a xesus resucitado
TRANSCRIPT
A XESUS RESUCITADO
´
Xesús,
cantas veces andamos
tristes e apagados na vida.
Parece que Ti
estás morto para nós;
nin sentimos a túa presenza
nin o teu gozo liberador
ao noso lado.
Choramos,
case xa sen esperanza.
Onde están os anxos, Xesús,
que nos corran
a pedra do sepulcro
e de novo nos anuncien
a túa presenza viva
ó noso lado?
Acabáronse os anxos -dis-,
só hai mulleres.
Acabáronse os rostros de lóstrego,
só hai testemuñas humildes.
Acabáronse os terremotos,
só hai o andar lento e confiado
da xente que sae polos camiños da vida
anunciando coa linguaxe do amor
que estou vivo en vosoutros e no pobo.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme na vida fiel que o mesmo
campo vos ofrece.
Se me queredes ver
resucitado,
buscádeme nos gozos
e nos traballos da parella.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme no corazón alegre dos
sinxelos.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme nos limpos, nos honrados.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme nos que soñan
con algo novo para todos.
Se me queredes ver resucitado,
abride as portas do voso mesmo ser
e olládeme no máis limpo e claro de vós
mesmos.
Aí estou,
quitando medos,
alegrando á xente,
aí estou resucitado.