-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 1
UNIDADE 5: IMPERIALISMO, GUERRA E REVOLUCIÓN
RESUMOS DOS CONTIDOS
1. A PAZ ARMADA
A Paz Armada é o período histórico que transcorre entre a fin da Guerra Franco-Prusiana e do proceso da
unificación alemá (1871), que remata coa proclamación do Segundo Imperio Alemán ou II Reich, e o comezo da
Primeira Guerra Mundial (1914).
Esta etapa caracterízase por dous trazos fundamentais: 1) unha evolución das relacións internacionais marcada
polas crecentes tensións entre as grandes potencias, unha rivalidade que desembocará na configuración das dúas
alianzas ríxidas ou bloques de países que se enfrontarán na Primeira Guerra Mundial; e 2) o desenvolvemento dunha
carreira de armamentos entre as grandes potencias, isto é , unha continua competición por adoptar e desenvolver
uns arsenais e unhas forzas armadas superiores para garantir a hexemonía e o predominio sobre as potencias rivais.
2. OS SISTEMAS BISMARCKIANOS
Os sistemas bismarckianos defínense como o conxunto de acordos e convenios diplomáticos artellados por Otto
von Bismarck entre 1871 e 1890 que reorganizaron o equilibrio de poder entre as potencias europeas arredor de
Alemaña.
Os termos da paz asinada con Francia en 1871, logo da conclusión da Guerra Franco-Prusiana, motivaron que
Bismarck tecese ata tres sistemas ou redes de alianzas e acordos diferentes con outras potencias europeas, cuxas
características e obxectivos comúns foron os seguintes:
▪ Primeiro, manter o illamento internacional de Francia, é dicir, privala de aliados como unha medida
disuasoria.
▪ Segundo, acougar o revanchismo francés pola perda de Alsacia e Lorena.
▪ Terceiro, deseñar unha política exterior encamiñada á consolidación da hexemonía alemá, presentando o II
Reich como unha potencia satisfeita que desexa manter o status quo e exercer unha diplomacia prudente e
moderada.
Os tres sistemas bismarckianos pódense resumir nos seguintes gráficos:
O primeiro sistema bismarckiano (1871-1878; arriba, esquerda); o segundo sistema (1879-1886; arriba, dereita); e o terceiro sistema (1887-1890; abaixo).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 2
Tendo presentes os tres gráficos anteriores, os tres sistemas bismarckianos pódense resumir da seguinte
maneira:
▪ O primeiro sistema bismarckiano (1871-1878) consistiu na Liga ou Entente dos Tres Emperadores (1873)
entre Alemaña, Austria-Hungría e Rusia.
▪ O segundo sistema bismarckiano (1879-1887) tivo como base a alianza entre Alemaña e Austria-Hungría
(Pacto da Dúplice, 1879), á que se engadiron outras: renovouse a Liga dos Tres Emperadores en 1881 (sobre
a base da neutralidade nos Balcáns) e formouse a Triple Alianza en 1882 entre Alemaña, Austria-Hungría e
Italia (apoio mutuo no caso de guerra contra Francia).
▪ O terceiro sistema bismarckiano (1887-1890) baseouse na renovación da Tripla Alianza e no establecemento
dun tratado secreto entre Alemaña e Rusia (Tratado de Reaseguro) no que se prometían neutralidade en caso
de guerra (agás no caso de que un deles atacase a Francia ou a Austria-Hungría). Ademais, os Acordos sobre
o Mediterráneo de Gran Bretaña con Italia (ao que se sumaron Austria-Hungría e España) completaron o
illamento e cerco contra Francia.
A sucesión dos distintos acordos e alianzas que implicaron os distintos sistemas bismarckianos veu motivada por
diferentes problemas e crises, que obrigaron a Bismarck a refacer os sistemas practicamente desde cero. A grandes
trazos, eses problemas foron os seguintes:
▪ O primeiro sistema chegou á súa fin por dous motivos:
➢ Unha crise nas relacións franco-alemás, a chamada “crise da guerra inminente” en 1875. Varias potencias
europeas protestan pola retórica belicosa da prensa alemá, que especula sobre a posibilidade de
emprender un ataque preventivo contra Francia.
➢ Unha crise nos Balcáns desenvolvida entre 1875 e 1878, onde se puxeron de manifesto as discrepancias
dos intereses de Austria-Hungría e Rusia nos conflitos balcánicos, ademais das dificultades para
concilialos.
▪ O segundo sistema xurdiu da necesidade que tiña Bismarck de refacer por completo a súa rede de acordos e
alianzas. Os problemas que motivaron a súa fin foron análogos aos do primeiro sistema:
➢ Novas tensións nas relacións entre Francia e Alemaña, especialmente entre 1885 e 1887. Coa caída do
goberno de Jules Ferry, a política exterior francesa volveulle a outorgar prioridade aos asuntos europeos
(Alsacia e Lorena). Destaca a retórica belicosa do xeneral Boulanger, o novo ministro da Guerra francés,
e o chamado “asunto Schnaebelé”, é dicir, a detención dun comisario de policía francés acusado de
espionaxe por Alemaña.
➢ Unha nova crise balcánica acontecida entre 1885 e 1887, e onde as disputas entre Austria-Hungría e
Rusia por aumentar cadansúas esferas de influencia na rexión volveron a causar unha fenda nas alianzas
de Bismarck (desta vez, o contencioso tivo lugar a raíz da elección dun novo príncipe de Bulgaria).
▪ O terceiro sistema chegou á súa fin tralo acceso ao trono alemán de Guillerme II en 1888. O novo emperador
tiña unha visión da política exterior alemá moi diferente á liña defendida por Bismarck. As discrepancias entre
o soberano e o chanceler foron en aumento, e Bismarck decidiu dimitir en marzo de 1890. O novo chanceler,
Leo von Caprivi, deu entón un xiro radical á política exterior alemá, poñendo fin á estabilidade garantida
polos sistemas bismarckianos.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 3
En conclusión, os sistemas bismarckianos fracasaron polos seguintes motivos: 1) a crecente complexidade da
rede de acordos e alianzas forxada por Bismarck, xa que cada sistema foi incluíndo a un maior número de actores
ligados por acordos e compromisos moi difíciles de conciliar en caso de crise ou conflito; e 2) o exercicio dunha
diplomacia secreta, pois o único actor que coñecía a existencia de tódolos pactos e acordos era Alemaña.
3. A CUESTIÓN DE ORIENTE
Por Cuestión de Oriente enténdese todo o conxunto de conflitos ou disputas diplomáticas entre as grandes
potencias europeas como consecuencia do paulatino proceso de crise e decadencia do Imperio Otomán,
especialmente desde o século XIX. Desde o último terzo do século XVIII o Imperio Otomán entrou nun período de
progresiva erosión da súa autoridade en múltiples territorios, especialmente nos Balcáns, experimentando as súas
fronteiras importantes retrocesos.
