carta de eduardo madina á militancia do psoe
DESCRIPTION
Carta de Eduardo Madina á militancia do PSOETRANSCRIPT
CARTA DE EDUARDO MADINA Á MILITANCIA DO PSOE. PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA Á SECRETARÍA XERAL DO PARTIDO SOCIALISTA
Ola compañeira, ola compañeiro:
Vas decidir dentro dunhas semanas e por primeira vez persoalmente quen será o próximo
Secretario Xeral do noso partido. Queixámonos todos dende hai tempo de que os sistemas de
elección de cargos federais nos estaban a quedar vellos. E que a democracia española e o
propio PSOE estaban maduros para dar un paso adiante na apertura dos sistemas de
participación e decisión. Xa non imos volver encargar nunca a un sistema de delegados este
tipo de decisións. Pero iso significa, a cambio, unha nova responsabilidade persoal, unha
proba do compromiso individual co proxecto socialista. Poñer ese voto e esa responsabilidade
directamente nas mans de cada militante foi un dos retos que me animou a dar este paso da
miña candidatura para a Secretaría Xeral. Crieime no País Vasco, nunha época dura na que non
era doado dar o paso cara á política activa. Moitos amigos do meu barrio non o fixeron. Pero
eu estaba a crecer nunha casa na que o compromiso político era o normal, o meu pai e o meu
avó estaban a ser un exemplo. Nas rúas do Deusto da época da reconversión había
manifestacións, folgas e moita droga. A miña afiliación ás Xuventudes foi algo natural, como o
foi a miña afección ao voleibol, no que cheguei a ser profesional. Algúns encargáronse de que
tivese que deixar o deporte, pero nunca conseguiron arrancarme a paixón pola política e polo
noso partido. Tiven a sorte de contar dende temperán co próximo exemplo de Ramón
Rubial para crecer como socialista e como persoa. E procurei aplicar dende entón as súas
ensinanzas na miña vida como estudante, como profesor, como profesional e como político.
Agora pretendo seguir facéndoo dende a dirección do noso Partido. E para iso non vou renegar
nunca das nosas esencias e as nosas raíces, porque creo que cando nos foi mal foi
precisamente por non buscar ese zume do sólido tronco do PSOE. Orgullosos de ser socialistas
é como nos queren moitos españoles e españolas, non avergonzados ou tímidos. Reclamando
o noso xusto sitio na pelexa pola felicidade de todos eles, os que nos votaron e os que nunca o
fixeron. Sendo conscientes tamén das nosas debilidades e das nosas hipotecas, para
reforzarnos e para recuperar a nosa autonomía de sempre fronte a outros poderes
económicos ou mediáticos. E para iso, creo que necesitamos primeiro unidade e solidez nos
nosos órganos federais; por iso é necesario que teñan a enorme lexitimidade do voto directo;
non só para dar satisfacción ao teu desexo de participar, senón tamén para que sexan máis
autónomos e menos dependentes de escuros remendos de despacho. No novo PSOE, ti es o
protagonista.
Se o facemos ben, o PSOE recuperará a oportunidade de volver gobernar só, que debe ser a
forma natural de estar na política nacional do noso Partido. Para poder facer dende o goberno
as políticas de progreso que os españoles identifican connosco e recuperar tamén ao país dos
estragos de todo tipo do goberno do PP. Porque o PSOE é unha máquina de fabricar igualdade.
Eu non estou nisto para facer competición con compañeiros, eu a quen quero gañar é ao PP.
Todos os meus competidores me parecen excelentes, todos eles son dignos de gañar e con
todos eles o Partido gaña. Pero a min o que me move é a batalla de fóra, contra a dereita e
polos dereitos de tanta xente que tanto perdeu nestes anos negros. Contra o nacionalismo
egoísta e disgregador que sacrifica aos traballadores en sonos desestabilizadores.
Para isto é para o que quero o teu aval e o teu voto. Para isto quero representarte
persoalmente, non á túa agrupación, á túa federación ou a túa sectorial. Porque estou
convencido de que coa túa axuda e coa intelixencia conxunta de todos os militantes e
simpatizantes, somos capaces de endereitar o noso rumbo e o de España.
Unha aperta socialista, compañeiro ou compañeira.
Eduardo Madina Muñoz.