10. a variaciÓn e a diversidade lingÜÍstica. a variaciÓn e a... · mesmo escribir un poema...
TRANSCRIPT
VARIACIÓNS INTERNAS DA LINGUA
1. VARIACIÓN DIACRÓNICA OU HISTÓRICA
A facultade da linguaxe humana maniféstase de xeito particular nas diversas
comunidades culturais en forma de linguas diferentes.
En cada comunidade, a lingua propia sinal de identidade e vínculo de unión.
Dentro de cada lingua observamos variedades internas que se manifestan en
catro planos: o temporal ou histórico, o espacial ou xeográfico, o sociocultural e
o situacional. Vexamos os distintos tipos:
1. Variación temporal ou diacrónica froito da evolución da lingua ao longo do
tempo. No galego distinguimos varias etapas históricas:
Galego antigo ou medieval (séculos X a XV).
Galego medio ou dos Séculos Escuros (séculos XVI a XVIII).
Galego moderno (a partir do Rexurdimento do século XIX ata hoxe).
Ademais dentro de cada etapa pódense establecer variedades de momentos
históricos determinados: o galego do Rexurdimento, o galego do primeiro terzo
do século XX, o galego desde a década de 1980 á actualidade, etc.
2. VARIACIÓN DIATÓPICA OU XEOGRÁFICA
2. Variación xeográficas ou diatópica que presenta unha lingua nas distintas
zonas en que se fala. Cada variedade presenta uns trazos comúns e tamén se
lles chama variedades dialectais. No galego establecéronse tres bloques
dialectais (occidental, central e oriental) e, dentro de cada un, varias áreas.
Chámase dialecto a variedade adoptada por un idioma nunha área do seu
territorio.
Todas as linguas foron orixinariamente dialectos doutra anterior. Para acadar a
consideración de lingua, recórrese normalmente a criterios de tipo social,
político, cultural e histórico. Segundo Manuel Alvar os criterios son:
Diferenciarse claramente doutros sistemas lingüísticos e ofrecer un algo
grao de estabilidade interna.
Posuír unha importante tradición literaria.
Ter desenvolvido unha norma culta.
Presentar límites xeográficos precisos.
Resistir a presión doutros sistemas lingüísticos da mesma orixe.
3. VARIACIÓN DIASTRÁTICA OU SOCIOCULTURAL
3. Variación sociocultural ou diastrática que vén determinada polo nivel de coñecemento da lingua que teñan os falantes segundo os estratos sociais, económicos, culturais e profesionais aos que pertenzan.
Algúns factores que condicionan os niveis lingüísticos ou sociolectos son:
O nivel cultural e de instrución idiomática. As clases altas adoitan ter un maior grao de formación cultural; con todo, os medios de comunicación e a escola pública serven para contrarrestar ese desequilibrio.
O lugar de residencia. No rural prodúcense menos cambios e o léxico é máis conservadores e, no caso do galego, obsérvase unha menor castelanización. No ámbito urbano están máis expostos ás innovacións e á presión do castelán.
A profesión é un condicionante importante e mesmo algunhas profesións fan un uso diferencial da lingua común, sobre todo no nivel léxico-semántico.
Segundo a capacidade expresiva de cada individuo en relación coa súa orixe, formación cultural, influencias ambientais ou instrución, distinguimos varios niveis:
3. VARIACIÓN DIASTRÁTICA OU SOCIOCULTURAL
Nivel culto. As persoas cun nivel cultural alto exprésanse nunha lingua caracterizada pola corrección e que presenta unha pronuncia coidada, sintaxe complexa, riqueza léxica: Don Venceslau foi obxecto dunha sanción por conducir o seu automóbil en estado de embriaguez e derrubar un dos sinais luminosos que ordenan o tránsito.
Nivel medio. Corresponde á lingua estándar que se usa na Administración pública, nos medios de comunicación, no ensino e as persoas cunha cultura mediana. Caracterízase polo respecto ás normas lingüísticas: Don Venceslau foi multado por conducir bébedo e por tirar un semáforo.
Nivel popular. É propio de persoas con escasa formación lingüística. Caracterízase pola economía de medios, pola subxectividade, apelacións ao oínte, frases feitas, algunhas incorreccións: Oíches? Ao señor Venceslau puxéronlle unha multa porque disque ía medio peneque e espetouse contra un semáforo.
Nivel vulgar. É propio de falantes que descoñecen as normas cometen moitas incorreccións: impropiedade léxica, repetición de palabras, vulgarismos: Mi ma! Ao Vencislao…; non vexas tío…, metéronchelle un puro que nin diola. Iba conducindo o buga cunha chispa de moito sandiós e pimba!; arrincou un semáfaro.