As sucesivas crises internas foron aproveitadas por distintas potencias europeas para mellorar cadansúas esferas
de influencia sobre o Imperio Otomán. Así, a Cuestión de Oriente foi cobrando unha relevancia diplomática e
internacional moi notábel, xa que as intervencións das potencias europeas para exercer como mediadores neses
conflitos internos estiveron marcadas polo choque de intereses e políticas opostas.
O Imperio Otomán durante o século XIX.
Durante a primeira metade do século XIX, produciuse unha serie de precedentes ou casos pioneiros que
anticiparon as devanditas tendencias (debilidade do Imperio Otomán e intervención das potencias europeas nos
seus conflitos internos). Eses antecedentes da Cuestión de Oriente son os seguintes:
▪ Existencia de certos territorios que, a pesar de ficar dentro das fronteiras do Imperio Otomán e seren Estados
tributarios ou vasalos, gozaban de certa marxe de autonomía: os principados de Montenegro, Moldavia,
Valaquia e, logo dunha serie de revoltas, Serbia.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 4
▪ A independencia grega (1820-1833).
▪ O problema exipcio (1831-1840).
▪ A Guerra de Crimea (1853-1856).
Logo de dar un pequeno salto no tempo, situámonos en 1875, un ano chave na historia dos Balcáns e da Cuestión
de Oriente. O dominio otomán nesta rexión atopábase cada vez máis erosionado, xa que os pobos eslavos aínda
sometidos ao poder turco desexaban imitar o modelo de Estados xa independizados (o caso grego) ou que gozaban
dun amplo réxime de autonomía (Serbia, Montenegro e Romanía).
Entre 1875 e 1876 producíronse unha serie de revoltas nos territorios de Bosnia-Hercegovina e Bulgaria, que o
Imperio Otomán reprimiu con moita dureza. Serbia e Montenegro declaráronlle a guerra, e ante o curso dos
acontecementos, Rusia desexa intervir para apoiar aos rebeldes, pero non pode facelo sen conciliar os seus intereses
na rexión dos Balcáns cos de Austria-Hungría e Gran Bretaña. Tras o fracaso dunha conferencia e embaixadores
celebrada en Constantinopla, que tiña como obxectivo forzar ao sultán turco a adoptar unha serie de reformas
políticas para garantir os dereitos das minorías cristiás, Rusia decláralle a guerra ao Imperio Otomán en abril de
1877 (logo de comprometerse a non impoñer unhas condicións de paz de maneira unilateral). Pero en 1878, logo
da súa vitoria, Rusia violou o seu compromiso (contraído con Austria-Hungría e Gran Bretaña) e asinou con Turquía
o Tratado de San Stefano, que modificou substancialmente as fronteiras nos Balcáns, alterando por completo o
equilibrio de poderes na rexión a favor dos intereses rusos. Austria-Hungría e Gran Bretaña denuncian este tratado
e esixen a súa revisión nun congreso internacional, que se celebra en Berlín. De estas negociacións sae, tamén en
1878, o Tratado de Berlín, que mudou de maneira considerábel o disposto en San Stefano.
As modificacións territoriais do Tratado de San Stefano (esquerda) e do Tratado de Berlín (dereita), ámbolos dous de 1878.
Despois do amaño internacional de 1878, a cuestión balcánica seguiu sendo unha causa permanente de
dificultades entre Austria-Hungría e Rusia, xa que as dúas potencias continuaron os seus esforzos, con éxito
desigual, para estender a súa influencia sobre a rexión. Unha das ferramentas de presión que tiña Rusia á súa
disposición era o principado de Bulgaria, que a pesar de ser formalmente independente atopábase en gran medida
vencellado á influencia e aos intereses rusos.
Bos exemplos desta rivalidade constitúenos os intentos de Austria-Hungría de achegarse a Serbia mediante un
tratado segredo en 1881 e a Romanía a través dunha alianza defensiva concluída en 1883. Ademais, entre 1885 e
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 5
1887 desenvolveuse outra crise de maior magnitude: os intentos de Alexandre de Battenberg, príncipe de Bulgaria,
de emanciparse da tutela rusa, provocaron un golpe de Estado promovido por Rusia. A elección dun novo príncipe
suscitou entón un enfrontamento de intereses entre Rusia, que procuraba un candidato máis dócil e receptivo á súa
influencia, e Austria-Hungría. Triunfou o candidato favorecido por esta, Fernando de Saxonia-Coburgo,
A proliferación das crises e outros episodios de tensión nos Balcáns cara finais do século XIX tamén vén marcada
polo aumento constante do nacionalismo, ben exemplificado pola revolta de Creta en 1897 e a ruptura das boas
relacións entre Serbia e Austria-Hungría co ascenso ao trono serbio de Pedro I en 1903, quen adoptou unha política
nacionalista e paneslavista.
En 1908, aproveitando unha revolución dun sector de intelectuais e de oficias do exército turco, Austria-Hungría
procedeu a anexionar Bosnia-Hercegovina, unha rexión baixo soberanía otomá, pero administrada e ocupada por
Austria desde 1878.
Finalmente, o precedente máis inmediato da Primeira Guerra Mundial que podemos atopar nos Balcáns foron
as Guerras Balcánicas de 1912-1913, dous conflitos que supuxeron a expulsión case total do Imperio Otomán do
territorio europeo. A súa causa máis directa foi a debilidade de Turquía logo da derrota sufrida fronte a Italia nunha
guerra desenvolvida entre 1911 e 1912, e que rematou coa conquista italiana de Libia.
Serbia, Montenegro, Grecia e Bulgaria forman a Liga Balcánica e decláranlle a guerra de maneira simultánea ao
Imperio Otomán, que se ve obrigado a ceder numerosos territorios en 1913. Porén, Bulgaria quedara moi
descontenta co reparto e o novo trazado de fronteiras, polo que decide declararlle a guerra aos seus antigos aliados.
Aproveitando está situación, o Imperio Otomán ataca a Bulgaria para recuperar algúns territorios e Romanía, que
non intervira no primeiro conflito, tamén se une. A Segunda Guerra Balcánica remata en 1913 cun novo reparto
territorial do que Bulgaria sae máis prexudicada.
A situación nos Balcáns en 1912 (dereita); a situación trala Primeira Guerra Balcánica de 1912-1913 e o Tratado de Londres (centro); e a situación trala Segunda Guerra Balcánica de 1913 e o Tratado de Bucarest (dereita).
4. IMPERIALISMO E COLONIALISMO
Imperialismo e colonialismo son dous conceptos relacionados, pero non equivalentes.
O imperialismo defínese como a política ou tendencia dun Estado de estender o seu control sobre outros Estados,
territorios ou nacións. Hai moitas maneiras de exercer o imperialismo, formais ou informais, directas ou indirectas.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 6
Pola súa parte, o colonialismo é unha desas formas posíbeis de exercer o imperialismo, e un produto do mesmo.
