2
índice
Obxectivos 3Competencias básicas 3Contidos curriculares 4Contidos 4Actividade de comezo - LECTURA 5Carta dos Arroases aos nenos e nenas 10O mundo da pesca 12Actividade 1 - proposta por Sardiña 12Actividade 2 - proposta por Xurelo 13Coñecemento das especies 14Actividade 3 – proposta por Rodaballo 14Actividade 4 – proposta por Troita 15Nutrición 16Actividade 5 – proposta por Mexillón 16Actividade 6 – proposta por Pescada 17Actividade 7 – proposta por Lirio 18Cuestionario para a clase 19
Edita:XUNTA DE GALICIARevisión lingüística: Ramiro ComboDepósito legal: C 1526-2010
3
Esta unidade didáctica está deseñada para ser utilizada tras a visita ao centro escolar do programa.
Os principais aspectos do currículo educativo que o profesor ou profesora pode abordar desde estes cadernos son:
Obxectivos
Os obxectivos de partida desta campaña céntranse en lles transmitir aos escolares de Educación Primaria a importancia do peixe e o marisco na dieta, en relación coas súas achegas nutritivas, e fomentar o seu consumo. Ademais, afondarán no coñecemento das especies e o papel das persoas consumidoras á hora de preservar os recursos do mar e na posta en valor das profesións do mar.
Competencias básicas
* Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico. Contidos relacionados co mundo da pesca, o transporte e a preparación dos produtos do mar.
* Competencia en comunicación lingüística. Comprensión lectora e expresión escrita.
* Tratamento da información e competencia dixital. A través de descargas e enquisas de avaliación online.
* Competencia social e cidadá. O consumo de peixe como fonte de saúde, e como recurso económico e social.
* Competencia cultural e artística. O alumnado desenvolverá a súa creatividade e habilidades artísticas na representación Os Arroases.
* Autonomía e iniciativa persoal. Novos coñecementos sobre o valor do consumo do peixe e do marisco que lles permitirán tomar decisións en relación co seu consumo.
4
Contidos curriculares
Aínda que os contidos da unidade didáctica se poden tratar desde un punto de vista das diferentes áreas de coñecemento, recollemos a continuación aqueles relacionados coa área de coñecemento do medio natural, social e cultural por ser a área de maior implicación e máis directamente relacionada.
Contidos
* Valoración dos hábitos de hixiene persoal, de descanso, de alimentación equilibrada e de exercicio físico axeitado para unha vida saudable.
* Análise de dietas equilibradas. Clasificación dos alimentos en función dos nutrientes principais e identificación de sistemas de conservación alimentaria.
* Identificación de animais e plantas como seres vivos.
* Recoñecemento das principais características dos animais vertebrados e dalgúns invertebrados. Clasificación de animais a partir de características observables.
* Valoración da importancia da existencia de animais e plantas para as persoas.
* Interese e compromiso pola conservación e coidado de animais e plantas do contorno.
* Identificación das formas da actividade económica do contorno próximo (traballo, profesións, produción): observación e análise de produtos de consumo habitual no contorno e dos lugares da súa comercialización (mercados, lonxas...).
5
Actividade de comezo - LECTURA
A reunión era moi importante. Luís, o patrón de pesca, estaba moi preocupado.
-“A algúns nenos e nenas non lles gusta comer peixe” –explicou. -“Imposible!” –berraron os sete pequenos superheroes á vez.
Estaban no barco de Luís, un cerqueiro de 20 metros capaz de ir e vir por entre as ondas máis temibles na súa diaria busca e captura de peixe. Aquela era a misión máis difícil que lles encargaran nunca aos Arroases.
Ningún deles pensara, ata ese momento, que houbese persoas ás que non lles gustase o peixe. Por que?
Para saber por que, cómpre explicar quen son Os Arroases.
6
Xurelo
Contén niacina (vitamina B3), que favorece o noso bo humor: MÁIS DIVERSIÓN!
Péscase lonxe da costa no inverno e preto dela no verán.
Non deixes de probar a lasaña de xurelo! ÑAM ÑAM!
Rodaballo
Contén potasio, moi importante para enviar o impulso aos nosos músculos: MÁIS AXILIDADE!
Péscase en augas pouco profundas. Vive camuflado nos fondos areosos.
Que bo está o rodaballo en paella ou filloas recheas! ÑAM ÑAM!
Troita
Contén retinol (vitamina A), fundamental para a vista: MELLOR VISIÓN!
A troita de mar, tamén chamada reo, péscase nas bocas das nosas rías.
Á prancha, en croquetas ou en pastel, está saborosísima!
7
Sardiña
Contén cobalamina (vitamina B12), que favorece o metabolismo e o mantemento do sistema nervioso: MÁIS FORZA!
Péscase botando as redes sobre os grandes bancos que forma preto da superficie.
A sardiña está moi rica en hamburguesa! ÑAM ÑAM!
Mexillón
Contén iodo, moi importante para o noso desenvolvemento físico e mental: MÁIS INTELIXENCIA!
Recóllese nas rochas e cultívase en bateas nas rías.