4. VARIACIÓN DIAFÁSICA OU SITUACIONAL
4. Variación situacional ou diafásica garda relación coas distintas maneiras de expresarse que ten unha persoa segundo as situacións en que se usa a lingua ou o tipo de comunicación que establece o falante. Interveñen varios factores:
A canle. Na lingua escrita hai unha maior planificación, predomina a variedade estándar e unha sintaxe máis coidada. Na lingua oral hai máis espontaneidade, úsanse máis as variedades dialectais e presenta unha sintaxe máis descoidada.
Os interlocutores. A modalidade de lingua vai estar marcada pola profesión, a idade, o grao de coñecemento… do emisor e o receptor.
O tema. Os modos idiomático son diferentes nun artigo científico, nunha crónica de sucesos ou nunha de deportes.
A situación comunicativa. O contorno extralingüístico marca diferenzas. No é o mesmo unha conversa nunha discoteca ca unha conversa telefónica.
O contexto ou contorno lingüístico. O tipo de texto, a intención comunicativa e a estrutura textual marcan a modalidade do discurso a escoller. Non é o mesmo escribir un poema sobre unha circunstancia social ca escribir un panfleto.
4. VARIACIÓN DIASTRÁTICA OU SOCIOCULTURAL
Dependendo do tema (xeral, especializado...), da intención (informar, divertir...),
da relación co interlocutor (familiar ou formal), utilizamos distintos rexistros:
Rexistro formal, propio de situacións nas que se coida a forma de
expresarse e esixe un certo nivel de planificación: conferencias, discursos,
clases... Coincide coa corrección do nivel culto. Caracterízase pola
corrección gramatical, unha pronuncia coidada, riqueza e precisión léxica.
Dentro deste rexistro caben variedades sectoriais como a linguaxe científica
e a linguaxe técnica, caracterizadas por teren un léxico específico.
Rexistro informal ou coloquial, que é a variedade utilizada en situacións
de familiaridade e confianza: conversas cos amigos e familiares, cartas
persoais... Trátase dunha lingua espontánea, de grande expresividade
(interrogacións, exclamacións, diminutivos afectivos...), que non se axusta
sempre ás normas. Caracterízase pola sinxeleza, frases breves, uso de
frases feitas, retrousos, palabras comodín (cousa, feito...)
Dentro deste rexistro podemos encontrar diversas variedades específicas.
VARIEDADES ESPECÍFICAS
Dentro do rexistro coloquial atopamos linguaxes características dun grupo social que, aínda empregando o mesmo sistema gramatical da lingua común, teñen un vocabulario propio. Chámase xerga á lingua usada coa intención de ser coñecida só polos membros dun grupo, para diferenciarse, afirmarse ou evitar ser entendidos polos demais. Entre elas estarían:
En Galicia existiron xergas pechadas usadas nalgúns oficios tradicionais: barallete (afiadores de Ourense), verbo dos arxinas (canteiros de Terra de Montes), latín dos chafoutas (albaneis de Pontevedra e Tui), a xerga dos cesteiros de Mondariz, xerga dos cabaqueiros, (telleiros de O Rosal), etc.
Tamén existen maneiras de expresarse segundo a idade ou grupos. A mocidade usa palabras novas (ghicho), variacións do significado de palabras existentes (A cafetaría está petada de xente) ou abreviacións (finde por fin de semana).
Un caso especial de xerga non esotérica é o calón. O seu léxico está constituído por vocabulario da lingua común ao que se lle aplica outro significado (madeiro-policía) ou por palbras novas (flipar-asombrarse, catear-suspender, latar/copar-faltar a clase).
EXERCICIOS
1. Reescribe as frases seguintes cambiando o seu rexistro lingüístico:
- O ancián ollaba atónito para a inmensidade líquida e glauca que viña morrer aos seus pés. - Pasa do lío, tronco. Dígocho en plan colega. Vaste buscar a ruína.
- Inflinxíronlle un severo correctivo ao conxunto adversario que, sen os seus elementos foráneos, viuse imposibilitado de realizar calquera acción meritoria.
- ¿Onde tomamos unhas garimbas? Por aquí está todo chapado e ademais a basca non ten moita guita para gastar...
- ...cohabitar coa esposa lexítima do declarante e logo facelo obxecto das maledicencias dos veciños como pai putativo da criatura.
2. Partindo dun nivel medio, establece as variantes culta e vulgar:
vulgar medio culto
estirar a pata morrer falecer, finar paparota comida banquete
traballo, roubar, ladrón, policía, cansado....