Consiste no control formal que un Estado forte (a metrópole) exerce sobre outro máis débil (a colonia), cuxos
recursos son explotados.
Ámbolos dous conceptos implican unha relación de dependencia desde a colonia cara a metrópole.
As novas formas de colonización practicadas desde as décadas de 1870 e 1880 presentan as seguintes
características:
▪ A asunción directa da administración das colonias polos Estados europeos.
▪ Un gran impulso do proceso colonizador nun lapso relativamente curto de tempo, posibilitado polos avances
tecnolóxicos (na industria, os transportes, a navegación, o armamento...).
▪ Unha vocación expansionista de carácter global.
▪ A aparición de novos competidores coloniais (Bélxica, Alemaña, Italia...) e o xurdimento de rivalidades
diplomáticas e enfrontamentos entre as potencias.
Este auxe do imperialismo desde o último terzo do século XIX explícase con base a varios factores:
▪ Económicos: a Segunda Revolución Industrial supuxo un aumento espectacular da produción e do
crecemento económico, ata o punto de que a oferta de moitos bens superaba á súa demanda. Desta crise de
sobreprodución derivou a necesidade de buscar novos mercados aos que exportar o exceso de mercadorías
(manufacturas) e de capitais (investimentos) e dos que importar materias primas para as industrias e
alimentos para a poboación.
▪ Demográficos: o crecemento da poboación europea durante o século XIX superou ás capacidades da industria
e dos sectores económicos punteiros de xerar suficientes postos de traballo, polo que a emigración
transoceánica converteuse nunha válvula de escape para o exceso de poboación (entre 40 e 50 millóns de
europeos emigraron entre o século XIX e comezos do XX) e como un medio para atallar as tensións sociais
na metrópole.
▪ Políticos, ideolóxicos e morais: nesta categoría inclúense aspectos como os seguintes:
➢ A crenza de que a posesión de colonias era un indicador do prestixio e da grandeza dunha potencia.
➢ A colonización como un instrumento de exaltación nacionalista e patriótica na metrópole.
➢ As ideas do deber evanxelizador (extensión da relixión cristiá) e do labor civilizador, é dicir, a presunta
obriga moral que tiñan os países europeos (desenvolvidos) de levar os avances da súa civilización aos
pobos máis atrasados e por iso considerados inferiores ou incivilizados (esta idea apoiábase en numerosas
consideracións e prexuízos de corte racista).
▪ Estratéxicos: a necesidade de controlar certos territorios chave pola súa posición xeográfica privilexiada, xa
que permitían o control ou dominio de rutas marítimas e comerciais de gran importancia (polo tránsito de
buques mercantes e o volume de mercadorías).
Como consecuencia das tensións derivadas da “carreira” pola colonización (especialmente en África e arredor da
desembocadura do río Congo), Francia e Alemaña acordaron convocar un encontro diplomático internacional, a
Conferencia de Berlín (1884-1885) co obxectivo de chegar a un acordo xeral sobre a situación no Congo e os criterios
que debían rexer a colonización de novos territorios.
Á Conferencia de Berlín asistiron representantes de 14 Estados europeos, pero ningún delegado dos pobos
africanos. Os acordos aos que se chegou foron os seguintes:
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 7
▪ A liberdade de comercio e navegación nos ríos Congo e Níxer.
▪ A prohibición da escravitude e do tráfico de escravos.
▪ O recoñecemento do Estado Libre do Congo como unha posesión privada do rei Leopoldo II de Bélxica.
▪ O principio da “ocupación efectiva” como criterio de colonización e anexión de novos territorios. Para asumir
o control dun territorio, unha potencia debía establecer nel os mecanismos propios do exercicio da soberanía
(é dicir, un goberno e unha administración) e notificar ao resto das potencias.
África entre 1800 e 1880 (esquerda) e entre 1880 e 1914, logo da aceleración das disputas coloniais (dereita).
Os distintos imperios coloniais establecidos polas potencias europeas foron, a grandes trazos, os seguintes:
▪ Gran Bretaña: o seu foi o maior imperio, chegando a abranguer 33 millóns de km2 e ata a cuarta parte da
poboación mundial en 1914.
➢ A India foi a súa posesión máis importante, pola súa extensión, a amplitude do seu mercado e a riqueza
en materias primas. Comprendeu os territorios do Indostán, Beluchistán, Cachemira, Punxab ou
Birmania.
➢ Controlou distintos puntos estratéxicos das rutas marítimas mundiais: Xibraltar, Suez, Singapura...
➢ En África, as súas posesións concentráronse na metade oriental do continente, xa que tratou de unir
Exipto coa colonia d’O Cabo.
➢ Estableceu dominios (colonias de poboamento) en amplas rexións con escasa poboación indíxena, que
logo acadarían importantes marxes de autonomía e institucións propias: Canadá, Austrialia, Nova
Celandia e a Unión Sudafricana.
▪ Francia:
➢ Na África mediterránea conquistou Alxeria (gran colonia de poboamento), Túnez e, máis tarde, parte de
Marrocos.
➢ No Extremo Oriente foi consolidando a súa presencia na rexión de Indochina (actuais Laos, Vietnam e
Cambodia).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 8
➢ No resto de África, controlou diversos enclaves estratéxicos (a Somalia francesa, actual Xibuti,
Magadascar, Senegal, o Congo francés) e boa parte do interior e o control do continente.
▪ Alemaña: nun principio, Bismarck amosou o seu desinterese e reticencias á colonización, xa que a
consideraba unha fonte de conflitos con outras potencias (algo contrario á súa diplomacia) e de gastos
administrativos innecesarios. Só defendía as iniciativas privadas de carácter comercial. Porén, desde 1888,
Guillerme II decidiu impulsar os intereses coloniais alemáns:
➢ África: Togo, Camerún, África do sudoeste (actual Namibia) e África oriental alemá.
➢ Illas do Pacífico: Nova Guinea, Salomón, Samoa, Palau, Micronesia...
➢ Intereses comerciais en China.
▪ Bélxica: Leopoldo II fundou a Asociación Internacional Africana en 1876 e contratou a exploradores para
colonizar o Congo, que lle foi adxudicado na Conferencia de Berlín a título privado e persoal. As barbaridades
cometidas na súa explotación e a presión internacional obrigárono a ceder o territorio ao Estado belga en
1908.
▪ Italia: centrou o seu desenvolvemento no norte de África, ocupando os escasos territorios aínda dispoñíbeis
entre as posesións francesas e británicas (Libia), e no corno de África (Eritrea e Somalia). Fracasou no intento
de conquistar Abisinia (Etiopía) ata 1935-1936.
▪ Holanda, Portugal e España, as potencias coloniais máis antigas, trataron de manter cadansúas posesións:
➢ Holanda: Indonesia e algunhas illas do Caribe.
➢ Portugal: varias posesións en África (Angola, Mozambique, Cabo Verde e Guinea), na India (Goa) e en
China (Macau), ademais de Timor Oriental.