Se aínda non probaches a fideuá de mexillóns non sabes o que perdes!
Lirio
Contén un tranquilizante natural que axuda a manter a boa saúde do noso sistema nervioso: MÁIS TRANQUILIDADE!
Péscase ás veces a moita profundidade, onde vive en grandes bancos.
A pizza de lirio é deliciosa!
Pescada
Contén tiamina (vitamina B1), que é moi importante para producirmos enerxía: MÁIS ENERXÍA!
Péscase no inverno en augas frías e profundas, e no verán preto da costa.
Se a preparas en albóndegas, ao forno ou en barriñas, vas chupar os dedos!
8
-Non podo crer que non lles guste! Pero se o peixe está riquísimo! –exclamou Sardiña.
-É estupendo para medrar! Non hai máis que vernos! –contestoulle Rodaballo.
-Iso está claro. Pero é verdade que a algúns nenos e nenas lles custa un pouco descubrir o seu bo sabor. É como montar en bicicleta; ata que aprendes paréceche moi difícil e, logo, non a soltas –reflexionou Lirio.
9
Coma sempre, foi a Mexillón a quen se lle ocorreu unha idea para resolver o problema do seu amigo, Luís o patrón.
-Xa sei o que imos facer –dixo. Temos que ir aos colexios a axudarlles a que lles guste o peixe.
-Iso sería divertidísimo, pero non esquezan que tamén nós temos clase! –recordoulle Xurelo.
-Non o esquezo. Por iso irán Luís e a nosa amiga a cociñeira Mariña. E levarán unha mensaxe nosa.
-Escríboa eu!, apuntouse rapidamente Troita.
-Vou buscar papel!
Pescada sempre era a máis rápida. Subiu ao seu monopatín e nun intre xa estaba de volta. Esta é a mensaxe que escribiron Os Arroases:
10
Rapazas e rapaces:
Probablemente xa nos coñezades. Se non, ídesnos coñecer moi ben, porque vos imos dar a roncha durante un bo anaco.
A vosa profesora ou profesor xa vos contaría quen somos, e canto nos gusta comer peixe, e como, grazas a iso, temos uns superpoderes moi especiais.
A nosa misión de hoxe é unha das máis importantes de cantas emprendemos.
Imos convencervos de que comades máis peixe.
Por que? Entre outras cousas porque o noso amigo Luís, patrón de pesca, nos contou que a algunhas nenas e nenos non lles gusta demasiado o peixe. E iso é o mesmo que dicir que non lles gusta gozar de novos e riquísimos sabores, que non lles gusta medrar sans e fortes, que non lles gusta ter mellor vista, axilidade, intelixencia, forza, tranquilidade, enerxía e diversión.
Carta dos Arroases aos nenos e nenas
11
O peixe dános todo iso!
Resulta que ademais o peixe, e tamén o marisco, dan traballo a unha enorme cantidade de persoas que cada día se esforzan no mar e nas rías para traeren de alí todo tipo de especies moi importantes para a alimentación de maiores e pequenos. Se non comemos peixe, non só imos en contra da nosa propia saúde, senón que, ademais, os deixamos sen traballo!
Para comprender por que, cada un de nós preparámosvos unha actividade.
A ver que tal resultan! Esperamos que moi ben. Xa nos contaredes.
Vémonos na nosa páxina web:
www.osabordaaventuraestanomar.com
12
O mundo da pesca
Actividade 1 - proposta por sardiña
Debate na clase
Tras a lectura da carta dos Arroases, formúlanselles ás clases as seguintes preguntas. A medida que as van respondendo, anímase un debate ao redor das diferentes respostas.
* Gústavos o peixe? A cantos si? A cantos non?
* Credes que o patrón de pesca ten motivos para estar preocupado?
* Por que?
* Que levanten a man os que coman peixe máis de catro veces á semana.
* Os que non a levantaron, por que non comen tanto peixe? É porque non lles gusta? É porque non llelo poñen na casa?
* En canto aos que si o comen máis de catro veces á semana, cal é o peixe que máis lles gusta? Por que?
13
Actividade 2 - proposta por Xurelo
A ruta do peixe
Saben os alumnos cal é o camiño de comercialización que segue o peixe? O profesor ou profesora exponlles a “ruta do peixe” e o alumnado debe debuxala.
* Grupo 1: peixe no mar
* Grupo 2: barco pesqueiro
* Grupo 3: a lonxa
* Grupo 4a: distribuidores almacenistas
* Grupo 4b: distribuidores para a industria alimentaria
* Grupo 5: peixaría ou grandes superficies
* Grupo 6: persoas consumidoras
Cada grupo fará o seu debuxo nunha cartolina, pondo ben visible o nome do paso da ruta. A continuación, o profesor anima un membro do primeiro grupo a colocar o debuxo na parede e explicar o que debuxaron. Despois, irán facendo o mesmo o resto de grupos ata completar a ruta do peixe.
O profesor pode aproveitar para incitar un debate ou investigación sobre o funcionamento da lonxa, a frota pesqueira galega, o prezo do peixe, etc.