5. LINGUA FUNCIONAL E VARIEDADE ESTÁNDAR
Á complexidade de variedades lingüísticas, en territorios bilingües, hai que engadir
as interferencias que se producen entre ambos os sistemas. En Galicia, podemos
observar as seguintes variedades:
Galego e castelán normativos. Modalidades en que están redactados os libros
de texto; apréndense na escola e úsanse nos medios de comunicación.
Variedades dialectais do galego popular e do castelán popular de Galicia.
Nas dúas son perceptibles as interferencias mutuas.
Formas mixtas de galego e castelán entre as que destacan:
Usada por galegofalantes con pouco nivel cultural cando intentan falar
castelán. É o coñecido como castrapo.
A usada por algúns castelanfalantes que fan un uso oportunista do galego.
Para realizarmos o estudo e a descrición dunha lingua cómpre acoutar e seleccionar
unha modalidade sincrónica, unha variedade xeográfica, un nivel de lingua e un
rexistro lingüístico, o que se chama unha lingua funcional.
A variedade estándar é o resultado dun proceso de normativización. Representa o
modelo de lingua común que corresponde ao nivel medio (ou culto) e ao rexistro
formal. É a que se emprega no ensino, nos medios de comunicación, nos actos
públicos formais e na Administración.
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA
Ao longo da historia que coñecemos, existiu e existe unha multiplicidade de
linguas que proceden doutras anteriores que deron orixe a distintas familias.
A metade da poboación mundial fala linguas da familia indoeuropea (xermanas,
célticas, románicas, eslavas, gregas, bálticas…).
No mundo fálanse entre seis e sete mil linguas e hai sobre 200 países. As máis
estendidas son o chinés, o inglés, o hindi, o español, o ruso, o árabe, o
portugués, o xaponés, o alemán, o francés e o italiano.
Na Unión Europea fálanse máis de trinta linguas. Hai linguas que se falan en
máis dun país (alemán en Alemaña, Austria...). Hai uns 40 millóns europeos que
utilizan unha lingua minoritaria. Atopamos as seguintes situacións:
Linguas con estado (italiano, español) e linguas sen estado (bretón, galego).
Linguas oficiais en máis dun estado (español, portugués, alemán, francés).
Estados unilingües (Islandia, San Marino, Liechtenstein).
Estados plurilingües. É a situación máis habitual e poden ter unha soa lingua
oficial (Francia, Italia), linguas oficiais en cada territorio (Bélxica, Suíza) ou
unha oficial para todo o estado e outras cooficiais nas súas comunidades
(España).
AS LINGUAS EN EUROPA
Indica al linguas románicas no mapa segundo as cores e o seu territorio.
Do latín estendido co Imperio Romano, derivan as linguas románicas,
entre as que se atopan as da Península Ibérica, agás o éuscaro.
AS LINGUAS DO MUNDO. SITUACIÓN ACTUAL
Na Unión Europea fálanse máis de trinta linguas. Hai linguas que se falan en
máis dun país (alemán en Alemaña, Austria...). Hai uns 40 millóns europeos que
utilizan unha lingua minoritaria. Un de cada dez cidadáns forma parte dunha
minoría lingüística.
A situación nalgúns países europeos é como segue:
Monolingüísmo real: Islandia, San Marino, Liechtenstein.
Monolingüísmo ficticio: Francia, Grecia.
Tolerancia coas linguas minoritarias: Gran Bretaña (galés).
Autonomía lingüística: España (galego, catalán, éuscaro).
Estados constitucionalmente bilingües: Irlanda (gaélico, inglés), Finlandia
(finés, sueco).
Estados constitucionalmente multilingües: Suíza (alemán, francés, italiano,
romanche), Bélxica (flamengo, alemán, francés).
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA NA PENÍNSULA
España é un Estado plurilingüe. Case un 40% da poboación vive en territorios
nos que o castelán convive con outra lingua oficial. Un 20% da poboación usa
habitualmente unha lingua diferente do castelán.
Desde a Idade Media, en España, levouse a cabo unha política centralista de
imposición do castelán para convertelo en lingua hexemónica ou dominante
fronte ás outras que quedaron nunha situación de marxinalidade e se foron
convertendo en linguas minorizadas.
A Constitución Española de 1978 trata de corrixir esta situación establecendo
a cooficialidade do castelán coas outras linguas. No seu artigo 3º indica:
O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen
o deber de coñecelo e o dereito de usalo.
As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas
comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos.
A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio
cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA NA PENÍNSULA
A Constitución Española de 1978 e o establecemento das autonomías permitiu
que o galego, o catalán e o éuscaro sexa linguas cooficiais no seus territorios.