➢ España: Cuba, Porto Rico, Filipinas, Guam, Guinea e o Sáhara.
En 1914, os únicos territorios aínda independentes en África eran Abisinia (Etiopía) e Liberia. Ademais dos
imperios coloniais europeos, cómpre falar do imperialismo practicado por outras potencias:
▪ Rusia: no relativo á Cuestión de Oriente, xa se viu que o seu interese fundamental foi controlar a saída ao
Mediterráneo a través dos estreitos do Bósforo e dos Dardanelos. Ademais disto, a súa política exterior
perseguiu outras metas:
➢ Expansión cara Siberia e Asia Central (Turquestán).
➢ Creación de novos portos no Pacífico, como Vladvostok, e proxección cara Manchuria e a cunca do río
Amur.
➢ Contrarrestar a influencia británica en Asia Central (control de Afganistán, Persia..., unha rivalidade
coñecida como “o Gran Xogo”) e os intereses xaponeses en Manchuria e Corea (que desembocou nunha
guerra en 1904-1905).
▪ Xapón: logo da Revolución Meixi e do acelerado proceso de industrialización e occidentalización, Xapón
lanzouse á expansión territorial no Extremo Oriente na procura de recursos para o seu crecemento industrial
e económico.
➢ Incorporación dos arquipélagos das illas Curiles (1875), Riu-Kiu e Bonin (1876-1879).
➢ Guerra contra China (1894-1895): anexión da illa de Formosa (Taiwán), illas de Pescadores e a península
de Liaotung (coa base naval de Port Arthur, logo cedida a Rusia).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 9
➢ Guerra Ruso-Xaponesa (1904-1905): cesión rusa da metade sur da illa de Sakhalin, Port Arthur e os
dereitos de explotación mineira e do ferrocarril de Manchuria, ademais da influencia sobre a península de
Corea (anexada en 1910).
➢ Anexión das colonias alemás do Pacífico logo da Primeira Guerra Mundial.
A Guerra Ruso-Xaponesa (1904-1905).
▪ Estados Unidos: ao longo do século XIX, Estados Unidos foi crecendo e expandíndose a partir das Trece
Colonias orixinais mediante unha serie de adquisicións (a Florida española, a Luisiana francesa ou a Alaska
rusa), intercambios territoriais con Gran Bretaña (Oregón) e dúas guerras contra México. Esta expansión,
que culminou co dominio da costa do Pacífico, recibe o nome de “fin da fronteira”, e apoiouse nunha serie de
xustificacións doutrinais e cultuais: a Doutrina Monroe (1823), un discurso do presidente James Monroe no
que rexeitaba as inxerencias colonias das potencias europeas en América; e a idea do “Destino Manifesto”,
unha crenza cultural popularizada por varios xornalistas que defendían a extensión do modelo político e
cultural estadounidense. Culminada a “fin da fronteira”, a expansión norteamericana cara o exterior
evolucionou da seguinte maneira:
➢ Anexión de Hawai en 1898 (presencia desde 1859).
➢ Guerra contra España en 1898: anexión, polo Tratado de París, de Cuba, Porto Rico, Filipinas e Guam,
logo de aproveitarse da axitación independentista en Cuba.
➢ Proxección sobre o Caribe e Centroamérica durante a presidencia de Theodore Roosevelt (1901-1909):
• Diplomacia do “gran garrote” (big stick): dereito de intervención nos asuntos internos dos países
latinoamericanos se os dereitos dos cidadáns ou os intereses económicos das empresas
estadounidenses se visen ameazados.
• Independencia de Cuba (1903): Estados Unidos reservouse a base naval de Guantánamo e o dereito
de supervisión da mesma e varios aspectos da política cubana (introdución da Emenda Platt como
anexo á Constitución cubana).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 10
• Apoio da separación de Panamá de Colombia (1903) a cambio do arrendamento da zona do canal,
construído en 1914 (Tratado de Hay-Bunau Varilla).
• Intervencións militares en defensa dos intereses económicos norteamericanos (coñecidas como
Banana Wars, literalmente “guerras bananeiras”): Santo Domingo (1905), Cuba (1906, 1912),
Nicaragua (1909, 1912), Honduras (1910), Panamá (1912) e Haití (1915), entre outras.
• Adquisición das illas Virxes a Dinamarca (1917).
➢ O imperialismo estadounidense combinou métodos de control formal (anexións territoriais en puntos que
permitían o control estratéxico das rutas marítimas) con métodos informais (imperialismo económico e
financeiro).
A expansión territorial de Estados Unidos.
No relativo á administración dos imperios coloniais, cada potencia estableceu as súas propias estruturas
políticas, pero tomadas no seu conxunto pódense dividir nas seguintes categorías:
▪ Colonias: goberno e administración exercidos directamente pola metrópole.
▪ Colonias de poboamento: territorios habitados por unha numerosa (pero minoritaria) poboación branca
procedente da metrópole que se encargaba da administración, e cun status xurídico igual ou equiparábel ao
da metrópole. Este tipo de colonias foi denominado “dominio” no imperio británico e “territorio
metropolitano” no imperio francés.
▪ Protectorados: neles mantíñase un goberno autóctono (xeralmente preexistente) exercido por nativos que
cedía competencias á potencia colonial en materia de defensa, política exterior ou orde pública.
▪ Mandatos: a última modalidade en aparecer. Foron creados en 1919 pola Sociedade de Nacións para asignar
a unha potencia colonial a tutela das antigas colonias alemás en África e Oceanía. Esa tutela debía consistir
nunha preparación dos territorios para convertérense en Estados independentes. Logo da Segunda Guerra
Mundial e da substitución da Sociedade de Nacións pola ONU, os mandatos pasaron a denominarse
fideicomisos e incluíron tamén as antigas colonias italianas.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 11
A organización colonial de África en 1930, cos distintos tipos de administración colonial.
Finalmente, cómpre enumerar as distintas consecuencias que tivo o auxe do imperialismo:
▪ Para a metrópole:
➢ Económicas: produciuse un aumento dos custos administrativos derivados da extensión dos imperios
coloniais, pero estes tamén se converteron en novos mercados e nunha fonte de materias primas. Porén,
o volume do comercio exterior de cada potencia coas súas posesións coloniais non aumentou de maneira
significativa ata o crack do 29.
➢ Demográficas: as colonias representaron unha válvula de escape para a presión demográfica e as tensións
sociopolíticas na metrópole.
➢ Políticas: a carreira colonial tamén constituíu un novo foco de tensións internacionais pola rivalidade
derivada do control de certos territorios e o choque de intereses entre varias potencias, pero tamén
suscitou tensións domésticas coa aparición de partidos e correntes na opinión pública contrarias á
colonización.
▪ Para as colonias:
➢ Experimentaron grandes transformacións na súa estrutura económica e no sistema produtivo, orientado
á produción de bens de consumo e materias primas para a metrópole.
