alleo pode florecer con verdadeira vitalidade e desenvolver todo o seu esplendor. E con
isto semella encaixar que o noso pobo poida estar predestinado, polo seu respecto polo
alleo e a súa natureza mediadora, a unificar na lingua de seu tódolos tesouros da ciencia
e da arte estranxeiras a un tempo, por así dicir, nun todo grande e histórico que se garda
no centro e corazón de Europa, co que agora o fermoso que os tempos máis diversos
trouxeron calquera podería, coa axuda da nosa lingua, gozalo tan pura e plenamente
como só ó estranxeiro lle é posible. Isto de feito semella, grosso modo, o verdadeiro
obxectivo da tradución de antigo, como vén sendo agora para nós no país. Para este, non
obstante, só resulta aplicable o método que primeiro analizamos. As dificultades deste,
que non ocultamos, é que ten que aprender a domina-la arte tanto como for posible.
Fíxose un bo comezo, mais aínda queda a meirande parte. Tamén cómpre avanzar aquí
en moitos intentos e exercicios antes de chegar á altura dalgunhas obras destacadas; e
algunha brilla ó comezo, mais logo a partir de aí vese superada pola mellor. O moito
que xa algúns artistas en parte superan as dificultades, en parte as sortean con fortuna,
salta á vista en numerosos exemplos, e tamén cando os menos versados traballan neste
eido; non queremos, pois, causarlle desastrosamente grandes estragos á lingua cos seus
esforzos. Pois primeiro ha de establecerse que nunha lingua na que a tradución se
practica a tan grande escala tamén hai un ámbito de lingua para as traducións e ténselles
que permitir moitas cousas que noutro lado non se poden permitir. Non obstante, quen
siga desautorizadamente a trasladar tales innovacións dará xa con poucos ou ningún
sucesor, e se non queremos botar contas só por un espazo de tempo demasiado curto,
entón xa podemos confiar no proceso asimilador da lingua, que volverá expulsar de
novo todo o que só por mor dunha necesidade temporal se aceptou. Por outra banda,
non podemos menosprezar que algo moi fermoso e moi poderoso en parte se
desenvolveu na lingua a través da tradución e que en parte se arredou do esquecemento.
Falamos moi pouco e, en comparación, leriamos de máis; e non hai que negar que dende
hai un tempo considerable tamén o xeito de escribir tiña tomado demasiado este rumbo
e que a tradución non contribuíu pouco a facer novamente válido un estilo máis
rigoroso. Se algún día chega o momento en que teñamos unha vida pública a partir da
que, por un lado, se teña que desenvolver un contacto rico e xusto para coa lingua e, por
outro lado, se gañe un espazo máis libre para o talento do orador, entón haberemos
precisar menos da tradución para un perfeccionamento da lingua. E oxalá que chegue
ese momento antes de que teñamos que pasar con dignidade por toda e cada unha das
dificultades tradutolóxicas!