O galego
Fálano máis de 2 millóns de persoas. O seu recoñecemento legal permitiu
gañar usos e funcións nas últimas décadas, así como prestixio social.
Datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia: o 99% enténdeo, o 86% sabe
falalo, a competencia escrita é máis baixa, pero aumentou grazas á entrada no
ensino.
A perda da transmisión interxeracional e o descenso de uso entre o sectores
urbanos e a poboación xuvenil alertan sobre a súa situación xa que só o 38% da
poboación o ten como lingua única de uso habitual.
Conta cunha rica tradición literaria dende a Idade Media ata os nosos días,
con épocas de auxe e outras de decadencia.
O galego é lingua habitual no oeste de Asturias (uns 50.000 falantes), no
Bierzo occidental (León) e nas zonas limítrofes de Zamora cuns 25.000 falantes
e tamén no Val do Ellas (Cáceres), empregado por unhas 5.000 persoas.
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA NA PENÍNSULA
O catalán
Fálano uns sete millóns de persoas (a meirande parte bilingües) en Cataluña
(agás o Val d’Arán), as zonas limítrofes de Aragón, as Baleares, gran parte da
Comunidade Valenciana, a cidade sarda de L’Alguer (Italia), o Rosellón en
Francia, Andorra e El Carxe (Murcia). É oficial en Andorra e cooficial en Cataluña,
Baleares e Valencia ( valenciano). A súa recuperación débese ao prestixio social
do que goza e á política de inmersión lingüística.
O éuscaro
É a única lingua preindoeuropea existente na Europa occidental. Conta cuns
600.000 falantes en Euskadi, norte de Navarra e o suroeste de Francia. Estase a
recuperar entre a xente nova grazas á política lingüística do goberno vasco. Conta
cunha rica literatura popular e unha literatura culta en constante expansión.
O castelán
É a lingua oficial de 22 estados. Fálase en España, América do Sur, América
Centra, Filipinas e zonas de África. Úsano uns 300 millóns de persoas. Nalgúns
países comparte cooficialidade con outras linguas: o aimara en Perú ou o guaraní
e Paraguay. Nos EE UU achégase á situación de lingua minorizada.
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA NA PENÍNSULA
O portugués
Fálano máis de cen millóns de persoas e é oficial en Portugal, Brasil, Angola,
Mozambique e Cabo Verde. O portugués e o galego foron en orixe a mesma
lingua. No século XX destacan os escritores Fernando Pessoa, Miguel Torga,
Teixeira de Pascoaẽs, José Saramago, etc.
O asturiano
Fálase en Asturias e viu reducido o seu ámbito de uso debido á presión do
castelán. No Estatuto de Autonomía de Asturias di que gozará de protección,
aínda que non se declara cooficial.
Aragonés
Fálase en zonas de Huesca. Aínda que o Estatuto de Autonomía de Aragón insta
á súa protección viuse relegado ao ámbito da relación familiar e veciñal.
Aranés
É unha modalidade do gascón. Fálao máis da metade da poboación do Val d´Arán
(Leida). Está incorporado ao ensino e conta con gramáticas e dicionarios.
ASPECTOS LEXISLATIVOS
O MARCO LEGAL
O primeiro texto legal que establecía a súa oficialidade foi o Estatuto de
Autonomía (1936). Non chegou a ser efectivo por mor da Guerra Civil.
A Constitución Española (1978) recoñece a pluralidade lingüística do
Estado español e que constitúe un patrimonio cultural que será obxecto de
respecto e protección.
O Estatuto de Autonomía (1981) establece que é “a lingua propia de
Galicia” e defende o seu emprego e potenciación. Decláraa cooficial xunto co
castelán.
A Lei de Normalización Lingüística (1983) incide na potenciación do
galego, en especial na Administración, no ensino e os medios de
comunicación. Establece que todos os galegos teñen o dereito de coñecelo e
usalo e que os poderes públicos garantirán o uso normal do galego e do
castelán para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua.
O GALEGO HOXE
O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), aprobado por
unanimidade polo Parlamento de Galicia, contén 445 medidas para potenciar
o seu emprego. Entre os obxectivos están:
Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe.
Ampliar os espazos de uso e as funcións sociais da lingua galega.
Introducir a oferta positiva de atender en galego o cliente ou o cidadán
como cortesía.
Promover unha visión afable, moderna e útil do galego para eliminar os
prexuízos.
Dotala de recursos lingüísticos e técnicos para vehicular a vida moderna.
Existen, ademais, outras normas legais de ámbito internacional:
a Declaración Universal dos dereitos Lingüísticos (1996).
a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (2000).
a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (1992).