➢ No eido demográfico e social houbo que lamentar episodios de trata de escravos, a explotación (ás veces
brutal) da man de obra nativa, a aparición de novas enfermidades ou a ruptura das estruturas tribais e
familiares tradicionais, pero tamén cómpre destacar unha recuperación no crecemento da poboación
nativa logo da introdución dos avances médicos e sanitarios occidentais.
➢ Finalmente, no ámbito cultural produciuse un proceso de substitución masiva das culturas tradicionais
polos elementos da “civilización europea” a través da imposición de novas linguas, costumes, relixión ou
a extensión dun sistema educativo básico como vehículo de transmisión da cultura occidental.
5. A FIN DA DIPLOMACIA BISMARCKIANA E O CAMIÑO CARA A GUERRA
A diplomacia bismarckiana, xunto coas tensións derivadas da Cuestión de Oriente e da competición colonial son
os tres grandes procesos históricos que transcorren durante a Paz Armada (1871-1914) e contribuíron á
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 12
configuración das rivalidades diplomáticas e dos bloques de alianzas que se enfontraron na Primeira Guerra
Mundial.
Como xa se explicou, a dimisión forzada de Bismarck en 1890 polas discrepancias co emperador Guillerme II
provocou un xiro radical na política exterior alemá. Guillerme II consideraba os sistemas bismarckianos unha
estrutura diplomática excesivamente ríxida, que impedía a Alemaña manobrar con liberdade nas relacións
internacionais. O káiser estaba satisfeito coa estabilidade e a posición alemá, e desexaba perseguir obxectivos máis
ambiciosos na súa política exterior, convertendo a Alemaña nunha superpotencia mundial. Así, Guillerme II e o se
novo chanceler, Leo von Caprivi, toman un conxunto de decisións cruciais:
▪ Abandónase a cooperación con Rusia, non renovando o Tratado de Reaseguro en 1890.
▪ Intentarase aumentar o peso internacional de Alemaña, converténdoa nun árbitro da diplomacia mundial
(Weltpolitik).
▪ Participarase no proceso colonizador e na carreira de armamentos naval, tentando desenvolver unha
poderosa mariña de guerra.
A consecuencia máis inmediata destas decisións foi a sinatura dunha alianza entre Francia e Rusia en 1892, o
que supuxo a fin do illamento diplomático francés. Mediante este convenio, Francia comprometeuse a apoiar os
intereses rusos nos Balcáns e a contribuír con importantes investimentos de capital ao desenvolvemento das
industrias e infraestruturas rusas. Ademais, estableceuse un acordo militar polo que ámbalas dúas partes irían
xuntas á guerra no caso dunha agresión alemá contra calquera delas.
Xa a comezos do século XX, os bloques de alianzas foron mudando da seguinte maneira:
▪ Conclusión dunha alianza anglo-xaponesa (1902) fronte ás aspiracións rusas en Asia.
▪ Formación da Entente Cordiale (1904) entre Francia e Gran Bretaña, un acordo polo que puxeron fin ás súas
disputas coloniais (Francia recoñecía os intereses británicos en Exipto a cambio do respecto ás súas
pretensións sobre Marrocos) e que sentou as bases dunha colaboración máis duradeira e conxunta fronte ás
ambicións coloniais alemás.
▪ Formación da Tripla Entente (1907) entre Francia, Gran Bretaña e Rusia a partir dun acordo anglo-ruso que
puxo fin ás súas rivalidades en Asia Central e estableceu o respecto das súas respectivas esferas de influencia.
Neste contexto, o único aliado fiábel de Alemaña era Austria-Hungría. A sucesión de crises diplomáticas nestes
anos puxo de manifesto a consolidación das alianzas e o carácter inminente dunha guerra xeral:
▪ As crises de Marrocos:
➢ Primeira crise (1904-1906): orixinada pola pretensión francesa de establecer un protectorado en
Marrocos. Francia chegou a un acordo con Gran Bretaña (a Entente Cordiale) e con España , pero
Alemaña protestou e Guillerme II decidiu visitar Tánxer en 1905 para declarar o seu apoio á
independencia dos gobernantes locais. Na Conferencia de Alxeciras (1906) Francia e España acordaron
repartirse Marrocos en dous protectorados e garantir o libre comercio a tódalas potencias no territorio
marroquí, o que acougou as tensións con Alemaña.
➢ Segunda crise (1911): comezou a partir das acusacións alemás de que Francia violara os acordos asinados
en Alxeciras. Alemaña esixiu novas compensacións e enviou o acoirazado Panther ao porto de Agadir
como medida de presión. Finalmente, Alemaña accedeu a respectar a liberdade de acción francesa en
Marrocos a cambio dunha pequena expansión territorial en Camerún (en detrimento do Congo francés).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 13
▪ As crises balcánicas acontecidas a comezos do século XX, xa explicadas no apartado 3, volveron a xogar un
papel fundamental. As crecentes tensións nacionalistas entre os Estados balcánicos, a anexión de Bosnia por
Austria-Hungría (1908), o achegamento ruso a Serbia e as Guerras Balcánicas de 1912-1913 puxeron de
manifesto a sensibilidade da rexión.
▪ Finalmente, cómpre ter en conta un factor moi presente na mentalidade colectiva dos militares e diplomáticos
europeos da época, que moitos historiadores denominaron como “o culto á ofensiva”. Trátase da extensión
da crenza de que, en caso de guerra entre as potencias, un ataque masivo e preventivo era a mellor maneira
de garantir a vitoria, e que calquera manobra por parte dunha potencia rival debía ser interpretada como unha
ameaza. Esta mentalidade impregnou os plans militares e estratéxicos das potencias europeas:
➢ Alemaña aprobou o Plan Schlieffen en 1905, que partía de recoñecer a vulnerabilidade da posición
xeoestratéxica alemá, situada entre dúas potencias hostís (Francia e Rusia). Dada a imposibilidade de
librar unha guerra simultánea en dúas frontes, o Plan Schlieffen contaba con que a mobilización do
exército ruso fose máis lenta (debido á menor extensión e desenvolvemento das súas infraestruturas), polo
que o exército alemán emprendería un ataque rápido e envolvente cara o oeste (atravesando a neutral
Bélxica, debido á densidade da rede de fortificacións francesa) para derrotar a Francia e logo concentrarse
por completo en Rusia no leste.
➢ Francia contaba co Plan XVII, que prevía unha forte ofensiva en Alsacia e Lorena para conter o exército
alemán, prevendo a neutralidade belga e a simultaneidade dunha ofensiva rusa no leste.
Con todo o anterior, só se precisaba o estalido dunha crise máis que provocase a mobilización dos bloques de
alianzas e desencadease unha guerra total. A ocasión chegou un 28 de xuño de 1914 en Saraxevo, Bosnia.