14
Coñecemento das especies
Actividade 3 – proposta por Rodaballo
E ti... de que peixe es?
Unha vez máis divídese a clase en 7 grupos, un por cada personaxe dos Arroases. A partir dese momento cada grupo debe estudar o seu peixe ou marisco correspondente a partir dos seguintes parámetros que se poden ver nos carteis da campaña.
* Aspecto do peixe ou marisco * Onde se pesca * Beneficio nutritivo
Deben investigar tamén algunha outra característica que lles pareza curiosa ou interesante.
Por quendas, cada grupo expón as vantaxes do seu peixe e debe defendelo ante as preguntas dos compañeiros doutros grupos.
Finalmente todos votan; ningún grupo pode votarse a si mesmo. Queda así escollido o peixe desa aula, que se pode comparar co elixido noutras aulas do colexio.
15
Actividade 4 – proposta por troita
Nunca menos do seu tamaño
Divídese a clase en grupos de 4-5 participantes. Previamente preparáronse folios ou tarxetas cos debuxos das sete especies protagonistas impresas a diferentes tamaños. Estas follas estarán distribuídas por toda a aula ou polo espazo de xogo (pódese facer nunha pista de deportes, patio, etc.).
Cada grupo debe escoller un obxecto que represente aproximadamente os tamaños mínimos das seguintes especies:
Xurelo: 15 cmPescada: 27 cmSardiña: 11 cm
A continuación, un membro de cada grupo intenta recoller un debuxo de cada especie que cumpra co tamaño mínimo e levalo á súa mesa. Non pode levar consigo o obxecto de referencia. Un representante doutro grupo irá comprobar que, efectivamente, o tamaño é o adecuado.
Finaliza o xogo cando non quedan debuxos das especies de peixe apropiadas.
Despois do xogo establécese un debate arredor dos tamaños mínimos establecidos por lei: cal é o seu obxectivo?, que beneficios ten?, que dificultades presenta para os pescadores?
16
Nutrición
Actividade 5 – proposta por Mexillón
Catro racións á semana!
Na pirámide alimentaria o peixe ocupa un lugar relevante no nivel dos alimentos que se deben consumir “algunhas veces por semana”. Estímase que cada persoa debe tomar catro racións de peixe á semana. Entregaráselle a cada alumno un cadro para anotar a súa dieta ao longo dunha semana escolar:
Luns Martes Mércores Xoves VenresXantarCea
* Comparan as pirámides alimentarias, localizando a situación do peixe e comparándoa coa doutros alimentos.
* No cadro, anotan os alimentos presentes nas principais comidas de cada día. Deben colorear de forma rechamante cando se inclúa peixe.
* A ración recomendada para esta idade é de entre 100 e 120 gramos de peixe limpo (dependendo da constitución física, a actividade...). Con axuda dunha balanza de cociña, deben localizar obxectos que teñan un peso equivalente para poder comparar.
17
Actividade 6 – proposta por Pescada
Campaña de publicidade na casa
Hai que comer máis peixe! Pero non só iso. Ademais, hailles que axudar aos Arroases a convencer a todo o mundo.
Divídese a clase en grupos. Cada un deles debe pensar unha campaña de publicidade en forma de cartel para convencer as súas familias e amigos, así como o resto do centro escolar, dos moitos beneficios de comer peixe.
En cada cartel debe haber, polo menos:
* Unha frase - lema que anime ao consumo de peixe * Un debuxo alusivo * Unha lista de tres razóns polas que convén comer peixe * Os nomes dos autores da campaña
Logo, estes carteis pódense fotocopiar para que cada participante leve un para a súa casa e o pegue na porta do frigorífico, por exemplo.
18
Receitas con peixe
Os nenos e nenas da clase teñen o encargo de lles preguntar ás súas familias por unha receita doada na que o peixe ocupe un lugar destacado como ingrediente.
En cada receita deben apuntar:
* Utensilios necesarios * Ingredientes * Cantidades * Instrucións de elaboración
Logo, reúnense todas as receitas, gárdanse nunha bolsa e cada nena ou neno vai sacando unha, que levan á súa casa para que, se lles apetece, as cociñen e coman en familia.
Actividade 7 – proposta por Lirio
19
Cuestionario para a clase
O profesor ou profesora poderá reunir o alumnado e responder individualmente ou en grupo este breve cuestionario, que servirá para reforzar os conceptos fundamentais, sobre todo de actitudes dos nenos e nenas.
Agora xa sabes algo máis sobre o importante que é unha alimentación sa e que inclúa o peixe, peixe de Galicia.
Por se nos queda algunha dúbida, responde...
* Cres agora, máis que antes, que o peixe é fundamental na túa dieta?
* Estás disposto a modificar os teus hábitos alimentarios para obter os beneficios que o peixe che achega?
* Saberías dicir tres especies de peixes de mar de Galicia básicos na túa alimentación?
* Que beneficios pode ter para ti comer máis peixe?
* Aprendiches algo novo sobre o peixe na dieta que lles poidas contar aos teus pais ou irmáns?