Os bloques de alianzas en 1914.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 14
6. A PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL
O feito detonante da Primeira Guerra Mundial foi o asasinato do arquiduque Francisco Fernando, herdeiro á
coroa austrohúngara, e da súa muller en Saraxevo (Bosnia) o 28 de xuño de 1914. O magnicidio foi perpetrado por
Gavrilo Princip, un militante nacionalista serbo-bosnio que contara co apoio de varias organizacións con
ramificacións en Serbia, como a sociedade secreta Narodna Odbrana (“Unificación ou Morte”, tamén coñecida
como Man Negra).
O goberno austrohúngaro, co apoio alemán, reaccionou enviando un ultimato a Serbia o 23 de xullo, cuxas
condicións eran imposíbeis de cumprir. En realidade, Austria-Hungría desexaba obter un pretexto para castigar
militarmente a Serbia, xa que a consideraba a principal instigadora do independentismo e da axitación nacionalista
en Bosnia. O goberno serbio accedeu parcialmente ás reclamacións austrohúngaras, pero, contando co apoio ruso,
negouse a permitir que a policía imperial actuase no seu territorio. A tensión incrementouse e o 28 de xullo Austria-
Hungría declarou a guerra a Serbia. Os diferentes gobernos europeos analizaron a situación, apoiaron os seus aliados
e viron que unha guerra, considerada por eles curta, era posíbel e podía solucionar todos os problemas que os
enfrontaban.
Desta maneira, a aplicación das alianzas existentes fixo que unha nova crise balcánica e unha guerra austro-
serbia pasase a converterse nun conflito xeral europeo:
▪ Austria-Hungría precisaba esmagar a Serbia para frear os movementos nacionalistas disgregadores no seu
imperio.
▪ Rusia non podía consentir a destrución de Serbia, porque iso implicaría o predominio absoluto de Austria-
Hungría nos Balcáns.
▪ Alemaña e Francia entenderon que as súas respectivas alianzas con Austria-Hungría e Rusia eran vitais para
a súa existencia e para derrotar ao seu rival.
▪ Gran Bretaña non podía permitir a hexemonía alemá.
Tras sucesivas mobilizacións de tropas, declaracións e ultimatos, Alemaña declarou a guerra a Francia o 1 de
agosto. Comezaba a Gran Guerra enfrontándose os Imperios Centrais (Alemaña e Austria-Hungría) contra os
Aliados (Francia, Gran Bretaña, Rusia e Serbia) aos que se irían sumando máis países e rematar nun conflito
mundial.
A aplicación teórica do Plan Schlieffen alemán (frechas vermellas) e do Plan XVII francés (frechas azuis).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 15
A Primeira Guerra Mundial durou catro anos e se divide nas seguintes fases:
▪ Guerra de movementos (1914):
➢ Fronte occidental: as tropas alemás ao mando de Moltke aplicaron o Plan Schlieffen, invadindo Bélxica
para envolver aos exércitos franceses e chegando ás portas de París. Os franceses, dirixidos por Joffre,
detiveron aos alemáns na contraofensiva do Marne. O exército alemán decidiu entón avanzar cara o mar
para ocupar os portos da costa e cortar as comunicacións entre Francia e Gran Bretaña, pero foron detidos
en Ypres.
➢ Fronte oriental: os alemáns contiveron o avance ruso en Prusia Oriental, nas batallas de Tannenberg e os
Lagos Masurianos, pero os austrohúngaros foron derrotados en Lemberg e tiveron que retirarse de
Galitzia. A pesar das graves perdas, os rusos contribuíron a que os franceses puidesen resistir en occidente.
Nos Balcáns, tropas austroalemás ocuparon Serbia.
▪ Guerra de posicións (1915-1916):
➢ Fronte occidental: a imposibilidade de avanzar fixo que ambos bandos construísen trincheiras e
fortificacións para manterse no terreo. Os distintos intentos de romper as frontes (ofensiva alemá en
Verdún e ofensiva aliada no Somme) fracasaron. Tamén se ensaiaron novas armas como os gases
asfixiantes. No mar, os alemáns trataron de romper o bloqueo naval inglés na batalla de Xutlandia; ao non
conseguilo, incrementaron a actividade dos seus submarinos no Atlántico. Nos Alpes abriuse unha nova
fronte coa entrada de Italia na guerra (maio de 1915).
➢ Fronte oriental: o fracaso das ofensivas rusas permitiu ás tropas alemás ocupar extensas zonas nas chairas
polaca e lituana. A fronte permaneceu estacionaria na rexión de Galitzia, onde se sucederon as vitorias e
as derrotas de austrohúngaros e rusos. Nos Balcáns, os Imperios Centrais ocuparon Romanía.
▪ A crise de 1917: a falta de éxitos decisivos para rematar a guerra e as enormes perdas en vidas humanas,
provocou unha crise xeral que afectou a tódolos contendentes. No entanto, dous acontecementos ocorridos
nese ano foron decisivos no desenvolvemento das operacións militares:
➢ A entrada de Estados Unidos na guerra a favor dos Aliados. O pretexto para declararlle a guerra a Alemaña
foi o afundimento do mercante Vigilantia en marzo, pero había máis razóns: as ameazas alemás ás
potencias neutrais que levaban mercadorías aos Aliados e o perigo de ataque dos submarinos alemáns; os
intereses da banca norteamericana, como a Morgan, que prestara grandes cantidades a Francia e Gran
Bretaña; ou as promesas alemás a México (telegrama Zimmermann) para recuperar territorios que tivera
que ceder a Estados Unidos. A entrada dos norteamericanos supuxo unha importantísima axuda
financeira e armamentística para os Aliados, aportando ademais grandes cantidades de tropas de refresco.
➢ A retirada da guerra dos rusos trala Revolución bolxevique de outubro. O tratado de paz de Brest-Litovsk
(3-III-1918) puxo fin á guerra xermano-rusa. Por este tratado Rusia recoñecía a independencia de
Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Ucraína e a Polonia rusa, que caeron baixo o dominio alemán, e de
Transcaucasia.
▪ As ofensivas finais de 1918: a desaparición da fronte oriental permitiu aos alemáns concentrar as súas tropas
na fronte occidental e iniciar unha serie de ofensivas que, a pesar do seu éxito inicial, acabaron por fracasar
por falta de reservas para continuar. os Aliados, unificado o mando no xeneral francés Foch, contraatacaron
con éxito en ofensivas simultáneas: Mosa-Argonne, Vittorio Veneto, Macedonia, Palestina. O material e os
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 16
homes achegados polos Estados Unidos e os novos tanques déronlle a superioridade aos Aliados. As derrotas
alemás foron continuas; en agosto, en Montdidier, o seu declive era claro e en setembro Hindenburg e
Ludendorff declararon imposible a resistencia. Paralelamente, Austria-Hungría, Bulgaria e o Imperio turco
afundíanse e pedían a paz. O 9 de novembro estalou en Berlín a revolución que provocou a fuxida de
Guillerme II e a proclamación da república; o día 11 o novo goberno alemán asinaba, no bosque de
Compiègne, o armisticio.
Mapa do desenvolvemento da Primeira Guerra Mundial (1914-1918).
A Primeira Guerra Mundial foi un conflito bélico moi innovador no relativo ás distintas formas de facer a guerra
que apareceron:
▪ En terra: os avances en armamento (canóns, metralladoras...) fixeron inviábeis o desprazamento e avance de
grandes masas de tropas en campo aberto, o que provocou o estancamento das frontes e o desenvolvemento
de todo tipo de defensas (trincheiras, fortificacións etc.). Para rompelas os contendentes empregaron diversos
medios:
➢ Bombardeos de saturación con artillaría, seguidos por asaltos masivos de infantaría.
➢ Armas químicas (gases asfixiantes), aparecidas en 1915.
➢ Tanques, empregados a partir de 1916.
▪ No aire: desenvolveuse a aviación de combate coa misión de recoñecer o terreo e bombardear cidades
inimigas.
▪ No mar: apareceron novas formas de loita para impedir a chegada de abastecementos aos rivais e estrangular
o seu comercio. Gran Bretaña impuxo un bloqueo naval aos Imperios Centrais e Alemaña desenvolveu unha
guerra submarina sen límites.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 17
▪ Na retagarda: os gobernos das potencias belixerantes emprenderon unha mobilización total dos seus recursos
económicos e humanos a través dunha economía de guerra (planificación total da economía, fixación de
prezos, racionamento de alimentos...) e a incorporación masiva das mulleres aos postos de traballo
abandonados polos homes mobilizados para a guerra.
No relativo á organización da paz, durante a guerra xurdiron varias tentativas que pretendían concluír unha paz
xeral. Entre estas propostas destacaron as formuladas pola Internacional Socialista (Manifesto Zimmerwald), polos
bolxeviques (Decreto sobre a Paz), polo Vaticano (Benedito XV) e polos Imperios Centrais, pero todas elas
fracasaron porque non foron aceptadas polos Aliados.
A comezos de 1918, o presidente norteamericano, Thomas Woodrow Wilson, realizou unha proposta de 14
puntos sobre os que artellar a paz durante un discurso pronunciado perante o Congreso norteamericano. Segundo
Wilson, a paz debía apoiarse nos seguintes principios:
▪ Defensa do liberalismo (fomento da democracia e do libre comercio).
▪ Recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos.
▪ Condena da diplomacia secreta.
▪ Creación dun organismo internacional responsábel de velar pola seguridade colectiva.
▪ Devolución de Alsacia e Lorena a Francia e outros axustes territoriais.
Asinados os armisticios polos Imperios Centrais cara finais de 1918, as potencias aliadas vencedoras reuníronse
en París para fixar as condicións da paz. Nas negociacións non interviñeron os vencidos, o que creará futuros
resentimentos. Os tratados de paz foron deseñados polos representantes das potencias vencedoras e responderon a
dous criterios básicos:
▪ As propostas de Wilson: creación dunha Sociedade de Nacións, principio das nacionalidades como fórmula
para trazar as fronteiras e crear novos Estados, a expansión dos réximes democráticos e a redución de
armamentos.
▪ Tratamento de Alemaña como a máxima responsábel da guerra, impoñéndolle fortes sancións.
A paz asinouse por separado con cada unha das potencias derrotadas, o que deu lugar á elaboración de cinco
tratados diferentes:
▪ Tratado de Versalles con Alemaña (28-VI-1919): o primeiro en asinarse e o máis longo. Recolle o estatuto
fundacional da Sociedade de Nacións e as cláusulas impostas a Alemaña, que se poden resumir nas seguintes:
➢ Perdas territoriais: Alsacia e Lorena (devoltas a Francia), Eupen e Malmedy (a Bélxica), norte de
Schleswig (a Dinamarca), Dantzig e Memel (convertidas en cidades libres), o Sarre (administrado por
Francia durante 15 anos) e as colonias (convertidas en mandatos da Sociedade de Nacións). Nos anos
seguintes, as perdas territoriais alemás serán maiores.
➢ Condicións militares: exército limitado aos 100 000 soldados e con importantes reducións no seu
armamento, supresión do servizo militar obrigatorio e ocupación durante 15 anos da zona do Rin, que
queda desmilitarizada nunha franxa de 50 quilómetros.
➢ Condicións económicas: entrega de parte da frota mercante e pago de indemnizacións de guerra aos
vencedores (300 000 millóns de francos).
➢ Asunción da responsabilidade moral de ter causado a guerra.
▪ Tratado de Saint-Germain con Austria (10-IX-1919).
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 18
▪ Tratado de Neuilly con Bulgaria (27-XI-1919).
▪ Tratado de Trianon con Hungría (4-VI-1920).
▪ Tratado de Sèvres con Turquía(10-VIII-1920).
Finalmente, entre as consecuencias máis importantes da Primeira Guerra Mundial pódense destacar as
seguintes:
▪ Grandes perdas humanas: entre 9 e 10 millóns de mortos e preto de 20 millóns de feridos e mutilados.
Ademais, a escaseza de alimentos entre a poboación civil favoreceu a propagación da chamada gripe española
a partir de 1918.
▪ Pobreza, destrución de bens materiais, industrias e infraestruturas, ademais de importantes perturbacións da
estrutura produtiva (desequilibrio entre a produción de armamento e bens de consumo).
▪ Crecente papel das mulleres e relevancia social e auxe dos movementos de masas (axitación obreira e
revolucionaria, formación de ligas de ex combatentes...).
▪ Propagación das solucións autoritarias debido aos resentimentos da guerra e os problemas fronteirizos, a
crise económica, o fervor revolucionario ou a debilidade das novas democracias.
▪ Desmembramento territorial dos Imperios Centrais.
As fronteiras de Europa despois da Primeira Guerra Mundial.
7. A REVOLUCIÓN RUSA
En 1917 triunfou en Rusia a Revolución bolxevique, un dos acontecementos contemporáneos de maior
transcendencia polas súas fondas repercusións, non só pola transformación dun país atrasado nunha potencia
mundial, senón tamén porque se converteu en modelo alternativo a seguir por outros países para cambiar as súas
estruturas sociais, económicas e políticas.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 19
En 1894 accedeu ao trono ruso o Zar Nicolás II Romanov. O sistema político ruso baseábase na autocracia, un
réxime no que o Zar exercía un poder absoluto co apoio da Igrexa ortodoxa e da nobreza, que eran donos da meirande
parte das terras e controlaban os cargos públicos, e un numeroso exército e aparello de seguridade, que reprimían
todo intento de protesta ou sinal de oposición.
A comezos do século XX Rusia era o Estado máis extenso do mundo, e cunha poboación entre 125 e 140 millóns
de habitantes. Porén, neste inmenso país existían graves problemas:
▪ A miseria do campesiñado: a poboación rusa era maioritariamente rural (cara un 80% en 1910), e a pesar da
abolición da servidume en 1861, a maioría dos campesiños seguían vivindo ligados á terra na que nacían,
traballando as propiedades da nobreza ou da Igrexa. A agricultura era extensiva e de mera subsistencia, cuxo
produto destinábase ao pagamento de rendas e cargas fiscais. As fames por mor de malas colleitas eran
recorrentes.
▪ A débil industrialización, iniciada tarde, con gran dependencia do capital estranxeiro (sobre todo francés) e
concentrada nas rexións ricas en materias primas (Urais, Donetz, Bakú-Cáucaso) e nas dúas capitais (San
Petersburgo e Moscova).
▪ Unha rusificación, ou asimilación cultural, forzada dos pobos non rusos, que provocou numerosos
resentimentos nos pobos da periferia do imperio.
▪ Unha crecente oposición política ao zarismo, artellada en torno a diversos partidos e correntes, das que
cómpre destacar as seguintes:
➢ Partido constitucional-demócrata (KD ou kadet): fundado en 1905, liberal, representaba os intereses das
clase medias e defendía o establecemento dun réxime parlamentario de estilo occidental.
➢ Partido social-revolucionario (SR ou eseristas): fundado en 1901, era partidario do colectivismo agrario
e da socialización da terra, polo que contaba con fortes apoios entre o campesiñado.
➢ Partido obreiro socialdemócrata ruso (POSDR): fundado en 1898, de ideoloxía marxista, a súa base estaba
constituída polo proletariado industrial. En 1903 sufriu unha escisión en dúas ramas:
• Menxeviques: a facción maioritaria, dirixida por Plejanov e Martov. Defendían a necesidade dunha
fase democrática burguesa previa á revolución socialista e aceptaban formar coalicións con outras
forzas políticas, incluídas as burguesas.
• Bolxeviques: a facción maioritaria, liderada por Lenin. Defendían a creación dun partido fortemente
organizado e profesionalizado que fose a vangarda da revolución e conducise ás masas proletarias cara
a toma directa do poder, sen necesidade dunha fase burguesa previa e sen acordos nin conciliación cos
partidos burgueses.
➢ Anarquistas: condenaban calquera forma de poder e militaban nos sindicatos. Algúns desenvolveron
accións terroristas e violentas.
En 1905 a crise económica causada pola caída dos prezos industriais e agrícolas, a redución dos salarios, a
represión policial e as derrotas na guerra contra Xapón encresparon os ánimos da poboación e as folgas e protestas
foron en aumento. O domingo 9 de xaneiro, unha manifestación pacífica en San Petersburgo dirixiuse cara o Palacio
de Inverno para presentar unha carta de peticións ao Zar. A manifestación foi duramente reprimida polo exército,
causando un elevado número de mortos, polo que este acontecemento pasou a coñecerse como o Domingo Vermello
ou sanguento.
-
IES Sofía Casanova (Ferrol) Historia 4º ESO – Unidade 5
Resumos da Unidade 5 Adrián Ansede Taboada 20
Nos meses posteriores producíronse numerosas manifestacións e folgas en tódalas cidades do país; o
descontento chegou ao propio exército, producíndose algúns motíns de tropas. Como consecuencia da acción
popular, apareceron novas organizacións revolucionarias: os sóviets. Eran consellos ou asembleas de obreiros,
campesiños e soldados encargados de dirixir as folgas e levar a cabo as negociacións coas autoridades e os patróns,
pero tamén chegaron a exercer funcións de goberno na zona da súa actuación (orde pública, protección das fábricas
ou implantación da xornada laboral de oito horas).
A amplitude das protestas obrigou ao Zar a realizar unha serie de concesións: certa ampliación das liberades
cívicas e a creación da Duma, unha asemblea lexislativa (que tratou de sabotar e bloquear na medida das súas
posibilidades). A revolución de 1905 fracasou, pero tivo importantes consecuencias: as masacres esnaquizaron a
imaxe propagandística do Zar como benfeitor e a incapacidade da Duma demostrou que o reformismo era
incompatíbel co réxime zarista.
Durante a Primeira Guerra Mundial Rusia sufriu un gran desgaste: tivo elevadas perdas humanas (millóns de
morto e feridos) e unha grave crise económica, que provocou desabastecemento e fame nas cidades. O 23 de febreiro
de 1917, unha manifestación espontánea de mulleres en Petrogrado (San Petersburgo) contra a falta de pan derivou
nunha onda de protestas e revoltas: foi o inicio da revolución.
O Zar decidiu abdicar e formouse un Goberno Provisional, cuxo principal dirixente pasaría a ser Alexander
Kerenski. As súas primeiras medidas foron convocar a Duma para elaborar unha Constitución, conceder amnistía
política e manter os compromisos internacionais de Rusia, é dicir, continuar loitando na guerra.
Porén, o Goberno Provisional foi incapaz de controlar a situación nos meses seguintes: sucedéronse as
ocupacións de terras por campesiños; os obreiros mantiveron os seus órganos de goberno paralelos, os sóviets, e
esixían melloras laborais e o control das fábricas; moitos soldados desertaron do exército; e producíronse novas
derrotas militares.
O papel desempeñado polos bolxeviques na revolución de febreiro fora minoritario, pero os seus líderes
beneficiáronse da amnistía e retornaron a Rusia. Lenin, logo de analizar os acontecementos, convenceuse de que o
momento era propicio para planificar a revolución socialista, e elaborou unha estratexia e un programa político para
os bolxeviques, plasmados nas Teses de Abril.
A influencia dos bolxeviques foi en aumento, ata que en xullo tentaron aproveitar o descontento popular e os
fracasos militares para derrubar o Goberno Provisional mediante protestas violentas en Petrogrado. A insurrección
foi controlada e os bolxeviques perseguidos, mentres que Lenin tivo que exiliarse en Finlandia. En agosto, o xeneral
Kornilov levou un intento de golpe de Estado co apoio de forzas contrarrevolucionarias, pero foi freado pola acción
decidida das masas obreiras. O Goberno Provisional quedou moi debilitado logo destes acontecementos, privado do
apoio popular e co exército moi desorganizado.
Lenin regresou clandestinamente a Petrogrado, e en outubro de 1917 o Comité Central do partido bolxevique
acordou iniciar unha insurrección armada o día 25. A Garda Vermella, organizada por Trotski, tomou os centros
neurálxicos da cidade e o día 26 asaltou o Palacio de Inverno, onde estaba reunido o Goberno. Os gardas vermellos
detiveron os membros do Goberno, agás Kerenski, que logrou fuxir.
Os sóviets tomaron así o poder, creándose o Consello de Comisarios do Pobo, presidido por Lenin, e do que
formaban parte Trotski (Comisario de Exteriores) e Stalin (Comisario para Asuntos das Nacionalidades), entre
outros. Porén, a orde e a estabilidade en Rusia tardarían uns anos en seren completamente restablecidas.